DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 12 de xuño de 2007 Páx. 10.005

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de xuño de 2007 pola que se establece o programa de cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, Cuale, nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos últimos anos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén desenvolvendo accións que teñen por finalidade o impulso da mellora da formación do noso profesorado e alumnado no coñecemento das linguas estranxeiras pertencentes ao espazo cultural europeo, en consonancia coas consideracións da Comisión Europea, dentro do seu programa de traballo Educación e Formación 2010.

Nesta liña, a Orde do 30 de abril de 1999, DOG do 3 de xuño, fixou o plan experimental de potenciación de aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria e estableceu as condicións para a participación do seu alumnado e profesorado. Este plan foi modificado posteriormente pola Orde do 26 de xullo de 2001, DOG do 17 de agosto. Coa aprobación da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establécese no artigo 59 que as ensinanzas de idiomas teñen como finalidade capacitar o alumnado para o uso axeitado dos diferentes idiomas, fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, e concrétase a súa organización nos niveis básico, intermedio e avanzado, e este mesmo artigo engade que as ensinanzas do nivel básico terán as características e a organización que as administracións educativas determinen. Polo antedito, cómpre facer unha revisión do plan experimental de potenciación para establecer unhas novas bases reguladoras que lle ofrezan ao alumnado e ao

profesorado a posibilidade de acceder a unha formación complementaria en lingua estranxeira nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional e que estea baseada no Marco común europeo de referencia, documento que unifica as directrices para a aprendizaxe e o ensino de linguas. Este programa ten como obxectivo unha mellora substancial da competencia lingüística do alumnado da ESO ao tempo que fomenta a mobilidade internacional do alumnado de ciclos formativos e a competencia lingüística dos docentes, que redundará na optimización dos recursos dos propios centros á hora de emprender proxectos relacionados co ensino plurilingüe.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e organizativas do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras, Cuale, nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional, co fin de preparar o alumnado de 3º e 4º da ESO para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, así como de lle proporcionar clases de linguas estranxeiras ao alumnado de ciclos formativos e de lle dar unha formación básica en linguas estranxeiras ao profesorado de ensino non universitario de centros sostidos con fondos públicos.

2. Esta orde é de aplicación nos centros públicos de ensino secundario e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan autorizados para ofertar unha ou máis das modalidades do programa.

Artigo 2º.-Modalidades do programa.

O programa Cuale desenvolverase nas tres modalidades seguintes:

1. Cuale-ESO: cursos dirixidos ao alumnado de 3º e 4º da ESO co fin de preparalo para as probas de certificación dos niveis correspondentes ás ensinanzas de idiomas de réxime especial.

2. Cuale-FP: cursos dirixidos ao alumnado de ciclos formativos co fin de desenvolver as capacidades comunicativas necesarias para poder realizar a formación en centros de traballo noutros países da Unión Europea.

3. Cuale-PROF: cursos dirixidos ao profesorado para a adquisición de destrezas comunicativas básicas en linguas estranxeiras, cuxos contidos coincidirán cos niveis do Marco común europeo de referencia para as linguas, MCERL.

Artigo 3º.-Organización e desenvolvemento do programa.

1. O programa desenvolverase fóra do horario lectivo ao longo do curso escolar e terá carácter voluntario para os destinatarios.

2. A oferta de calquera das modalidades levarase a cabo tendo en conta a dispoñibilidade de recursos materiais e humanos dos centros, non supoñendo incremento no número de profesorado.

3. A programación dos cursos deberá ser recollida nas programacións didácticas dos departamentos de linguas estranxeiras, que incluirán, se é o caso, as distintas modalidades que oferte o centro. As programacións didácticas das ensinanzas correspondentes ás tres modalidades realizaranse tendo en conta os niveis previstos no MCERL. No caso da modalidade Cuale-FP, a participación dos centros por esta modalidade abre a posibilidade de autorización dunha sección bilingüe para un ciclo que non conte co ensino dunha lingua estranxeira, e sempre que haxa profesorado dun módulo coa competencia lingüística necesaria para impartir na lingua estranxeira da modalidade Cuale-FP.

4. O número de alumnado para a constitución dos grupos nas distintas modalidades será de entre 15 e 20.

5. Con carácter xeral, os centros que queiran impartir as modalidades desta orde deberán realizar no mes de xuño a preinscrición do alumnado que desexe acceder.

Artigo 4º.-Profesorado.

Estes cursos poderán ser impartidos unicamente polo profesorado de lingua estranxeira con destino definitivo no centro. A coordinación desta formación complementaria será responsabilidade da xefatura do departamento correspondente de linguas estranxeiras do centro educativo en que se impartan.

Artigo 5º.-Calendario e horario.

As clases para as tres modalidades seguirán o calendario escolar establecido para as ensinanzas de réxime xeral, e o horario será de 3 a 4 períodos lectivos semanais.

Artigo 6º.-Autorización.

1. Os institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional que estean interesados en participar no programa presentarán a súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I e que se pode descargar no espazo web http://www.edu.xunta.es/contidos/rede_linguas, na sección Programa Cuale, na delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do 30 de xuño, indicando as modalidades que pretenden ofertar de entre as que se sinalan no artigo 2º desta orde, así como o número de alumnado preinscrito por curso. Así mesmo unha copia da solicitude deberá remitirse á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa. Xunto coa solicitude deberán achegar: certificación de aprobación polo claustro e do consello escolar do centro, así como o título de funcionario de carreira e a acreditación de destino definitivo no centro do profesorado que impartirá docencia.

2. A delegación provincial remitirá as solicitudes á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, acompañadas do informe da inspección educativa, antes do 10 de xullo, en que fará constar a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir a modalidade.

3. Correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a autorización, antes do 1 de setembro, da impartición deste programa nos institutos de educación secundaria e nos centros integrados de formación profesional, considerando a demanda, dispoñibilidade horaria do profesorado e os recursos existentes no centro e na localidade.

4. Os centros autorizados comunicaranlle á Subdirección Xeral de Ordenación, antes do 30 de setembro as relacións do profesorado participante e do alumnado por grupo, curso e idioma.

5. O Servizo Provincial de Inspección Educativa velará para que as modalidades impartidas cumpran o previsto nesta orde, en especial a elaboración da programación didáctica, o seu horario e duración e a ratio mínima para a formación de grupos.

6. Os centros que estean a participar nas distintas modalidades establecidas nesta orde deberanlle remitir anualmente á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, antes do 30 de xuño, unha memoria final, que tamén se incluirá na memoria final de curso que o centro remite á Inspección, e que deberá recoller os seguintes puntos: obxectivos acadados, probas realizadas e acta final en que se faga constar a modalidade, o idioma e o curso cos participantes e as súas cualificacións. Na devandita acta deberá figurar o visto e o prace do director.

Artigo 7º.-Inscrición.

A inscrición realizarase na secretaría do propio centro ata finais do mes de setembro. O alumnado e profesorado procedente doutros centros deberán acompañar a súa solicitude dunha certificación expedida pola dirección do seu centro que acredite que está a cursar os estudos requiridos para a modalidade correspondente ou que ten a condición de docente nun centro educativo sostido con fondos públicos.

Artigo 8º.-Instalacións.

Os centros docentes en que se impartan as modalidades recollidas nesta orde deberán dispor dos seguintes requisitos mínimos:

-Un aula de uso exclusivo para a ensinanza de idiomas.

-Dotación dun equipo audiovisual conectable a un ordenador.

Artigo 9º.-Certificación da participación no programa.

1. A asistencia e aproveitamento no primeiro curso da modalidade Cuale-ESO dá dereito á certificación do nivel A1 do MCERL. No resto de cursos e modalidades non suporá a habilitación nos niveis do MCERL, senón unha certificación de aproveitamento pola asistencia aos devanditos cursos preparatorios para a adquisición deses niveis.

Capítulo II

Modalidades

Sección primeira

Cuale-ESO: cursos preparatorios para as probas de certificación dos niveis correspondentes ás ensinanzas de idiomas de réxime especial

Artigo 10º.-Definición.

Cursos dirixidos ao alumnado de 3º e 4º da ESO co fin de preparalo para as probas de certificación dos niveis corrrespondentes ás ensinanzas de idiomas de réxime especial.

Artigo 11º.-Acceso.

Poderá cursar esta modalidade o alumnado que superase o segundo curso de ensino secundario obrigatorio, e que estea matriculado en 3º de ensinanza secundaria obrigatoria no centro que imparte a devandita modalidade ou noutros centros educativos públicos ou privados concertados. O alumnado de 4º da ESO, para a preparación do segundo nivel, só poderá cursar esta modalidade tendo superado o nivel A1, sen prexuízo de que o departamento da correspondente lingua estranxeira poida verificar o nivel de competencia do alumnado cunha proba de acceso.

Artigo 12º.-Organización.

1. Para a constitución dun grupo establécese un mínimo de 15 alumnos/as.

2. A formación para esta modalidade organizarase cunha duración de dous cursos escolares, de xeito que ao finalizar o segundo deles o alumnado estea en condicións de superar as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas no nivel correspondente.

3. O currículo, a metodoloxía e as condicións de promoción destes cursos realizaranse tendo en conta os niveis de referencia A1 e A2 do Marco común europeo de referencia.

4. O profesorado dos centros docentes públicos que imparta esta modalidade será o responsable da elaboración e avaliación de probas de aproveitamento, que se axustarán, en todo caso, aos criterios e á estrutura establecidos na correspondente programación didáctica.

5. O alumnado que siga esta formación en centros públicos non terá consideración de alumno ou alumna oficial da escola oficial de idiomas, polo que a realización das probas terminais específicas de certificación estarán suxeitas ás condicións establecidas para o alumnado escolarizado nas escolas oficiais de idiomas polo réxime libre.

6. Ao finalizar cada curso o profesorado de linguas estranxeiras implicado no programa deberá elaborar unha memoria, co visto e prace do xefe/ a de departamento, que recollerá polo menos os seguintes puntos: resultado da avaliación continua, número de alumnos e alumnas presentados ás probas parciais e finais, criterios de avaliación e criterios de correción e porcentaxe de aprobados e cualificacións obtidas.

Artigo 13º.-Avaliación e acreditación.

1. O profesorado responsable realizará probas ao remate de cada un dos dous cursos. A superación das devanditas probas suporá a expedición por parte do centro:

a) Do certificado do nivel básico A1 de competencia en 3º da ESO.

b) Do certificado de aproveitamento do curso preparatorio para a obtención do nivel básico A2 en 4º da ESO.

Porén, para a obtención do certificado do nivel A2 será necesaria a superación de probas terminais específicas de certificación que serán elaboradas, organizadas e avaliadas polas escolas oficiais de idiomas nas condicións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determine.

Sección segunda

Cuale-FP: cursos de linguas estranxeiras dirixidos ao alumnado de ciclos formativos

Artigo 14º.-Definición.

Cursos dirixidos ao alumnado de ciclos de formación profesional específica co fin de desenvolver as capacidades comunicativas necesarias para poder realizar a formación en centros de traballo noutros países da Unión Europea.

Artigo 15º.-Acceso.

1. Terá acceso o alumnado que estea cursando un ciclo formativo. Poderá acceder o alumnado do propio centro autorizado, así como tamén doutros, sempre que nestes ou na súa propia zona educativa non se imparta esta modalidade do programa Cuale.

2. No caso de haber máis demandantes que prazas, terá preferencia o alumnado que curse un ciclo formativo que non inclúa o módulo de lingua estranxeira.

Artigo 16º.-Organización.

1. Os centros autorizados farán agrupamentos e programacións didácticas distintos para o alumnado de ciclos de grao medio e para o alumnado de ciclos de grao superior.

2. As devanditas programacións estruturaranse en obxectivos, contidos, metodoloxía e criterios de avaliación, e terán como referencia os niveis comúns establecidos no Marco común europeo de referencia para as linguas.

3. As ensinanzas de idiomas para o alumnado de ciclos de grao medio de menos de 2.000 horas terán como obxectivos os do nivel de usuario básico A2; e para o alumnado de ciclos medios con 2.000 horas terán como obxectivos os do nivel de usuario independente B1.

4. As ensinanzas de idiomas para o alumnado dos ciclos de grao superior de menos de 2.000 horas terán como obxectivos os do nivel de usuario independente B1 e os de 2.000 horas terán como obxectivos os do nivel de usuario independente B2.

Artigo 17º.-Avaliación e acreditación.

1. Ao remate do curso o alumnado recibirá unha certificación expedida polo centro educativo onde constarán a modalidade, o número de horas e a cualificación obtida (apto/non apto).

2. A certificación da realización dos cursos para os ciclos estenderase ao finalizar o período de formación no propio centro educativo.

3. No caso de obter a unha cualificación de non apto, o alumnado poderá inscribirse por segunda e última vez, durante o tempo en que estea matriculado nun ciclo formativo.

Sección terceira

Cuale-PROF: cursos de linguas estranxeiras dirixidos ao profesorado

Artigo 18º.-Definición.

Cursos dirixidos ao profesorado para a adquisición de destrezas comunicativas básicas en linguas estranxeiras, cuxos contidos coincidirán cos niveis do MCERL.

Artigo 19º.-Acceso.

Estas ensinanzas están destinadas ao profesorado de centros educativos sostidos con fondos públicos, podendo acceder o profesorado do propio centro e doutros centros.

Artigo 20º.-Organización.

O profesorado responsable de impartir estes cursos elaborará unha programación en que deberán figurar os seguintes puntos: obxectivos, contidos, metodoloxía, criterios de avaliación, e corrección das probas finais. Esta programación deberá ser incluída na programación didáctica do correspondente departamento de linguas estranxeiras e remitida á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa antes do 30 de setembro.

Os contidos destes cursos poderán estruturarse en tres niveis:

-Nivel 1: as ensinanzas correspondentes ao primeiro nivel terán como obxectivo a obtención das destrezas comunicativas correspondentes ao nivel de usuario básico A1 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

-Nivel 2: as ensinanzas correspondentes ao segundo nivel terán como obxectivo a obtención das destrezas comunicativas correspondentes ao nivel de usuario básico A2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

-Nivel 3: as ensinanzas correspondentes ao terceiro nivel terán como obxectivos a obtención das destrezas comunicativas correspondentes ao nivel de usuario independente B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Artigo 21º.-Avaliación e acreditación.

Para a avaliación do profesorado realizarase unha proba final cuxos contidos estarán referenciados ao Marco común europeo de referencia para as linguas. O profesorado que obteña avaliación positiva recibirá unha certificación de 50 horas de formación permanente no idioma e o nivel de coñecementos que corresponda. A devandita certificación será expedida pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa á vista das actas presentadas polos centros. Establecerase un sistema de comprobación da asistencia, que será obrigatoria nun 85% da duración total destes cursos co fin de poder alcanzados a correspondente certificación.

Artigo 22º.-Memoria.

1. Os centros que participen na modalidade Cuale-PROF deberanlle remitir á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, antes do 30 de xuño, unha memoria final.

2. A devandita memoria final deberá recoller os seguintes puntos: programa levado a cabo, obxectivos alcanzados, probas realizadas, actas de asistencia e acta final na que se faga constar a modalidade, o idioma e o nivel coas cualificacións. Na devandita acta deberá figurar o visto e o prace do director ou directora do centro.

Disposición adicional

Única.-A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralle unha copia dela ao Consello Escolar, ao Claustro, ás ANPAS e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado; o contido desta orde e a información complementaria, así como o modelo de solicitude atoparanse na páxina da internet http://www.edu.xunta.es/contidos/rede_linguas, sección programa Cuale.

Disposicións transitorias

Primeira.-De forma excepcional as solicitudes para o curso 2007-2008 poderán ser presentadas ata o 10 de xullo.

Segunda.-O alumnado que estivese cursando as ensinanzas de idiomas a través da modalidade 1 do plan experimental de potenciación de idiomas poderá incorporarse aos novos cursos preparatorios para as probas de escolas oficiais de idiomas (modalidade Cuale-ESO), mediante solicitude, aínda que deixarán de ser alumnado oficial destas, de acordo co disposto no Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas de idiomas de réxime especial reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; e o Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 26 de xullo de 2001, DOG do 17 de agosto, pola que se establece o plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria autorizados para o efecto, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Desenvolvemento e execución.

Primeira.-Autorízanse a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria