DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 15 de xuño de 2007 Páx. 10.278

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 114/2007, do 31 de maio, de modificación do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuídas en exclusiva as competencias relativas á pesca en augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, a teor do disposto no artigo 148.1º.11 da Constitución española e 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia. En desenvolvemento destas competencias foi regulada a actividade marisqueira e as condicións e requisitos que deben ter as persoas que se dediquen a ela a través da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, así como no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.

No capítulo III do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, regúlase o permiso de explotación para o marisqueo a pé, supeditándose a súa obtención ao cumprimento duns determinados requisitos, entre eles os previstos nas alíneas b) e f) do artigo 17, que procede revisar.

A alínea b) impide aos titulares de concesións ou autorizacións administrativas para explotación dos recursos mariños nas zonas marítimas e marítimo-terrestres obter un permiso de explotación para o marisqueo a pé. Sucede na práctica que moitos mariscadores ou mariscadoras teñen esta titularidade debido ao carácter ganancial que presentan tales títulos como consecuencia do seu réxime económico matrimonial, ou debido a que os adquiriron por sucesión hereditaria, titularidade que lles impide obter ou renovar, segundo o caso, o seu permiso de explotación. Tal obstáculo suprímese coa presente reforma, no marco en todo caso dos principios de limitación no número de permisos e de profesionalización do marisqueo a pé establecidos na Lei de pesca de Galicia.

Por outra parte, dáse unha nova redacción á alínea f) do artigo 17 coa finalidade de que se axuste aos termos utilizados pola Lei xeral da Seguridade Social en materia de incapacidade, evitando as dúbidas interpretativas que viña orixinando este punto.

Polo exposto, por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, consultado o sector afectado, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.

O artigo 17 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, queda modificado nos seguintes termos:

Un.-Suprímese a alínea b) do artigo 17.

Dous.-A alínea f) do artigo 17 queda redactada do seguinte modo:

«f) Non ser perceptor de pensións de xubilación, grande invalidez, incapacidade permanente absoluta, incapacidade permanente total, en favor de familiares ou perceptor da renda de integración social de Galicia».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos