DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 04 de xuño de 2007 Páx. 9.353

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2007 pola que se convoca o seminario Acadando os obxectivos de Lisboa: as rexións e municipalidades como impulsoras do crecemento e do emprego.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2007 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase en colaboración co Instituto Europeo de Administración Pública-Centro Europeo das Rexións de Barcelona, o seminario Acadando os obxectivos de Lisboa: as rexións e municipalidades como impulsoras do crecemento e do emprego, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Na primavera de 2005, a Estratexia de Lisboa da UE para «converterse na economía baseada no coñecemento máis dinámico e competitivo do mundo» foi revisada en profundidade polos seus membros co fin de valorar e, se for o caso, axustar os obxectivos e os mecanismos chave para levala a cabo. Tan ambiciosa estratexia abrangue 24 directrices integradas que se clasifican nos seguintes ámbitos: macroeconómicas, microeconómicas e de emprego. Esta revisión a medio prazo, que se realizou nun momento crucial da historia europea (i.e. tras a adhesión dos outros dez estados membros), pretende reimpulsar este importante proceso que botou a andar en marzo de 2000 durante a presidencia portuguesa.

Actualmente, todas as novas iniciativas europeas son postas en marcha de acordo con estas 24 directrices integradas. Así pois, tanto as previsións económicas para o período 2005-2007, como o portal Web A túa Europa ou a iniciativa 2010, o novo Programa marco para a competitividade e a innovación (CIP), o Programa de acción comunitaria para combater a discriminación e fomentar a igualdade de oportunidades e tamén o Ano europeo da mobilidade dos traballadores, todos eles comparten xa un obxectivo común: impulsar o crecemento e o emprego.

Con todo, o aumento da «competitividade» e o traballo conxunto para o crecemento e o emprego, é unha responsabilidade común a todos os niveis de goberno, desde o nacional ata o local. De feito, os impactos tanto positivos como negativos sobre o crecemento das empresas e o emprego poden sentirse máis intensamente no nivel local e rexional. Como resultado, hai unha necesidade clara de aumentar as accións nestes niveis. Neste sentido, é moi importante debater o papel dos actores rexionais e locais no cumprimento da Estratexia de Lisboa.

A conexión entre a Estratexia de Lisboa e os entes rexionais e locais gaña aínda máis relevancia cando o Regulamento xeral (2007-2013) para os instrumentos europeos de cohesión dispón unha nova concentración do gasto de cohesión para cuestións comúns (tales como o aspecto da innovación e a investigación), gasto que representa o 60% para as rexións do obxectivo de converxencia, como é o caso de Galicia, e o 75% para as rexións do obxectivo de competitividade rexional e emprego.

Este seminario pretende, pois, ser un foro de debate sobre as políticas e as prácticas que os diversos actores rexionais e locais deben desenvolver para acadar os obxectivos da Estratexia de Lisboa, afondando nos retos e nas perspectivas desta estratexia para Galicia.

2. Contido.

Trataranse os seguintes temas:

* Establecemento das bases de Lisboa.

-O proceso de Lisboa ¿onde estamos?

-As rexionalidades e municipalidades como impulsoras do crecemento e do emprego: a boa gobernación como condición chave (presentación de resultados/recomendacións das presidencias finesa e alemá).

* As directrices integradas para o crecemento, o emprego e as rexións: unha revisión da realidade.

-Coñecemento e innovación para o crecemento. Políticas e prácticas innovadoras no primeiro piar.

-Un lugar máis atractivo para investir e traballar: factores de éxito fundamentais para unha rexión emprendedora. Políticas e prácticas innovadoras no segundo piar.

-Como crear mellores postos de traballo: a combinación da seguranza no mercado laboral coa dinámica nos negocios. Políticas e prácticas innovadoras no terceiro piar.

* Os obxectivos da Estratexia de Lisboa: retos e perspectivas para Galicia.

-As rexións e os instrumentos de cooperación territorial na política de cohesión europea: o espazo eurorrexional Galicia-Norte de Portugal.

-Os retos do sistema urbano na súa proxección transfronteiriza.

-Galicia ante a Estratexia de Lisboa: unha avaliación a medio camiño.

-Poderá Galicia superar con éxito os desafíos da Estratexia de Lisboa?

3. Destinatarios.

Este seminario está aberto a un amplo grupo de persoas, que inclúe os representantes e responsables políticos das institucións rexionais e locais de Galicia e os funcionarios de administracións públicas de Galicia que tratan coas políticas e instrumentos que promoven e apoian as empresas da súa comunidade autónoma. Ademais, están invitados a asistir expertos do mundo académico (universidades, think-tanks, etc.) e do sector privado (organizacións empresariais, cámaras de comercio, etc.), e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar e data: o seminario convocado terá lugar no Centro Social e Financeiro Caixanova (avda. da Marina esquina rúa da Fama. A Coruña), os días 21 e 22 de xuño.

Horario:

-Xoves, 21 de xuño, das 9.30 ás 14.30 e das 16.30 ás 18.00 h.

-Venres, 22 de xuño, das 9.30 ás 14.30 h.

5. Inscrición.

-Prazo: finaliza o martes, día 19 de xuño de 2007.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax 981 54 63 30 ou correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedar prazas libres, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación sobre a súa admisión, chamando por teléfono, o día 20 de xuño, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/41.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificado de asistencia.

Entregaráselles, ao final do seminario, a aquelas persoas inscritas que asistan asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública