DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 29 de maio de 2007 Páx. 8.859

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 24 de maio de 2007 pola que se prorroga ata o 30 de xuño o prazo para a presentación de alegacións e solicitudes de modificación ao Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas, establecido pola Orde do 30 de xaneiro de 2007.

A Orde do 30 de xaneiro de 2007, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 22, do 31, establece, entre outras cuestións, e en relación co Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac), o tipo, lugar e prazo para a presentación das alegacións e solicitudes de modificación de certa información contida no sistema. Así, os artigos 15 e 16 desta orde establecen a utilización, acceso e verificación do Sixpac, podendo presentar alegacións á información contida nel por erros existentes, ou ben solicitudes de modificación, por cambios posteriores. E no parágrafo segundo do artigo 17 sinálase que o prazo de presentación das anteditas alegacións ou solicitudes será ata o 31 de maio de 2007, para que as resolucións teñan efecto sobre as superficies validadas das solicitudes de axuda tramitadas en 2007.

Tendo en conta que o Sixpac é a base identificativa de parcelas obxecto de calquera tipo de axuda baseada na superficie e que o prazo de presentación da solicitude de pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría para a campaña 2007/2008 se prorrogou pola orde da Consellería do Medio Rural do 9 de marzo de 2007, considérase necesario prorrogar tamén o prazo para a presentación de alegacións e solicitudes de modificación ao dito sistema de identificación, facultando todos os interesados para unha mellor depuración do Sixpac.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do EAG e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e no Decreto 562/2005, do 1 de decembro.

DISPOÑO:

Artigo único.-O prazo previsto no artigo 17, parágrafo segundo, da Orde do 30 de xaneiro de 2007 (DOG nº 22, do 31 de xaneiro) pola que se regula a aplicación do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, así como a indemnización compensatoria, no ano 2007, referido á presentación de alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac, prorrógase ata o 30 de xuño de 2007, incluído.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural