DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 04 de xuño de 2007 Páx. 9.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 25 de maio de 2007 pola que se dispón o cumprimento da sentenza 777/2006, do 14 de setembro, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anula o Decreto 51/2001, do 22 de febreiro, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Calvos de Randín e Muíños.

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou a sentenza 777/2006, con data do 14 de setembro de 2006, no recurso contencioso-administrativo número 4457/2001 interposto polo Concello de Muíños contra o Decreto 51/2001, do 22 de febreiro, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Calvos de Randín e Muíños.

A parte dispositiva da devantida sentenza do 14 de setembro de 2006 contén o seguinte pronunciamento:

«Decidimos estimar parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto polo Concello de Muíños (Ourense) contra o Decreto 51/2001, do 22 de febreiro, do Consello da Xunta de Galicia, sobre deslindamento dos termos municipais dos concellos de Calvos de Randín e Muíños. Anulamos a dita resolución por ser contraria a dereito; sen facer especial condena en custas».

De conformidade co establecido nos artigos 118 da Constitución española, 17 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e 103 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ao ser a devantida sentenza firme, esta consellería dispón a publicación da decisión no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento e cumprimento nos seus propios termos.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza