DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 13 de xuño de 2007 Páx. 10.073

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 28 de maio de 2007 pola que se convocan axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, á Consellería de Cultura e Deporte correspóndelle crear un clima de enriquecemento cultural na sociedade galega. Para isto cómpre que a cidadanía dispoña de materiais impresos en calquera faceta do desenvolvemento humano actual, quer no eido da creación, do pensamento, da técnica, do lecer ou calquera outro no que as persoas poidan expresarse, formarse ou transformar a súa percepción esencial do mundo no que habitan.

Así mesmo, a presenza de Galiza no mundo significa que a nosa propia actividade intelectual en calquera plano deixe tamén a súa pegada en territorios lingüisticamente diferenciados de nós, de xeito que, na medida da nosa propia capacidade, contribuamos ao avance e evolución das materias que configuran un mundo cada vez máis plural e integrador.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen á Consellería de Cultura e Deporte, establece as correspondentes liñas de subvención para a versión ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas e mais para a versión a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, de xeito que se poidan atopar na nosa comunidade e na nosa lingua os textos significativos producidos no exterior, ao mesmo tempo que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Convócanse axudas á produción editorial para apoiar a promoción, produción e edición do libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

2.1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.432.A.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por un importe de noventa e cinco mil setecentos euros (95.700 €), e, con cargo aos orzamentos de 2008, a cantidade de cento catro mil trescentos euros (104.300 €).

2.2. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibir o beneficiario non reborda a porcentaxe máxima do investimento.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

3.1. Poderán optar a estas axudas todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editoras, coas limitacións que establecen os puntos seguintes deste artigo.

3.2. Non as poderán percibir aqueles editores que anteriormente recibisen algunha outra axuda ou subvención da Consellería de Cultura e Deporte e non xustificasen o seu investimento ou incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas, e resultasen sacionados por calquera destes aspectos.

3.3. Tampouco poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas xurídicas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 38/2003 (BOE do 24 de novembro), xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

4.1. Os editores que desexen acollerse aos beneficios desta orde deben presentar a correspondente petición, de acordo cos modelos de instancia que figuran como anexos desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte ou nas delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.2. O prazo de presentación fíxase en 40 días hábiles a partir do seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4.3. Presentarase unha solicitude por cada obra, segundo os modelos que figuran como anexos I e II, á que se lle xuntará a documentación indicada nas bases específicas para a concesión das axudas, así como a seguinte documentación xeral, que só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editorial:

a) Fotocopia do CIF da entidade e do NIF do representante.

b) Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia da escritura pública de constitución ou modificación, de ser o caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente, ambos os dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

c) Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas, ou certificado de exención, se proceder.

d) Certificación orixinal da conta bancaria, onde conste como titular a empresa solicitante.

e) O catálogo actualizado da produción realizada pola editorial.

f) Unha declaración responsable das axudas solicitadas ou percibidas polas obras presentadas.

4.4. A documentación relacionada nos puntos a) e b) poderá substituírse por unha certificación actualizada de figurar inscrito no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, a documentación relacionada nos puntos 1º e 2º poderá substituirse por unha declaración do presidente ou director da editorial na que se faga constar que esta documentación se atopa plenamente vixente con respecto á presentada para este mesmo fin nas convocatorias de anos anteriores.

4.5. A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural poderá pedirlles aos solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesaria para acreditar os datos que figuran na solicitude, incluídos albarás, facturas, certificados de tiraxe e de distribución, etc.

4.6. Os beneficiarios das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requirir a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4.7. Polo que se refire especificamente ás obras que se proxecte traducir, cómpre achegar a seguinte documentación:

a) Un calendario de investimentos para desenvolver cada proxecto editorial.

b) O modelo do contrato que a editorial asinaría co tradutor da obra, consonte o establecido na Lei de propiedade intelectual, no que debe constar o importe da tradución.

c) Un exemplar completo da obra para a que se solicite a axuda.

d) O xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra.

e) O curriculum do tradutor.

4.8. Ao abeiro do establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias co Estado e coa Seguridade Social. Estes requisitos deben acreditarse, se for o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, punto 4.c) e 8, derradeiro parágrafo, respectivamente.

4.9. No caso das obras publicadas orixinariamente en galego, cómpre indicar o idioma para o que se vaia traducir. Así mesmo, se for o caso, o plan editorial para a formación das correspondentes coleccións.

4.10. Para a emenda de erros ou carencias da solicitude, se for preciso, concederáselles aos beneficiarios un prazo de 10 días, contados a partir do seguinte ao da notificación; caso de non os emendar, teráselle por desistido, consonte o disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución e selección das solicitudes.

5.1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

5.2. Para o obxecto de cumprir co principio de concorrencia competitiva, as solicitudes examinaraas unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta comisión está constituída polos seguintes membros: o subdirector xeral de Creación Cultural, como presidente, e mais o xefe do Servizo do Libro e Bibliotecas e a xefa do Servizo de Estudos e Publicacións, como vogais, e un funcionario, que actuará como secretario.

Esta comisión actuará consonte os criterios de valoración establecidos no artigo 5º, e, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, elevaralle a correspondente proposta á conselleira de Cultura e Deporte, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

5.3. Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos, por orde decrecente de prioridade e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

a) Calidade da obra: até 12 puntos.

b) Para as obras publicadas orixinariamente en galego e que se proxecte verter a outras linguas:

b.1) Formación de coleccións, acreditada mediante o plan editorial: até 12 puntos.

b.2) Calidade da lingua: até 10 puntos.

c) Interese xeral da obra: até 8 puntos.

d) Calidade das obras contidas no catálogo: até 8 puntos.

e) Interese da obra para as bibliotecas públicas: até 6 puntos.

f) Importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia do editor solicitante: até 6 puntos.

g) Esforzo que supón para o editor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural, mais de pouca demanda comercial: até 5 puntos.

h) Grao de profesionalización dentro do sector editorial galego: até 5 puntos.

Artigo 6º.-Tradución para outras linguas de obras redactadas orixinarimente en galego.

6.1. Para a tradución ás linguas da Península Ibérica, a contía de cada subvención fíxase entre 20 e 30 (vinte e trinta) euros por páxina.

6.2. Para a tradución ás restantes linguas, a contía fíxase entre os 25 e os 50 (vinte e cinco e cincuenta) euros.

6.3. A axuda non pode rebordar en ningún caso dos 6.000 euros.

Artigo 7º.-Tradución para o galego de obras publicadas orxinariamente noutras linguas.

7.1. As obras publicaranse en galego, segundo a lexislación vixente.

7.2. Para a tradución de obras publicadas en linguas distintas do galego, a axuda consiste no pagamento dunha porcentaxe da tradución, que oscilará entre o 50% e o 75% do importe fixado no contrato do tradutor, sen rebordar en ningún caso dos 6.000 euros.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

8.1. Tanto no caso das obras publicadas orixinariamente en galego coma no das que se publicasen noutras linguas, os beneficiarios deben facer constar na páxina de responsabilidades de cada un dos exemplares da tirada o seguinte texto: «Esta obra recibiu a axuda da Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, na convocatoria de axudas para o ano 2007».

8.2. A contía correspondente á primera anualidade librarase antes do 1 de novembro de 2007, tras a aceptación da axuda por parte do beneficiario e da entrega dunha fotocopia compulsada do contrato asinado co tradutor, así como do aval ao que se fai referencia no artigo 10º.3. Para o pagamento da segunda anualidade debe presentarse, antes do 1 de novembro de 2008, o xustificante do pagamento realizado ao tradutor, así como 5 exemplares da tradución editada.

8.3. En calquera caso, os beneficiarios quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 14 da Lei 38/2003, xeral de subvencións (BOE do 24 de novembro) e no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, cuxo texto refundido recolle o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro).

8.4. O beneficiario deberá incluír no momento da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o proxecto subvencionado, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 9º.-Resolución.

9.1. A Consellería de Cultura e Deporte comunicaralles a resolución da conselleira aos beneficiarios das axudas. Se no prazo de quince días naturais, tras a data de recepción desta resolución, as entidades beneficiarias non aceptasen expresamente e por escrito a citada axuda, enténdese que renuncian a ela.

9.2. Os beneficiarios das axudas, logo de aceptadas estas, quedan obrigados a xustificalas consonte as bases específicas para a concesión das axudas, así como a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o que se concederen, sen que caiba a modificación do destino para outros proxectos. A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte pode comprobar, cando o considerar conveniente, a execución dos proxectos.

9.3. No suposto de que non recaese resolución expresa ningunha dentro do prazo máximo previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o sentido do silencio será negativo.

Artigo 10º.-Determinación das axudas.

10.1. A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000 €).

10.2. As axudas terán carácter plurianual: o 47,85% pagarase no ano 2007 e o 52,15% restante no ano 2008.

10.3. Os pagamentos deben garantirse cun aval, de acordo coa normativa vixente en materia de axudas e subvencións.

Artigo 11º.-Anulación e reintegro da axuda.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Deporte instruirá un expediente de reintegro ou sancionador segundo establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Calquera alteración das condicións estimadas para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificacion da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Pagamento das axudas.

12.1. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases para a concesión das axudas, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, de os atopar conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas ditas bases e a normativa orzamentaria vixente.

12.2. O libramento do importe da axuda, mesmo nos dous prazos das plurianualidades, realizarase de acordo coa normativa orzamentaria aplicable.

12.3. En calquera caso, os beneficiarios quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 14 da Lei 38/2003, xeral de subvencións (BOE do 24 de novembro).

Artigo 13º.-Recursos.

Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá a persoa interesada interpor un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpor, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, un recurso de reposición diante da conselleira de Cultura e Deporte.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Creación e Difusión Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte