DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 13 de xuño de 2007 Páx. 10.082

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2007 pola que se convocan unhas xornadas sobre a Rexión Urbana das Rías Baixas.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2007, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Seminario de Estudos Socioeconómicos de Pontevedra Carlos Velasco, unhas xornadas sobre a Rexión Urbana das Rías Baixas coas seguintes bases:

1.Obxectivos.

O territorio no que vivimos non é senón o soporte material das nosas estruturas sociais, isto é, o resultado do sentido que lle imprimimos coas accións combinadas de todos. É dicir, o espazo, ademais dunha realidade física, é sobre todo unha realidade socioeconómica que se constrúe e destrúe socialmente.

En Galicia emerxen no século XXI dúas rexións urbanas e semella albiscarse unha terceira de nexo entre ambas. Parece entón necesario comprender, analizar e reflexionar sobre os procesos socioeconómicos centrais que configuran os novos espazos urbanos metropolitanos. Por todo isto, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Seminario de Estudos Socioeconómicos de Pontevedra Carlos Velasco organizan estas xornadas de debate e reflexión sobre a incipiente e dinámica rexión urbana das Rías Baixas que xorde en torno ao eixe Pontevedra-Vigo.

2. Contido.

Serán tratados os seguintes temas:

Luns 25 de xuño no Club Financiero de Vigo: o estado da cuestión:

-Definición do problema.

Martes 26 de xuño no Club Financiero de Vigo: visión metropolitana:

-Áreas metropolitanas españolas.

-A eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Mércores 27 de xuño no Centro Social de Caixanova en Pontevedra: desafíos do crecemento urbano en Galicia:

-Desafíos socio-demográficos: prestación de servizos.

-Desafíos socioeconómicos: rexións urbanas competitivas.

Xoves 28 de xuño no Centro Social de Caixanova en Pontevedra: futuro da área metropolitana Pontevedra-Vigo:

-Conclusións das xornadas e clausura.

3. Destinatarios.

Principais actores económicos, forzas políticas, grupos de interese, organizacións empresariais, sindicatos, profesionais da Administración pública, asociacións cidadáns, plataformas e colectivos sociais, representantes de institucións e entidades públicas e privadas.

4. Desenvolvemento.

-Horario: de mañá e tarde.

-Local e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse nos seguintes lugares e datas:

-25 e 26 de xuño: Club Financiero de Vigo, sito na rúa García Barbón, 62, en Vigo.

-27 e 28 de xuño: Centro Social de Caixanova en Pontevedra, sito na rúa Augusto González Besada, 2-4.

5. Inscrición.

-O prazo de inscrición finaliza o 20 de xuño de 2007.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax 981 54 63 30 ou correo electrónico dirixido ao enderezo: novas.egap@xunta.es

-Número de prazas: limitado pola capacidade dos locais.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, ao seguinte número: 986 10 11 34.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o número de solicitudes non xustifica a súa realización.

7. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia ao final das xornadas a aquelas persoas inscritas que participasen con asiduidade, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2007

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega

de Administración Pública