DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 06 de xuño de 2007 Páx. 9.506

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 99/2007, do 24 de maio, polo que se modifica o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desevolvemento Sostible.

A estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible regúlase no Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro. Logo da publicación deste decreto producíronse innovacións normativas en materia ambiental que inciden no ámbito regulador deste decreto.

A Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, traspón ao ordenamento xurídico español a Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001, relativa á avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente. A citada directiva trata da introdución de criterios ambientais desde as primeiras etapas de deseño e elaboración de determinados plans e programas, considerándose a avaliación ambiental como un instrumento de prevención que permite integrar os aspectos ambientais na toma de decisións de plans e programas públicos. No eido da nosa comunidade autónoma estes plans e programas son, fundamentalmente, os que elaboren os órganos sectoriais da Xunta de Galicia, os que promovan as administracións provinciais e os plans xerais de ordenación municipal (PXOM) das administracións locais, así como as súas modificacións. A dita lei define no seu artigo 2.c) o órgano ambiental como «aquel

órgano da Administración pública que en colaboración co órgano promotor vela pola integración dos aspectos ambientais na elaboración dos plans ou programas», polo que é necesario atribuír expresamente a dita condición á Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.

Da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible depende a Subdirección Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, unidade que desempeña, entre outras, as funcións relativas ao seguimento da política ambiental da Comunidade Europea e as relacionadas coa aplicación da Directiva 2001/42/CE; aplicación da avaliación ambiental estratéxica da sustentabilidade; coordinación e seguimento da estratexia galega fronte ao cambio climático e as relacionadas co cumprimento do protocolo de Quioto. Para o exercicio das súas funcións é necesario que a dita subdirección xeral conte cunha unidade de nova creación denominada Servizo de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade, ao cal se lle encomendarán as funcións anteriormente desempeñadas polo Servizo de Planificación da Sostibilidade, agás as relativas ao cambio climático, polo que procede o cambio de denominación do preexistente Servizo de Planificación da Sostibilidade, que pasa a chamarse Servizo de Prevención do Cambio Climático.

O sistema edáfico constitúe un dos compoñentes centrais dos ecosistemas terrestres. A perda de solo como consecuencia de procesos erosivos revélase como un factor crítico para o normal funcionamento dos sistemas terrestres, sendo un dos problemas ambientais de maior trascendencia para a sustentabilidade, polo que cómpre facer mención expresa disto no parágrafo 1º do artigo 7 do Decreto 1/2006.

O Centro de Investigación e Información Ambiental, con rango de subdirección xeral dependente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, ademais das funcións asignadas, que xustifican a existencia dunha rede de observación do territorio, desenvolverá funcións en materia de estudos e conservación de solos. Paralelamente, a aplicación da Directiva de augas 2000/60/CE en Galicia require a implementación dunha rede de control de calidade do estado ecolóxico das augas de Galicia, con obxectivos coincidentes cos da rede de observación do territorio. Tendo en conta que a consellería dispón de medios axeitados para o desenvolvemento das dúas redes, é oportuno organizar unha rede única que contemple a totalidade das funcións descritas, aproveitando as sinerxias que da actuación conxunta de ambas deriven; en consecuencia, cómpre engadir novas alíneas ao punto 2º.2 do artigo 7 do Decreto 1/2006.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, logo do informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, no exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Dáse nova redacción ao artigo 7 do Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, que queda redactado como segue:

«Artigo 7º

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible será o órgano ambiental para os efectos previstos no artigo 2, alínea c), da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, e exercerá as competencias e funcións en materia de promoción do desenvolvemento sustentable da sociedade galega; fomento da participación cidadá a través das políticas de información e formación; impulso da investigación ambiental; deseño e seguimento dos proxectos de cooperación internacional correspondentes ao ámbito da actuación da consellería; proposta e tramitación de convenios, acordos ou pactos con entidades públicas e privadas para o logro dos seus obxectivos; participación en foros nacionais e internacionais para os efectos de facilitar o fluxo dos coñecementos máis actuais entre os sectores interesados; desenvolvemento de estudos e informes en materia de ambiente e sustentabilidade; actuacións en materia de estudo e conservación do sistema edáfico

e xestión dos órganos de representación e participación social adscritos. Así mesmo, xestionará o Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán.

2. Para o exercicio das súas funcións estruturarase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, que exercerá as funcións de:

a) Elaboración de estratexias e programas que contribúan a acadar o apropiado nivel de desenvolvemento sostible e o establecemento das medidas necesarias para a súa efectiva implantación.

b) Impulso, promoción, desenvolvemento e coordinación das iniciativas adoptadas por entidades públicas e privadas creadas para o establecemento das estratexias de desenvolvemento sostible.

c) Elaboración, análise e seguimento, en colaboración coas distintas consellerías e con outros organismos públicos e privados, de indicadores relacionados co desenvolvemento sostible.

d) Coordinación e seguimento da estratexia galega fronte ao cambio climático.

e) Seguimento da política ambiental da Unión Europea e actuacións relacionadas coa aplicación da Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001, relativa á avaliación de determinados plans e programas no ambiente.

f) Impulso da integración do referente ambiental nas distintas políticas sectoriais.

g) Actuacións dirixidas á integración do ambiente nas accións dos fondos comunitarios e, en particular, no proceso de programación, realización, seguimento e avaliación das accións financiadas por estes fondos.

h) Actuacións relacionadas co cumprimento do Protocolo de Quioto.

i) Apoio técnico ao exercicio por parte do titular do centro directivo das funcións que ten atribuídas como autoridade ambiental de Galicia, en particular as derivadas da súa condición de membro da rede de autoridades ambientais de España.

k) Xestión dos organos de participación da consellería relativos á integración ambiental e ao desenvolvemento sostible.

l) Impulso, coordinación e seguimento da elaboración das iniciativas e programas de sustentabilidade local, axendas 21 locais, impulsados pola consellería e fomento da implantación das axendas 21 escolares nos centros educativos.

m) Apoio e seguimento da implantación de instrumentos de sustentabilidade nas empresas galegas, memorias de sustentabilidade, especialmente nas pequenas e medianas empresas.

n) Xestión de proxectos destinados á creación de núcleos piloto de sustentabilidade no territorio.

ñ) Apoio técnico á difusión, comunicación e formación das actuacións en materia de sustentabilidade desenvolvidas pola Xunta de Galicia ou en coordinación con ela.

o) Coordinación e impulso de proxectos de cooperación internacional para a implantación do desenvolvemento sustentable.

p) Coordinación do conxunto das actividades de educación ambiental desenvolvidas polas diferentes consellerías e organismos públicos da comunidade autónoma.

q) Promoción das iniciativas sociais relativas á difusión e divulgación ambiental.

r) Promoción, deseño, execución e seguimento de programas, accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da sociedade.

s) Elaboración e promoción de programas e módulos tendentes á integración do ambiente e da sustentabilidade no currículo educativo das ensinanzas regradas para os efectos da súa proposta á Administración educativa.

t) Execución, seguimento e perfeccionamento da estratexia galega de educación ambiental.

u) Aquelas que por razon da súa competencia se lle encomenden.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Prevención do Cambio Climático.

2.l.2. Servizo de Promoción da Sostibilidade.

2.1.3 .Servizo de Educación para a Sostibilidade.

2.1.4. Servizo de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade.

2.2. Centro de Investigación e Información Ambiental, con rango de subdirección xeral, que exercerá as funcións de:

a) Xestión dos sistemas de observación e información ambiental e coordinación das bases de datos ambientais de Galicia a través do mantemento e mellora do Sistema de Información Ambiental de Galicia (SIAM).

b) Fomento, potenciación e establecemento de procedementos que garantan a distribución da información ambiental aos cidadáns que a requiran.

c) Impulso, desenvolvemento e coordinación de iniciativas de investigación en materia ambiental e de desenvolvemento sustentable, no marco do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnológica, e a promoción, coordinación e elaboración de estudos prospectivos en materia ambiental.

d) Xestión do punto focal da Rede Eionet da Axencia Europea do Medio Ambiente.

e) Xestión do sistema de observación e predición meteorolóxica de Galicia e a súa difusión.

f) Modelización das condicións ambientais e do funcionamento dos ecosistemas terrestres e mariños de Galicia e análise de escenarios de cambios ambientais futuros.

g) Mellora da capacidade de predición ambiental mediante a realización de proxectos de investigación nacionais e internacionais.

h) Participación no desenvolvemento de plans de continxencia fronte a catástrofes naturais ou antropoxénicas, sen prexuízo das competencias que neste eido corresponden á Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

i) Prestación de servizos de asistencia científico-técnica aos sectores sociais e industriais en materia ambiental.

k) Asesoramento aos xestores públicos en materia ambiental e de desenvolvemento sustentable; planificación, deseño e execución das liñas de investigación científico-técnica vinculadas ao campo ambiental para a obtención de resultados de investigación, acordes coas necesidades prioritarias establecidas polos ditos xestores.

l) Realización de proxectos de investigación, a elaboración de propostas técnicas, proxectos demostrativos e programas de formación en colaboración cos centros de investigación nacionais e internacionais, entidades oficiais e particulares que se determinen e a súa difusión e divulgación.

m) Xestión da Rede de Observación do Territorio, que inclúe a rede de seguimento do estado ecolóxico das augas de Galicia, sen perxuízo das competencias que correspondan á Consellería de Innovación e Industria, no ámbito de aplicación da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

n) Coordinar e manter unha rede de observación dos solos de Galicia que sexa representativa dos sistemas edáficos galegos e forneza información sobre as súas características físicas, químicas e biolóxicas, xerando e facendo públicos os indicadores dos sistemas edáficos de Galicia calculados a partir das variables determinadas na rede de observación.

ñ) Xestión do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán.

o) Aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

Para isto contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Xestión da Información Ambiental.

2.2.2. Servizo de Observación e Prospectiva Ambiental.

2.2.3. Servizo de Investigación Ambiental».

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE