DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 06 de xuño de 2007 Páx. 9.503

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 98/2007, do 24 de maio, polo que se establece o procedemento para autorizar as permutas voluntarias de predios rústicos para os efectos de solicitar a exención do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

O Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, no número 6 do seu artigo 45.I.B), establece a exención de determinadas transmisións de predios rústicos do pagamento do imposto.

Dentro desas exencións, figura a permuta voluntaria de predios rústicos sempre que fosen autorizadas polo Instituto Nacional de Reforma e Desenvolvemento Agrario (IRYDA).

O acollemento a esa excepción foi escaso, probablemente pola falta de desenvolvemento normativo e da articulación dun procedemento de autorización por parte do órgano competente ao cal se puidesen acoller as persoas titulares de predios rústicos. Axudaría a mellorar esta situación regular o procedemento para autorizar as permutas voluntarias de predios rústicos, de forma que as persoas titulares que se acollan a este beneficio fiscal non teñan que tributar pola reordenación das súas terras como se levasen a cabo unha compravenda.

Polo Real decreto 2423/1982, do 24 de xullo, transferíronse á Comunidade Autónoma de Galicia, funcións e servizos en materia de reforma e desenvolvemento agrario, reservando para si basicamente o Estado o establecemento das bases de coordinación xeral da actividade económica e a realización de actuacións que afecten máis de unha comunidade autonóma. As funcións que realizaba o antigo IRYDA foron asumidas por esta comunidade mediante o Decreto 127/1982, do 5 de outubro, e asignadas á consellería competente en materia de agricultura.

Xa que logo, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e demais normativa concordante, e por proposta do conselleiro do Medio Rural de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular o procedemento para autorizar as permutas voluntarias de predios rústicos situados no territorio da comunidade autónoma, para os efectos de solicitar a exención do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, prevista no artigo 45.I.B).6 do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Artigo 2º.-Requisitos.

A consellería competente en materia de agricultura autorizará as permutas voluntarias de predios rústicos formalizadas con posterioridade á entrada en vigor deste decreto, sempre que reúnan os seguintes requisitos:.

-Que a permuta se formalice en escritura pública.

-Que a permuta se realice entre predios rústicos de semellante valor.

-Que os predios rústicos se manteñan, durante un período mínimo de cinco anos, dedicadas a un destino agrario ou á edifcación de instalacións ou construcións asociadas á explotación agraria, salvo nos supostos de expropiación para a construción de infraestruturas públicas.

-Que a realización da permuta favoreza a explotación dos predios permutados.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de autorización de permutas voluntarias de predios rústicos presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cuberta e asinada por calquera dos permutantes, dirixidas á dirección xeral competente en materia de estruturas e infraestruturas agrarias da antedita consellería. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desa consellaría nos servizos centrais, ou do modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir para asegurar o cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 2º, así como de permitir as actuacións de comprobación e inspección polos servizos administrativos da consellería competente en materia de agricultura que para o efecto se consideren oportunas, de conformidade co previsto no artigo 8º.

Artigo 4º.-Documentación que se xuntará á solicitude.

A solicitude de autorización de permutas voluntarias de predios rústicos irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do NIF ou CIF das persoas que realizan a permuta.

b) Ademais, e tratándose de montes veciñais en man común, deberase presentar certificado de estaren inscritos no rexistro de montes veciñais en man común.

c) Copia cotexada da escritura pública da permuta voluntaria en que se acredite a identidade dos predios que hai que permutar e a titularidade destes.

d) No caso de persoas xurídicas, copia compulsada do documento de constitución da sociedade e dos estatutos e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade en que conste o acordo de realizar a permuta e a identidade da persoa autorizada para requirir a autorización para os efectos de solicitar a exención dos impostos a que se fai referencia neste decreto.

e) Certificado emitido polo catastro dos predios permutados ou, de ser o caso, informe pericial emitido por técnico competente sobre o valor dos predios permutados.

f) Certificación de estar ao día no pagamento dos tributos ou outros dereitos que graven os predios que hai que permutar.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de autorización presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á sinatura da escritura pública de permuta.

Artigo 6º.-Tramitación e instrución.

1. A dirección xeral con competencias en materia de estruturas e infraestruturas agrarias da consellería competente en materia de agricultura será a que instrúa e tramite o procedemento de autorización das permutas voluntarias de predios rústicos, sendo de aplicación para o seu desenvolvemento o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As unidades administrativas receptoras das solicitudes remitiranas á dirección xeral competente, co fin de que se comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos neste decreto.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos artigos anteriores, requirirase a persoa interesada na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, sen prexuízo de se ditar a correspondente resolución para o efecto.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A autorización das permutas voluntarias de predios rústicos, para os efectos de solicitar a exención do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de estruturas e infraestruturas agrarias, e notificaráselles ás persoas interesadas no prazo de dez días a partir da data en que se ditou a resolución.

2. O prazo para resolver e notificar as resolucións será de 3 meses contados desde o día seguinte da entrada das solicitude no rexistro do órgano competente.

Se transcorrer o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender estimadas as súas solicitudes.

Artigo 8º.-Control.

1. A consellería competente en materia de agricultura poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a obtención da autorización. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a colaborar na citada inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso aos predios permutados.

2. Os servizos técnicos da dirección xeral competente realizarán as inspeccións sobre o terreo que se consideren oportunas, emitindo os informes relativos ao cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 2º que sexan necesarios para completar o expediente administrativo.

Artigo 9º.-Réxime de recursos.

As resolucións por que se autorizan ou se denegan as autorizacións de permutas voluntarias en predios rústicos non esgotan a vía administrativa e poderán ser impugnadas en alzada ante o persoa titular da consellaría competente en materia de agricultura, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos.

Artigo 10º.-Revogación da autorización de permutas voluntarias de predios rústicos por incumprimento de requisitos.

En caso de incumprimento do requisito establecido no artigo segundo este decreto, relativo ao mantemento do destino agrario dos predios permutados, a dirección xeral competente en materia de estruturas e infraestruturas agrarias iniciará expediente de revogación da autorización inicialmente concedida.

O prazo para resolver e notificar as resolucións será de 3 meses contados desde o acordo de iniciación do expediente de revogación.

A resolución que se dite será obxecto do recurso a que fai referencia o artigo 9º deste decreto.

Da resolución definitiva de revogación da autorización darase traslado á dirección xeral competente en materia de tributos da consellería competente en materia de economía e facenda, para os efectos previstos na normativa vixente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellaría competente en materia de agricultura para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil sete

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE