DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 04 de xuño de 2007 Páx. 9.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que convocan e regulan distintos programas de viaxes entre a Galicia emigrante e a Galicia territorial para residentes no exterior, durante o ano 2007.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no título preliminar, no seu artigo 7, o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Secretaría Xeral de Emigración, órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndelle entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior así como a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega e ao recoñecemento da realidade actual de Galicia no exterior. Co fin de promover a participación da colectividade galega na vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais e de atención aos maiores residentes no exterior con programas que permitan o achegamento a Galicia, con atención a aqueles que atravesan unha situación de maior debilidade social, e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 44/2006, do 2 de marzo, consonte o establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e no uso das facultades que a Secretaría Xeral de Emigración ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar programas orientados a promover o contacto dos galegos residentes no exterior cos seus familiares e coa súa terra, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Artigo 2º.-Programas.

Os programas convocados son os seguintes:

A) Programa Volver á terra, dirixido a facilitar o reencontro a aqueles emigrantes galegos residentes en Iberoamérica que non tivesen participado en programas de viaxe desta secretaría xeral nos últimos 15 anos. Na execución deste programa contarase coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Os beneficiarios estarán durante un período máximo de 14 días no mes de novembro, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia xestionado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, programándose actividades e excursións que favorezan o reencontro coa súa terra. Rematada esta estadía, poderán permanecer cos seus familiares en Galicia, ata completar un período máximo de 3 meses, sendo pola súa conta durante este tempo os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro gasto derivado da súa estadía.

B) Programa Volver á casa, dirixido a conceder viaxes a Galicia a custo reducido a emigrantes galegos e aos seus fillos todos eles maiores de cincuenta e cinco anos e residentes en Iberoamérica. Así mesmo poderán ser beneficiarios ás persoas unidas a eles por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. O programa desenvolverase preferentemente no mes de setembro.

C) Programa Viaxes de lecer, que ten por obxecto ofrecer un tempo de lecer aos emigrantes galegos residentes en Europa e aos naturais de Galicia asentados noutras comunidades autónomas de España, para gozaren e coñeceren a realidade actual do noso país, con actividades de convivencia e culturais referidas á nosa lingua, historia, así como os nosos costumes tradicionais. Así mesmo, poderán ser beneficiarios as persoas unidas a eles por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. Na execución deste programa contarase coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Os beneficiarios gozarán dunha estadía máxima de 14 días no mes de novembro nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia xestionado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 3º.-Bases dos programas.

As bases das respectivas convocatorias para cada un dos programas incorporaranse como anexos A, B e C nesta resolución.

Artigo 4º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes para estes programas será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De acordo co disposto na epígrafe d) deste artigo poderán presentarse nas representacións diplomáticas e oficinas consulares de España no estranxeiro.

Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Os interesados que non posúan certificado dixital e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se sinalan a continuación, para a presentación telemática das súas solicitudes:

* En Arxentina:

-Centro Gallego de Buenos Aires.

* En Brasil:

-Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

-Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Bahía.

-Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instr. São Paulo.

-Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

- Federación de Sociedades Gallegas en La Habana.

* En Uruguai:

-Unión de Sociedades Gallegas de Montevideo.

* En Venezuela:

-Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía telemática. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

As entidades colaboradoras no exterior, deberán remitir á Secretaría Xeral de Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos cinco días seguintes ao remate do prazo de presentación. Este prazo só será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral de Emigración.

Artigo 6º.-Aplicación orzamentaria.

Os gastos financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07 (actuacións derivadas da Lei de galeguidade). O crédito inicialmente destinado para estas finalidades é de 350.000 euros, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

A dita contía distribuirase da maneira que segue:

-Programa Volver á terra: 154.000 euros.

-Programa Volver á casa: 171.000 euros.

-Programa Viaxes de lecer: 25.000 euros.

O crédito asignado inicialmente a cada programa poderá ser redistribuído internamente entre os distintos programas en función das solicitudes de axuda presentadas e concedidas.

Artigo 7º.-Instrución do procedemento.

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nas correspondentes bases, elaboraranse as listas provisionais de admitidos e excluídos por programas, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas, no prazo máximo de 90 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http://www.galiciaaberta.com), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das entidades colaboradoras citadas no artigo 5º.

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web www.galiciaaberta.com para formular as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase desistido da súa petición, e procederase ao arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaboraranse as listas definitivas de admitidos e excluídos que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http://www.galiciaaberta.com) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das entidades colaboradoras citadas no artigo 5º.

2. Crearase unha comisión de avaliación, que ademais será órgano instrutor, presidida pola subdirectora xeral de Programas Sociais, ou persoa en que delegue, e composta polos seguintes membros:

-O xefe do servizo de Acción Social.

-Un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.

3. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución para os distintos programas. Posteriormente a comisión elaborará unha proposta de concesión que se elevará ao secretario xeral de Emigración, para a súa resolución.

4. Unha vez realizada a selección de beneficiarios o secretario xeral de Emigración ditará as resolucións oportunas e seranlle notificadas aos interesados a adxudicación das prazas. Así mesmo, publicarase na páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios e reservas.

5. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas aos correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación (sempre que o tempo de tramitación o permita).

No caso de realizarse outras edicións dalgún dos programas recollidos nesta resolución, adxudicaranse as prazas aos correspondentes reservas seguindo a orde de prelación.

6. Para ser beneficiarios destes programas será necesario que poidan valerse por si mesmos e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia que deberá acreditarse mediante os correspondentes certificados médicos.

Ademais, no caso do programa Volver á casa, tamén quedará supeditada ao compromiso de acollida dos familiares do solicitante residentes en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión.

7. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderanse entender desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Unidade económica familiar.

Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o primeiro grao sempre que convivan e dependan economicamente do solicitante.

As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de ter fillos en común abondará con acreditar a convivencia.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, os beneficiarios correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral de Emigración para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, podendo a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

3. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Agás nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios, polo que, a presentación da solicitude leva consigo a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web www.galiciaaberta.com.

4. A prestación da asistencia sanitaria dos beneficiarios será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Incompatibilidades e seguimento da resolución de concesión.

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o beneficiario.

2. A Secretaría Xeral de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao amparo desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean a disposición da Secretaría Xeral de Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida. Así mesmo, estarán na obriga de prestaren colaboración e facilitaren canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO A

Bases da convocatoria do programa Volver á terra.

Base primeira: solicitantes.

Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser emigrante galego.

2. Ter a nacionalidade española.

3. Residir con carácter ordinario en Iberoamérica.

4. Ter sesenta ou máis anos de idade contados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Levar polo menos os últimos 15 anos naturais sen participar en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.

6. Ser válido por si mesmo e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

7. Ter ingresos inferiores a 1,3 veces o importe das pensións asistenciais por ancianidade do Estado español, fixado en 2007 para o país de residencia. Estes importes aparecen reflectidos no anexo IV desta resolución. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de convivintes menos un.

Base segunda: características.

1. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo da viaxe dos beneficiarios desde os lugares de partida fixados pola secretaría xeral en Iberoamérica ata o lugar de destino designado en Galicia e da viaxe dos médicos que acompañarán aos grupos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela, propostos polas entidades colaboradoras. No caso de haber máis dunha proposta serán seleccionados por sorteo.

2. A Dirección Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar colaborará neste programa poñendo á disposición dos beneficiarios, dos médicos acompañantes e das persoas responsables das actividades socioculturais todos os servizos de aloxamento e manutención durante un período máximo de 14 días, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

3. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Secretaría Xeral de Emigración colaborarán na execución deste programa na realización das actividades socioculturais durante a súa estadía no establecemento residencial en Galicia.

4. Será por conta dos participantes o período de estadía durante a permanencia cos seus familiares en Galicia, unha vez rematada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período máximo de 3 meses.

5. Salvo manifestación en contra das persoas beneficiarias do programa, a Secretaría Xeral de Emigración xestionará o desprazamento dos beneficiarios deste programa.

Base terceira: número de prazas.

A asignación do número de prazas queda fixada como segue para o ano 2007:

Países e número de prazas:

Arxentina: 74.

Brasil: 10.

Cuba: 7.

Uruguai: 26.

Venezuela: 10.

Outros países: 4.

Total: 131.

Nos grupos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela virá un médico acompañante por proposta das entidades sinaladas no artigo 5º, que emitirá un certificado médico antes de iniciar a viaxe que acredite que non padece trastornos psicofísicos que lle impidan a súa realización.

Esta asignación de prazas poderá redistribuírse no caso de que nalgún país non se cubrise algunha das cotas anteriores.

Base cuarta: documentación.

A documentación necesaria para participar neste programa deberá estar integrada por:

1. Solicitude segundo o modelo normalizado que aparece no anexo I desta resolución.

2. Fotocopia do pasaporte español ou documento nacional de identidade español en vigor do solicitante. Certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente, se estes extremos non quedan debidamente acreditados polo pasaporte ou documento nacional de identidade.

3. Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.

4. Documentación acreditativa da residencia en Iberoamérica, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

5. Nos países nos que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada. De ser o caso de que o solicitante non estivese obrigado a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou os membros da unidade económica familiar.

Nos países nos que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou os membros da unidade económica familiar.

6. Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo I desta resolución, conforme as condicións imprescindibles establecidas no punto 6 da base primeira.

7. Fotografía actual tamaño carné.

8. Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

9. Documento no que conste se é beneficiario das pensións asistenciais por ancianidade do Estado español. De non presentalo entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado na base quinta deste anexo.

10. Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade.

Base quinta: criterios de selección.

Os criterios de selección para ser beneficiario serán os que se sinalan a continuación:

1. Estimarase como criterio preferente de selección ser beneficiario das pensións asistenciais por ancianidade.

2. Estimarase como segundo criterio de selección a maior idade do solicitante.

3. A selección dun solicitante levará aparellada, de ser así mesmo solicitante e cumprir os requisitos do programa, a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. Neste suposto só deberá cumprir o requisito de idade un dos solicitantes.

ANEXO B

Bases para a convocatoria do programa Volver á casa.

Base primeira: solicitantes.

Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser emigrante galego e cumprir cos seguintes requisitos:

1.1. Ter a nacionalidade española.

1.2. Residir con carácter ordinario en Iberoamérica.

1.3. Ter cincuenta e cinco ou máis anos de idade contados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

1.4. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.

1.5. Ser válido por si mesmo e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

1.6. Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia.

1.7. Ter ingresos inferiores a 3 veces o importe das pensións asistenciais por ancianidade do Estado español fixado en 2007 para o país de residencia, estes importes reflíctense no anexo IV desta resolución. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de convivintes menos un.

2. Poderán ser beneficiarios as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.2, 1.4, 1.5 e acheguen a documentación xustificativa.

3. Os fillos das persoas enumeradas no punto 1 deste artigo que sexan galegos e que cumpran os requisitos sinalados neste apartado.

Base segunda: características.

1. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60% do custo da viaxe a Galicia. Farase cargo do 80% naqueles países nos que a base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade no 2007 non supere os 1.800 € anuais. Estas contías aparecen reflectidas no anexo IV desta resolución.

2. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo dos gastos da viaxe dos médicos acompañantes propostos polas entidades sinaladas no artigo 5º, que serán encargados de emitir un certificado médico antes de iniciar a viaxe que acreditase que non padece trastornos psicofísicos que lle impidan a súa realización, sendo por conta destes o seu aloxamento, manutención e calquera outro gasto derivado da súa estadía.

3. Os gastos de aloxamento, manutención e demais ocasionados pola súa estadía durante a residencia cos seus familiares en Galicia será por conta dos participantes.

4. A Secretaría Xeral de Emigración establecerá a forma e prazo en que os interesados deberán pagar a cantidade que lle corresponda en concepto de porcentaxe de custo da pasaxe e en proba da conformidade coa viaxe. Entenderase que os que non cumpren este requisito desisten da solicitude.

5. Salvo manifestación en contra das persoas beneficiarias do programa, a Secretaría Xeral de Emigración xestionará o desprazamento destas.

Base terceira: número de prazas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2007, do seguinte xeito:

Países e número de prazas:

Arxentina: 170.

Brasil: 20.

Cuba: 20.

Uruguai: 90.

Venezuela: 30.

Outros países: 6.

Total: 336.

Nos grupos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela virá un médico acompañante, por proposta das entidades sinaladas no artigo 5º, que será o encargado dos preceptivos recoñecementos médicos. No caso de haber máis dunha proposta será seleccionado por sorteo.

O 90% das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados na base primeira punto 1 e o 10% restante ás persoas que cumpran os requisitos da base primeira punto 3 deste anexo.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Esta asignación de prazas poderá redistribuírse no caso de que nalgún país non se cubrise algunha das cotas anteriores.

Poderanse organizar outras edicións deste programa, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Base cuarta: documentación.

1. A documentación que deberá achegar o solicitante será a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado que aparece no anexo II desta resolución.

b) Fotocopia do pasaporte español ou documento nacional de identidade español en vigor do solicitante. Certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no rexistro de matrícula como residente, se estes extremos non quedan debidamente acreditados polo pasaporte ou documento nacional de identidade.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. No caso de que o solicitante sexa un fillo deberá acreditar a súa condición de galego mediante a inscrición no correspondente rexistro.

d) Documentación acreditativa da residencia en Iberoamérica.

e) Nos países nos que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou acción similar, copia da última declaración presentada. De ser o caso de que o solicitante non estivese obrigado a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Nos países nos que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou acción similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou os membros da unidade económica familiar.

g) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II desta orde, conforme as condicións imprescindibles establecidas no punto 1.5 da base primeira.

h) Fotografía actual tamaño carné.

i) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

j) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade.

2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en Iberoamérica.

c) Fotocopia da declaración da renda correspondente ao ano 2005 ou documentación equivalente.

d) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II desta resolución.

e) Fotografía actual tamaño carné.

f) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade.

Base quinta: criterios de selección.

Os criterios de selección para ser beneficiario serán os que se sinalan a continuación:

1. Estimaranse como criterios preferentes de selección, nesta orde:

a) Non ter participado en anos anteriores neste programa.

b) O tempo transcorrido sen beneficiarse do programa.

c) A maior idade.

2. A selección dun solicitante emigrante galego levará aparellada a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que reúna os requisitos establecidos no punto 2 da base primeira.

3. A selección dun solicitante fillo de emigrante galego levará aparellada de ser así mesmo solicitante e cumprir os requisitos a persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. Neste suposto só deberá cumprir o requisito de idade un dos solicitantes.

ANEXO C

Bases para a convocatoria do programa Viaxes de lecer.

Base primeira: solicitantes.

1. Poderán ser solicitantes deste programa os emigrantes galegos residentes en Europa e os naturais de Galicia que residan noutra comunidade autónoma que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ter a nacionalidade española.

1.2. Residir noutra comunidade autónoma de España ou noutro país de Europa.

1.3. Ter sesenta ou máis anos de idade contados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

1.4. Non ter participado, nos últimos sete anos naturais, en anteriores edicións deste programa.

1.5. Ser válido por si mesmo e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia.

1.6. Non ter recursos económicos suficientes. Para os efectos desta resolución consideraranse recursos económicos insuficientes cando os ingresos per cápita da unión económica familiar sexan inferiores a 22.000 euros.

2. Poderán tamén ser beneficiarios as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.2, 1.4, 1.5 e 1.6 da epígrafe anterior e terán que achegar a documentación xustificativa.

Base segunda: características.

1. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo da viaxe dos seleccionados desde os lugares de partida fixados pola Secretaría Xeral de Emigración ata os lugares de destino designados en Galicia.

2. A Dirección Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar colaborará neste programa poñendo a disposición dos beneficiarios todos os servizos de aloxamento e manutención derivados da estadía, durante un período máximo de 14 días, nunha residencia de tempo libre de Galicia ou noutro establecemento residencial.

3. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Secretaría Xeral de Emigración colaborarán na execución deste programa na realización das actividades socioculturais durante a súa estadía no establecemento residencial en Galicia.

4. Será por conta dos participantes o período de estadía, unha vez rematada a estadía no centro residencial, ata completar un período máximo de 3 meses.

5. Salvo manifestación en contra das persoas beneficiarias do programa, a Secretaría Xeral de Emigración xestionará o desprazamento destes.

Base terceira: número de prazas.

1. O número de prazas convocadas neste programa é de 136.

2. Poderanse organizar outras edicións deste programa no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Base cuarta: documentación.

1. A documentación que deberá achegar o solicitante será a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo III desta resolución.

b) Fotocopia do pasaporte español ou documento nacional de identidade en vigor do solicitante. Certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente, se estes extremos non quedan debidamente acreditados polo pasaporte ou documento nacional de identidade.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia ou de ser natural de Galicia, no caso de residir en España.

d) Documentación acreditativa da residencia noutra comunidade autónoma ou nun país europeo.

e) Fotocopias da declaración da renda correspondente ao ano 2005. Se o solicitante reside noutro país presentará documentación equivalente.

f) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo III desta resolución, conforme as condicións imprescindibles establecidas no punto 1.5 da base primeira.

g) Fotografía actual tamaño carné.

h) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

i) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade.

2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia noutra comunidade autónoma ou nun país europeo.

c) Fotocopia da declaración da renda correspondente ao ano 2005 ou documentación equivalente.

d) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo III desta resolución.

e) Fotografía actual tamaño carné.

f) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade.

Base quinta: criterios de selección.

Os criterios de selección para ser beneficiario serán os que se sinalan a continuación:

1. Estimarase como criterio preferente de selección non ter participado en anteriores edicións deste programa.

2. Estimarase como segundo criterio de selección a maior idade do solicitante.

3. A selección dunha persoa levará aparellada a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que reúna os requisitos establecidos no punto 2 da base primeira.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2007.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración