DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 29 de maio de 2007 Páx. 8.865

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 21 de maio de 2007 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde do 11 de decembro de 2006 pola que se establecen as bases e se convoca para o ano 2007 o programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos.

O día 15 de decembro de 2006, a Consellería de Traballo publicou a Orde do 11 de decembro de 2006 (DOG nº 240, do 15 de decembro) pola que se establecen as bases e se convoca para o ano 2007 o programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos.

Na súa disposición adicional sexta establécense as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que as dotacións iniciais poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou de redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes de axudas ao fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos, e como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para o mesmo fin, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida orde.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A dotación orzamentaria prevista para as axudas para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos da Orde do 11 de decembro de 2006 (DOG nº 240, do 15 de decembro), amplíanse con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes nas seguintes aplicacións: 16.02.322Z.470.1, código de proxecto 2002 14 443, cun crédito de 1.028.896,04 euros, orzamento do Programa Operativo Integrado de Galicia, 2000-2006, cofinanciado polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 75%.

Artigo 2º

A disposición adicional sexta da Orde do 11 de decembro de 2006 (DOG nº 240, do 15 de decembro) pola que se establecen as bases e se convoca para o ano 2007 o programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos establece que no exercicio 2007, as axudas recollidas na orde, entre outras, e de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais para o ano 2007, financiaranse con cargo aos créditos que figuran na aplicación orzamentaria 16.02.322C.470.4, código de proxecto, 2007 00 678, cun crédito de 10.000.000 de euros.

A Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, establece para a aplicación orzamentaria 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 678, un crédito definitivo de 4.000.000 de euros e crea unha nova aplicación 16.02.322C.470.6, código de proxecto 2007 00 749, cun crédito de 6.000.000 de euros. Por isto, co obxecto de adecuar a disposición adicional sexta da dita orde coa Lei 14/2006, o programa de transformacións financiarase mediante as aplicacións orzamentarias, 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 678, cun crédito de 4.000.000 de euros e coa aplicación 16.02.322C.470.6, código de proxecto 2007 00 749, cun crédito de 6.000.000 de euros, que constitúen, xunto coas demais aplicacións establecidas na disposición adicional sexta, o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, para a orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como

iniciativas locais de emprego (ILE) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; e orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e das demais ordes que establezan as bases das medidas do fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras e autoemprego.

Artigo 3º

A ampliación do crédito prevista no artigo 1º desta orde non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 11 de decembro de 2006.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS