DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 07 de xuño de 2007 Páx. 9.696

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de maio de 2007 pola que se modifica parcialmente a do 28 de xuño de 2006 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizo e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.

Pola Orde do 28 de xuño de 2006 regulouse a adscrición de forma temporal, en comisión de servizo e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.

A experiencia acadada na aplicación da citada orde aconsella realizar modificacións puntuais nesta, eliminando o requisito de ter destino definitivo para poder efectuar a solicitude e permitir o acceso a estas comisións de servizo das funcionarias e funcionarios en excedencia por coidado de fillo, e das mulleres embarazadas ou dos seus cónxuxes, cando exista unha previsión de que o parto se produza con anterioridade ao inicio do curso académico.

Na súa virtude, no uso da autorización conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 244/1999, do 29 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro.-O artigo 1.1º da Orde do 28 de xuño de 2006 queda redactado do seguinte xeito:

«O procedemento e convocatoria ten por obxecto posibilitar a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa e para as que estea habilitado, a funcionarios docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias, con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, por motivos de conciliación da vida familiar e laboral».

Segundo.-O artigo 2 da Orde do 28 de xuño de 2006 queda redactado do seguinte xeito:

«Poderán solicitar adscrición temporal a tarefas propia do seu corpo, en réxime de comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, a distinta localidade, se é o caso, do seu centro de destino, as funcionarias e funcionarios de carreira dos corpos docentes regulados na Lei orgánica de educación, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se encontren en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de fillos».

Terceiro.-Os puntos 1º e 2º do artigo 3 da Orde do 28 de xuño de 2006 quedan redactados do seguinte xeito:

«1. Ter un fillo menor de 3 anos, dous fillos menores de cinco anos ou tres fillos menores de dez anos. Poderá, así mesmo, efectuarse a solicitude cando exista embarazo a termo final no ano natural en que se presenta a instancia. No caso de adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, a idade computarase desde a resolución xudicial ou administrativa.

2. Ter, se é o caso, destino definitivo a unha distancia superior a 60 quilómetros da localidade que se solicita ou que o desprazamento teña unha duración superior a unha hora».

Cuarto.-Engádese un punto cuarto ao artigo 4 coa seguinte redacción:

«4. Para aquelas persoas que participen no concurso de traslados o prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do concurso de traslados no Diario Oficial de Galicia».

Disposición transitoria

O prazo de presentación de solicitudes para o curso escolar 2007-2008, para aquelas persoas afectadas polas modificacións establecidas por esta orde, será de 15 días naturais contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral a ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2007

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA