DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 19 de xuño de 2007 Páx. 10.456

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 11 de xuño de 2007 pola que se regula o recoñecemento de biblioteca de especial interese para Galicia.

As bibliotecas integradas dentro do Sistema Bibliotecario de Galicia desempeñan, no seu conxunto, un papel estratéxico fundamental na conservación, xestión e difusión da cultura galega e da cultura xeral entre os galegos, ademais da súa esencial achega para o acceso á información, á lectura e á educación.

Dentro deste sistema, moitas bibliotecas galegas, posuidoras pola súa historia de importantes fondos de patrimonio, ou que adoptaron como política propia a compilación de fondos de interese para a nosa cultura, desempeñan e desempeñaron durante décadas, a importante función de seren preservadoras e difusoras do noso patrimonio bibliográfico.

A Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, recolle o papel da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Deporte, no apoio, distribución de créditos e coordinación do funcionamento das bibliotecas da rede, así como a súa responsabilidade no establecemento das normas reguladoras da estrutura e do funcionamento do sistema bibliotecario.

O Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas, recolle, no seu artigo 16, a figura de “bibliotecas de titularidade privada de especial interese para Galicia”, definindo o citado grupo de bibliotecas, dentro do Sistema e a Rede de bibliotecas de Galicia.

No mesmo artigo sinálase que a consellería competente en materia de cultura determinará, mediante orde, as bibliotecas que merezan tal consideración.

Para tal fin

DISPOÑO:

Artigo 1º

Serán consideradas bibliotecas de especial interese para Galicia aquelas que, inscritas no Rexistro de Bibliotecas de Galicia e concertadas, custodien fondos de especial interese e importancia para a cultura galega, entendendo como tales:

-Os definidos no título VI da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

-Outros fondos bibliográficos que, sen acadar a definición de patrimonio bibliográfico, teñan especial valor ou importancia en canto recollan ou representen calquera dos diferentes aspectos e manifestacións da cultura galega.

Artigo 2º

Para poder acceder á condición de especial interese para Galicia, estas bibliotecas, ademais dos fondos indicados no artigo 1, deberán ofrecer os seguintes servizos:

-Información bibliográfica dos fondos constituíntes da colección.

-Consulta en sala, nun horario de 15 horas semanais como mínimo.

-Sección especializada con fondo bibliográfico de importancia para a cultura galega.

Artigo 3º

O recoñecemento dunha biblioteca como de especial interese para Galicia realizarase mediante orde da Consellería de Cultura e Deporte, logo do estudo e proposta dos servizos técnicos da citada consellería.

Artigo 4º

As bibliotecas consideradas como de especial interese para Galicia poderán acceder ás axudas que para este tipo de entidades sexan convocadas anualmente pola Consellería de Cultura e Deporte.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o director xeral de Creación e Difusión Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2007

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte