DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 12 de xuño de 2007 Páx. 10.000

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 108/2007, do 24 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Narón, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización de rúa de nova apertura nas Viñas.

O Concello de Narón, en sesión celebrada o día vinte e catro de novembro de dous mil seis, aprobou o proxecto de urbanización de rúa de nova apertura nas Viñas e, na sesión do vinte e nove de decembro de dous mil seis, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente foi tratado na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a actuación é necesaria para dotar a zona duns servizos que, debido ao constante crecemento demográfico e urbanístico do concello, se están a demandar en prol da consecución de mellores condicións de seguranza e salubridade, sendo precisa a apertura e completa urbanización da rúa, por razóns de salubridade da poboación, debido á existencia de focos infecciosos producidos polos pozos negros ou fosas sépticas, que non cumpren coa normativa ambiental e sectorial aplicable a este tipo de instalacións, e que supoñen un grave perigo, non só para a consecución dun ambiente sustentado, senón que, especialmente, un foco de risco para os cidadáns, que se evitaría coa adecuada canalización das augas fecais, así como o tratamento da auga que é consumida nos domicilios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Narón, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización de rúa de nova apertura nas Viñas, debendo, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foren necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza