DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 28 de maio de 2007 Páx. 8.724

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 9 de maio de 2007 pola que se modifica a do 2 de maio de 2006, pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia nº 88, do 9 de maio de 2006, foi publicada a Orde do 2 de maio de 2006, pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, que entrou en vigor aos vinte días da súa publicación, polo que a partir do 2 de xuño de 2006 resulta de obrigado cumprimento en todos os seus aspectos, agás no que se refire ao incremento do complemento específico previsto no seu artigo 9, que quedou condicionado á aprobación da modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en que se recollese o citado incremento.

Deste modo, o persoal ao que lle é de aplicación a dita orde quedou suxeito ás condicións de traballo que nela se establecen, pero sen que durante o período de tempo transcorrido entre a súa entrada en vigor e a efectividade económica da relación de postos de traballo citada poidan percibir a compensación económica prevista para esas especiais condicións de traballo consistente no incremento de complemento específico dos seus postos.

Tendo en conta todo o anterior e dado que, de acordo con disposto na Orde do 2 de maio de 2006, as particularidades na prestación de servizos do persoal ao que lle é de aplicación deben ser compensadas económicamente, e logo do informe favorable da Comisión de Persoal,

DISPOÑO:

Artigo único.-Substitúese a actual disposición transitoria da Orde do 2 de maio de 2006, pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, pola redacción seguinte:

«Disposicións transitorias

Primeira.-Ao persoal que preste servizos operativos na Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, mentres non se integre no Servizo de Gardacostas de Galicia, seralle de aplicación esta orde.

Segunda.-Logo de publicada no Diario Oficial de Galicia a modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, na cal se recolla o incremento dos complementos específicos dos postos afectados por esta orde, aboarase ao persoal ao que lle resulte de aplicación, en concepto de atrasos, o importe que resulte de aplicar o dito incremento ao período de tempo transcorrido entre a entrada en vigor desta orde e a data de efectividade económica da modificación da relación de postos de traballo citada».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos