DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 23 de maio de 2007 Páx. 8.490

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 20 de abril de 2007 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes ao Programa de promoción xeral de investigación do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (Incite) e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece, como obxectivo xeral, o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de setembro de 2006 aprobou o Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010 (Incite).

A lei sinala que o plan estará integrado por programas horizontais, xerais e sectoriais. Os tres programas xerais definidos no Incite están dirixidos particularmente á promoción da actividade innovadora do sistema público de I+D+I e dos centros tecnolóxicos, e ao seu aliñamento coas estratexias e obxectivos do Plan galego de I+D+I, ao tempo que incorporan novos conceptos que non teñen cabida noutros programas.

Un dos programas xerais é o Programa de promoción xeral de investigación (PXI) que, desde a base da liberdade de investigación, ten como obxectivo darlle soporte aos aspectos básicos e xerais da actividade de I+D+I e da produción científica como elemento esencial no proceso de xeración de novo coñecemento, apostando polo fomento de todas as áreas científico-tecnolóxicas, priorizando criterios de calidade, e propiciando o ambiente óptimo que posibilite xerar coñecemento a longo prazo sen os condicionamentos do mercado ou dunha produtividade inmediata.

No marco do Incite, este programa ten como finalidade identificar a investigación básica de excelencia, investir na dotación dos recursos necesarios e propiciar unha actividade investigadora de calidade e con capacidade para competir no ámbito internacional. Igualmente, é preciso incentivar a mobilidade dos investigadores e investigadoras do sistema público de I+D+I.

Estas liñas de acción determinan o tipo de axudas que se convocan nesta orde: axudas para a realización de proxectos de investigación básica, axudas para a preparación de propostas para o VII Programa marco e axudas para a organización e asistencia a congresos e cursos científicos.

Sendo esta unha das primeiras convocatorias de axudas do Plan galego de I+D+I (2006-2010), introduce significativas modificacións no marco conceptual e constitúe un primeiro paso que, xunto con outras convocatorias posteriores, darán cumprimento aos obxectivos marcados nos programas xerais previstos no Incite.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases por que se rexerá a concesión das subvencións da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria co fin de pór en marcha os instrumentos previstos no Incite para a execución do programa de Promoción xeral da investigación.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse para o ano 2007, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva as modalidades de subvencións que a seguir se indican e que se rexerán polas seguintes bases xerais, así como por aquelas específicas que se inclúen como anexos á presente orde.

Modalidades de subvención, código de procedemento e anexo:

Elaboración de propostas paa o VII PM: 825X: anexo I.

Proxectos de investigación básica: 825B: anexo II.

Organización de congresos e reunións científicas: 811A: anexo III.

Asistencia a congresos e reunións científicas: 810A: anexo IV.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario/a das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se indica nas bases reguladoras de cada modalidade de subvención, cuxas primeiras follas se publican como anexos V, VI, VII e VIII desta orde, e irá acompañada dos documentos que se especifican nos correspondentes artigos das bases reguladoras.

2. Os formatos normalizados poderanse obter a través dos enderezos electrónicos: http://www.conselleriaiei.org/dxidi/ ou http://www.xunta.es/cumprimentacion-electronica.

3. Non se terá en consideración ningunha solicitude que non se realice no modelo normalizado a que se refire o parágrafo anterior.

4. Ademais daquela documentación específica que se indique en cada un dos anexos da presente convocatoria, as solicitudes deberán ir acompañadas das seguintes declaracións xuradas (os modelos normalizados poderanse obter da aplicación informática habilitada para realizar a solicitude):

1. Declaración xurada do solicitante de todas as solicitudes efectuadas e concedidas para o mesmo fin polas distintas administracións públicas competentes ou polos seus organismos ou sociedades.

2. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. No caso de solicitudes das axudas previstas nos anexos I e II da presente convocatoria, esta declaración deberá ser remitida á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación polo organismo a través do cal se presente algunha solicitude, non sendo necesaria máis que unha única declaración, válida para o conxunto de solicitudes presentadas polo seu persoal.

3. Declaración opcional do solicitante do compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. De conformidade coa lexislación vixente, o cómputo deste prazo farase de data a data.

Artigo 4º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten os códigos IN825X, IN825B, IN811A, IN810A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://www.conselleriaiei.org/) na súa sección de «axudas» e na «oficina virtual».

b) Os teléfonos 981 54 68 99 y 981 54 10 88 da devandita Dirección Xeral.

c) O enderezo electrónico: info.pxi@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Artigo 5º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, nas cales existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano 2007, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios establecidos nos artigos correspondentes das presentes bases. As aplicacións sinaladas con asterisco (*) están cofinanciadas con fondos Feder e FCI.

2. As axudas previstas nesta orde serán incompatíbles con calquera outra das que poida conceder esta consellería para o mesmo fin. Polo demais, estas axudas serán compatíbles con calquera outra destinada ao mesmo fin, calquera que for a súa natureza, e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo total do proxecto.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Así mesmo, conforme o establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 23.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, os documentos exixidos que xa estean en poder da Administración actuante non deberán ser presentados coa solicitude, sempre que nela se faga constar a data e órgano ou dependencia en que foi presentada a documentación e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios, e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase mediante anuncio na páxina web da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (http://www.conselleriaiei.org/dxidi/) ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1 da citada lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.1, resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, ou con calquera outro organismo da Administración pública galega.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nos anexos correspondentes, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o/a subdirector/a xeral de xestión do PGIDIT ou persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, con voz e voto.

c) Vogais: sete vogais con voz e voto, entre os cales estará o/a subdirector/a xeral de Innovación Empresarial ou persoa en quen delegue, e o/a xestor/a do programa, que será designado como os restantes vogais polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación entre expertos das distintas áreas. No caso de que a xestión do programa requira da existencia de máis dun xestor, un deles será designado membro da comisión e os demais poderán asistir ás reunións da comisión de valoración por instancia desta, con voz pero sen voto.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obteren a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedar libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite o que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación.

3. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que desenvolva o beneficiario ou, se for o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

4. No caso de que a comisión de selección propoña o financiamento de solicitudes correspondentes a centros de investigación dependentes da Xunta de Galicia, unha vez ordenadas por orde de prioridade decrecente, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación estudará o seu financiamento, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias. De ser o caso, procederá a realizar unha retención de crédito na aplicación orzamentaria correspondente da citada Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación coa finalidade de que a consellería correspondente poida levar a cabo a oportuna ampliación de crédito do seu orzamento para realizar a execución das actividades de investigación.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b da indicada lei, poderase substituír a notificación individual de concesión da axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia, con indicación, neste caso, da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución da concesión por instancia do interesado, sempre que este presente solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

3. O acto por que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención farase axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IX destas bases, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde quedan obrigados a:

1. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Comunicar á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no momento en que sexan beneficiarios de calquera axuda concedida para o mesmo fin, o importe e a duración dela.

Artigo 16º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, poderán solicitar as aclaracións ou informes que achen oportunos.

2. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

3. No caso de gastos realizados na primeira anualidade, admitiranse custos do proxecto realizados e efectivamente pagos desde o 1 de xaneiro de 2007 ata a data límite de xustificación.

4. Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. As subvencións concedidas ao persoal investigador das universidades e centros de investigación públicos non dependentes da Xunta de Galicia, serán libradas a través do organismo o que pertence o investigador solicitante, conforme o plan de necesidades da axuda subvencionada e de acordo coa normativa vixente.

Artigo 17º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 18º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 20º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases estarase suxeito ao previsto no marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2006/C 323/01), no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a elaboración de propostas ao VII Programa marco.

Artigo 1º.-Obxecto das subvencións.

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto aumentar a competitividade dos equipos de investigación do sistema público de investigación de Galicia, promovendo accións que faciliten a presenza dos investigadores e investigadoras no VII Programa marco. Con tal fin convocanse, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para o financiamento de propostas dirixidas ás convocatorias do VII Programa marco da Unión Europea, orientadas a satisfacer gastos ocasionados pola súa elaboración.

Artigo 2º.-Contías máximas e actuacións subvencionables.

1. As contías máximas para as axudas convocadas no presente anexo son as seguintes:

a) 12.000 euros no caso de que o solicitante lidere a proposta.

b) 6.000 euros no caso de que o solicitante sexa socio.

O seu libramento realizarase nun pagamento único.

2. As solicitudes deberán referirse a algúns dos seguintes conceptos:

2.1. Contratación temporal de persoal específico con dedicación exclusiva á preparación da proposta de proxecto.

2.2. Mobilidade dos membros do equipo de investigación e outros gastos asociados á constitución do consorcio (de ser o caso).

2.3. Asesoramento puntual de expertos externos.

Non se considerarán custos subvencionables os derivados de:

-Persoal estable vinculado estatutaria ou contractualmente coa entidade solicitante.

-Gastos de caracter administrativo.

-Gastos de adquisición de material mobiliario, científico e informático, así como o correspondente a material funxible.

-Gastos considerados indirectos no Programa marco.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as investigadores/as do sistema público de investigación de Galicia (SUG; centros, entes e organismos públicos de investigación), que presenten propostas de proxectos nas convocatorias do VII Programa marco abertas ao longo do ano 2007.

Artigo 4º. Solicitudes.

1. A solicitude presentada polo investigador solicitante deberá contar co visto e prace do representante legal do organismo de investigación a que pertence. Esta sinatura supón o compromiso de verificación dos datos que se presentan na devandita solicitude.

2. Os formularios de solicitude deberanse obter e cubrir necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos da internet http://www.xunta.es/cumprimentacion-electronica ou http://www.conselleriaiei.org/dxidi/.

3. O formulario da solicitude, que se obterá da aplicación informática sinalada no número anterior, consta dos seguintes documentos:

a) Impreso de solicitude.

b) Memoria-resumo da proposta.

c) Memoria do orzamento proposto.

d) Indicadores de experiencia científica previa.

4. Unha vez impreso, sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal, deberase presentar, debidamente asinado polo solicitante e acompañado da seguinte documentación:

a) As declaracións indicadas no artigo 2.4 das bases xerais.

b) Copia íntegra da solicitude presentada no VII PM, oportunamente rexistrada pola administración competente. Se no momento de realizar a solicitude a proposta non está formalizada, deberase proceder da seguinte forma:

-Cubrir no formulario normalizado da solicitude o espazo reservado á explicación da proposta que inclúa polo menos os obxectivos, o plan de traballo, o perfil dos participantes do consorcio europeo e a xustificación do proxecto.

-Compromiso escrito de que se remitirá á Dirección Xeral de I+D+I a solicitude ao VII PM no momento en que se formalice.

c) Nas solicitudes de axudas que procedan de persoal pertencente a centros sanitarios que xestionen as súas actividades de investigación a través de fundacións de interese galego (Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego), o Servicio Galego de Saúde deberá dar o seu visto e prace á solicitude e autorizar á correspondente fundación sanitaria de interese galego para que xestione a subvención. Pola súa banda, o representante legal da fundación deberá asinar a aceptación da devandita xestión.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

A comisión para a selección dos beneficiarios e a selección das axudas terá en conta os seguintes criterios:

a) A experiencia científica previa para a realización das actividades programadas (máximo 30 ptos).

b) O interese estratéxico e relevancia científico-técnica da proposta para Galicia (máximo 30 ptos).

c) O papel desempeñado polo equipo dentro do consorcio (máximo 15 ptos).

d) A adecuación dos recursos financeiros solicitados aos obxectivos propostos (máximo 15 ptos).

e) O compromiso de utilización de lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido co artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (máximo 10 ptos).

Artigo 6º.-Xustificación da subvención.

1. Para poder proceder ao libramento dos fondos, será necesario que antes do 31 de outubro de 2007 o organismo competente, remita certificación expresiva da realización dos gastos correspondentes á subvención outorgada.

No caso de proxectos cofinanciados con fondos Feder os gastos deberán xustificarse mediante facturas orixinais aboadas ou documentos contables de valor probatorio equivalentes, segundo o establecido no Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (L 371/1, DOUE do 27 de decembro de 2006). Así mesmo, deberá cumprir coa normativa de información e publicidade dos fondos contida no citado regulamento. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento posteriores ao 31 de decembro do exercicio correspondente.

2. Se no momento da solicitude da subvención regulada neste anexo aínda non se tivese formalizado a presentación da proposta na convocatoria do VII PM, o beneficiario deberá presentar copia da documentación acreditativa da súa presentación, no momento en que esta se realice e, en todo caso, antes do 20 de decembro de 2007.

3. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presente a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No caso de proxectos financiados a centros dependentes da Xunta de Galicia, ao rematar cada anualidade deberán presentar unha certificación expedida polos servizos competentes das consellerías de que dependan na cal conste que os fondos achegados pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria foron destinados á realización dos proxectos.

Artigo 7º.-Seguimento.

No prazo máximo de 3 meses, contado a partir do remate da axuda, o beneficiario deberá presentar un informe que incluirá a descrición dos logros e o cumprimento dos obxectivos acadados. O modelo normalizado de informe poderá obterse na páxina web http://www.conselleriaiei.org/dxidi/.

O/A xestor/a do programa poderá solicitarlle ao/á investigador/a responsable as comprobacións e aclaracións que sexan necesarias. Se se constatar unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, o xestor do programa poderá propor a suspensión da axuda. Así mesmo, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación poderá convocar o investigador responsable da solicitude, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

Artigo 8º.-Difusión de resultados.

Os traballos e os resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, no momento da súa publicación, deberán facer constar a referencia específica da axuda recibida e remitirán á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación un exemplar das correspondentes publicacións.

ANEXO II

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para proxectos de investigación básica.

Artigo 1º.-Obxecto das subvencións.

As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto promover, en réxime de concorrencia competitiva, o desenvolvemento de proxectos de investigación que procuren a excelencia na xeración do coñecemento. Préstaselle especial atención ao desenvolvemento de novas liñas en ámbitos de produción científica no sistema público de I+D+I. A orde contempla dúas modalidades:

a) Proxectos de investigación: axudas para a realización de proxectos de investigación en calquera campo do saber, que supoñan un avance no coñecemento científico. En prol de establecer un marco de competencia equilibrado, cando o proxecto sexa liderado por un investigador novo, entendendo como tal aquel que ten unha antigüidade máxima de 6 anos como doutor, esta condición será tida en conta especificamente na avaliación da experiencia científico-técnica.

b) Proxectos coordinados: axudas para a realización de proxectos que requiren para o seu correcto desenvolvemento a coordinación de dous ou máis subproxectos. Deberá xustificarse axeitadamente a necesidade desta coordinación para abordar os obxectivos propostos, así como os beneficios esperados dela.

Artigo 2º.-Contía máxima e actuacións subvencionables.

1. A contía máxima da axuda concedida por proxecto (ou subproxecto, de ser o caso) será de 120.000 euros para un período máximo de tres anos.

2. En xeral, as axudas solicitadas deberán referirse a algún dos conceptos seguintes, que en ningún caso serán considerados como subcontratación:

a) Persoal contratado especificamente para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. A contratación realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, e o importe mínimo para a contratación, a tempo completo, será de 21.000 euros por persoa e ano no caso de titulados superiores, e de 18.000 euros no caso de titulados medios ou FP.

Excepcional e unicamente para o caso de títulos obtidos no estranxeiro que estean en proceso de homologación polo Ministerio de Educación y Ciencia, admitirase, durante un período máximo de dous anos, a substitución do contrato por unha bolsa, por un importe mínimo de 16.000 euros anuais.

b) Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificado. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo a que pertence o/a investigador/a principal do proxecto.

c) Material funxible debidamente xustificado.

d) Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

e) Outros gastos (especificaranse no modelo de solicitude).

f) Custos indirectos: imputarase por este concepto un 15% do custo total do proxecto, co fin de resarcir o correspondente organismo dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.

g) No caso dos proxectos liderados por un investigador novo, inclúese entre os conceptos subvencionables axudas para a realización de estadías de investigación necesarias para acadar de forma óptima os obxectivos do proxecto, sempre que a contía non exceda a 10% da cantidade solicitada.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os equipos de investigación do sistema público de investigación de Galicia (SUG; centros, entes e organismos públicos de investigación).

Non terán a condición de beneficiario as persoas que dirixan ou participen nun proxecto vixente subvencionado con cargo ao Programa de promoción xeral de investigación en convocatorias anteriores.

2. Para os efectos destas axudas, enténdese por equipo de investigación o conxunto de investigadores que baixo a dirección dun deles desenvolven un proxecto de investigación concreto. Os membros do equipo deben pertencer ao mesmo organismo, coa excepción dos membros considerados nas alíneas 3 c e d) do parágrafo seguinte.

3. O equipo de investigación constituírase co seguinte tipo de membros:

a) Persoal investigador estable:

-Persoal investigador doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable co organismo público. Considéranse dentro desta categoría o PDI universitario contratado nas figuras da LOU que requiren o título de doutor, así como o persoal investigador contratado ao abeiro dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal ou asimilables.

-Persoal investigador non doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable co organismo público, ou mantida ao menos durante a vixencia do proxecto.

b) Persoal investigador en formación: persoal con vinculación ao organismo en figuras específicas de formación investigadora, nomeadamente axudantes, persoal contratado en formación do programa María Barbeito ou asimilables, bolseiros predoutorais de convocatorias públicas.

c) Investigadores asociados: persoal investigador doutor vinculado a outro organismo de investigación que se considera relevante para o correcto desenvolvemento do proxecto. Inclúese nesta categoría o persoal docente doutor dos centros de ensino non universitario.

d) Persoal de apoio: persoal técnico ou calquera outro persoal contratado para a realización de tarefas de apoio á investigación no desenvolvemento de proxectos concretos de investigación e persoal sen vinculación a un organismo de investigación.

4. O/a investigador/a principal que exerce a dirección do proxecto deberá ser doutor, pertencer a algunha das categorías incluídas na alínea a) do punto 3 anterior e ter dedicación completa ao correspondente organismo, agás nos centros sanitarios, que poderá ter dedicación a tempo parcial.

5. Existen limitacións na participación en proxectos de investigación que, con cargo ás distintas convocatorias de subvencións para a realización de proxectos da Dirección Xeral de I+D+I, pode ter vixentes calquera investigador, tanto no número como no tipo de participación. Estas limitacións son:

-No número: con dedicación compartida, un investigador pode ter vixentes:

a) Tres proxectos, no caso de doutores con dedicación a tempo completo ao organismo.

b) Dous proxectos, no caso de doutores con dedicación a tempo parcial ao organismo.

c) Nos demais casos, só poderá participar nun único proxecto.

-No tipo de participación:

a) Só se pode ser investigador principal nun único proxecto.

b) No caso de solicitude de axuda para a realización dun proxecto en que o investigador principal é un investigador novo, deberá ter dedicación única ao proxecto.

6. A inobservancia por parte dalgún membro do equipo de investigación dos límites establecidos no parágrafo anterior suporá a súa exclusión do equipo. Se lle afecta o investigador principal, será motivo de non admitir a trámite da solicitude.

7. Todos os proxectos de investigación vixentes financiados a cargo de calquera dos programas do Plan galego computan para efectos dos límites establecidos na epígrafe 5 anterior. Exclúense do cómputo:

-Todos os proxectos internacionais.

-Todos os proxectos do Plan nacional.

-Os proxectos do Plan galego de I+D+I querematen no mesmo ano en que se solicita a axuda.

8. Nas axudas para proxectos coordinados deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Cada subproxecto debe estar a cargo dun equipo de investigación vinculado a diferente organismo.

b) Cada subproxecto contará cun investigador principal, responsable do desenvolvemento das actividades asignadas ao subproxecto. Ademais, un deles actuará como coordinador do proxecto, sendo responsable do seguimento e coordinación deste.

c) Poderán solicitarse proxectos coordinados con grupos doutras comunidades autónomas sempre que estas se comprometan a financiar os subproxectos correspondentes.

9. Os contratados ao abeiro dos programas Ramón y Cajal e Isidro Parga Pondal ou equivalentes, se o seu contrato remata antes da terminación do proxecto para que se solicita a axuda, coa conseguinte perda de vinculación co organismo, poderán ser membros do equipo de investigación ata a data de finalización do seu contrato. Neste caso, deberá figurar na solicitude outro investigador que cumpra os requisitos necesarios, para que, unha vez substituído o investigador cesante, non se vexa alterada de forma significativa a estrutura e capacidade científico-técnica.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes serán presentadas polo investigador principal e deberán contar co visto e prace do representante legal do organismo correspondente. Esta sinatura supón o compromiso de verificación dos datos que se presentan na solicitude.

2. No caso de proxectos coordinados, o coordinador farase responsable da presentación do proxecto completo perante a Administración.

3. Os formularios de solicitude deberanse obter e cubrir necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos de internet http://www.xunta.es/cumprimentacion-electronica ou http://www.conselleriaiei.org/dxidi/

4. Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Ademais das declaracións requiridas no artigo 2.4 das bases xerais, a solicitude constará dos seguintes documentos:

a) Formulario normalizado de solicitude, debidamente asinado polo investigador principal do proxecto, e obtido a través da aplicación informática sinalada no número 4.2 e impreso sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal. Este formulario consta dos seguintes documentos:

1. Impreso de solicitude.

2. Documento 1-A relativo á composición do equipo de investigación.

3. Documento 1-B relativo á memoria científica da proposta e ao orzamento solicitado.

b) Os currículos de todos os membros do equipo investigador que se engadirán na propia aplicación informática de xeración de solicitudes, como documentos de texto en formato word ou PDF, utilizando o formato normalizado da Dirección Xeral de I+D+I, que se poderá obter na páxina web http://www.conselleriaiei.org/dxidi/ ou na propia aplicación. No caso de non seren engadidos na aplicación informática, serán obtidos pola Dirección Xeral de I+D+I do Rexistro de Investigadores de Galicia (RIGA). Non serán tidos en conta os currículos presentados en papel.

c) Nas solicitudes de axudas que procedan de persoal pertencente a centros sanitarios que xestionen as súas actividades de investigación a través de fundacións de interese galego (Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego), o Servizo Galego de Saúde deberá dar o seu visto e prace á solicitude e autorizar á correspondente fundación sanitaria de interese galego para que xestione a subvención. Pola súa banda, o representante legal da fundación deberá asinar a aceptación da devandita xestión.

d) Ademais das declaracións indicadas no artigo 2.4 das bases xerais desta convocatoria, autorización -cando corresponda- emitida polo Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia, ou acreditación de ter presentado a súa solicitude.

Artigo 5º.-Avaliación e selección das solicitudes. Criterios de valoración.

1. O proceso de selección dos proxectos realizarase sobre unha valoración total de 100 puntos, e constará de dúas fases:

1ª.-Avaliación externa científico-técnica realizada por avaliadores externos sobre unha valoración máxima de 85 puntos. A obtención nesta primeira fase dunha valoración media inferior a 30 puntos será causa de exclusión do proceso de selección.

2ª. Avaliación interna levada a cabo pola comisión de selección sobre unha valoración máxima de 15 puntos.

Os expertos externos encargados de realizar a avaliación científico-técnica serán nomeados polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. De cada proxecto faranse dúas avaliacións, por parte de avaliadores distintos, e, no caso de discrepancia significativa entre estas dúas avaliacións, será feita unha terceira por outro avaliador. O xestor ou xestores do programa, tendo en conta os informes de avaliación, realizará un informe sobre a idoneidade das solicitudes presentadas.

2. Na valoración externa teranse en conta os seguintes criterios (máximo 85 puntos):

a) Calidade científico-técnica do proxecto (máximo 30 puntos): relevancia e novidade científica dos obxectivos en relación ao estado de coñecemento da área; viabilidade das hipóteses, adecuación da metodoloxía e técnicas instrumentais.

b) Viabilidade do proxecto (máximo 15 puntos): deseño e plan de traballo da investigación; adecuación dos recursos humanos e materiais ao plan de traballo. No caso de proxectos coordinados, complementariedade dos equipos de investigación e beneficios da coordinación.

c) Capacidade científico-técnica do equipo de investigación para a realización do proxecto e contribucións recentes relacionadas coa área temática do proxecto (máximo 35 puntos). Na avaliación da capacidade investigadora do investigador principal cando se trate dun investigador novo, os avaliadores deberán puntuar este punto en coherencia coa traxectoria científica exixible a un investigador destas características

d) Adecuación dos recursos financeiros previstos aos obxectivos propostos e participación doutros organismos como axentes financiadores (máximo 5 puntos).

3. Na valoración interna teranse en conta os seguintes criterios (máximo 15 puntos):

a) Composición e dedicación do equipo (máximo 13 puntos). Valoraran se positivamente os seguintes aspectos:

-A dedicación exclusiva ao proxecto.

-A participación de doutores.

-O compromiso na formación de novos investigadores.

-A participación equilibrada de investigadoras no equipo, principalmente na planificación, coordinación e dirección da investigación; así como

-O grao de multidisciplinariedade do equipo.

b) Compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (2 puntos).

4. A valoración dun proxecto coordinado resultará da media aritmética da valoración obtida polos subproxectos que o integran. No caso de que algún dos subproxectos acade valoracións inferiores ás mínimas establecidas, suporá a exclusión do proxecto no seu conxunto (é dicir, a exclusión de todos os subproxectos que o integran).

Artigo 6º.-Xustificación da subvención.

1. Para poder proceder ao libramento dos fondos, será necesario que antes do 31 de outubro de cada anualidade a universidade ou organismo competente remita, certificación expresiva da realización dos gastos correspondentes á subvención outorgada.

No caso de proxectos cofinanciados con fondos Feder, os gastos deberán xustificarse mediante facturas orixinais aboadas ou documentos contables de valor probatorio equivalentes, segundo o establecido no Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (L 371/1, DOUE do 27 de decembro). Así mesmo, deberá cumprir coa normativa de información e publicidade dos fondos contida no citado regulamento. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento posteriores ao 31 de decembro do exercicio correspondente.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No caso de proxectos financiados a centros dependentes da Xunta de Galicia, ao finalizar cada anualidade deberán presentar unha certificación expedida polos servizos competentes das consellerías de que dependan en que conste que os fondos achegados pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria foron destinados á realización dos proxectos.

Artigo 7º.-Seguimento.

Unha vez finalizada a axuda, o/a investigador/a principal do proxecto ou de cada subproxecto, no caso de ser coordinado, elaborará un informe final no prazo máximo de 3 meses contado desde a data de finalización, no cal se recolla a descrición dos logros e cumprimento de obxectivos. Cando se trate dun proxecto coordinado, o coordinador farase responsable da presentación conxunta dos respectivos informes finais correspondentes a cada subproxecto. O modelo normalizado de informe poderá obterse na páxina web http://www.conselleriaiei.org/dxidi/.

Así mesmo, o/a xestor/a poderá solicitar ao/á investigador/a principal aqueles informes parciais ou memorias que acrediten o proceso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. Así mesmo, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación poderá convocar o investigador responsable da solicitude, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos. Se da análise do desenvolvemento do proxecto se constatar unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, o xestor do programa poderá propor a suspensión da axuda.

Artigo 8º-Difusión de resultados.

Os traballos e os resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, no momento da súa publicación, deberán facer constar a referencia específica da axuda recibida e remitirán á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación un exemplar das correspondentes publicacións.

Artigo 9º-Incidencias.

Os/as investigadores/as que conforman o equipo de investigación beneficiario dunha axuda están obrigados a manterse no equipo ata a finalización do proxecto, agás circunstancias excepcionais que deberán ser autorizadas expresamente pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

ANEXO III

Axudas para organización de congresos e reunións científicas por parte de persoal investigador non vinculado ao SUG.

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Esta liña de actuación ten como finalidade axudar os órganos individuais ou colectivos dos centros públicos de investigación a sufragaren os gastos de organización congresos e reunións de carácter científico e tecnolóxico, que se celebren en Galicia, entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2007, e contribúan a difundir os avances do coñecemento científico e da investigación. Non se contempla nesta convocatoria a subvención de actividades deste tipo organizadas por órganos individuais ou colectivos do SUG.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por congreso o que ten estrutura de sesións con relatorios e comunicacións, sendo necesariamente estas últimas seleccionadas nun proceso aberto. Enténdese que é unha reunión científica se o evento conta unicamente con relatores convidados polos organizadores e non está aberta á presentación de traballos de investigación se non é por esta vía.

3. Establécense tres modalidades de eventos:

a) Modalidade A: inclúense aqueles congresos avalados por unha sociedade científica internacional ou nacional, con carácter periódico e sede rotatoria e con presenza significativa de relatores e/ou conferenciantes de centros de investigación estranxeiros.

b) Modalidade B: inclúe todos os outros congresos non avalados por sociedades científicas e non cubertos pola modalidade A.

c) Modalidade C: inclúe as reunións científicas con relatores alleos aos centros de investigación radicados en Galicia.

4. Consideraranse como gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos de difusión dos programas de reunión.

b) Custos de participación dos relatores e conferenciantes.

c) Edición das actas.

Quedan explicitamente excluídos os gastos sociais (comidas dos asistentes, actos lúdicos, axudas de custos e gastos protocolarios).

5. Esta subvención só terá unha única anualidade, e admitiranse os gastos asociados á organización de congresos celebrados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2007.

Artigo 2º.-Contía das subvencións.

As subvencións en ningún caso excederán, segundo o seu carácter, as cantidades que a seguir se indican:

Modalidade A: 6.000 euros.

Modalidade B: 2.500 euros.

Modalidade C: 1.250 euros.

Artigo 3º.-Beneficiarios das subvencións.

As subvencións serán solicitadas polo responsable do comité organizador do evento específico para a cal se fai a solicitude, e terá que ser necesariamente un órgano individual ou colectivo dun centro público de investigación radicado en Galicia. Non terán condición de beneficiarios os órganos individuais ou colectivos vinculados ao SUG e aos centros de investigación dependentes da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión destas subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica nos artigos 2 e 3 das bases xerais, tendo en conta o seguinte:

-O modelo oficial de solicitude desta subvención é o denominado PXI-03.

-Presentarase un único exemplar desta solicitude.

-As solicitudes presentaranse a través do organismo que posúa personalidade xurídica propia, co visto e prace do seu representante legal.

2. Xunto coa solicitude, debe achegarse a seguinte documentación:

a) Certificación do organismo público ou centro de investigación en que conste expresamente a autorización de organización da actividade científica.

b) No caso de que o congreso corresponda á modalidade A das previstas no punto 1, documento en que conste a encarga da organización do congreso por parte dunha sociedade científica, así como información relativa aos dous congresos anteriores (sedes, datas de celebración, etc.).

c) Memoria científica do evento e orzamento detallado de ingresos e gastos, segundo o modelo oficial, en que conste a contía da inscrición e unha breve nota curricular dos relatores.

d) Programa provisorio en que conste a relación prevista de relatores e conferenciantes convidados, e as actividades que se van realizar.

e) Declaración escrita do solicitante en que conste o compromiso de que no programa definitivo do congreso ou reunión científica, nas actas deste, pósters, etc. figure a colaboración da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (inclúese dentro dos formularios de solicitude).

f) A composición do comité científico.

g) Boletín de inscrición.

h) Circular/es do congreso ou reunión científica.

i) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo evento das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (inclúese dentro dos formularios de solicitude).

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

1. A comisión de selección, en función das dispoñibilidades orzamentarias, determinará en cada caso o importe da axuda concedida tendo en conta a modalidade de evento (A, B ou C) e a súa duración, sen superar os límites establecidos no artigo 2 deste anexo.

2. As solicitudes valoraranse atendendo aos seguintes criterios

a) Para as modalidades A e B.

-Carácter internacional do congreso avalada pola presenza significativa de relatores de recoñecida calidade científica no seu ámbito procedentes de centros de investigación radicados no estranxeiro (máximo 40 ptos).

-Dimensión do congreso e grao de apertura do mesmo: volume de comunicacións orais, e en panel, número de participantes e/ou inscritos (máximo 40 ptos).

-Adecuación do orzamento total do congreso e dispoñibilidade doutras fontes de financiamento (máximo 20 ptos).

b) Para a modalidade C

-Presenza de relatores con recoñecida calidade científica no seu ámbito (máximo 40 ptos).

-Interese e relevancia científica do seminario (máximo 40 ptos).

-Adecuación do orzamento total do congreso e dispoñibilidade doutras fontes de financiamento (máximo 20 ptos).

Artigo 6º.-Xustificación da subvención.

As subvencións faranse efectivas aos beneficiarios mediante libramento ao organismo con personalidade xurídica propia. Previamente ao pagamento, os beneficiarios deberán ter presentado o programa definitivo do evento científico e a certificación expresiva da realización dos gastos correspondentes á subvención outorgada.

Esta documentación deberá presentarse no mes de celebración do congreso ou reunión que se financie e, en todo caso, antes do 10 de novembro de 2007.

Será condición necesaria para o pagamento da axuda que no programa definitivo e na documentación que se publique conste a colaboración da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. Excepcionalmente poderán eximirse desta obriga aquelas actividades que teñan lugar antes da resolución das axudas.

Así mesmo, antes do pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

ANEXO IV

Axudas para asistencia a congresos e reunións científicas por parte de persoal investigador non vinculado ao SUG.

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Estas axudas teñen a finalidade de favorecer a participación do persoal investigador dos centros de investigación radicados en Galicia en reunións de carácter científico co fin de fomentar o intercambio de coñecementos e a colaboración entre grupos de investigación.

2. Establécense dúas modalidades de axuda:

Modalidade A): Bolsas para asistencia a congresos, simposios ou seminarios.

Modalidade B): Bolsas para asistencia a cursos.

3. En ningún caso se financiarán actividades que se realizasen con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano da convocatoria ou que se vaian a realizar con posterioridade ao 31 de outubro do mesmo ano, tomando, para estes efectos, como referencia a data de comezo do congreso, simposio, seminario ou curso. Excepcionalmente, se a actividade se realiza entre o 1 de novembro e o 31 de decembro, poderase financiar o custo de inscrición se esta se realiza con anterioridade ao 31 de outubro.

Na modalidade A) non se financiarán actividades que se leven a cabo dentro do territorio galego, agás que, a xuízo da comisión, o programa do evento e a participación do solicitante nel o xustifiquen.

Artigo 2º.-Contía das subvencións.

O importe máximo das axudas concedidas será o seguinte:

-360 euros brutos para congresos e reunións en territorio nacional e Portugal.

-650 euros brutos para congresos e reunións noutros países europeos.

-1.100 euros brutos para congresos e reunións que se realicen noutros países.

Artigo 3º.-Beneficiarios das subvencións.

1. Un mesmo investigador só poderá solicitar unha axuda das contempladas neste anexo.

2. No caso de axudas para asistencia a congresos, simposios e seminarios:

a) As axudas poderán ser solicitadas polos/as investigadores/as do cadro de persoal, outro persoal investigador contratado e bolseiros ou contratados predoutorais e asimilados vinculados a centros públicos de investigación radicados en Galicia. Non terán a condición de beneficiarios o persoal investigador con vinculación co SUG.

b) Para ser beneficiario, o investigador deberá participar no evento científico presentando resultados do seu traballo de investigación en calquera dos formatos aceptados neste tipo de eventos.

c) Só se concederá unha única bolsa por traballo presentado nun evento, con independencia do número dos seus autores.

d) En ningún caso se concederán bolsas para a asistencia a un mesmo evento a máis de dous membros do mesmo grupo de investigación.

3. Axudas para asistencia a cursos.

As axudas para asistencia a cursos poderán ser solicitadas unicamente polos bolseiros de terceiro ciclo e bolseiros asimilados que estean a colaborar en actividades de investigación en centros públicos de investigación da comunidade autónoma que non pertenzan ao SUG.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión destas subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica nos artigos 2 e 3 das bases xerais, tendo en conta o seguinte:

-O modelo oficial de solicitude desta subvención é o denominado PXI-04.

-Presentarase un único exemplar desta solicitude.

2. Xunto coa solicitude debera achegarse a seguinte documentación:

a) No caso de asistencia a congresos, simposios e seminarios:

-Documento acreditativo da categoría do solicitante. No caso de persoal interino ou contratado, o documento deberá estar vixente na data de peche da convocatoria. Naqueles casos en que a categoría do solicitante non leve implícita a condición de doutor, esta, se é o caso, deberá acreditarse.

-Declaración xurada do solicitante en que conste que carece de vinculación coas universidades galegas (vinculación estatutaria ou funcionarial, contrato, bolsas, etc.).

-Resumo do traballo/comunicación que se vai expoñer na reunión.

-Xustificante de aceptación do traballo/comunicación que se vai expoñer na reunión.

-Declaración xurada do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

Ademais dos documentos anteriores deberá xuntarse:

-Para o caso de doutores: relación dos 5 fitos de investigación máis salientables, nos 3 últimos anos, cada un deles debidamente documentado. Entre os fitos deberán figurar necesariamente publicacións científicas.

-Para o caso dos solicitantes non doutores: informe do director/a da tese en que conste o interese que ten a asistencia do solicitante á dita reunión.

b) No caso de cursos monográficos:

-Documento acreditativo da categoría do solicitante.

-Solicitude de inscrición no curso.

-Programa do curso.

-Informe do responsable da actividade investigadora do solicitante en que conste o interese do curso para a formación do peticionario.

-Declaración xurada do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

1. Para a selección dos beneficiarios, a comisión terá en conta os seguintes criterios:

a) Daráselle prioridade ás solicitudes para asistencia a congresos e cursos de carácter internacional.

b) Para os solicitantes non doutores, con suficiencia investigadora, terase en conta a adecuación da temática da reunión ao obxecto de estudo da tese de doutoramento proposta (maior valoración para os de temática específica fronte aos de carácter máis xeral).

c) As solicitudes presentadas por doutores deberán ser avaliadas valorando a relevancia dos fitos de investigación achegados e a adecuación da temática da reunión ao perfil investigador.

2. En función das solicitudes recibidas e dos orzamentos dispoñíbles a comisión poderá fixar unha puntuación mínima por baixo da cal non se terá dereito á axuda.

3. Aqueles solicitantes seleccionados pola comisión que fosen beneficiarios destas axudas na convocatoria do ano anterior, unicamente poderán ser beneficiarios nesta convocatoria se, finalizado o proceso de selección do resto de solicitantes, existiren dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6º.-Xustificación da subvención.

1. As subvencións faranse efectivas mediante libramento único e directo aos beneficiarios, que deberán presentar a seguinte documentación:

a) Para asistencia a congresos, simposios e seminarios:

1. Aceptación do traballo por parte da entidade, institución ou persoa organizadora da reunión, sempre que non fose entregada xa no momento de solicitar a axuda.

2. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. A dita declaración farase antes do pagamento da subvención.

3. Certificación de asistencia.

b) Para asistencia a cursos monográficos:

1. Xustificación de ter feito o curso.

2. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. A citada declaración farase antes do pagamento da subvención.