DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 19 de xuño de 2007 Páx. 10.511

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2007 pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución, se declara a compatibilidade cos permisos de investigación San Gil 5675, Oribio 5817, e coa solicitude de concesión de explotación Ampliación a Vetusta 5667, se inclue no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do Parque Eólico Serra de Oribio situado nos concellos de Samos e Triacastela (Lugo), promovido por Fergo Galicia Vento, S.L. (Expediente 071/EOL).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Fergo Galicia Vento, S.L. con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Cantón Grande, nº 6-1º A, 15003 (A Coruña), sobre a autorización de instalacións do Parque Eólico Serra de Oribio (concellos de Samos e Triacastela-Lugo); resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-O Parque Eólico Serra de Oribio admitiuse a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004, mediante Resolución do 6 de maio de 2004 da Consellería de Innovación, Industria e Comercio (DOG nº 100, do 26 de maio) para unha potencia máxima de 25 MW.

Segundo.-O 14 de xullo de 2004, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, aprobación do proxecto sectorial e o acollemento ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e polo Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-Mediante Resolución do 23 de xuño de 2005, da Delegación Provincial da entón Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo, o proxecto do Parque Eólico Serra de Oribio someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

A devandita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 4 de xullo de 2005, no BOP de Lugo do 5 de xullo, no xornal El Progreso do 1 de xullo, e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Samos e Triacastela.

O proxecto someteuse a información pública coas seguintes características básicas:

Título: Parque Eólico Serra de Oribio. Solicitante: Fergo Galicia Vento, S.L. Enderezo social: rúa Cantón Grande, nº 6-1º A, 15003 (A Coruña). Concellos afectados: Samos, Triacastela (Lugo).

Durante o período de información pública non se presentou ningunha alegación.

Cuarto.-O 19 de maio de 2005, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo informou favorablemente o proxecto de execución do Parque Eólico Serra de Oribio.

Quinto.-Con data do 10 de agosto de 2005 a Sección de Minas da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo informou que este proxecto afecta as áreas dos:

Permiso de investigación nº 5675 San Gil, do que é titular a Sociedade Pizarras Vega, S.L.

Permiso de Investigación nº 5817 Oribio, do que é titular Abel Celeiro Fontal.

Solicitude de concesión de explotación nº 5667 Ampliación a Vetusta, do que é titular Pizarras del Oribio, S.L.

Sexto.-O 12 de agosto de 2005, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental do Parque Eólico Serra de Oribio, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 16 de novembro de 2005, por Resolución do 4 de outubro de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Sétimo.-Con data do 17 de outubro de 2005, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas abriu o trámite de compatibilidade entre o Parque Eólico Serra de Oribio, e os dereitos mineiros afectados, indicados no antecedente de feito quinto.

Oitavo.- O 17 de outubro de 2006, a empresa promotora presentou ante a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas copia dos acordos acadados coas comunidades de montes afectadas polo proxecto do parque é dicir, as comunidades de montes veciñais en man común de Abrádelo, Pasantes, Gundriz, Santa Mariña e Queixadoiro.

Noveno.-Con data do 23 de outubro de 2006, a Dirección Xeral de Urbanismo emite informe favorable ao proxecto sectorial do Parque Eólico Serra de Oribio.

Décimo.-O 18 de xaneiro de 2007, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas abriu o trámite de prevalencia entre o proxecto do Parque Eólico Serra de Oribio e a Comunidade de Montes en Man Común de Carqueixeda.

Décimo primeiro.-Con data do 6 de marzo de 2007, a empresa promotora Fergo Galicia Vento, S.L. achegou copia do acordo acadado coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carqueixeda.

Décimo segundo.-O 14 de marzo de 2007, deuse traslado do acordo firmado por Fergo Galicia Vento, S.L e a Comunidade de Montes de Carqueixada a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais comunicándolles que procede a conclusión do trámite de prevalencia indicado, segundo o descrito no antecedente de feito décimo.

Décimo terceiro.-Con data do 30 de maio de 2007, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emitiu a proposta de compatibilidade do Parque Eólico Serra de Oribio, promovido por Fergo Galicia Vento, S.L. cos dereitos mineiros afectados: permiso de investigación nº 5675 San Gil, do que é titular a Sociedade Pizarras Vega, S.L., permiso de Investigación nº 5817 Oribio, do que é titular Abel Celeiro Fontal, e solicitude de concesión de explotación nº 5667 ampliación a Vetusta, do que é titular Pizarras del Oribio, S.L.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Consellaría de Innovación e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e no Real decreto 436/2004, do 12 de marzo, polo que se establece a metodoloxía para a actualización e sistematización do

réxime xurídico e económico da actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedimentais sinalados no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen todos os requisitos técnicos esixibles

De acordo co que antecede, por proposta da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizar a Fergo Galicia Vento, S.L. a instalación dos equipos electromecánicos do Parque Eólico Serra de Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela (Lugo).

Segundo.-Aprobar o proxecto de execución Parque Eólico Serra de Oribio, firmado polo enxeñeiro industrial Cástor Casas Tojo, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Santiago de Compostela do 13 de xullo de 2004, de acordo coas seguintes características:

Título: Parque Eólico Serra de Oribio.

Solicitante: Fergo Galicia Vento, S.L.

Enderezo social: r/ Cantón Grande, nº 6-1º A, 15003 (A Coruña)

Concellos afectados: Samos e Triacastela (Lugo).

Características técnicas do parque eólico:

12 aeroxeradores G-87 de 2.000kW de potencia unitaria, resultando unha potencia total instalada de 24 MW.

Diámetro do rotor 86,6 m e altura da torre 78 m.

Orzamento total: 19.477.430,66 euros.

Características técnicas da infraestrutura eléctrica de xeración, transformación e interconexión:

12 aeroxeradores tipo G-87 de 2.000 kW de potencia nominal unitaria.

12 centros de transformación de 2.100 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador coa súa correspondente aparamenta de seccionamento, manobra e protección.

Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación 0,69/20 kV e subestación transformadora 20/132 kV.

Subestación transformadora 20/132 kV, para evacuación de enerxía producida no Parque Eólico Serra de Oribio, de tipo convencional (intemperie) composta por un transformador 20/132 kV de 40/53 MVA ONAN/ONAF, unha posición de liña aérea a 132 kV e entradas subterráneas a 20 KV, cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

Terceiro.-Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do Parque Eólico Serra de Oribio, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Cuarto.-Declarar a compatibilidade do parque eólico de ampliación de Sil, promovido por Fergo Galicia Vento, S.L. cos permisos de investigación San Gil nº 5675, Oribio nº 5817, e coa solicitude de concesión de explotación Ampliación a Vetusta nº 5667.

Quinto.-Recoñecerlle a condición de instalación acollida ao réxime especial do Real decreto 436/2004, do 12 de marzo, e incluíla no grupo b.2., subgrupo b.2.1., do artigo 2 do citado real decreto, efectuando a súa inscrición previa no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia co número de identificación REP-07-74.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

Consonte o disposto no artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, para os efectos de garantir o cumprimento das súas obrigas, Fergo Galicia Vento, S.L., no prazo de 30 días contados desde o día seguinte ao da notificación desta autorización, depositará unha fianza de 389.548,61€. O citado importe é o 2% do orzamento do proxecto de execución do parque eólico que por esta resolución se aproba.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase unha vez que se formalice a acta de posta en servizo das instalacións.

Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, e o punto 3.3.2 da declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación o 12 de agosto de 2005, fíxase o importe do aval de restauración en fase de obra no 1% do orzamento do proxecto, ascendendo a cantidade de 194.774,31 €. Para os efectos de garantir o cumprimento das súas obrigas, Fergo Galicia Vento, SL. Deberá presentar a devandita fianza, no prazo de 30 días a contar desde o día seguinte ao da notificación desta autorización.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa exixencia, unha vez depositado o importe correspondente do aval de restauración en fase de desmantelamento que oportunamente se fixe, conforme co artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto do parque eólico que por esta resolución se aproba indicado no punto segundo da parte dispositiva desta resolución, cun orzamento de 19.477.430,66 €.

Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización da Consellaría de Innovación e Industria. Non obstante, a Delegación Provincial de Lugo desta consellería poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas todas as resolucións que dite en aplicación desta facultade.

O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en marcha, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento dos condicionados establecidos nesta resolución.

Con carácter previo á posta en servizo das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, e das condicións que sexan de aplicación, que figuran na declaración de impacto ambiental formulada o 12 de agosto de 2005 pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial de produción de enerxía eléctrica, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), logo da acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 12 do Real decreto 436/2004, do 12 de marzo.

A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola orde da Consellería de Industria e Comercio, do 29 de xullo de 2002, pola que se crea e regula o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética de Galicia das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica (DOG do 13 de agosto).

O parque eólico que se autoriza deberá cumprir no seu momento cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que lle resulten de aplicación.

A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por outra causa excepcional que o xustifique.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizada. Nomeadamente, deben solicitar o informe de servidumes aeronáuticas da Dirección Xeral de Aviación Civil, do Ministerio de Fomento, por tratarse de turbinas eólicas, situadas fora de zona de servidumes aeronáuticas pero cunha altura total superior a 100 metros, obtida da suma da distancia do solo ao buxe máis a lonxitude de pa.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2007.

P.D. (Orde 31-1-2006, DOG nº 24, do 3 de febreiro)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria