DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 04 de xuño de 2007 Páx. 9.352

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2007 pola que se convoca un curso de especialización en protección de personalidades.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a celebración dun curso de especialización en protección de personalidades, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Dotar os membros dos corpos de seguranza con cometidos específicos en protección, dun nivel medio de coñecementos teóricos e operativos que lles permitan acadar mellor os seus obxectivos.

-Coñecer cales son as técnicas avanzadas na protección de persoas tanto no eido da condución de seguranza como da protección mesma, así como do manexo do armamento e tiro policial.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, que desempeñen labores de protección e que non teñan feito ningunha das edicións anteriores sobre este mesmo curso; no caso de quedaren prazas vacantes poderá optar a elas persoal dos corpos de seguranza con cometidos directos na protección de persoas.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

20 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 13 de xuño ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 18 ao 22 de xuño.

O horario será de 9.30 a 13.30 e de 15.00 a 19.00 horas, cunha duración de 40 horas lectivas.

Contido.

I. Seguranza, protección e autoprotección.

II. Condución de seguranza en protección.

III. Técnicas de tiro policial en protección.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 14 de xuño a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono: 986 59 02 41 e na páxina web: http://agasp.xunta.es.

Lugar.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de maio de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública