DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 12 de xuño de 2007 Páx. 10.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2007, da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, pola que se anuncian cursos de formación de formadores en seguridade e saúde nos traballos agroforestais.

O Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, define no seu anexo IV, ao que se refire o artigo 9.3º, a prevención de riscos como un dos temas prioritarios dentro dos obxectivos de converxencia e competitividade e emprego.

Pola súa parte, o Regulamento 1081/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo, establece no seu artigo 2.1º que o FSE contribuirá a executar as prioridades da comunidade polo que respecta ao esforzo da cohesión económica e social mellorando o emprego e as oportunidades de traballo, favorecendo un alto nivel de emprego e a creación de máis e mellores postos de traballo.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, establece os principios relativos á prevención de riscos profesionais para a protección da seguridade e saúde, a eliminación ou diminución dos riscos derivados do traballo, a información, a consulta, a participación equilibrada e a formación dos traballadores en materia preventiva.

Tanto a Consellería do Medio Rural como a Consellería de Traballo apostan firmemente pola capacitación do persoal técnico para impartir accións formativas en materia de prevención de riscos laborais no sector agroforestal para divulgar estes coñecementos e reducir no posible os accidentes laborais. A este respecto, con data 9 de marzo de 2007, asinouse un instrumento de colaboración entre a Consellería de Traballo e a Consellería do Medio Rural para o desenvolvemento do Plan de Formación en Prevención de Riscos Laborais no sector agroforestal.

No marco do seu programa de actividades de formación continua, a Consellería do Medio Rural considera necesario mellorar a formación da poboación rural na prevención dos riscos laborais. Co fin de preparar persoal capacitado para impartir formación nesta materia, acorda realizar cursos de formación de profesorado, cofinanciados polo Fondo Social Europeo no 80%.

En virtude do exposto e das atribucións que me confire o artigo 9 do Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria,

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto.

Convocar cursos de capacitación de persoal técnico para impartir accións formativas en materia de seguridade e saúde nos traballos agroforestais.

Segundo.-Destinatarios.

1. Titulados universitarios en enxeñaría agronómica, enxeñaría técnica agrícola, enxeñaría de montes, enxeñaría técnica forestal e licenciatura en veterinaria na situación laboral de desempregados ou ocupados que teñan unha relación laboral con entidades asociativas agrarias u organizacións profesionais agrarias ou unha relación societaria con entidades asociativas agrarias.

Terceiro.-Desenvolvemento dos cursos.

1. Realizaranse dúas edicións, en función da situación laboral dos solicitantes. A primeira edición terá como destinatario o persoal técnico desempregado e a segunda será para técnicos de entidades asociativas agrarias e de organizacións profesionais agrarias.

2. A duración dos cursos será de 60 horas, distribuídas en nove módulos segundo o anexo I da presente resolución.

3. O lugar de celebración será o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude e a Escola Politécnica Superior de Lugo

4. As datas de celebración serán:

a) Do 17 de setembro ao 5 de outubro de 2007, de 10.00 a 14.00 horas, para os técnicos desempregados.

b) Do 17 de setembro ao 5 de outubro de 2007, de 16.00 a 20.00 horas, para os técnicos de entidades asociativas agrarias y de organizacións profesionais agrarias.

5. Os cursos terán un número mínimo de 30 participantes e un número máximo de 50. No caso de que non se acade o número mínimo, poderá suspenderse a súa realización ou ser trasladada a outras datas. A Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal comunicaralles aos aspirantes a suspensión ou traslado do curso.

Cuarto.-Solicitudes e prazos.

1. As solicitudes formalizaranse cubrindo o modelo de instancia que figura como anexo II desta resolución e dirixiranse ao director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal (rúa Fontiñas 31-baixo, 15703 Santiago de Compostela). Presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Consellería do Medio Rural, no rexistro da rúa Fontiñas, 31, 15703 Santiago de Compostela, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A documentación que se xuntará á solicitude será a seguinte:

a) Fotocopia do DNI.

b) Fotocopia cotexada do título universitario.

c) Certificado do Servizo Público de Emprego como demandante de emprego no caso de ser técnico desempregado.

d) Fotocopia cotexada do contrato laboral no caso de ter unha relación laboral cunha entidade asociativa agraria, ou cunha organización profesional agraria.

e) Certificado da relación societaria no caso de ser socio dunha entidade asociativa agraria.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-Selección.

1. A Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal elaborará unha lista de admitidos de cada curso que se exporá a partir do 9 de xullo no taboleiro de anuncios da Consellería do Medio Rural, nos servizos centrais, en San Caetano, Santiago de Compostela. Tamén estará á disposición dos interesados na páxina web desta consellería, así como na Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal con enderezo na rúa Fontiñas, 31, 15703 Santiago de Compostela, teléfono 981 54 66 50. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días para formular as alegacións que consideren oportunas. Unha vez resoltas as reclamacións, faranse públicas as listas definitivas, do mesmo modo que as provisionais.

2. Reservarase o cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos, ao abeiro do artigo 37 bis da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Se non houbese suficientes solicitudes de mulleres, as prazas cubriranse con homes.

3. Para cada edición do curso reservarase un 5% das prazas para persoas discapacitadas con grao de minusvalidez acreditado igual ou superior ao 33%.

4. A selección de participante farase cos seguintes criterios:

a) Criterios selectivos de carácter xeral: terán prioridade as titulacións en enxeñaría técnica agrícola ou enxeñaría agronómica sobre as de enxeñaría técnica forestal ou enxeñaría de montes e estas sobre a licenciatura en veterinaria.

b) Criterios selectivos específicos: dentro do grupo dos desempregados terán prioridade os que leven máis días como demandantes de emprego. Dentro dos técnicos de entidades asociativas e organizacións profesionais agrarias, os que teñan un contrato temporal sobre os contratados indefinidos.

c) En caso de empate, darase prioridade a solicitude con data de entrada no rexistro máis antiga.

Sexto.-Profesorado e coordenación.

1. O profesorado será seleccionado conforme o establecido no acordo de colaboración entre a Consellería de Traballo e a Consellaría do Medio Rural.

2. A Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal nomeará un coordenador técnico para cada curso que se encargará de tomar as medidas precisas para garantir o seu correcto desenvolvemento e a adecuada impartición das ensinanzas.

Sétimo.-Avaliación e certificación de superación do curso.

1. Para avaliar os coñecementos adquiridos realizarase unha proba de aptitude. Aos alumnos que a superen outorgaráselles un diploma que os acreditará como formadores en seguridade e saúde no sector agroforestal do nivel básico, e os habilitará para dar cursos de seguridade e saúde nos traballos agroforestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións dos curso. A ausencia superior ao 15% das horas lectivas impedirá a expedición da certificación correspondente e dará lugar a baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Oitavo.-Instrucións e ordes de servizo.

A Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e ordes de servizo precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Noveno.-Recursos.

Contra esta resolución e contra os actos administrativos que deriven dela procederá á interposición de recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Rural no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o previsto nos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2007.

Gonzalo Flores Calvete

Director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal

ANEXO I

Módulo 1. Condicións de traballo no medio agroforestal. Análise estatística das condicións de traballo no medio rural. Condicións, riscos, danos, prevención e protección.

Módulo 2. Seguridade no traballo. 1. Seguridade no traballo. Técnicas de seguridade accidentes de traballo. Investigación, análise e avaliación. Normas, sinalización e protección. 2. Análise, avaliación e control de riscos específicos no traballo. Máquinas: tractor, apeiros, fertilizadora, motocultor, remolque, maquinaria de tratamentos fitosanitarios, motoserra. 3. Riscos específicos: equipamentos utilizados, instalacións e ferramentas, manipulación, almacenaxe e transporte de cargas, electricidade e incendios.

Módulo 3. Hixiene industrial 1. Axentes químicos: fitosanitarios, fertilizantes, aceites, deterxentes, disolventes, residuos. 2. Axentes físicos: ruído, vibracións, temperatura, humidade, radiacións. 3. Axentes biolóxicos: avaliación da exposición, accións sobre o foco e o medio de propagación, ventilación, accións sobre o individuo, medidas preventivas.

Módulo 4. Medicina no traballo agrogandeiro. Análise de patoloxías de orixe laboral no medio rural. Planificación e información sanitaria. Socorrismo e primeiros auxilios.

Módulo 5. Ergonomía e psicosocioloxía aplicada. Condicións ambientais en ergonomía. Carga física. Carga ambiental. Factores de natureza psicosocial, estrés, etc. Estrutura da organización. Intervención psicosocial.

Módulo 6. Xestión en prevención de riscos. Planificación, organización, economía da prevención.

Módulo 7. Seguridade viaria no medio rural.

Módulo 8. Ámbito xurídico da prevención. Normativa da prevención de riscos. Responsabilidades en materia preventiva. Lexislación básica laboral.

Módulo 9. Formación. Análise da necesidade formativa. Técnicas educativas. Seguimento e avaliación. Información.