DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 25 de maio de 2007 Páx. 8.659

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

O artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia establece, como competencia da comunidade autónoma, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

En desenvolvemento da citada competencia foise configurando a estrutura actual do sistema sanitario de Galicia, integrada polos centros e institucións sanitarias transferidos polas administracións públicas que anteriormente exercían a súa titularidade, e por aquelas institucións creadas pola Comunidade Autónoma de Galicia para dar a axeitada resposta á demanda das necesidades asistenciais da poboación. Todas elas integran o Sistema Nacional de Saúde de conformidade co previsto nos artigos 44 e 45 da Lei xeral de sanidade, como expresión do concepto integral do dereito universal á protección da saúde recollido no artigo 43 da Constitución.

Para a xestión das funcións e prestacións sanitarias, baixo a forma de empresas de titularidade pública ou fundacións públicas creáronse diversas institucións que foron adscritas á Consellería de Sanidade. Posteriormente transformáronse, na súa maioría, en fundacións sanitarias, ás cales se dotou de personalidade xurídica propia.

Da autonomía de xestión das citadas institucións constátase a existencia dunha diversidade no réxime de funcionamento, configuración dos cadros de persoal e o réxime de condicións de traballo do persoal, derivada dos criterios de xestión propios e dos acordos colectivos ou individuais entre as direccións dos centros e os seus traballadores.

O 22 de abril de 2002 asinouse o primeiro convenio colectivo para o persoal laboral do sector sanitario de Galicia, xestionado por fundacións públicas sanitarias ou empresas públicas. Co dito convenio unificábase o réxime de condicións de traballo do persoal do sector sanitario público de Galicia establecendo un marco común de condicións laborais.

O 21 de marzo de 2005 asinouse o segundo convenio colectivo para o persoal laboral do sector sanitario de Galicia xestionado por fundacións públicas sanitarias ou empresas públicas. Este convenio estreitou as diferenzas relativas ás condicións de traballo entre o persoal do sector e o persoal estatutario das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, co fin da progresiva homologación daquelas co réxime estatutario.

Na data do asinamento deste último convenio xa fora promulgada a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. Na súa disposición adicional quinta, como corolario do principio de integración, co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal de cada un dos centros, institucións ou servizos de saúde, e co fin de mellorar a eficacia na xestión, recóllese que as administracións sanitarias públicas poderán establecer procedementos para a integración directa, con carácter voluntario, na condición de persoal estatuario, na categoría e titulación equivalente de quen preste servizos en tales centros, institucións ou servizos coa condición de funcionario de carreira ou en virtude de contrato laboral fixo.

A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, modificou a redacción do artigo 72 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, sobre disposicións xerais sobre organización e funcionamento a cuxo teor: «1. A relación xurídica do persoal ao servizo das fundacións sanitarias poderá ser de natureza laboral, séndolle de aplicación o disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou estatutaria, sen prexuízo da eventual adscrición de persoal funcionario ou estatutario do Servizo Galego de Saúde, cando as necesidades do servizo público sanitario así o requiran». Así mesmo, introduciu unha disposición adicional cuarta, sobre integración no réxime estatutario do persoal de fundacións públicas e sociedades públicas autonómicas do sector sanitario, pola que se autorizou o Consello da Xunta, dentro das dispoñibilidades orzamentarias existentes, «a

adoptar as medidas tendentes á progresiva integración no réxime estatutario do persoal das fundacións públicas sanitarias constituídas pola comunidade autónoma e das sociedades públicas autonómicas do sector sanitario».

Este decreto vén dar virtualidade á citada cláusula establecendo as bases ás cales se suxeitarán os procesos que articulen a integración no réxime estatutario do persoal laboral do ámbito institucional anteriormente referido e que se especifica no seu propio articulado.

No substrato das ditas bases participan o criterio de integración voluntaria para o persoal laboral que teña a condición de fixeza nas ditas institucións; de tal xeito que o proceso de integración parte da expresión da vontade do traballador de incorporarse ao réxime estatutario.

Así mesmo, a homologación deberase producir nas condicións de traballo do réxime estatutario, de forma que os traballadores pasarán a participar dos dereitos e deberes do persoal estatutario en condicións de homoxeneidade para que o dereito de opción de integración sexa real e efectivo no eido estatutario, tendendo a evitar as discriminacións derivadas da existencia de réximes xurídicos distintos, eludindo a concorrencia de privilexios ou prexuízos pola pertenza a un ou a outro réxime xurídico.

O decreto posibilita a circulación e mobilidade dos profesionais entre as institucións do sistema sanitario de Galicia, promovendo o intercambio da bagaxe e a experiencia profesional, o achegamento ao lugar de residencia, a conciliación de vida laboral e familiar.

Con este decreto a oferta de emprego público será conxunta para todas as institucións do sistema sanitario de Galicia, en igualdade de condicións de acceso e de bases do procesos de selección de persoal.

Nun último termo permite a promoción e acceso á carreira profesional en igualdade de condicións para os traballadores das institucións do sistema sanitario de Galicia que se acollan ao réxime estatutario.

Este decreto encadra o seu ámbito de aplicación aos procesos de integración no réxime estatutario dos traballadores das institucións suxeitas ao vixente convenio colectivo de persoal laboral do sector sanitario de Galicia xestionado por fundacións públicas sanitarias e empresas públicas e ao convenio do Centro de Transfusión de Galicia, con exclusión dos colectivos que non estean incluídos nos citados convenios.

Os procesos de integración articularanse mediante orde da Consellería de Sanidade en que se realizará a oferta de integración para cada institución cuxo contido mínimo vén detallado no texto do propio decreto.

O procedemento de integración iniciarase pola opción realizada, dentro do prazo, polo persoal fixo da institución que reúna os requisitos especificados no artigo 4º. A integración realizarase nas categorías estatutarias básicas de correspondencia en función da titulación do traballador e categoría profesional cuxa titularidade acredite como definitiva, pola superación dos procesos de selección regulamentariamente establecidos no seu momento. Para tal efecto, incorporaranse unhas táboas de homologación das categorías profesionais ás básicas estatutarias.

Así mesmo, para o caso daquelas categorías laborais que polo seu contido funcional ou polo réxime prestacional non teñen encaixe con algunhas das categorías estatutarias existentes, créanse categorías específicas que se incorporan ao réxime estatutario e, por tanto, ao seu elenco de dereitos e deberes.

Sen prexuízo da categoría na cal corresponda a integración como persoal estatutario fixo, o decreto prevé as situacións do persoal que estea a desempeñar postos de traballo doutra categoría aplicando unha solución de equivalencia coa existente para o persoal estatutario, mantendo a situación de servizos ata a cobertura do posto de traballo polos procedementos regulamentariamente establecidos.

Así mesmo, para acadar a homoxeneidade de réximes xurídicos, o tratamento da integración do persoal que desempeñe postos de traballo que supoñan o exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación ou singular responsabilidade remítese, como no réxime estatutario, ao Decreto 206/2005, do 22 de xullo.

Como resultado da integración, o réxime xurídico do persoal será o integrado pola normativa aplicable ao persoal estatutario do Sergas e seguirá baixo a dependencia organizativa e funcional da institución en que desenvolva os seus servizos. Así mesmo, producirase a extinción do contrato de traballo como consecuencia da mudanza voluntaria do réxime da relación de servizos.

Así mesmo, o decreto prevé a incorporación ao réxime de carreira profesional vixente para o persoal estatutario, para os efectos da non-integración e o sistema de selección de persoal tanto fixo como temporal, ultimados os procesos de integración.

O decreto recolle a transformación dos postos de traballo desempeñados polo persoal temporal en prazas de réxime estatutario. Como consecuencia desta medida adecuarase o réxime xurídico-laboral do persoal que as desempeñe ao novo réxime vixente para as ditas prazas.

A disposición adicional primeira recolle o principio de reciprocidade como corolario da libre circulación de todo o persoal estatutario entre as institucións sanitarias do sistema sanitario público de Galicia.

Constatada a existencia de persoal fixo que pertence en orixe a categorías laborais cuxa integración corresponde en determinadas categorías estatutarias para as cales carece da titulación exixida pola normativa estatutaria, o decreto, na súa disposición adicional segunda, recolle unha solución de compromiso diferindo os prazos da integración para facer posible esta. Así mesmo, con obxecto de non demorar as ofertas de integración, difírese a oferta para os aspirantes que superen procesos selectivos actualmente en trámite que non rematen antes da data de publicación da orde de integración, con obxecto de que poidan exercer a súa opción.

Todos os procesos de integración quedan suxeitos aos requirimentos orzamentarios establecidos pola lexislación vixente. Así mesmo, habilítase para a adopción dos acordos e resolucións que procedan de carácter organizativo para facer posible os procesos de integración.

Por último, o réxime transitorio do decreto prevé a vixencia temporal das listas para a selección do persoal temporal, ata a primeira convocatoria que formalice o Sergas tras a publicación das ordes de integración, e establece a obrigatoriedade do persoal que pretenda compatibilizar o seu posto de traballo con outras actividades a exercer a opción a que se refire o Decreto 11/1995.

Este decreto foi negociado no seo da mesa sectorial de negociación do persoal sanitario do Sergas, e sometido ás organizacións sindicais con representación nas institucións do ámbito de aplicación.

Por todo o anterior, por proposta da conselleira de Sanidade, cumpridos os trámites legais pertinentes, de acordo co ditame do 12 de abril do 2007 (expediente CCG 172/07) do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e seis de abril de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer o réxime xurídico ao cal se suxeitarán necesariamente todos os procesos que se artellen para a integración no réxime estatutario do persoal laboral fixo do ámbito de aplicación institucional que se recolle no artigo 2º, consonte a lexislación vixente.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto e as ordes que se diten para a súa execución serán de aplicación a todos os procesos que, ao seu abeiro, se artellen para a integración no réxime estatutario do persoal laboral fixo das institucións que se enumeran de xeito singularizado no artigo 1 do convenio colectivo vixente, na data de publicación deste decreto, para o persoal laboral do sector sanitario de Galicia, xestionado por fundacións públicas sanitarias e empresas públicas, ou ao convenio colectivo vixente, na dita data, da Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia, así como dos postos de traballo do cadro de persoal das respectivas institucións.

2. Queda excluído do ámbito de aplicación deste decreto o persoal non suxeito aos citados convenios colectivos que se rexa pola súa normativa propia e as cláusulas do respectivo contrato de traballo.

Artigo 3º.-Procesos de integración.

1. Os procesos de integración suxeitaranse ao réxime establecido neste decreto e adaptaranse estritamente á lexislación vixente, á configuración da natureza xurídica de cada institución e aos fins determinados polos seus estatutos.

2. Cada proceso de integración articularase por orde da Consellería de Sanidade, logo da súa negociación co comité de empresa da respectiva institución e posterior tratamento no seo da mesa sectorial, na cal se recollerán as previsións necesarias para a adecuación de seus termos ás bases do réxime estatutario, tendo en conta a realidade do cadro de persoal das institucións do seu ámbito de aplicación. En todo caso, de conformidade co previsto na Lei 55/2003, do 16 de decembro, a citada integración realizarase en termos de homoxeneidade co citado réxime estatutario.

As ordes de integración regularán, como mínimo, o exercicio da opción de integración polos profesionais que teñan tal dereito de conformidade coas bases deste decreto, a transformación dos postos de traballo vacantes en prazas do réxime estatutario e os efectos da integración.

Así mesmo, as ordes de integración poderán exceptuar da medida postos de traballo singulares que polas súas características ou polos requirimentos da organización se deban reservar ao réxime xurídico laboral, e incluirán as táboas de correspondencia dos postos de traballo obxecto do proceso.

3. A integración terá carácter voluntario para o persoal laboral fixo que estea incluído no ámbito definido no artigo 2º deste decreto, que poderá exercer o seu dereito a optar pola integración a través dos procesos que se articulen nas ordes de aplicación deste decreto.

Artigo 4º.-Requisitos para o exercicio da opción de integración.

Nos termos previstos neste decreto, terá dereito a exercer a opción para integrarse no réxime estatutario o persoal que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter vínculo laboral fixo de conformidade co disposto no parágrafo primeiro do artigo 2º.

b) Ter a titulación exixida pola lexislación estatutaria vixente para o acceso á categoría básica de homologación.

c) Estar en situación de activo que non implique a suspensión do contrato de traballo ou estar en situación que implique a suspensión do contrato de traballo por algunha das causas establecidas na lexislación vixente ou no convenio colectivo de aplicación, sempre que non transcorrese o tempo máximo da citada suspensión previsto para cada caso e manteña o dereito a solicitar o reingreso ou reincorporación á institución en que se causou.

Artigo 5º.-Tramitación.

1. O persoal que reúna os requisitos a que se refire o artigo anterior poderá formular a súa opción de integración mediante a presentación de solicitude no prazo e forma que determine a orde que a regule, o cal non poderá exceder de tres meses desde a entrada en vigor da dita orde.

2. As solicitudes de integración serán tramitadas e resoltas polo Servizo Galego de Saúde no prazo dos seis meses desde a finalización do período de presentación daquelas. O Servizo Galego de Saúde poderá solicitar dos interesados ou da respectiva institución que se amplíe ou aclare a información ou os datos que consten xunto coa solicitude do interesado para a súa resolución.

3. Cando a resolución estime a solicitude de integración, determinará a categoría básica estatutaria do grupo de clasificación correspondente na cal se integra o interesado.

4. No non previsto neste decreto, a tramitación das solicitudes de integración rexerase polo establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Condicións da integración.

1. O persoal que resulte integrado ao réxime estatutario quedará suxeito ao estatuto marco aprobado pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, e demais normas que se diten no seu desenvolvemento e, así mesmo, ás normas de réxime estatutario que se manteñan vixentes de concordante aplicación.

2. As disposicións que, en desenvolvemento deste decreto, articulen os procesos de integración, incluirán unhas táboas de correspondencias, nas cales se relacionarán as categorías laborais orixinarias e as correlativas estatutarias e, de ser o caso, relacionaranse os postos de traballo que se correspondan coas prazas de persoal estatutario ás cales se equiparen.

En todo caso, as citadas táboas terán en conta os niveis de titulación exixidos para cada grupo de clasificación pola normativa estatutaria.

3. A integración realizarase nas categorías básicas do réxime estatutario que corresponda segundo as características do posto orixinario e a praza estatutaria de correspondencia, o nivel de titulación exixido pola convocatoria no seu acceso e o ámbito funcional do posto de traballo que se integra; todo isto de conformidade co previsto no artigo 6 do Estatuto marco do persoal estatutario do Sistema Nacional de Saúde e as normas de concordante aplicación.

De non ser posible a integración nunha das categorías estatutarias previstas na normativa vixente, xa sexa por causa do ámbito funcional ou por causa do seu ámbito competencial, a integración producirase no réxime estatutario como categorías específicas de nova creación ou categorías a extinguir do grupo de clasificación que corresponda, segundo o caso, de conformidade co previsto no anexo a este decreto.

4. A integración do persoal que desempeñe ou teña vínculo con postos de traballo que supoñan exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación ou singular responsabilidade, serao nas categorías básicas de correspondencia, de conformidade cos grupos de clasificación. Xunto coa resolución de integración expedirase nomeamento estatutario de carácter provisorio para o desempeño do posto que viña ocupando. A provisión do dito posto e o réxime de cesamento do persoal que o desempeñe quedará suxeita ao réxime xurídico que para os postos de similares características rexa no réxime estatutario, de conformidade co Decreto 206/2005, do 22 de xullo, e demais normativa de concordante aplicación.

5. O persoal que no momento de realizar a opción de integración estivese desempeñando postos de superior categoría aos da súa categoría orixinaria, de conformidade co artigo 10 do vixente, na data de publicación deste decreto, convenio colectivo de persoal laboral do sector sanitario de Galicia, xestionado por fundacións públicas sanitarias e empresas públicas, será integrado na categoría básica estatutaria equiparable á categoría que teña como persoal laboral fixo da institución; todo isto sen prexuízo de permanecer en situación de promoción interna temporal ata o remate da causa que motivou o desempeño de funcións de categoría superior, ou cobertura da praza polos procedementos regulamentariamente establecidos.

Ningún traballador poderá ser integrado en categoría de grupo profesional distinto ao que corresponde á categoría á cal accedeu en virtude de proceso selectivo polo que adquirise a condición de persoal fixo da institución nalgunha das categorías obxecto do proceso de integración que se regula neste decreto.

A transformación dos postos de traballo vacantes en prazas do réxime estatutario suporá o cesamento na realización de traballos de superior categoría do persoal laboral fixo doutra categoría que non se integre.

Artigo 7º.-Efectos da integración.

1. O réxime xurídico e retributivo do persoal que resulte integrado será o correspondente á normativa aplicable ao persoal estatutario do Sergas.

O persoal integrado dependerá organizativa e funcionalmente, mentres permameza nela, da institución en que desenvolve a súa prestación de servizos, a cal se axeitará á estrutura asistencial dela iso sen prexuízo das potestades de autoorganización da Administración.

2. A integración do persoal ocasionará a extinción do contrato de traballo por vontade das partes e novación do réxime da relación de servizos que o profesional ten coa institución, sen que en ningún caso orixine dereito a indemnización.

3. O persoal laboral que opte pola integración desde a situación de excedencia a que se refire o punto 4 do artigo 38 do vixente, na data de publicación deste decreto, convenio colectivo de persoal laboral do sector sanitario de Galicia, xestionado por fundacións públicas sanitarias e empresas públicas, pasará á situación de servizo activo na categoría de integración sen prexuízo da situación administrativa que corresponda declarar de conformidade co capítulo XI da Lei 55/2003, do 16 de decembro do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

4. No ámbito do Sergas, os servizos prestados nas institucións do ámbito de aplicación deste decreto polo persoal que se integre no réxime estatutario terán a consideración, para todos os efectos, de servizos prestados en réxime estatutario.

5. Ao persoal que se integre no réxime estatutario aludido faráselle un recoñecemento de servizos para os efectos do cálculo da antigüidade consonte o establecido na Lei 70/1978 e no Real decreto 1181/1989, para axeitar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade co persoal estatutario.

Artigo 8º.-Carreira profesional.

1. Tras o remate dos procesos de integración que se regulan neste decreto establecerase o procedemento para que o persoal fixo en 31-12-2005, que tivese optado pola súa integración no réxime estatutario, poida acceder ao recoñecemento previo do nivel do desenvolvemento profesional, de conformidade co disposto no Decreto 155/2005, do 9 de xuño, de réxime extraordinario de recoñecemento e desenvolvemento do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Sergas, previa á implantación do réxime de desenvolvemento profesional a que se refire a Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, e acordo de mesa sectorial do 12-6-2006, publicado en virtude de Resolución conxunta do 28 de xullo de 2006, da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde e da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se ordena a publicación do acordo subscrito pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais UGT, CC.OO., CSI-CSIF e

CEMSATSE, polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario con vínculo estutario fixo nas institucións sanitarias do Sergas e as bases de negociaciación do réxime definitivo de carreira profesional.

2. Mediante orde da Consellería de Sanidade determinaranse os requisitos e o sistema de avaliación para o acceso ao recoñecemento previo do nivel profesional en termos parangonables aos recollidos para o persoal estatutario nas disposicións que o desenvolvan, tendo en conta as características propias de funcionamento das institucións do ámbito de aplicación deste decreto. Así mesmo, determinará o procedemento para a presentación de solicitudes e recoñecemento do nivel de desenvolvemento profesional con determinación do alcance e a efectividade deste tendo en conta os efectos económicos seguintes:

Para o persoal das categorías de licenciado sanitario:

Grao I: efectos de xullo 2007.

Grao II: efectos de xullo 2008.

Grao III: efectos de xullo 2009.

Grao IV: efectos de xullo 2010.

Para o persoal das categorías de diplomado sanitario:

Grao I: efectos de xullo 2008.

Grao II: efectos de xullo 2009.

Grao III: efectos de xullo 2010.

Grao IV: efectos de xullo 2011.

Artigo 9º.-Persoal non integrado.

Ao persoal que, tras o proceso de integración, non se integre no réxime xurídico estatutario, respectaráselle o réxime xurídico e retributivo que derive da súa situación laboral de orixe e aplicaráselle a normativa pactada no convenio colectivo vixente e, no seu defecto, nas disposicións laborais de carácter xeral.

A prestación de servizos deste persoal non integrado adaptarase necesariamente ás características de funcionamento da institución onde desenvolva o seu cometido, e coordinarase coa do resto do persoal que presta servizos en réxime estatutario.

Artigo 10º.-Selección de persoal e provisión de prazas.

1. Sen prexuízo do previsto na disposición transitoria primeira deste decreto, rematado o proceso de integración, a provisión de prazas e selección de persoal fixo ou temporal das entidades afectadas realizarase polos procedementos regulados no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, integrando a oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, respectivamente.

A citada oferta deberá ser obxecto do control previo ao que se refire o artigo 35 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, co obxecto de comprobar e corrixir, de ser o caso, os requisitos exixidos ás persoas aspirantes para garantir que non determinan prexuízo contra as mulleres.

2. Co fin de garantir e conciliar o dereito á mobilidade dos profesionais que se integren ao abeiro deste decreto e os dereitos do persoal estatutario do Sergas, as ofertas dos concursos de traslados do persoal estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia incorporarán as prazas vacantes das institucións a que se refire o artigo 2º, como corolario do principio de reciprocidade e igualdade entre os colectivos susceptibles da súa participación.

Artigo 11º.-Persoal temporal.

1. Non poderá exercer a opción de integración o persoal vinculado mediante contrato laboral temporal, calquera que sexan as características de tal vínculo.

Os postos de traballo das categorías laborais obxecto de integración, correspondentes ao cadro de persoal das institucións, que estean desempeñados por persoal laboral temporal, transformaranse en prazas de réxime estatutario, sempre que resulte necesario o seu mantemento. En caso contrario serán amortizados.

A transformación do posto de traballo en praza do réxime estatutario, ou a súa amortización, suporá a extinción do contrato de traballo co dito persoal por novación no réxime da relación de servizos que o traballador ten coa institución ou por supresión da praza, segundo o caso.

2. Ao persoal temporal que, reunindo os requisitos de titulación exixidos pola normativa estatutaria, desempeñase un posto de traballo obxecto da transformación expediráselle un nomeamento estatutario de natureza temporal na correspondente categoría de homologación. O dito nomeamento terá por causa a que deu lugar ao contrato de traballo inmediatamente anterior á data da integración, e a súa vixencia quedará suxeita á da causa ou termo que motivou a citada vinculación.

Malia o disposto no parágrafo anterior:

a) O persoal laboral temporal que acreditase, na mesma categoría que a de integración, a condición de persoal estatutario fixo do Sergas nas situacións administrativas de excedencia ou servizos baixo outro réxime xurídico, pasará á situación de servizo activo, ben en comisión de servizos ben reingreso provisorio no centro de destino, segundo acredite ou non reserva de praza na institución de orixe como persoal estatutario. Esta condición será de aplicación ao persoal laboral fixo con suspensión do contrato de traballo que estivese a prestar servizos como persoal estatutario temporal nas institucións do Sergas na mesma categoría, sempre que exercese a súa opción pola integración no réxime estatutario.

b) O persoal laboral temporal dunha institución que acreditase, na mesma categoría que a de integración, a condición de laboral fixo doutra institución do ámbito de aplicación deste decreto en situación de excedencia, e optase pola integración desde ela, pasará á situación de servizo activo en comisión de servizos ou reingreso provisorio no centro de destino, segundo acredite ou non reserva da praza na institución de orixe como persoal estatutario.

c) Nos dous casos anteriores, se a condición de fixeza se acreditase en categoría distinta á de integración, o persoal que tivese dereito de reserva de praza pasará a situación de servizo activo en promoción interna temporal.

3. O persoal temporal que estivese desempeñando un posto de traballo en condición de substituto dun titular que tivese a condición de persoal laboral fixo, manterá a súa vinculación como substituto ata a reincorporación do titular ou a extinción do dereito de reserva do citado posto. A dita vinculación serao no réxime laboral ou estatutario en función da opción realizada polo traballador substituído, que determinará o réxime xurídico da praza da cal é titular. Producida a extinción do dereito de reserva do traballador substituído que non optase por integrarse, o persoal substituto perderá a dita condición e o posto de traballo desempeñado transformarase automaticamente, de ser o caso, en praza do réxime estatutario, considerándose vacante para os efectos da súa cobertura por persoal estatutario.

4. O persoal laboral temporal que careza da titulación exixida para o acceso á categoría estatutaria de homologación cesará pola amortización do posto de traballo desempeñado ou a súa transformación no réxime estatutario. De non ocupar posto obxecto de transformación, manterá vixente o seu contrato de traballo ata o remate da causa temporal que motivou a súa contratación.

Disposicións adicionais

Primeira.

Os postos de traballo das institucións mencionadas no artigo 2º deste decreto, calquera que sexa o seu réxime xurídico, poderán ser desempeñados polo persoal estatutario das institucións sanitarias do Sergas de conformidade co previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo. O persoal estatutario que os desempeñe terá os dereitos e deberes inherentes ao posto que desempeñe.

O persoal estatutario que pase a prestar servizos nos centros a que se refire o artigo 1º, dependerá organizativa e funcionalmente destes, sen prexuízo da potestade de autoorganización da Administración, e axustará a súa prestación ás normas de organización e funcionamento deles.

Así mesmo, a integración do persoal no réxime estatutario non implicará alteración do réxime de organización e funcionamento interno das institucións do ámbito de aplicación.

Segunda.

1. O persoal laboral fixo que non dispoña da titulación exixida pola normativa vixente para acceder á categoría de persoal estatutario que se corresponda de xeito equivalente coa que ten en orixe, non poderá exercer a opción de integración regulada por este decreto.

O persoal laboral temporal que non dispoña da dita titulación non será obxecto de integración consonte o artigo 11º deste decreto. Os postos de traballo desempeñados polo citado persoal terán a consideración de prazas vacantes da categoría estatutaria equiparable e sairán convocadas na primeira oferta de emprego que se articule tras o proceso de integración para a súa cobertura por persoal coa titulación axeitada. A incorporación do persoal seleccionado ocasionará o seu cesamento.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, o persoal laboral fixo que no momento en que se publique a orde de integración reúna os requisitos para a homologación da súa titulación profesional, de conformidade coa normativa de ordenación das titulacións oficiais e das profesións, poderá exercer a súa opción de integración quedando a súa resolución en suspenso ata que se acredite a citada homologación, mediante resolución oficial ditada polo órgano competente.

Acreditada a homologación profesional polo interesado, producirase a integración na categoría estatutaria que corresponda, con efectos da data da acreditación.

O prazo para que o traballador achegue a resolución de homologación profesional non poderá exceder dun mes desde a súa notificación. De non presentarse a acreditación neste prazo, entenderase caducada a súa solicitude e a dita acreditación carecerá de efectos para estimar a súa opción de integración.

Terceira.

Os procesos de integración que se regulan neste decreto levaranse a cabo con suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias existentes.

De conformidade coa normativa orzamentaria de vixente aplicación, cada un dos procesos de integración que se acometan en desenvolvemento do previsto nesta disposición requirirá a previa autorización da Consellería de Economía e Facenda.

Para estes efectos, o Sergas remitirá á Dirección Xeral de Orzamentos da Consellería de Economía e Facenda memoria comprensiva de todos os aspectos económicos do dito proceso.

Cuarta.

Mediante orde da Consellería de Sanidade poderanse ditar normas xerais de coordinación en materia de xestión de persoal e de ordenación dos cadros de persoal que se consideren necesarias para o establecemento de criterios homoxéneos de actuación en materia de persoal, que serán de aplicación polas institucións do ámbito deste decreto.

As citadas normas, nas medidas e accións que recollan, terán en conta os distintos aspectos relativos ás condicións de emprego, igualdade retributiva, dereitos de conciliación da vida familiar e laboral, así como as medidas de prevención e sanción do acoso sexual ás cales se refiren os artigos 34 e seguintes da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Quinta.

Os procesos de integración non implicarán a novación dos sistemas de prevención polos cales tivesen optado as institucións do ámbito de aplicación deste decreto, mentres manteñan a súa personalidade xurídica propia.

Sexta.

Os padroados e consellos de administración adoptarán, de ser o caso, os acordos necesarios para adecuar a estrutura orgánica e competencial da institución co fin de acadar a viabilidade do proceso de integración dos postos de traballo de cada institución.

Sétima.

1. Créanse as seguintes categorías de persoal estatutario do grupo de licenciados sanitarios:

1.1. Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

-Médico asistencial do 061.

-Médico coordinador do 061.

Estas categorías inclúense no grupo de licenciados sanitarios especialistas.

Para o acceso ás prazas das devanditas categorías será requisito imprescindible posuír o título de médico especialista ou a certificación prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993, do 4 de xuño.

1.2 . Fundación Centro de Transfusión de Galicia.

-Médico xeral do Centro de Transfusión de Galicia.

A dita categoría inclúese no grupo de licenciados sanitarios.

Para o acceso á praza da devandita categoría será requisito imprescindible posuír o título de licenciado en medicina e cirurxía.

Malia o establecido no parágrafo anterior, por razóns organizativas, estruturais e do servizo, regulamentariamente poderán singularizarse aqueles postos de traballo das citadas categorías para cuxo desenvolvemento sexa exixible unha formación específica ou especializada, de ser o caso.

2. O ámbito funcional e competencial destas categorías será o vixente na actualidade, sen prexuízo das modificacións organizativas que puidesen ser acordadas a prol das necesidades da organización.

3. A orde pola que se creen os códigos orzamentarios dos postos de traballo que se integren nas citadas categorías recollerá as retribucións deles, con adecuación á estrutura retributiva do persoal estatutario, respectando, en todo caso, os emolumentos actualmente atribuídos a estes, con exclusión dos complementos persoais.

Oitava.

Os postos de traballo que se integren na categoría de persoal de servizos xerais das institucións asistenciais consideraranse postos de traballo a extinguir. As vacantes que se produzan suporán a amortización dos citados postos e a creación de prazas de categorías estatutarias en adecuación dos cadros de persoal das institucións afectadas por este decreto aos existentes nas institucións sanitarias do Sergas, tendo en conta as necesidades organizativas e do servizo daquelas.

Novena.

Autorízase a Consellería de Sanidade, logo do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, para que proceda á creación de postos de traballo de réxime estatutario que sexan necesarios para a efectividade da integración daqueles que, por mor das peculiares características organizativas e de servizo das institucións do ámbito de aplicación deste decreto, non se poidan transformar en prazas do réxime estatutario do actual cadro de persoal do Sergas.

Décima.

Se, realizada a oferta de integración, quedasen pendentes de resolución procesos selectivos convocados con anterioridade á publicación da orde pola que se articule, os aspirantes que finalmente superasen o dito proceso poderán realizar a súa opción de integración no prazo que se determine para a incorporación á praza como persoal fixo.

Para tal efecto, as prazas convocadas quedarán exceptuadas do previsto no artigo 11º.1 e o seu réxime xurídico definitivo estará determinado pola opción a que se refire o parágrafo anterior.

Décimo primeira.

Autorízase a Consellería de Sanidade para realizar ata un máximo de tres ofertas de integración ao abeiro deste decreto, para cada institución do ámbito de aplicación deste.

Disposicións transitorias

Primeira.-Sen prexuízo do disposto no artigo 10º, a selección do persoal temporal que pase a prestar servizos nas institucións a que se refire o artigo 2º deste decreto realizarase de conformidade co sistema vixente de selección de persoal temporal para cada unha delas, mantendo a vixencia das listas publicadas no momento da entrada en vigor deste decreto.

Os ditos sistemas entenderanse vixentes ata a primeira convocatoria formalizada polo Sergas para a selección de persoal estatutario temporal, tras a publicación das ordes que regulen os procesos de integración. Non obstante, a selección de persoal temporal naquelas institucións que non dispuxesen dun sistema vixente de selección temporal rexerase polo vixente na actualidade para as institucións sanitarias do Sergas.

Segunda.-Sen prexuízo do estrito cumprimento do establecido na Lei 53/1984, dentro do prazo fixado que en cada proceso se estableza o persoal interesado poderá exercer a opción sobre a prestación de servizos en réxime de exclusividade ou sen tal característica, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.

A citada opción resolverase conxuntamente coa solicitude de integración.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade para adoptar as medidas necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto e para ditar as disposicións que formalicen os procesos de integracións que afecten os distintos colectivos de persoal citados, coa secuencia temporal que xulgue conveniente.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNES PÚBLICAS

E XUSTIZA