DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 29 de maio de 2007 Páx. 8.852

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2007, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se lle dá publicidade ao acordo da Comisión Paritaria de Acción Social sobre os criterios de repartición do fondo de acción social para o ano 2007 do persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co acordado pola Comisión Paritaria de Acción Social, dependente da Mesa Sectorial de Negociación do persoal ao servizo da Administración de xustiza nesta comunidade autónoma, en reunión celebrada o día 11 de maio de 2007 polos representantes da Administración autonómica e as organizacións sindicais presentes na negociación, sobre os criterios de repartición do fondo de acción social para o ano 2007 do referido persoal, esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro.-Publicar a convocatoria de acción social de 2007 para os funcionarios ao servizo da Administración de xustiza como anexo I desta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2007.

Begoña Santos Fernández

Directora xeral de Xustiza

ANEXO I

Convocatoria de acción social 2007

A Dirección Xeral de Xustiza, por proposta da Comisión Paritaria de Acción Social, aproba a convocatoria pública dos programas e contías que se expresan a seguir:

O orzamento total para a convocatoria de acción social para o ano 2007 é de 211.674,68 €.

Programa Porcentaxe Contía

I Axuda fillos e estudos fillos 67,00% 141.822,03 €

II Axuda estudos funcionarios 28,65% 60.644,80 €

III Axuda minusvalideces e outras 3,15% 6.667,75 €

IV Outras axudas 1,20% 2.540,10 €

Condicións xerais

1. Ámbito persoal.

a) Poderán solicitar as prestacións dos distintos programas os funcionarios titulares e interinos dos seguintes corpos ao servizo da Administración de xustiza:

Médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial.

b) O persoal referido no parágrafo anterior deberá estar en situación de activo ou en excedencia por coidado de fillos na Administración de xustiza e con destino nesta comunidade autónoma na data de inicio do prazo de presentación das solicitudes e reunir os requisitos exixidos para cada programa.

c) Tamén poden solicitar as prestacións dos distintos programas os funcionarios interinos da Administración de xustiza sempre que prestasen servizos nalgún momento nesta comunidade autónoma no período comprendido entre o remate da acción social do ano pasado (15-8-2006) ata a finalización do prazo de presentación de instancias deste ano (31-7-2007).

d) As prestacións desta acción social son incompatibles coas que poidan conceder outras administracións.

2. Baremo.

1. Terase en conta a contía dos salarios medios do persoal comprendido no punto anterior e que se especifica a seguir:

Médicos forenses: 30.606,98 €.

Xestión procesual e admtva.: 19.112,34 €.

Tramitación procesual e admtva.: 15.031,42 €.

Auxilio xudicial: 12.582,86 €.

Para o cálculo da axuda do programa I, deberase aplicar a seguinte fórmula:

57.096,15-salario medio

Coeficiente= -0.2

12.020,24+salario medio

2. Co obxecto de evitar as desproporcións que puider provocar o feito de que as retribucións do peticionario non fosen referidas a todo o exercicio anual (2006), por tomar posesión do seu cargo ao longo do ano e non desde o principio, dando orixe a un salario reducido por este motivo e polo tanto cun maior coeficiente, o que se considera inadmisible, aplícaselles como salario para o cálculo da axuda as cantidades mínimas seguintes:

Médicos forenses: 19.724,50 €.

Xestión procesual e admtva.: 12.242,78 €.

Tramitación procesual e admtva.: 9.522,16 €.

Auxilio xudicial: 8.161,87 €.

3. Convocatoria.

a) O prazo de presentación das solicitudes é o abranguido entre o día 1 de xuño e 31 de xullo, ambos os dous incluídos.

b) Serán nulas todas as instancias que non se presenten dentro do prazo da convocatoria.

c) O período que comprenden estas axudas será desde o remate da convocatoria anterior (15 de agosto de 2006) ata o prazo de finalización de presentación de solicitudes desta.

4. Solicitudes e documentación.

a) Os interesados deberán presentar unha solicitude por cada un dos programas que soliciten.

b) As solicitudes deberán cubrirse obrigatoriamente polo portal do empregado público e ao mesmo tempo dirixir esa instancia (co número dado no portal) ao Servizo de Recursos Humanos da Administración de Xustiza da Dirección Xeral de Xustiza, en praza de Europa, 5A-4º, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, ou nos lugares previstos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Os solicitantes destinados nos xulgados de paz e os interinos que non se encontren traballando deberán presentar instancia orixinal (copia do DOG) dirixida ao enderezo que figura na alínea b).

d) Os solicitantes deben xuntar á petición os documentos que se exixen en cada unha das axudas, xustificando os feitos que se aleguen mediante certificación ou copia cotexada.

e) Os documentos especiais exixidos, se é o caso, en cada programa constarán nas condicións específicas.

f) Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou riscos.

g) A ocultación de datos, a falsidade na documentación achegada ou a omisión da requirida darán lugar á denegación da axuda solicitada ou perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades a que houber lugar. En calquera dos casos, non se poderá acceder a ningún tipo de axuda durante o tempo que determine a Comisión de Acción Social atendendo á gravidade dos feitos, cun mínimo de cinco anos e un máximo de dez.

5. Desestimacións e anulacións.

A reunión de todos os requisitos exixidos, tanto de carácter persoal como documental ou formal, permitirán a consideración da solicitude e pasará á fase de baremo para fixar a contía da axuda.

Por contra, a falta dalgún dos anteditos requisitos ou dos documentos que se deberán achegar coa solicitude inicial producirá a desestimación da solicitude.

Os requisitos e condicións familiares e persoais, a non ser que se sinale outra cousa, entenderanse referidos ao día de finalización do prazo de presentación da solicitude.

Para comprobar a veracidade dos documentos achegados, a Comisión de Acción Social poderá requirir a calquera solicitante para que presente as certificacións que considere oportunas á comisión.

As solicitudes sen resolver, entenderase que non cumpren os requisitos da convocatoria.

A resolución notificarase mediante a publicación das relacións na forma establecida na base seguinte.

6. Procedemento.

1. Recibidas as solicitudes, procederase ao seu estudo e cualificación pola Comisión de Acción Social que, unha vez ultimada a xestión, formulará proposta de concesión a favor dos que reúnan os requisitos desta resolución.

2. A Comisión de Acción Social publicará as listas provisorias e definitivas, na sede do Tribunal Superior de Xustiza, nos xulgados decanos e nas páxinas web:

www.xudicial.xunta.es

www.xunta.es/conselle/xi/dxxpersoal.htm

A publicación das listas provisorias farase no prazo máximo de 3 meses a partir da data de finalización do prazo de presentación das instancias. Os interesados poderán formular as reclamacións que sexan procedentes no prazo de 15 días naturais. Admítese a vía de fax (981 54 62 22 ou 981 54 62 15) nos casos que non se teña que achegar documentos orixinais ou cotexados. Esgotado este, elevaranse aquelas a definitivas coas modificacións a que houber lugar, e farase efectivo o importe da axuda solicitada.

7. Disposicións derradeiras.

1. No programa II a contía non poderá superar en ningún caso a contía do gasto xustificado.

2. As porcentaxes das contías de cada programa son estimativas, podendo a Comisión de Acción Social modificar a súa repartición segundo as necesidades de cada un deles.

3. Publicarase no DOG a convocatoria e o anuncio do lugar de exposición das listas provisorias e definitivas.

Condicións específicas

Programa I

Axuda fillos e estudos fillos

Obxecto do programa.

A execución do programa abrangue a repartición da contía existente entre todos os solicitantes, en proporción aos salarios medios dos distintos corpos.

Beneficiarios.

Os solicitantes deberán reunir os requisitos que se establecen no punto 1 das condicións xerais.

Cando nunha unidade familiar os dous membros sexan funcionarios da Administración de xustiza dos corpos citados, só poderá facer a solicitude un membro, e o coeficiente calculado segundo o punto 2 multiplicarase por 1.5, co que se obterá un novo resultado.

Deberán ter ao seu cargo fillos ou tutelados que non cumprisen 16 anos de idade o día do remate da presentación das solicitudes ou fillos maiores de 16 anos e menores de 25 anos, que non perciban ingresos por rendas de traballo á data de finalización de presentación das solicitudes, e que fixesen no curso 2006-2007 estudos en centros oficiais de ESO (2º ciclo de educación secundaria), BAC, FP1, FP2, estudos medios ou superiores en centros oficiais ou preparación das probas para acceso á selectividade.

No caso de solicitarse axuda para minusvalideces por algún dos fillos, este non se terá en conta para os efectos desta axuda.

O coeficiente calculado segundo o punto 2 multiplicarase polo valor resultante do número de fillos comprendido neste programa, e será o seguinte:

1 fillo: 1.

2 fillos: 1,5.

3 fillos: 2.

4 fillos: 2,5.

5 ou máis fillos: 3.

Documentación.

Ademais do establecido no punto 4 das condicións xerais, fai falta achegar:

a) Fotocopia do libro de familia cotexado, ou resolución de tutela ou de acollemento familiar.

b) Para os fillos maiores de 16 anos deberase presentar certificación do centro onde cursaron os estudos referidos anteriormente ou fotocopia cotexada da matrícula.

Contía da axuda.

A contía das axudas calcúlase do seguinte xeito:

a) Ao coeficiente calculado segundo a fórmula do punto 2 das condicións xerais multiplícaselle o valor asignado ao número de fillos do solicitante, conseguindo un resultado; se é o caso de que os dous membros da unidade familiar sexan funcionarios da Administración de xustiza, multiplicarase este por 1.5, obtendo un novo resultado.

b) Dividirase a contía destinada a este programa entre a suma dos resultados de todas as solicitudes, o que nos dará un valor.

c) O valor multiplícase por cada un dos resultados e dará o importe da axuda.

Programa II

Estudos funcionarios

Obxecto do programa.

A execución do programa consiste na repartición da contía existente entre todos os solicitantes aplicando unha porcentaxe de redución a todas as cantidades solicitadas, non podendo superar esta os 550 €; se for así, aplicarase como contía máxima esta.

Para o cálculo das axudas soamente se contabilizarán as materias de que se estea matriculado e se presentase aos exames.

Beneficiarios.

Os solicitantes desta prestación deberán reunir os requisitos establecidos no punto 1 das condicións xerais e, ademais, ter feito estudos relacionados coa carreira profesional como funcionario nos centros oficiais de ensino, ou recoñecidos polo Ministerio de Educación e Cultura, durante o curso 2006-2007, acreditándose asistencia a eles, se é o caso.

Documentación.

Ademais dos documentos referidos no punto 4 das condicións xerais, é necesario achegar:

a) Fotocopia da matrícula e do documento de pagamento, que exprese o ingreso do importe dela ou certificación do centro onde se cursaron os estudos, na cal tamén se faga constar o importe do curso e a cantidade efectivamente paga polo peticionario.

b) Certificación do centro onde se cursaron os estudos pola cal se acredite a asistencia ao curso, ou fotocopia dos documentos que xustifiquen a presentación aos exames finais ou parciais liberatorios (certificado de estudos, diplomas, cualificacións finais, papeletas de exame, certificacións de asistencia, etc.).

c) Factura dos libros, expedida conforme a normativa vixente, na cal consten os títulos, que deberán corresponder coas materias ou curso de que se estea matriculado, aboándose soamente aqueles correspondentes ás materias a que se presentase aos exames; ata un máximo de 160 €.

Contía da axuda.

A contía da axuda calcúlase do seguinte xeito:

a) Determinación de todas as cantidades xustificadas cun tope máximo de 550 € naqueles que o superasen.

b) A todas as cantidades xustificadas aplicaráselles a mesma porcentaxe de redución ata que a súa suma coincida ou se aproxime á contía total deste programa.

Programa III

Axuda minusvalideces

Obxecto do programa.

A execución do programa abrangue a repartición da contía existente neste programa entre todos os solicitantes, tendo en conta os graos de minusvalidez.

Beneficiarios.

Os solicitantes destas prestacións deberán reunir as condicións xerais establecidas no punto 1 e ademais:

So poderá facer a solicitude un membro da unidade familiar no caso de que ambos os dous sexan funcionarios da Administración de xustiza.

Esta axuda é incompatible coa axuda por fillos, para o fillo con minusvalidez.

Os solicitantes deberán ter ao seu cargo fillos, tutelados ou irmáns con minusvalidez física ou psíquica superior ao 33%.

Documentación.

Ademais dos documentos que se expresan no punto 4 das condicións xerais, é necesario achegar:

a) Certificación do organismo competente que acredite a minusvalidez do fillo, tutelado ou irmán do solicitante, así como o grao dela.

b) No caso de que a axuda for para un fillo, o solicitante deberá presentar fotocopia do libro de familia.

c) Se a axuda for para un tutelado ou irmán, o solicitante deberá acreditar a súa tutela.

Contías das axudas.

A contía das axudas calcúlase do seguinte xeito tendo en conta o grao de minusvalidez:

33% ata 64%: 200 €.

65% ata 74%: 400 €.

75% en adiante: 800 €.

Programa IV

Outras axudas: axuda por celiaquia, intolerancia

á lactosa e cron

Obxecto do programa.

A execución do programa abrangue a repartición da contía existente neste programa entre todos os solicitantes, tendo en conta as contías fixas por funcionario.

Beneficiarios.

Poderán ser os funcionarios solicitantes ou os fillos ao seu cargo ou tutelados que padezan estas enfermidades.

Os solicitantes destas prestacións deberán reunir as condicións xerais establecidas no punto 1 e ademais:

Esta axuda é incompatible coa axuda por fillos, para o fillo con celiaquia, intolerancia á lactosa e cron.

Documentación.

Ademais dos documentos que se expresan no punto 4 das condicións xerais, é necesario achegar:

a) Prescrición facultativa ou certificado médico da necesidade e duración do tratamento con indicación da persoa que o recibe.

b) No caso de que a axuda for para un fillo, o solicitante deberá presentar fotocopia do libro de familia.

Contías das axudas.

Establécese unha contía fixa de 200 € por funcionario solicitante ou fillo/s ao seu cargo, e de 300 € para o caso de que o cónxuxe do solicitante sexa funcionario da Administración de xustiza.