DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 11 de xuño de 2007 Páx. 9.896

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 106/2007, do 31 de maio, sobre a distribución de competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación ao desenvolvemento rural e ás axudas directas da política agrícola común.

A política agrícola común (en diante PAC) foi integrando progresivamente desde os anos 90 as novas demandas da sociedade europea cara ao desenvolvemento sustentable. Neste senso, o ambiente, a saúde pública, a sanidade e o benestar dos animais son algúns dos novos condicionantes da PAC.

A axenda 2000 incorpora o concepto de ecocondicionalidade, fixando unhas condicións agrarias e ambientais que os agricultores tiñan que cumprir. A reforma da PAC do ano 2003 amplía o concepto de ecocondicionalidade, que pasa a chamarse condicionalidade, e incorpora os requisitos legais de xestión a esas condicións a cumprir, comezando a aplicarse en Galicia no ano 2005.

O Regulamento (CE) 1782/2003, do Consello, do 29 de setembro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores, establece no seu título II, capítulo I, os requisitos principais para a aplicación da condicionalidade, concretados na obriga dos agricultores e gandeiros que reciben pagamentos directos de cumprir os requisitos legais de xestión sinalados no seu artigo 4 e no anexo III, así como as boas condicións agrarias e ambientais, establecidas no seu artigo 5 e no anexo IV. Ademais, no seu artigo 25 prevense as normas xerais para a realización dos controis de condicionalidade.

O Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, estipula no seu artigo 19 que se entende por condicionalidade as obrigas contidas no artigo 51.1º do mesmo; este punto especifica que os solicitantes de determinadas liñas de axuda das contempladas no artigo 36 dese regulamento deberán cumprir coas obrigas estipuladas nos artigos 4 e 5 e nos anexos III e IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

O incumprimento destas condicións e requisitos suporá para o beneficiario dos pagamentos directos das axudas PAC e/ou de determinadas liñas de axuda ao desenvolvemento rural unha diminución, e incluso exclusión, deles. O sistema de reducións e exclusións das axudas directas a través da condicionalidade ten como obxectivo constituír un incentivo para que os agricultores respecten a normativa existente nos seus diferentes ámbitos, contribuíndo deste xeito a que o sector agrario cumpra cos principios do desenvolvemento sustentable.

Pola súa banda, o Regulamento (CE) 796/2004, da Comisión, do 21 de abril, polo que se establecen disposicións para a aplicación da condicionalidade, a modulación e o sistema integrado de xestión e control previstos no Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, desenvolve no seu título III, capítulo II, os aspectos relacionados cos controis administrativos e sobre o terreo que garantan a comprobación eficaz do cumprimento dos requisitos e normas aplicables en relación coa condicionalidade; e no título IV, capítulo II, a aplicación das reducións e exclusións dos pagamentos directos nos casos do seu incumprimento.

De conformidade coa dita normativa comunitaria, o Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, sobre a aplicación da condicionalidade en relación coas axudas directas no marco da PAC (BOE nº 309, do 24 de decembro), establece as boas condicións agrarias e ambientais que deberá cumprir o agricultor consonte a condicionalidade das axudas da PAC, así como un sistema para a aplicación dos controis e as reducións nos pagamentos ou a súa exclusión.

O artigo 6 deste real decreto atribúelle ao Fondo Español de Garantía Agraria (en diante FEGA) a condición de autoridade nacional encargada do sistema de coordinación dos controis de condicionalidade, precisando, así mesmo, que serán os órganos competentes da respectiva comunidade autónoma, na súa condición de autoridades responsables no seu ámbito territorial das actividades de control, os que designen os correspondentes órganos ou organismos de control para asegurar a observancia dos requisitos legais de xestión e para velar, de ser o caso, polo cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais. En todo caso, as autoridades para o cálculo das axudas, cálculo e aplicación das reducións e exclusións e o pagamento das axudas, serán os organismos pagadores das axudas directas da PAC e os órganos encargados de autorizar os pagamentos das axudas ao desenvolvemento rural.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Fondo Galego de Garantía Agraria (en diante Fogga), atribúelle a este organismo autónomo, entre outras, as competencias para a xestión das accións derivadas da PAC. Pola súa banda, o Decreto 155/2006, do 7 de setembro (DOG nº 181, do 19 de setembro), constitúe o Fogga como organismo pagador dos gastos do Fondo Europeo Agrario de Garantía (en diante Feaga) e do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (en diante Feader) en Galicia.

Con base na experiencia adquirida a partir da aplicación gradual da condicionalidade en Galicia no marco das axudas directas da PAC desde o ano 2005, e coa incorporación do cumprimento das obrigas da condicionalidade no marco de certas axudas ao desenvolvemento rural no ano 2007, é necesario incluír os aspectos relacionados co desenvolvemento rural na aplicación da condicionalidade, mellorando a eficiencia da xestión. Por iso, considérase máis oportuno, polas modificacións a introducir, a derrogación do Decreto 594/2005, do 29 de decembro, e a súa substitución por este novo decreto.

Na elaboración da presente disposición consultáronse os diferentes organismos especializados de control da condicionalidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é precisar os órganos especializados para desenvolver as actividades de control do cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais a que se refire o artigo 5 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e do cumprimento dos requisitos legais de xestión, nos ámbitos enumerados no artigo 4 do mesmo regulamento, así como a coordinación destas, no marco das axudas directas da PAC e das axudas ao desenvolvemento rural.

2. As funcións de control e coordinación a que se refire o punto 1 anterior realizaranse consonte o establecido nos regulamentos (CE) nº 1782/2003, do Consello, do 29 de setembro, e (CE) nº 796/2004 da Comisión, do 21 de abril, e no Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, así como no Plan nacional anual de controis de condicionalidade elaborado polo FEGA e no Plan autonómico anual de controis de condicionalidade elaborado polo Fogga.

Artigo 2º.-Funcións de control da condicionalidade da Consellería do Medio Rural.

1. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, será o órgano especializado de control para o cumprimento das obrigas da condicionalidade derivadas dos requisitos legais de xestión que se indican no anexo I.

2. Como organismo especializado de control, no marco do establecido no artigo 1º, realizará as seguintes funcións:

a) Seleccionar as explotacións agrarias obxecto de control e efectuar os controis necesarios.

b) Propoñerlle ao Fogga no marco do establecido no artigo 1.2º, a relación de elementos mínimos que hai que controlar respecto aos requisitos legais de xestión nas materias competencia da consellería indicadas no anexo I.

c) Realizar os labores de divulgación e información ás explotacións agrarias, achegándolles información específica sobre os aspectos da condicionalidade relativos aos requisitos legais de xestión nas materias competencia da consellería indicadas no anexo I.

d) Remitirlle ao Fogga e aos organismos encargados de autorizar as axudas reflectidas no artigo 51 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, os informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade realizadas, para que a partir destes calculen e apliquen respectivamente as reducións das axudas directas da PAC e das contempladas no artigo 51 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, que correspondan.

Artigo 3º.-Funcións do Fogga en relación coa condicionalidade.

1. O Fogga é o órgano especializado de control para o cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais indicadas no artigo 4 do Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, así como dos requisitos legais de xestión indicados no anexo II.

2. Como organismo especializado de control, no marco do establecido no artigo 1º realizará as seguintes funcións:

a) Seleccionar as explotacións agrarias obxecto de control e efectuar os controis necesarios.

b) Aplicar as reducións ou as exclusións dos importes totais dos pagamentos das axudas directas aos agricultores e gandeiros a partir do indicado nos informes de control específicos propios, e dos remitidos por cada órgano especializado de control.

e) Remitirlle ao/s organismo/s competente/s no pagamento das axudas reflectidas no artigo 51 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, os informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade realizadas.

d) Colaborar na realización dos labores de divulgación e información ás explotacións agrarias, achegándolles información específica sobre os aspectos da condicionalidade relacionados coas boas condicións agrarias e ambientais expostas no artigo 4 do Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro.

3. Establecer con carácter anual o plan de controis de condicionalidade para a Comunidade Autónoma de Galicia no marco do plan anual de controis da condicionalidade elaborado polo FEGA.

Artigo 4º.-Cooperación entre os órganos da Administración autonómica.

O Fogga e as consellerías competentes en materia de agricultura e de ambiente poderán establecer os mecanismos de cooperación oportunos a fin de, no marco do disposto no artigo 1º.2 deste decreto, proporen para cada requisito, norma ou ámbito de aplicación da condicionalidade, os elementos mínimos a controlar para xustificar o seu cumprimento, así como os criterios para a valoración da gravidade, alcance e persistencia dos incumprimentos. Do mesmo xeito, poderán propor anualmente a revisión dos ditos elementos e criterios. Os organismos especializados de control poderán facer uso da información subministrada polas consellerías competentes en materia de agricultura e ambiente.

Artigo 5º.-Comisión de seguimento.

Créase unha Comisión de Seguimento da Condicionalidade, que ten atribuídas as funcións de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións de control previstas neste decreto, adscrita ao Fogga, e será presidida polo seu director ou persoa en quen delegue. Estará composta ademais por seis representantes, tres da Consellería do Medio Rural e tres do Fogga.

Os membros da comisión poderán propor a asistencia de expertos, con voz pero sen voto, e constituír os grupos de traballo que coiden oportunos para o mellor desempeño das súas funcións.

A comisión reunirase, como mínimo, dúas veces ao ano e terá entre as súas funcións a de coñecer e analizar a listaxe de normas relativas á condicionalidade que se proporcionarán aos agricultores cada ano, así como coñecer e analizar os resultados dos controis efectuados anualmente nas explotacións agrarias. En todo caso, o seu réxime xurídico axustarase ao disposto para os órganos colexiados, no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 594/2005, do 29 de decembro, sobre a distribución de competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación coas axudas directas da política agrícola común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar as disposicións necesarias para a aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Actos que conteñen os requisitos legais de xestión cuxo control corresponde á Consellería do Medio Rural.

a) En materia de saúde pública, sanidade e identificación e rexistro dos animais.

* Directiva 92/102/CEE, do Consello, do 27 de novembro, relativa á identificación e rexistro dos animais (artigos 3, 4 e 5).

* Regulamento (CE) nº 2629/1997, do 29 de decembro, polo que se establecen determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 820/1997 do Consello, no que respecta ás marcas auriculares, os rexistros das explotacións e os pasaportes no marco do sistema de identificación e rexistro dos animais de especie bovina (artigos 6 e 8).

* Regulamento (CE) nº 1760/2000, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xullo, que establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina e relativo á etiquetaxe da carne de vacún e dos produtos con carne de vacún (artigos 4 e 7).

* Regulamento (CE) nº 21/2004 nº 21/2004, do Consello, do 17 de decembro de 2003, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa e se modifica o Regulamento (CE) 1782/2003 e as directivas 92/102/CEE e 64/432/CEE. (DO L 5, 9-1-2004, p. 8) (artigos 3, 4 e 5).

b) En materia de saúde pública e cuestións veterinarias e fitosanitarias.

* Directiva 91/414/CEE, do Consello, do 15 de xullo, relativa á comercialización dos produtos fitosanitarios. (DO L 230, 19-8-1991, p. 1) (artigo 3).

* Directiva 96/22/CE, do Consello, do 29 de abril, pola que se prohibe utilizar determinadas substancias de efecto hormonal e tierostático e substancias (ß- agonistas na cría de gando e pola que se derrogan as directivas 81/602/CEE, 88/146/CEE e 88/299/CEE. (DO L 125, 23-5-1996, p. 3) (artigos 3, 4, 5 e 7).

* Regulamento (CE) nº 178/2002, do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro, polo que se establecen os principios e requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguranza Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguranza alimentaria. (DO L 31, 1-2-2002, p. 1) (artigos 14, 15, 17 (1), 18, 19 e 20).

* Regulamento (CE) nº 999/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de maio, polo que se establecen disposicións para a prevención, o control e a erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles. (DO L 147, 31-5-2001, p1). (Artigos 7, 11, 12, 13 e 15).

c) En materia de notificación de enfermidades.

* Directiva 85/511/CEE, do Consello, do 18 de novembro de 1985, pola que se establecen medidas comunitarias de loita contra a febre aftosa. (DOL 327, 22-12-2000, p. 74) (artigo 3).

* Directiva 92/119/CEE, do Consello, do 17 de decembro, pola que se establecen medidas comunitarias xerais para a loita contra determinadas enfermidades de animais e medidas específicas respecto á enfermidade vesicular porcina. (DO L 327, 22-12-2000, p. 74) (artigo 3).

* Directiva 2000/75/CE, do Consello, do 20 de novembro, pola que se aproban disposicións específicas relativas ás medidas de loita e erradicación da febre catarral ovina. (DO L 327, 11-12-1991, p. 28) (artigo 3).

d) En materia de benestar dos animais.

* Directiva 91/629/CEE, do Consello, do 19 de novembro, relativa ás normas mínimas para a protección de xatos. (DO L 340, 11-12-1991, p. 28) (artigo 3 e 4).

* Directiva 91/630/CEE, do Consello, do 19 de novembro, relativa ás normas mínimas para a protección de porcos. (DO L 340, 11-12-1991, p. 33) (artigos 3 e 4 (1)).

* Directiva 98/58/CE, do Consello, do 20 de xullo, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras. (DO L 221, 8-8-1998, p. 23) (artigo 4).

e) En materia de ambiente.

* Directiva 86/278/CEE, do Consello, do 12 de xuño de 1986, relativa á protección do ambiente e, en particular, dos solos, na utilización dos lodos de depuradora na agricultura (artigo 3).

* Directiva 91/676/CEE, do Consello, do 12 de decembro, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura (artigos 4 e 5).

ANEXO II

Actos que conteñen os requisitos legais de xestión cuxo control corresponde ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

* Directiva 79/409/CEE, do Consello, do 2 de abril, relativa á conservación das aves silvestres (artigos 3, 4 (1,2,4), 5, 7 e 8).

* Directiva 80/68/CEE, do Consello, do 17 de decembro, relativa á protección das augas subterráneas contra a contaminación causada por determinadas substancias perigosas (artigos 4 e 5).

* Directiva 92/43/CEE, do Consello, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (artigos 6, 13, 15 e 22 (b)).

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE