DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 23 de maio de 2007 Páx. 8.546

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2007 pola que se convocan catro bolsas de formación na área da estatística pública deste organismo.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, regula os principios e as normas en que se basea a actividade estatística da comunidade autónoma, encomendándolle ao Instituto Galego de Estatística (IGE) entre outras funcións, o impulso e fomento da investigación estatística que contribúa a mellorar o coñecemento da realidade social e económica de Galicia.

Coa finalidade de fomentar a formación no eido da estatística pública,

RESOLVO:

Facer públicas as bases que rexen esta convocatoria.

Primeira.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva catro bolsas de formación, para incentivar a formación e preparación do persoal cualificado na área da estatística pública, dirixidas ás persoas que estean en posesión dalgunha das titulacións de licenciado ou equivalente, previstas no artigo 1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia.

As bolsas concederanse, unha para a licenciatura en matemáticas con orientación curricular en estatística e investigación operativa, unha para a licenciatura de ciencias económicas, unha para a licenciatura en administración e dirección de empresas e unha para as licenciaturas ou titulacións equivalentes de matemáticas (sen orientación curricular en estatística e investigación operativa), socioloxía, informática ou enxeñaría.

De non haber solicitantes con licenciaturas ou titulacións equivalentes de matemáticas, en que concorran os requisitos citados en cada caso, as bolsas cubriranse pola orde de puntuación, con independencia da titulación académica.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas bolsas todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes :

1. Posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser veciño dalgún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia

3. Ter rematado os estudos con posterioridade a xaneiro de 2004 e estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións de licenciado ou equivalente en:

-Matemáticas, con orientación curricular en estatística e investigación operativa.

-Ciencias económicas.

-Administración e dirección de empresas.

-Socioloxía, informática, enxeñaría, matemáticas (con distinto perfil do exixido anteriormente).

4. Non ter sido beneficiario doutra bolsa de formación estatística convocada polo IGE.

Terceira.-Contía da bolsa e aplicación orzamentaria.

O importe da bolsa será de novecentos euros (900 €) brutos mensuais que se farán efectivos, polo importe líquido, na conta bancaria que sinale o bolseiro, con cargo á aplicación orzamentaria 07.80.581A.480.0 dos orzamentos do IGE para os anos 2007 e 2008.

Con cargo á mesma aplicación orzamentaria para os anos 2007 e 2008 e durante o período de desfrute da bolsa, o bolseiro terá dereito a un seguro combinado de cobertura de asistencia cirúrxica e médica, en réxime de consultorio e domiciliario.

Cuarta.-Duración da bolsa e prórroga.

A bolsa terá unha duración de 12 meses contados desde a data de incorporación do bolseiro á sede do IGE, sito no complexo administrativo San Lázaro, San Lázaro, s/n en Santiago de Compostela e nunca antes do 1 de setembro de 2007.

Poderá, de conformidade coa normativa legal aplicable, procederse á prórroga das bolsas por un novo período de doce meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe de conformidade do servizo en que reciba a formación o bolseiro.

Quinta.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formalizaranse no modelo que se achega como anexo a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada por notario ou por funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Documento nacional de identidade. No suposto de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea deberase presentar a documentación equivalente.

2. Certificación do padrón municipal.

3. Certificación académica completa, conforme o modelo oficial das universidades galegas, en que se fará constar a nota media do expediente académico.

4. Curriculum vitae do solicitante, en que se sinalará a formación e a experiencia no campo da estatística. Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados documentalmente.

5. Título correspondente ou, en defecto deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

6. Declaración expresa responsable de non ter sido beneficiario con anterioridade doutra bolsa de formación convocada polo IGE.

7. Declaración xurada de non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

8. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

A presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado de achegar a correspondente certificación.

Sexta.-Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes e a documentación que se sinala na base quinta presentaranse no rexistro xeral deste organismo, sito no complexo administrativo San Lázaro, San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sétima.-Composición da comisión de avaliación.

A selección e avaliación das solicitudes levarase a cabo por unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a secretaria técnica do IGE.

Vogais: dous, nomeados entre o persoal funcionario do IGE polo seu director.

Secretario: momeado polo director do IGE entre os funcionarios do organismo. Actuará con voz e sen voto.

Oitava.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos méritos acreditados levarase a cabo conforme o seguinte baremo:

-Expediente académico, ata un máximo de 4 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 1 punto para poder ser avaliados as restantes epígrafes. Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media simple do expediente académico, conforme a Resolución do 15 de marzo de 2005 da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 57, do 23 de marzo).

-Cursos, seminarios e outras actividades de formación directamente relacionadas coa estatística, ata un máximo de 0.5 puntos, contabilizándose 0.05 puntos por cada 20 horas recibidas.

-Cursos, seminarios ou outras actividades de formación directamente relacionadas con ferramentas informáticas de uso habitual no tratamento e análise de datos, ata un máximo de 0.25 puntos, contabilizándose 0.05 puntos por cada 20 horas recibidas.

-Participación en estudos, traballos ou proxectos directamente relacionados coa estatística, ata un máximo de 0.5 puntos.

-Outros méritos curriculares: cursos de idiomas, de informática ou de estatística non recollidos nas epígrafes anteriores, ata un máximo de 0.1 puntos.

Os solicitantes seleccionados poderán ser convocados para unha entrevista persoal.

Novena.-Selección e avaliación das solicitudes.

Rematado o prazo para a presentación de instancias e no prazo máximo de 10 días constituirase a comisión de avaliación quen procederá ao exame da documentación.

Efectuado o exame de todas as solicitudes a comisión de avaliación elaborará a lista provisional de admitidos e excluídos na cal figurará a causa de exclusión, requirindo o interesado para que nun prazo de cinco días hábiles complete ou emende as deficiencias. Transcorrido o dito prazo sen que se proceda a completar ou emendar as deficiencias consideraranse desistidos da súa solicitude, procedéndose segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Rematado o prazo de emenda, a comisión de avaliación avaliará os méritos consonte o establecido na base oitava e confeccionará a lista provisional de posibles bolseiros, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. O prazo de exposición, consultas e reclamacións será de cinco días hábiles.

Rematado este prazo, a comisión de avaliación resolverá as reclamacións e elaborará a lista definitiva de posibles bolseiros.

A comisión elevará ao director do IGE unha proposta de concesión para a designación dos titulares.

Cos restantes admitidos elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta lista será operativa no caso de que os bolseiros seleccionados non se incorporasen na data establecida, cando o bolseiro renunciase á bolsa ou cando se procedese á súa revogación.

Décima.-Resolución, notificación e publicidade.

Elevada pola comisión de avaliación proposta de concesión, esta convocatoria resolveraa o director do IGE. Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o director do IGE no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación da resolución nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co establecido no artigo 46.4º da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A notificación da resolución aos titulares farase segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992, dando, así mesmo, a oportuna publicidade no DOG.

Décimo primeira.-Aceptación da bolsa.

No prazo de dez días desde a notificación da adxudicación das bolsas, os candidatos seleccionados deberán comunicarlle por escrito ao IGE a aceptación. No caso de que a citada aceptación non se produza no prazo sinalado, entenderase que o bolseiro renuncia expresamente.

O bolseiro que non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste suposto o director do IGE procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa ao primeiro candidato que figure na lista que para tal efecto elaborara a comisión de avaliación, conforme a base novena.

Décimo segunda.-Obrigas dos bolseiros.

Os bolseiros seleccionados comprometeranse a:

-Cumprir co réxime de formación establecido polo director do IGE, contando co asesoramento, orientación e dirección dos funcionarios que se designen para tales efectos.

-Presentar antes de rematar o período de desfrute da bolsa unha memoria referida á actividade de formación desenvolvida.

-Permanecer no centro o tempo necesario e indispensable para a súa formación.

-Gardar o segredo estatístico respecto dos datos a que teñan acceso, segundo o disposto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

-Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

-Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

-Presentar antes do derradeiro pagamento declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo terceira.-Natureza xurídica do vínculo.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral ou funcionarial entre o bolseiro e o IGE.

Os bolseiros non poderán difundir ou comunicar a información estatística a que teñan acceso na súa formación, salvo coa autorización expresa do director do IGE, debendo facer constar neste caso que a información foi obtida polo desfrute dunha bolsa concedida polo IGE.

Décimo cuarta.-Renuncia á bolsa.

A renuncia á bolsa por parte do titular, unha vez iniciado o seu desfrute, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais de antelación en escrito dirixido ao director do IGE, quen poderá, polo período que reste, concederlla ao candidato que corresponda segundo a lista que para tal efecto fose elaborada pola comisión de avaliación.

A renuncia inhabilitará os titulares para os efectos de presentación en vindeiras convocatorias.

Décimo quinta.-Réxime xurídico e impugnabilidade.

Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no decreto 278/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa aplicable.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados, nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo sexta.-Duración do procedemento.

Segundo o establecido no artigo 25.4º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Decimo sétima.-Notificacións e requirimentos.

De conformidade co disposto no artigo 59.6º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento aos interesados farase a través do taboleiro de anuncios e da páxina web do IGE (www.ige.eu). Este xeito de notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución aos titulares, que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992.

Décimo oitava.-Incompatibilidade.

As bolsas reguladas nesta convocatoria serán incompatibles con ter sido beneficiario con anterioridade doutra bolsa de formación convocada polo IGE.

Así mesmo, serán incompatibles coa percepción de calquera retribución de carácter laboral ou profesional e coa percepción da prestación por desemprego.

Décimo novena.-Cláusula xeral.

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das bolsas e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O director poderá revogar o desfrute da bolsa se o bolseiro non realiza ou incumpre as tarefas que se lle asignen, ou se aquelas non reúnen os requisitos de calidade exixibles; en tal suposto, así como no de renuncia á bolsa por parte do beneficiario, o director do IGE procederá na forma prevista na base novena desta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O director do IGE poderá ditar as disposicións necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2007.

José Colino Sueiras

Director do Instituto Galego de Estatística