DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 12 de xuño de 2007 Páx. 10.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 109/2007, do 24 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento e mellora do trazado da estrada provincial 5602 de Negreira á Ponte Nafonso, punto quilométrico 0 ao punto quilométrico 6,360.

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión do día trinta de marzo de dous mil seis, aprobou o proxecto de alargamento e mellora do trazado da estrada provincial 5602 de Negreira á Ponte Nafonso, punto quilométrico 0 ao punto quilométrico 6,360 e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

Que este expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente foi tratado na Comisión de Secretarios Xerais logo da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, a actuación é necesaria co fin de evitar o altísimo risco de accidentes, tanto para o tráfico rodado como para o peonil, á hora de circular por unha estrada cun trazado moi sinuoso, sen beiravíasnine beirarrúas en todo o tramo e cun largo de calzada de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos, a todo isto súmase a agravante de discorrer por zonas poboadas, polo que a renovación da estrada suporá unha importante mellora para a rede viaria local entre os núcleos de Negreira e A Ponte Nafonso, ademais de poder permitir o estacionamento circunstancial de vehículos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento e mellora do trazado da estrada provincial 5602 de Negreira á Ponte Nafonso, punto quilométrico 0 ao punto quilométrico 6,360, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza