DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 29 de maio de 2007 Páx. 8.866

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2007 pola que se anuncia a convocatoria pública de axudas e subvencións para investimentos de empresas do sector da maxia para o ano 2007.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) é un organismo autónomo de carácter comercial, creado como servizo público de promoción cultural que ten por obxecto o desenvolvemento da política cultural en relación coa produción, promoción e difusión das artes escénicas e musicais, segundo o previsto no artigo 8 da Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (modificada pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro), e o artigo 5 do Decreto 107/1993, do 12 de maio, de desenvolvemento da lei antedita; e pode realizar cantas actividades comerciais e industriais se requiran para o logro dos seus obxectivos, mesmo mediante a realización para estes efectos «de coproducións ou a celebración de convenios e concertos con empresas artísticas de carácter profesional» (artigo 9 c) da Lei 4/1989, e 6 c) do Decreto 107/1993), así como «celebrar convenios e concertos con institucións públicas e privadas para levar a cabo as tarefas da súa

competencia» e, en xeral, «realizar accións de fomento e difusión das artes escénicas e musicais, así como calquera outra iniciativa ou acción tendente á consecución dos obxectivos que se lle atribúen» (artigo 9, alíneas h), i) e j) da devandita lei, e 6 h), i) e j) do dito decreto de desenvolvemento).

O sector da maxia ten mostrado nos últimos anos un importante dinamismo, cun progresivo incremento do número de empresas que conforman o sector e unha paralela consolidación das súas estruturas produtivas. A realidade actual do sector implica a necesidade de incorporar, dentro das políticas de apoio ás artes escénicas, instrumentos específicos de apoio á maxia. Nesta liña, durante o presente exercicio 2007 o IGAEM implantou programacións específicas de maxia na oferta de espectáculos incluída dentro do seu circuíto de programación propia da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Este ano, considérase oportuno completar a política de programacións con outras medidas de apoio ao tecido empresarial, que contribúan ao aumento e consolidación das empresas do sector e á constitución dun mercado das artes escénicas e musicais amplo e dinámico.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, a presidenta do IGAEM aprobou -na xuntanza do Consello Reitor deste organismo mantida o 4 de maio de 2007- a convocatoria pública de axudas e subvencións para investimentos de empresas no sector da maxia para o ano 2007; todo isto de acordo coas seguintes bases:

Capítulo I

Ámbito e réxime de axudas

Primeira.-Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación.

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/1989, do 21 de abril, de creación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, ten por obxecto fixar as bases, en réxime de concorrencia competitiva, que regularán o réxime de axudas e subvencións establecidas polo IGAEM para a realización de investimentos produtivos por parte das empresas produtoras e distribuidoras de espectáculos de maxia, dentro do marco das competencias deste organismo; procedéndose á súa convocatoria para o presente ano 2007.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto nesta resolución, así como no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia; e, supletoriamente, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-Beneficiarios.

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas que teñan como actividade habitual a produción e distribución mercantil de espectáculos de maxia, con domicilio ou sede social na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando exceptuadas as asociacións e demais entidades sen fins de lucro.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións que se establecen nos termos previstos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursos en tales circunstancias, consonte co modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

Terceira.- Custos ou gastos subvencionados.

Os custos ou gastos subvencionados obxecto desta convocatoria consistirán en proxectos de investimento de contía non inferior aos 8.000 € (oito mil euros), destinados a axudas para investimentos realizados entre o 1 de xaneiro de 2007 e o 30 de novembro de 2007, incluíndose:

-Aparellos de maxia ou aparellos de específica e insubstituíble necesidade para a creación de momentos máxicos, segundo a seguinte clasificación:

a) Aparellos de maxia certificados de nova adquisición, cun prezo unitario non inferior aos 1.500 €.

b) Aparallos de fabricación sobre plano, cun prezo unitario non inferior aos 2.000 €.

c) Aparellos de nova creación, cun prezo unitario non inferior aos 3.000 €.

-Equipamento escénico, cun prezo unitario non inferior aos 1.000 €, consistente en:

a) Equipamento de son.

b) Equipamento de luz.

c) Equipamento escenográfico.

-Vehículos industriais.

Cuarta.- Contía das axudas.

O importe da axuda será, como máximo, do 50% do importe total do proxecto de investimento presentado, co límite máximo por beneficiario de 10.000 € (dez mil euros) e un límite mínimo de 3.000 € (tres mil euros).

Capítulo II

Normas xerais

Quinta.-Réxime regulador, imputación de créditos e contía das axudas.

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase a través do réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios de valoración fixados nesta convocatoria.

2. As axudas convocadas imputaranse con cargo ao crédito que se sinala e a súa concesión estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. O seu pagamento financiarase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente.

3. O importe global máximo das axudas será de 60.000 € (sesenta mil euros); suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 12.90.432B.770.0 do exercicio de gastos do IGAEM, previstos inicialmente para o vixente período orzamentario. Estas contías están recollidas na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, teñen carácter anual e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta convocatoria de axudas.

Capítulo III

Procedemento: solicitudes, valoración e xustificación

Sexta.-Inicio do procedemento: solicitudes e presentación das instancias.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao xerente do IGAEM, deberán axustarse ao modelo publicado no anexo I desta resolución. Poderán presentarse nos servizos, rexistros e oficinas correspondentes das comunidades autónomas, consonte co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na súa disposición adicional 18ª.

2. Estas bases, así como as solicitudes e os anexos que a acompañan, estarán dispoñibles nas dependencias deste instituto, quedando, pola súa vez, expostas no taboleiro de anuncios do IGAEM.

Sétima.-Prazos para a instrución e tramitación das solicitudes.

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). De caer en inhábil o derradeiro día de prazo, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil inmediatamente seguinte a aquel.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados nesta resolución ou os que con carácter xeral se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días, contados desde a data de notificación do requirimento, emende o defecto advertido, emende a falta detectada ou presente os documentos preceptivos; indicándose ademais que, de non o facer, se lle terá por desistido na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos recollidos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71 desta.

Oitava.-Documentación requirida aos solicitantes.

1. Ademais da solicitude mencionada na base sexta desta resolución, os interesados nestas axudas presentarán obrigatoriamente a seguinte documentación, mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:

1º Se o solicitante é unha persoa física, fotocopia compulsada do seu documento nacional de identidade ou, de ser estranxeiro, do pasaporte ou documento equivalente, así como certificado de estar dado de alta no IAE, na epígrafe/subepígrafe que corresponda.

2º Se o solicitante é unha persoa xurídica, orixinal ou fotocopia compulsada do CIF ou documento equivalente; certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE), na epígrafe e subepígrafe que corresponda; orixinal ou copia compulsada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución, inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda; e documentación que acredite de forma suficiente a representación e identidade de quen asina a solicitude (DNI ou pasaporte), xunto co certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine no nome da entidade.

No suposto de tratarse de sociedades civís e comunidades de bens -ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia-, deberán nomear un representante ou apoderado legal único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación (deberán facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda, debendo igualmente facer constar de forma expresa os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará a cada un).

Así mesmo, deberá exixírselle a este tipo de agrupacións sen personalidade xurídica propia o compromiso de non-disolución destas durante todo o tempo que dure a actividade subvencionada, consonte co artigo 11 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

3º Ficha de transferencia bancaria e/ou certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo III).

4º Declaración comprensiva de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións (anexo II).

5º Orzamento ou factura pro-forma dos investimentos que se vai realizar.

6º Memoria da empresa (anexo IV), xunto coa documentación acreditativa da información recollida nela.

2. Cando a documentación anteriormente requirida xa estivese en poder do IGAEM, o solicitante quedará eximido da súa presentación, sempre e cando así o solicite expresamente e se certifique que non sufriu variación, especificando o expediente de axudas ou subvencións en que se atopase.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención pola persoa interesada, acompañándoa co modelo recollido no anexo I que se achega con esta resolución, comportará a autorización ao IGAEM para que este poida solicitar os certificados de débedas que deban emitir os organismos correspondentes da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Economía e Facenda, consonte coa documentación requirida nas presentes bases e co establecido no artigo 43 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2007.

Novena.-Procedemento de concesión das axudas: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes.

1. A Xerencia do IGAEM, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos contemplados no artigo 24 da Lei xeral de subvencións e 9 do Decreto autonómico 287/2000, do 21 de novembro, correspondéndolle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1. Examinar as solicitudes e documentación presentada.

2. Requirir das persoas solicitantes a emenda da documentación que resultase de obrigada achega.

3. Formular a proposta de resolución.

Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderá pedirse información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura e Deporte, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Xerencia do IGAEM poderá requirir aos solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

2. Para a concesión destas axudas serán tidos en consideración os criterios e puntuacións que se relacionan e recollen na cláusula 11ª desta resolución.

3. As comisións de valoración a que se refire a cláusula seguinte desta resolución examinarán os proxectos, tendo en conta os criterios de valoración. Así mesmo, elaborarán un informe preceptivo, que non será vinculante, relacionando os proxectos examinados por orde de prelación.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de valoración, a Xerencia do IGAEM elaborará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

Décima.-Comisións de valoración.

1. Para a avaliación das solicitudes presentadas, constituirase unha comisión de valoración (ou comisión avaliadora), da que non poderán formar parte aquelas persoas directa ou indirectamente relacionadas cos expedientes obxecto de valoración. Tanto esta comisión como o órgano instrutor especificado na base anterior poderán solicitar dos interesados cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para a debida baremación dos proxectos.

2. A comisión de valoración estará integrada polo xerente do IGAEM -ou persoa en que este delegue- como presidente da comisión; por un membro do cadro de persoal do IGAEM (que exercerá as funcións de secretario da comisión, con voz e sen voto); e por catro vogais.

3. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal, non podendo actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

Décimo primeira.-Criterios de valoración e baremación.

A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos seguintes criterios:

Porcentaxe da subvención solicitada con respecto ao importe final e total do proxecto de investimento. Neste sentido, o solicitante que presente un proxecto de investimento no que asuma unha porcentaxe maior dos gastos orzados ou estimados é o que recibirá unha maior puntuación nesta epígrafe.

No caso de empate, importe total do proxecto de investimento. Neste sentido, valorarase maioritariamente aquela ou aquelas solicitudes que acheguen o proxecto de investimento de importe superior, dos que estean empatados respecto do punto anterior.

Décimo segunda.-Resolución da convocatoria.

1. Unha vez cumprido, se é o caso, co trámite de audiencia -que non será superior a dez días- e con todo o disposto no clausulado anterior, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución correspondente, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á presidenta do IGAEM.

2. A presidenta do IGAEM, como órgano xerárquico superior responsable da resolución definitiva da convocatoria de subvencións, ditará resolución expresa a este respecto. Esta resolución deberá publicarse no prazo máximo de seis meses, contado dende o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria pública, será motivada e farase constar os beneficiarios, a contía da axuda e unha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia. Este medio de comunicación será obrigatorio, sen prexuízo de que poida ser completado coa súa inserción na páxina web do IGAEM, así como no taboleiro de anuncios que se atopa á disposición dos administrados nas dependencias deste organismo. A notificación da resolución ás persoas adxudicatarias da axuda cursarase no prazo de 10 días naturais seguintes ao da súa adopción. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se ditase nin recaese resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria da concesión da subvención.

4. A resolución de concesión de axudas ditada non é definitiva na vía administrativa, consonte co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia, e contra dela cabe interpor recurso de alzada ante a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte á data da súa publicación no DOG ou o da súa notificación, e ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos arts. 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo terceira.-Pagamento e xustificación: documentación requirida.

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase dunha soa vez, sempre e cando se acreditase que a compra ou adquisición foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados, e se xustifique correctamente o seu emprego.

2. O prazo de xustificación da axuda percibida rematará o día 30 de novembro de 2007. A partir desta data límite o crédito orzamentario quedará anulado, perdendo o adxudicatario todo dereito a cobrar a axuda concedida inicialmente, de non presentar a documentación que se especifica na epígrafe seguinte dentro do indicado prazo de xustificación.

3. A documentación específica requirida para o aboamento da subvención será a seguinte:

-Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas ou debidamente autenticadas, dos gastos imputados á compra ou adquisición obxecto da subvención, por importe igual ou superior ao proxecto de investimento aprobado.

-Certificación acreditativa da incorporación do investimento realizado ao inventario da entidade.

4. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma galega; estando autorizado o IGAEM (consonte coa previsión contida na cláusula 8ª, parágrafo 3º desta resolución) para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Décimo cuarta.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios destas axudas adquiren as obrigas que se reflicten nesta resolución e no resto da normativa de aplicación e, con carácter xeral, as que se relacionan a continuación:

1º Comunicar ao IGAEM a aceptación por escrito da axuda no prazo máximo de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción efectiva da notificación da concesión da subvención. No suposto de non comunicarse esta aceptación, entenderase que o beneficiario renuncia a esta axuda e perderá todo dereito á súa percepción.

2º Realizar a compra ou adquisición que fundamenta a concesión da axuda ou subvención -de acordo co programa presentado- durante o tempo máximo que se estableza e, en todo caso, antes do remate do prazo da súa xustificación.

3º Manter os bens subvencionados no patrimonio da entidade por un prazo non inferior ao mínimo de amortización establecido na normativa tributaria para cada modalidade de ben.

4º Xustificar a axuda concedida nos termos establecidos nos puntos ulteriores para cada modalidade.

5º Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos que se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto.

6º Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das condicións que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios.

7º Incorporar de forma visible nos materiais que se utilicen para a difusión das actividades subvencionadas o logotipo do IGAEM, coa súa adscrición á Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, respectando as súas normas de identidade corporativa, e inseríndoo nun lugar preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións que a entidade subvencionada.

8º Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario para cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos lle sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control descritas anteriormente.

9º Conservar os documentados xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, mesmo os documentos electrónicos, por un período de cinco (5) anos, en tanto en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control recollidas no punto 4º desta epígrafe.

10º Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o TR da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, consonte coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e no Decreto autonómico 287/2000, do 21 de novembro.

2. O incumprimento dos anteriores deberes previstos e obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o TR da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do disposto nas cláusulas 15ª e 17ª destas bases.

Décimo quinta.-Revogación e reintegro das subvencións.

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprimento das obrigas anteriormente sinaladas, nos casos e termos establecidos no artigo 37 da Lei xeral de subvencións, no artigo 78 da citada Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no artigo 19 do Decreto autonómico 287/2000, do 21 de novembro, así como o incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria.

2. No suposto de incumprimento parcial, a fixación da suma que deba ser reintegrada determinarase en aplicación do principio de proporcionalidade, sempre que a actividade desenvolvida se aproxime significativamente ao cumprimento total e acrediten os beneficiarios unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos.

3. O reintegro do importe percibido, cando proceda, rexerase polo procedemento establecido no artigo 20 do citado Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e supletoriamente polo disposto no título II da dita Lei 38/2003. Esta obriga, ademais, enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Décimo sexta.-Incompatibilidades e concorrencia doutras axudas.

1. O importe das axudas reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100% do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario; isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda crecollidas nas cláusulas que seguen.

2. Tampouco se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos na cláusula 3ª destas bases.

Décimo sétima.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e subvencións aquí recollidas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución inicial de concesión e, eventualmente, á súa revogación; podendo en tal caso o IGAEM proceder á reclamación e conseguinte reintegro, total ou parcial, da suma concedida á compañía adxudicataria.

2. Do mesmo xeito, procederá o dito reintegro total ou parcial nos supostos previstos número 10º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Xerencia do IGAEM e, por delegación desta, os servizos e unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo, poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan na presente resolución e na de adxudicación das axudas. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición tanto da Xerencia como do Departamento de Xestión Económico-Administrativa deste instituto, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Segunda.-A Xerencia do IGAEM e, por delegación súa, os servizos e unidades administrativas deste organismo, poderán requirir en todo momento, como actuacións encamiñadas á comprobación da veracidade dos datos aducidos, a presentación da documentación orixinal e complementaria que se considere necesaria, para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas e recollidas nesta convocatoria, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atope en poder da Administración actuante, sempre e cando non transcorresen máis de cinco anos desde o remate do procedemento a que corresponda e non sufrise modificación ningunha desde a súa presentación. Neste mesmo sentido, a presentación da instancia polo solicitante ou solicitantes beneficiarios implicará a autorización a este organismo para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos ante os

servizos tributarios correspondentes, e a solicitar o certificado que emitirá a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Posibilidade de recurso.

A presente resolución non é definitiva na vía administrativa, consonte co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia, e contra dela cabe interpor recurso de alzada ante a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia no prazo dun meses contado desde o día seguinte á data da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigo 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Segunda.- Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O que se fai público para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Presidenta do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais