DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 23 de maio de 2007 Páx. 8.544

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2007 pola que se convoca un curso de actualización sobre delitos contra a seguridade do tráfico.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso de actualización sobre delitos contra a seguridade do tráfico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñecer a normativa que afecta os delitos relacionados coa seguridade do tráfico.

-Saber como solucionar policialmente a casuística que se poida presentar na actuación das policías locais e dos corpos de seguridade.

-Dominar o trámite procedemental das actuacións, de xeito que os atestados se configuren adecuadamente.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros das forzas e corpos de seguridade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

80 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 5 de xuño de 2007, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada (fax: 986 59 00 28); ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase durante os días 12, 13 e 14 de xuño.

O horario será das 9.30 ás 14.00 e das 15.30 ás 19.30 horas, cunha duración de 25 horas lectivas.

Contido.

I. Delitos contra a seguridade do tráfico: perspectiva penal e procesual.

II. Actuación dos corpos de seguridade diante deste tipo de delitos: dilixencias que hai que efectuar e procedemento que hai que seguir.

III. Estudo e análise de casos.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase publica o día 8 de xuño a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios do Academia Galega de Seguridade Pública, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 02 41 e na páxina web: http://agasp.xunta.es.

Lugar.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, sito na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia e crédito de libre configuración.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel. Por outra banda, a Universidade de Santiago de Compostela outorga un crédito de libre configuración a todas aquelas persoas que superen este curso.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de maio de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

Pública