DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 12 de xuño de 2007 Páx. 10.013

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 28 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas en conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacigos catalogados ou inventariados e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, establece no seu artigo 63 que, cando, como requisito previo para a realización de calquera tipo de obra que afecte un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacigos catalogados ou inventariados, a Consellería de Cultura e Deporte ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, a citada consellería colaborará no financiamento do custo da execución do proxecto se se trata dun promotor particular.

Hoxe en día, un gran número destas intervencións arqueolóxicas desenvólvense sobre todo no ámbito urbano, nos conxuntos históricos da comunidade autónoma declarados ben de interese cultural, onde a declaración afecta tanto o solo como o subsolo polo interese histórico e arqueolóxico destas áreas, e onde gran parte da evolución histórica deses asentamentos se atopa nese subsolo susceptible de ser estudado con método arqueolóxico.

A execución dun proxecto arqueolóxico, pola singularidade dos bens sobre os que se actúa, require, de acordo co disposto nos artigos 61 e 62 da citada Lei 8/1995 e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a presentación e autorización previa dun proxecto arqueolóxico e a entrega dunha memoria con posterioridade ao remate da actividade na que se reflicta o desenvolvemento e resultados destes traballos arqueolóxicos.

Conscientes de que a elaboración das memorias cos resultados destes traballos arqueolóxicos, que unha vez presentadas quedan á disposición do público en xeral co fin de facilitar outros estudos e investigacións, repercute de xeito directo sobre a execución dos proxectos promovidos polos particulares, e de que a Consellería de Cultura e Deporte debe fomentar o estudo e difusión deste patrimonio arqueolóxico, é polo que se entende que a colaboración cos promotores particulares debe ter en conta que se cumpran todas as obrigas da autorización arqueolóxica concedida como é a entrega da memoria cos resultados da actuación e o depósito dos materiais arqueolóxicos.

Á vista do exposto e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 63 da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, en uso das facultades que teño atribuídas, en virtude do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacigos catalogados ou inventariados, nos casos en que a Consellería de Cultura e Deporte ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, en concepto de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico realizado de acordo cos requisitos establecidos no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

2. Para os efectos da presente orde considéranse custos de execución do proxecto arqueolóxico os custos financiados polo promotor que figuren nos orzamentos dos proxectos arqueolóxicos autorizados polo director xeral de Patrimonio Cultural.

Os tributos son custos subvencionables cando o beneficiario da subvención sexa persoa física que non teña a condición de empresario e os aboe efectivamente.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables e excluídas.

1. Quedan comprendidas no ámbito da presente orde as intervencións arqueolóxicas enunciadas no artigo 57 da citada Lei 8/1995, así como os controis arqueolóxicos, debidamente autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural durante o ano 2006.

2. Quedan excluídas:

a) As actividades arqueolóxicas promovidas por particulares derivadas das medidas protectoras e correctoras establecidas nos estudios de impacto ou efectos ambientais, así como as incluídas nas correspondentes declaracións ambientais, establecidas en virtude do disposto no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

b) As actuacións que, na data de publicación da presente orde, xa foron obxecto de indemnización pola Consellería de Cultura e Deporte por sentenza xudicial, así como as executadas en bens inmobles da Igrexa católica.

c) As intervencións arqueolóxicas respecto daquelas obras obxecto de sanción en materia de patrimonio cultural.

Artigo 3º.-Financiamento e contía global das axudas.

As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias e nas contías globais que se detallan a continuación:

-Modalidade A: douscentos sesenta mil euros (260.000 €) para axudas a empresarios (persoas físicas ou xurídicas privadas) con cargo á aplicación 12.03.433A-770.0.

-Modalidade B: trinta mil euros (30.000 €) para axudas a persoas físicas que non teñan a condición de empresario e entidades sen ánimo de lucro con cargo á aplicación 12.03.433A.780.

Artigo 4º.-Normativa aplicable.

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto na presente orde, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006 e demais normativa de aplicación.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os empresarios (persoas físicas ou xurídicas privadas) na modalidade A e as persoas físicas que non teñan a condición de empresarios e as entidades sen ánimo de lucro na modalidade B, que promoveran as intervencións arqueolóxicas comprendidas no ámbito da presente orde, desenvoltas en bens inmobles de titularidade privada e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as actuacións arqueolóxicas, autorizadas no ano 2006, estean rematadas na data de publicación da presente orde.

b) Que as actuacións se desenvolvesen conforme os proxectos arqueolóxicos presentados e se cumprisen as obrigas de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que acredite a presentación e entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais de acordo co citado Decreto 199/1997.

Artigo 6º.-Axudas.

1. As axudas consistirán nunha subvención que será percibida por unha soa vez por beneficiario e obra, polo importe que resulte do rateo das contías globais fixadas no anterior artigo 3 entre as solicitudes que cumpran cos requisitos fixados nesta orde e que non superará o 50% dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. O importe das subvencións percibidas para cada intervención arqueolóxica non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que illada ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados supere o custe da actividade subvencionada.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que figura no anexo I da presente orde, xunto coa documentación que se relaciona a continuación:

-Copia compulsada do DNI e do NIF do solicitante, ou do CIF no caso de persoas xurídicas. No caso de que se actúe por medio de representante, deberá acreditarse a representación por un medio válido en dereito.

-Copia compulsada dos documentos acreditativos da personalidade no caso de que o solicitante sexa persoa xurídica.

-Copia compulsada das facturas, ou documentos equivalentes, dos custos pagados pola execución do proxecto arqueolóxico, que figuren no orzamento do proxecto arqueolóxico autorizado polo director xeral de Patrimonio Cultural.

-Declaración responsable de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, de entidades públicas e privadas con indicación das correspondentes contías (segundo o modelo que figura como anexo II).

-Declaración responsable de non estar incurso en supostos de prohibicións para obter a condición de beneficiarios de subvencións (segundo o modelo que figura como anexo II).

-Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta do solicitante.

-Copia compulsada acreditativa da alta no imposto de actividades económicas (IAE), se é o caso, así como o recibo de ter pagado o último exercicio. No caso de estar exento de pagamento, será substituída por unha declaración responsable na que se indique a circunstancia que deu lugar a esta exención.

-As memorias técnicas e a acta de depósito de materiais establecidas no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, de non estaren presentadas con anterioridade.

Os modelos normalizados de solicitude e declaracións exixidas estarán ao dispor dos interesados no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte, nas súas delegacións provinciais ou na páxina web da consellería:

//http:culturaedeporte.xunta.es/oficina/procedementos, no punto de trámites e axudas para a súa cumprimentación.

2. A presentación de solicitudes polo interesado implicará:

a) A aceptación íntegra do establecido nas bases reguladoras fixadas na orde da convocatoria, así como dos requisitos e as obrigas que nelas se fixan.

b) A autorización á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte para solicitar as certificacións acreditativas de que se atopa ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómica e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación nos rexistros públicos que proceda e na páxina web oficial da Consellería de Cultura e Deporte.

3. No caso de que nun mesmo inmoble e polo mesmo promotor se realizasen varias actuacións arqueolóxicas autorizadas no ano 2006, estas presentaranse nunha única solicitude especificándoas na instancia, á que se xuntará a documentación acreditativa dos custos orixinados por cada unha delas de xeito inequívoco.

Artigo 8º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, xunto coa documentación exixida no artigo 7, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte ou nas súas delegacións provinciais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Tramitación, resolución e recursos.

1. A Consellería de Cultura e Deporte, a través dos servizos técnicos, examinará as solicitudes presentadas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación conteña erros ou sexa insuficiente, a unidade administrativa encargada da tramitación dos expedientes requirirá os interesados para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos que emenden os erros detectados, coa indicación de que se así non o fixesen teranse por desistidos da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Revisada e ordenada a documentación e completada, se é o caso, os servizos técnicos das delegacións provinciais achegarana á Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais para a elaboración da proposta de concesión ou denegación das axudas, que será elevada, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ao titular da Consellería de Cultura e Deporte, que resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo de tres meses.

3. A resolución de concesión ou denegación da axuda notificaráselle aos interesados e terá que ser motivada. No Diario Oficial de Galicia publicarase un estracto da resolución de concesión que deberá conter indicación da norma reguladora, beneficiarios, crédito orzamentario, cantidade concedida e finalidade da axuda.

4. A resolución de concesión ou denegación da axuda pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados de igual modo.

5. De non notificarse resolución no prazo indicado no parágrafo 2 anterior, entenderase desestimada a solicitude correspondente, podendo interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira de Cultura e Deporte no prazo de tres meses, ou ben interpoñer recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de seis meses. Os prazos sinalados para estes casos comezarán a contarse desde que transcorra o prazo para resolver sinalado no parágrafo 2 anterior.

Artigo 10º.-Aceptación das axudas.

No prazo de cinco (5) días naturais, desde a recepción da notificación da concesión de subvención, os beneficiarios deberán manifestar a súa aceptación por escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que poderá presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, co fin de evitar atrasos na tramitación, comunicarase ao fax 981 54 65 97, segundo modelo que figura no anexo III, durante o prazo de aceptación. De non recibirse a aceptación no prazo indicado, entenderase que os beneficiarios renuncian á subvención inicialmente concedida e procederase, logo da oportuna resolución, ao arquivo do expediente.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Ademais das obrigas xerais establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para a percepción das axudas públicas, os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención ou de reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de mora correspondentes.

Artigo 12º.-Pagamento.

Unha vez concedida e aceptada a axuda, a cantidade adxudicada librarase de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

Con carácter previo ao pagamento, o beneficiario da axuda deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das entidades vinculadas ou dependentes (anexo II).

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 14º.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida e a exixencia dos xuros de demora nos casos e termos previstos nesta orde, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través do servizos técnicos centrais e provinciais, poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Terceira.-Aos beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte