DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 31 de maio de 2007 Páx. 9.034

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 96/2007, do 3 de maio, polo que se crean as xerencias de Atención Primaria de Pontevedra e a de Vigo.

A calidade na asistencia sanitaria no nivel primario, que ten como obxectivo inmediato tratar as persoas que sofren, ou potencialmente poden sufrir, un trastorno na súa saúde, fixo no seu momento necesaria unha estrutura directiva das xerencias de Atención Primaria próxima e profesionalizada, que baixo as directrices da Consellería de Sanidade e do Sergas, e en sintonía co persoal profesional, axudasen a estes no desenvolvemento do seu labor asistencial do xeito máis eficiente posible.

Estas xerencias de Atención Primaria e a súa estrutura directiva foron creadas polo Decreto 252/1994, do 29 de xullo, e o seu desenvolvemento realizouse a través da orde da Consellería de Sanidade do 11 de maio de 1995.

A Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra-Vigo ten adscrita na actualidade unha poboación de máis de 900.000 habitantes e a totalidade dos municipios da provincia, xerando unha situación de imposibilidade de xestión con criterios de eficacia e eficiencia, que fai necesario proceder ao seu desdobramento inmediato, mediante a modificación da actual estrutura, quedando dese modo dividida en dúas, a de Pontevedra e a de Vigo.

En consecuencia, de acordo co exposto anteriormente, por proposta da conselleira de Sanidade e en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Créanse as xerencias de Atención Primaria de Pontevedra e a de Vigo.

2. A Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra comprenderá as áreas de saúde de Pontevedra e O Salnés, e os concellos da provincia de Pontevedra incluídos no mapa sanitario na área de saúde de Santiago.

3. A xerencia de Atención Primaria de Vigo comprenderá a área de saúde de Vigo.

Artigo 2º

A zona de saúde de Atención Primaria de Vilanova de Arousa, comprenderá, ademais, a Ila de Arousa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Sanidade a ditar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2007.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade