DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 23 de maio de 2007 Páx. 8.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2007, da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, pola que se anuncian cursos de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico e cualificado para agricultores, persoal auxiliar e responsables de establecementos e servizos fitosanitarios.

A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, na letra b) do artigo 41 especifica que os usuarios e os que manipulen produtos fitosanitarios deberán cumprir os requisitos de capacitación establecidos pola normativa vixente, en función das categorías e clases de perigosidade dos produtos fitosanitarios.

A Orde do 8 de marzo de 1994, modificada pola Orde PRE2922/2005, que establece a normativa reguladora da homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, define, no número un do punto segundo, os niveis de capacitación, especificando os programas no seu anexo.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, establece a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipulador destes produtos. No seu artigo 9 establece a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia realizar.

En virtude do exposto e das atribucións que me confire o artigo 9 do Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria,

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto.

1. Convocar cursos de nivel básico e cualificado que organizarán as oficinas agrarias comarcais e os centros de Formación e Experimentación Agroforestal da Consellería do Medio Rural.

Segundo.-Beneficiarios dos cursos.

1. Os cursos están dirixidos ás persoas que queiran adquirir un dos seguintes niveis de capacitación:

1.1. Nivel básico:

Dirixido a agricultores que realizan na súa explotación os tratamentos fitosanitarios sen persoal auxiliar, persoal de establecementos fitosanitarios e persoal auxiliar de empresas de tratamentos fitosanitarios.

1.2. Nivel cualificado:

Dirixido a agricultores que realizan na súa explotación os tratamentos fitosanitarios con persoal auxiliar, responsables de empresas de tratamentos fitosanitarios e responsables de empresas de distribución de fitosanitarios.

2. O número de asistentes a cada curso será de 10 persoas como mínimo e de 30 como máximo.

Terceiro.-Características dos cursos, contidos e avaliación.

1. O horario e a data de comezo dos cursos estará exposto no taboleiro de anuncios de cada unidade organizadora cun mes de antelación á data do seu inicio.

1. Os cursos terán para o nivel básico un mínimo de 25 horas lectivas e para o nivel cualificado un mínimo de 72 horas lectivas, coa obrigada presenza de todo o alumnado. Neles impartiranse os contidos que figuran no anexo III de acordo coa Orde PRE/2922/2005, do 19 de setembro (BOE nº 228, do 23 de setembro).

2. Para superar os cursos será necesario que os alumnos asistan á totalidade das horas lectivas e demostren o seu aproveitamento mediante a realización dunha proba obxectiva. Aos asistentes que superen a proba outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto. En calquera caso, a cualificación final do alumnado expresarase nos termos de apto ou non apto.

3. Aos alumnos que obteñan a cualificación de apto, a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal expediralles o certificado e o carné de manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico ou cualificado, que os habilita para exercer como tales, conforme as exixencias dos organismos oficiais en todo o territorio estatal durante dez anos.

Cuarto.-Solicitude e prazos.

1. Para a presentación das solicitudes empregarase o modelo de formulario que figura como anexo I desta resolución. É imprescindible que se indique claramente o código do curso que se solicita e o enderezo da unidade impartidora, información que figura no anexo II.

2. A documentación para os cursos de nivel básico, que se xuntará coa solicitude, será a seguinte:

* Fotocopia do DNI ou NIF.

* Dúas fotografías tamaño carné nun sobre pechado e rotulado con nome, apelidos e DNI do solicitante.

* Xustificante do ingreso nunha entidade bancaria colaboradora de 8,49 euros polo dereito á realización de probas de aptitude para a obtención do carné, segundo o modelo A que se xunta no anexo IV.

3. Para os cursos de nivel cualificado, ademais da documentación anterior, tamén se xuntará, segundo o caso, a documentación acreditativa do nº de rexistro do establecemento e servizos fitosanitarios ou unha certificación dos responsables do establecemento ou da empresa de aplicación de fitosanitarios correspondente, especificando o labor que desempeña o solicitante.

4. As persoas que desexen realizar os cursos presentarán a solicitude no rexistro da unidade organizadora a que pertenza a localidade onde queiran realizar o curso e será de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

5. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do dia seguinte ao da publicación desta resolución.

Quinto.-Asignación das prazas.

1. No nivel básico, o alumnado do curso seleccionarase tendo en conta a orde de entrada das solicitudes na unidade organizadora en que o beneficiario vaia realizar o curso, considerando a súa proximidade xeográfica a esta e o seu perfil profesional.

2. Para acceder ao curso de nivel cualificado, na selección terá prioridade o persoal de establecementos e servizos fitosanitarios inscritos ou en proceso de inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas da comunidade autónoma (Orde do 8 de abril de 1996 conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais), o que deberán acreditar.

3. Reservarase o cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos, ao abeiro do artigo 37 bis da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Se non houber suficientes solicitudes de mulleres, as prazas cubriranse con homes.

4. As listas provisionais de admitidos, unha vez aprobadas pola Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, serán expostas nos taboleiros de anuncios das unidades impartidoras.

5. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días para formular as alegacións que consideren oportunas. Unha vez resoltas as reclamacións, faranse públicas as listas definitivas do mesmo modo que as provisionais.

Sexto.-Profesorado e coordinación.

1. O profesorado destes cursos propoñerao a unidade organizadora, tendo en conta a súa solvencia técnica e científica para impartir os cursos, conforme o disposto no artigo 200 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, de contratos das administracións públicas, e os límites establecidos na Lei 53/1984, do 26 de decembro, e no Real decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibilidades.

2. O profesorado de cada curso será o responsable de desenvolver os programas sinalados no anexo III, así como de avaliar o alumnado e levar os correspondentes rexistros diarios de asistencia segundo o modelo do anexo V.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal nomeará un coordinador técnico a través dos directores dos centros de Formación e Experimentación Agroforestal para os cursos que se impartan neses centros e a través dos xefes do Servizo Técnico Agrario no caso das oficinas agrarias comarcais.

Sétimo.-Instrucións e ordes de servizo.

A Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e ordes de servizo precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Oitavo.-Recursos.

Contra esta resolución, e contra os actos administrativos que deriven dela, procederá a interposición de recurso de alzada perante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o previsto nos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2007.

Gonzalo Flores Calvete

Director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal

ANEXO III

1. Programa do curso para nivel básico (mínimo de horas lectivas: 25).

1. As pragas. Métodos de control. Medios de defensa fitosanitarios.

2. Produtos fitosanitarios: descrición e xeneralidades.

3. Perigosidade dos produtos fitosanitarios e dos seus residuos.

4. Riscos derivados da utilización dos produtos fitosanitarios.

5. Intoxicacións e outros efectos sobre a saúde. Primeiros auxilios.

6. Tratamentos fitosanitarios. Equipamentos de aplicación.

7. Limpeza, mantemento, regulación e revisión dos equipamentos.

8. Nivel de exposición do operario: medidas preventivas e de protección no uso de produtos fitosanitarios.

9. Relación traballo-saúde: normativa sobre prevención de riscos laborais.

10. Boas prácticas ambientais. Sensibilización ambiental.

11. Protección do ambiente e eliminación de envases baleiros: normativa específica.

12. Principios da rastrexabilidade. Requisitos en materia de hixiene dos alimentos.

13. Boa práctica fitosanitaria: Interpretación da etiquetaxe e fichas de datos de seguridade.

14. Normativa que afecta a utilización de produtos fitosanitarios. Infraccións e sancións.

15. Prácticas de aplicación de produtos fitosanitarios.

2. Programa del curso para nivel cualificado (mínimo de horas lectivas: 72).

1. As pragas dos cultivos: danos que producen.

2. Métodos de control das pragas.

3. Medios de protección fitosanitaria. Loita integrada e loita biolóxica.

4. Produtos fitosanitarios: substancias activas e preparados.

5. Métodos de aplicación de produtos fitosanitarios.

6. Equipamentos de aplicación: funcionamento dos diferentes tipos.

7. Limpeza, regulación e calibración dos equipos.

8. Mantemento e revisións dos equipos.

9. Perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde.

10. Residuos de produtos fitosanitarios: riscos para o consumidor.

11. Intoxicacións e outros efectos sobre a saúde. Primeiros auxilios.

12. Tratamentos fitosanitarios. Preparación, mestura e aplicación.

13. Riscos derivados da utilización de produtos fitosanitarios.

14. Nivel de exposición do operario.

15. Medidas preventivas e de protección do operario.

16. Relación traballo-saúde: normativa sobre prevención de riscos laborais.

17. Boas prácticas ambientais. Sensibilización ambiental.

18. Riscos para o ambiente: medidas de mitigación.

19. Eliminación de envases baleiros. Sistemas de xestión.

20. Principios da rastrexabilidade. Requisitos en materia de hixiene dos alimentos.

21. Transporte, almacenamento e manipulación de produtos fitosanitarios.

22. Seguridade Social agraria

22. Boa práctica fitosanitaria.

23. Interpretación da etiquetaxe e fichas de datos de seguridade.

24. Normativa que afecta a utilización de produtos fitosanitarios. Infraccións e sancións.

25. Prácticas de aplicación.

26. Exercicios de desenvolvemento de casos prácticos.