DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 14 de xuño de 2007 Páx. 10.176

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 5 de xuño de 2007 pola que se modifica a do 21 de agosto de 2006 pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia da instrución técnica complementaria MI-IP05, instaladores ou reparadores e empresas instaladoras ou reparadoras de produtos petrolíferos líquidos, aprobada polo Real decreto 365/2005, do 8 de abril.

Na disposición transitoria primeira da Orde do 21 de agosto de 2006 (DOG nº 166, do 29 de agosto) regúlase a validación dos carnés de instalador de produtos petrolíferos líquidos emitidos conforme o disposto na Orde do 21 de novembro de 2001 (DOG nº 245, do 20 de decembro de 2000) polos que se prevén na nova ITC MI-IP05.

Na mencionada disposición non se recolle o novo carné de reparador autorizado de produtos petrolíferos líquidos, categoría III, pero con posterioridade á publicación da Orde do 21 de agosto de 2006 tívose coñecemento dun grupo de profesionais que se dedican de forma case exclusiva ás actividades englobadas nesa categoría, dentro de empresas que contan cunha autorización da consellería para a reparación, revestimento, etc. de tanques, tarefas que se atopan dentro do ámbito da nova categoría III.

Co fin de permitir a adaptación deses profesionais á nova ITC MI-IP05, resulta procedente modificar a mencionada disposición transitoria primeira.

A modificación afectará os titulares dos antigos carnés de instalador de produtos petrolíferos líquidos IP-II, xa que eran os que tiñan competencias máis similares ás da actual categoría III, e tamén aos titulares de carnés de instalador e mantedor de calefacción e auga quente sanitaria, xa que os titulares deses carnés que realizaban tarefas relacionadas coa nova categoría III antes da publicación da Orde do 21 de novembro de 2001 non tiveron oportunidade de regularizar a súa situación coa entrada en vigor da devandita disposición normativa.

Polo exposto, en uso das competencias que esta consellería ten atribuídas en materia de seguridade industrial, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Engádese un terceiro punto á disposición transitoria primeira da Orde do 21 de agosto de 2006, que queda redactado como segue:

3. Os titulares dos carnés de instalador de produtos petrolíferos líquidos, categoría IP-II, validamente emitidos no memento da entrada en vigor desta orde conforme o disposto na Orde do 21 de novembro de 2001, e os titulares dos carnés de instalador de calefacción e auga quente sanitaria e mantedor de calefacción e auga quente sanitaria, validamente emitidos no momento da entrada en vigor desta orde conforme o disposto na Orde do 27 de decembro de 2000 (DOG nº 11, do 16 de xaneiro de 2001), poderán solicitar a súa validación, de acordo cos termos e requisitos que se establecen na disposición transitoria primeira do Real decreto 365/2005, polo carné de reparador autorizado de produtos petrolíferos líquidos, categoría III, recollido na ITC MI-IP05, antes do 27 de xullo de 2007.

Para solicitar a mencionada validación será necesario presentar a seguinte documentación:

-Solicitude que conteña, como mínimo, os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo completo, teléfono e relación da documentación que se presenta xunto con ela. Na solicitude deberá indicarse que o interesado solicita a validación dalgún dos carnés indicados anteriormente polo carné de reparador autorizado de produtos petrolíferos líquidos, categoría III, recollido na ITC MI-IP05.

-Copia do DNI.

-Copia do carné de instalador de produtos petrolíferos líquidos, categoría IP-II, ou do carné de instalador de calefacción e auga quente sanitaria ou mantedor de calefacción e auga quente sanitaria en vigor.

-Vida laboral do interesado expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social.

-Certificado emitido pola empresa ou empresas en que traballase o interesado, no cal se faga constar que desempeñou tarefas directamente relacionadas co carné de reparador autorizado de produtos petrolíferos líquidos, categoría III (reparación da instalación nos recintos confinados, no interior das arquetas dos tanques, desgasificación, limpeza e reparación de tanques e tubaxes, preparación da instalación para a realización das probas de estanquidade do tanque e das tubaxe e execución destas, etc.). No certificado debe figurar a relación de traballos nos cales participou o interesado dentro dos tres anos anteriores á entrada en vigor desta orde.

-Facturas dos traballos relacionados no punto anterior.

-Copia da autorización como empresa instaladora de produtos petrolíferos líquidos, categoría II, e/ou copia da autorización da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para realizar actuacións relacionadas coa nova categoría III recollida na ITC MI-IP05 (reparación, revestimento, etc.) da empresa ou empresas nas cales traballou o interesado.

-Taxas administrativas (clave 32.07.02, importe 10,62 €).

As solicitudes enviaranse á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas; edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Serán revisadas por unha comisión formada por técnicos da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria, que valorará se a documentación achegada xustifica experiencia suficiente para a concesión do carné de reparador autorizado de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria