DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 04 de xuño de 2007 Páx. 9.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

INSTRUCIÓN 4/2007, do 7 de maio, de interpretación e aplicación de determinados preceptos do Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT) e as súas instrucións técnicas complementarias (ITC) préstanse en ocasións a diferenzas de interpretación no momento da súa aplicación.

A Dirección Xeral de Industria vén mantendo diversas reunións cos representantes das asociacións profesionais de empresas instaladoras e cos técnicos que tramitan estas instalacións nas delegación provinciais coa finalidade de aplicar as anteditas normas de maneira uniforme en toda a comunidade autónoma.

Por todo iso, e co obxecto de recoller os acordos acadados nas referidas reunións, dítase esta instrución, que é de aplicación na tramitación dos procedementos relacionados co REBT, e que complementa e clarifica as ditadas con anterioridade nesta materia.

1. Cómputo da área en locais de concorrencia pública.

Para determinar a área dun local de concorrencia pública para efectos do establecido na ITC-BT-28 do R.B.T. deben descontarse, ademais das superficies indicadas expresamente no punto 1 da ITC-BT-28 do R.B.T., as áreas destinadas a almacén e escaparates, pero polo contrario non se deben restar as áreas ocupadas polos mobles.

2. Documentación para rexistrar as instalacións.

Na tramitación das instalacións de baixa tensión, tanto no caso en que esta precise proxecto como no caso en que precise memoria técnica de deseño (MTD) deberán presentarse os documentos que se indican no impreso oficial publicado no anexo I-a da Orde do 2 de febreiro de 2005 pola que se modifican os modelos de impresos relativos ao rexistro e posta en servizo das instalacións eléctricas de baixa tensión, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 43, do 3 de marzo).

3. Esbozo de trazado.

O esbozo de trazado a que se refire o artigo 19 do R.B.T. e o número 2 da ITC-BT-04 consistirá en, polo menos, un debuxo en planta das conducións eléctricas complementado con indicacións sobre a altura pola que pasan. En todo caso deberá terse en conta que:

a) No caso de instalacións con proxecto, os planos correspondentes ao esbozo de trazado deberá estar rotulado especificamente como esbozo de trazado. Ademais, formarán parte do anexo de información ao usuario a que fai referencia o artigo 19 do R.B.T.

b) No caso de instalacións con MTD, esta deberá presentar o formato establecido no anexo Ib da antedita Orde do 2 de febreiro de 2005

4. Comunicación de inicio de actividade noutra provincia da Comunidade Autónoma galega.

O artigo 12 da Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento, e outras actividades en materia de seguranza industrial establece no seu segundo parágrafo que para exercer a actividade noutra provincia distinta á de inscrición, as empresas autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia deberán comunicarllo á delegación provincial correspondente onde se teña previsto realizar a actividade.

A documentación que debe presentar a empresa para o cumprimento deste trámite limitarase exclusivamente á referida comunicación, podendo ter tal efecto a presentación de copia do certificado de instalador autorizado en baixa tensión (DCE). En ningún caso se cobrará ningunha taxa por recibir esta comunicación.

5. Validez dos cadros de obra sen marcación CE.

Os cadros eléctricos de baixa tensión de obras deben cumprir cos requirimentos establecidos no regulamento para baixa tensión e, en especial, co establecido na ITC-33, instalacións con fins especiais. Instalacións provisorias e temporais de obra.

Conforme o establecido no número 5.1 da ITC-BT-33, o responsable da conformidade dun cadro de obras, entre os cales pode figurar un instalador autorizado, deberá acreditar, mediante a presentación do certificado do laboratorio homologado, a realización das probas precisas para o cumprimento das prescricións da norma UNE 60.439-4.

6. Garaxes. Uso de tubos metálicos.

Segundo o establecido no número 4 da ITC-BT29, a clasificación dos garaxes será levada a cabo por un técnico competente, que xustificará os criterios e procedementos aplicados. A responsabilidade de establecer se o risco de explosión do garaxe é suficientemente baixo como para non ter que ser considerado como perigoso de clase I recae, por tanto, no proxectista.

Cando este xustifique que non existe o correspondente risco, debe ser considerado como axeitado ás ditas instalacións, ademais do tubo metálico, o tubo blindado conforme o establecido na táboa 3 do número 9.3 da referida ITC.

7. Taxas.

a) A ITC-BT-01, na súa definición 109 indica que se entenderá por potencia prevista ou instalada a potencia máxima capaz de subministrar unha instalación aos equipamentos e aparellos conectados a ela. Para o rexistro de instalacións eléctricas receptoras debe aplicarase a taxa 32.19.00, cuxo importe será o resultado de efectuar o seguinte cálculo:

Importe en euros= 20+0,6* (potencia en kW).

Entendendo por potencia en kW a máxima, isto é aquela a que se refire a antedita definición 109 da ITC-BT-01. Non é correcto, por tanto, calcular o importe da taxa usando o dato da potencia contratada que non é unha característica intrínseca da instalación. No entanto, isto non impide que no caso de instalacións eléctricas de edificios, o cálculo da taxa deba facerse tendo en conta o coeficiente de simultaneidade das distintas vivendas, polo que se aplicará sobre un valor inferior ao da suma das potencias de cada vivenda.

b) Por outra banda, tendo en conta que a potencia da instalación vén determinada polo térmico principal, xúntase como anexo I a táboa dos importes resultantes para as distintas instalacións individuais.

8. Seguro de responsabilidade civil.

O número 5 da ITC-BT-03 establece, entre outros, como requisito para obter a autorización de instalador en baixa tensión, a acreditación ante a comunidade autónoma de ter subscrito seguro de responsabilidade civil que cubra todos os riscos que poidan derivar das súas actuacións, mediante póliza por unha contía mínima de 600.000 euros para a categoría básica e de 900.000 euros para a categoría especialista, cantidade que se actualizará anualmente segundo a variación do índice de prezos de consumo, certificada polo Instituto Nacional de Estatística.

As ditas contías deben entenderse como que cobren en todo momento os danos ocasionados independentemente dos sinistros que se produciren. O importe actualizado das ditas coberturas son os que figuran na táboa do anexo II.

9. Canles protectoras en derivacións individuais.

En relación co uso de canles protectoras nas execución de derivacións individuais cómpre sinalar que o uso das ditas canles se encontra regulado na ITC-BT-15, que, no seu punto primeiro, establece que as derivacións individuais poderán estar constituídas, entre outras, por condutores illados no interior de canles protectoras cuxa tapa só poida ser aberta coa axuda dun útil. No punto segundo faise, así mesmo, referencia á sección das canles e ao caso en que se realicen agrupacións de derivacións nunha mesma canle. O regulamento acepta como válidas as derivacións individuais realizadas con canles protectoras aínda que no momento da entrada en vigor das especificacións técnicas particulares das empresas subministradoras, poidan realizarse aclaracións sobre a forma de executar estas derivacións realizadas con canles.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2007.

Anxo Ramón Calvo Silvosa

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO I

Instalacións cun só boletín

-Monofásico:

2×10= 2.300 w= 21,38 €.

2×16= 3.680 w= 22,20 €.

2×20= 4.600 w= 22,76 €.

2×25= 5.750 w= 23,45 €.

2×32= 7.360 w= 24,41 €.

2×40=9.200 w= 25,52 €.

2×50=11.500 w= 26,90 €.

2×63=14.490 w= 28,69 €.

-Trifásico:

4×10= 6.928 w= 24,15 €.

4×16= 11.085 w= 26,65 €.

4×20= 13.856 w= 28,31 €.

4×25=17.320 w= 30,39 €.

4×32=22.170 w= 33,30 €.

4×40=27.712 w= 36,62 €.

4×50= 34.641 w= 40,78 €.

4×63= 43.647 w= 46,18 €.

4×100= 69.282 w= 61,56 €.

4×125= 86.602 w= 71,96 €.

4×200= 138.564 w= 103,13 €.

4×250= 173.205 w= 123,92 €.