DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 20 de xuño de 2007 Páx. 10.544

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 8 de xuño de 2007 pola que se declara de interese galego a Fundación Xaime Quesada Blanco e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Con data do 7 de xuño de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 29 de maio de 2007, pola que se clasifica como mixta a Fundación Xaime Quesada Blanco, adscribíndoa á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

A Fundación Xaime Quesada Blanco foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día vinte e seis de abril de dous mil sete, ante o notario Luis Rajoy Brey con número de protocolo cincocentos noventa e nove, por Xaime Quesada Porto e María Jesús Blanco Piñeiro que interveñen no seu propio nome e dereito.

Segundo establece o artigo seis dos estatutos a fundación ten por obxecto.

Preservar o patrimonio artístico de Xaime Quesada Blanco e Xaime Quesada Porto e a súa unidade como parte do patrimonio desta fundación, e que formará parte do patrimonio artístico de Galicia.

Fomentar o coñecemento da obra pictórica e escultórica de Xaime Quesada Blanco e Xaime Quesada Porto e preservar a súa memoria artística dentro da historia da arte contemporánea de Galicia e participar na súa difusión no ámbito de Galicia, España, Europa e no resto do mundo.

Promover a creación dun Museo de Arte Contemporánea e participar na súa xestión xunto coas institucións que se determinen, que teñan como obxectivo principal a conservación, a exposición e a difusión da obra de Xaime Quesada Porto e Xaime Quesada Blanco e toda aquela que forme parte do patrimonio da fundación.

Colaborar no estudo e investigación de toda esta obra artística e a súa aplicación nos programas de estudos de diferentes niveis educativos existentes en Galicia.

Contribuír á formación dos artistas novos de Galicia.

Participar na formación do profesorado.

Promocionar a formación artística da sociedade e entre o alumnado de todos os niveis educativos.

Elaborar e subministrar todo tipo de información historiográfica e didáctica sobre calquera tema relacionado coa obra de Xaime Quesada Blanco e Xaime Quesada Porto e sobre a cultura e a arte contemporánea de Galicia.

Calquera outro fin que o padroado considere de interese relacionado coa cultura artística.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Xaime Quesada Blanco ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Xaime Quesada Blanco no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través da memoria anual o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o plan de actuación con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza