DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.381

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2007, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica de reelectrificación en Pedralba e Vilaboa no concello de Cospeito. (Expediente 6/2003 A.T.).

Examinado o expediente instruído por instancia de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro, 4 Lugo, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 8 de abril de 2003, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da reelectrificación en Pedralba e Vilaboa, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve.

O 15 de xuño de 2005, o 4 de novembro de 2005 e o 19 de xaneiro de 2006, o promotor presenta anexos ao proxecto motivados polos requirimentos desta delegación con data do 15 de febreiro de 2005 o 17 de outubro de 2005 e o 26 de decembro de 2005 respectivamente.

O 15 de decembro de 2006 o promotor presenta un novo anexo ao proxecto motivado polas alegacións feitas por Luisa Teijeiro Ferreiro e Darío Teijeiro Teijeiro.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo, do 5 de xuño de 2006. Esta resolución foi publicada no DOG do 29 de setembro, no BOP de Lugo do 10 de outubro, no diario El Progreso de Lugo do 26 de agosto de 2006, no taboleiro de anuncios desta delegación provincial e no taboleiro de anuncios do Concello de Cospeito. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse a notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro.-Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos a este respecto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto.-Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública realizáronse as seguintes alegacións:

1. Darío Teijeiro Teijeiro, que manifesta a existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados en canto á titularidade dalgunhas das parcelas, en concreto, indica que a parcela co número 17 do plano parcelario do proxecto non é da súa propiedade, por conta, reclama a titularidade da parcela nº 18, atribuída inicialmente a outra persoa. Igualmente fai constar a súa desconformidade co feito de que non lle é posible saber de forma exacta como lle afecta o trazado da liña ás súas parcelas ao non estar marcado o seu paso sobre o terreo, así mesmo solicita que o apoio nº 10, do proxecto que figura no medio do predio nº 21 do plano parcelario, sexa trasladado cara a unha das beiras co fin de diminuír os prexuízos que se lle causan á parcela. Por último, Darío Teijeiro Teijeiro, expón que o cultivo das parcelas da súa propiedade reflectido nas comunicacións que se lle fixeron é o de monte alto cando, en realidade, están plantadas de eucaliptos.

2. Luisa Teijeiro Ferreiro quen tamén fai constar a existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados refiridas á titularidade de certas parcelas, neste caso a alegante manifesta que a parcela nº 18 do plano parcelario non lle pertence e, en cambio, a parcela nº 17, atribuída a outra persoa, si que é da súa propiedade. Así mesmo, manifesta a súa desconformidade co feito de que non lle é posible saber de forma exacta como lle afecta o trazado da liña ás súas parcelas ao non estar sinalado o seu paso sobre o terreo. Tamén solicita, que o apoio nº 9 do proxecto sexa trasladado a unha das beiras do predio co fin de diminuír os prexuízos que se causen á parcela. Por último, Luisa Teijeiro Ferreiro expón que o cultivo das parcelas da súa propiedade reflectido nas comunicacións que se lle fixeron é o de monte alto, cando, en realidade, están plantadas de eucaliptos.

3. José Chao López e Cecilio Crecente Fernández manifestan que deben de engadirse aos metros lineais e aos metros cadrados de afección que lle ocasionan o paso da liña eléctrica polas súas parcelas, os piñeiros madeireiros e os carballos que existen na superficie obxecto da servidume. Así mesmo, José Chao López, facendo referencia ao artigo 161 do Real decreto 1955/2000, propón un trazado alternativo para o paso da liña que consistiría en trasladalo á linde entre a súa parcela e outra lindante por onde xa hai un tendido eléctrico.

4. Jesús Murias Valle, quen fai unha serie de alegacións con respecto a unhas liñas de baixa tensión que pasan pola parte de adiante e de atrás da súa casa. Así mesmo, manifesta que, cos datos que se lle indicaron na carta que se lle enviou, non lle resulta posible saber con exactitude de que predio se trata.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación.

Quinto.-Os servizos técnicos desta delegación provincial emiten informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente de acordo co exposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o exposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, informan os referidos servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e 232/2005, do 11 de agosto, nos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta (DOG nº 149 e 155, do 4 e 12 de agosto, respectivamente), Decreto 231/2006, do 23 de novembro (DOG nº 244, do 21 de decembro), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión, aprobado polo Decreto 3151/1968, do 28 de novembro e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-En vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, considérase que tales alegacións non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1. Con respecto ao alegado por Darío Teijeiro Teijeiro e Luisa Teijeiro Ferreiro, cómpre dicir que os erros padecidos na titularidade das parcelas foron xa debidamente corrixidos. En canto ás dificultades para determinar de forma exacta como se afecta as súas parcelas e o cultivo existente nestas, cabe dicir que será no momento do levantamento das actas previas, acto para o que serán oportunamente citados, cando se reflicta con exactitude as afeccións que o paso da liña ocasiones nos predios dos alegantes, incluíndo a clase de cultivo existente, número e tipo de árbores que resulten afectadas, así como calquera outros datos que resulten de interese para a determinación da indemnización que corresponda. Por último, con respecto á solicitude de variar a localización dos apoios número 9 e 10 do proxecto, cabe dicir que foi aceptada pola compañía eléctrica que presentou nesta delegación o correspondente modificado.

2. En canto ao manifestado por José Chao López e Cecilio Crecente Fernández, por que tal e como se dixo no parágrafo anterior, será no momento do levantamento da acta previa á ocupación, acto para o que tamén serán citados os alegantes, cando se recollan de forma exacta todos os bens e dereitos afectados para a súa posterior valoración, incluíndo, como é lóxico o número, especie e demais características das árbores que resulten afectadas. Polo que se refire á proposta de variación de trazado efectuada por don José Chao López, cómpre dicir que non cumpre cos requisitos recollidos no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, xa que, modificar o trazado da liña de media tensión obxecto deste expediente de xeito que coincidise coa liña de baixa tensión que existe no linde do seu predio, suporía unha variación de trazado superior, en lonxitude, ao 10% da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorre sobre a propiedade do alegante; igualmente, o custo desta

variante, superaría, nun 10% ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

3. Polo que respecta ás alegacións efectuadas por Jesús Murias Valle, dicir que as redes de baixa tensión ás que se refire non son obxecto deste expediente. Igualmente, en canto á súa manifiestación de que non lle é posible saber de que predio se trata, cómpre dicir que a compañía eléctrica presentou na delegación a documentación exixida no artigo 143 do Real decreto 1955/2000, entre a que se inclúe un plano de perfil e planta no que se identifican os predios segundo o proxecto e se pode comprobar como afecta o paso da liña ás parcelas, planos que están á disposición do alegante para que, en calquera momento os poida examinar. A maior abundamento será no momento do levantamento das actas previas á ocupación, para o que será oportunamente citado, cando se determine con precisión a forma en que resulte afectada a parcela de Jesús Murias Valle e se recollan todos os bens que resulten afectados. A pesar disto, achégaselle copia do plano de planta e perfil que consta no expediente onde se

reflicte o paso da liña pola súa parcela.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta delegación provincial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. o establecemento da instalación eléctrica reelectrificación en Pedralba e Vilaboa no concello de Cospeito, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión aérea núa ao centro de transformación Pedralba, con orixe na liña de media tensión derivación ao centro de transformación de Fontela e remate no centro de transformación Pedralba, de 1.255 metros de lonxitude, a 20 kV, sobre apoios de formigón e torres metálicas en condutor LA-56/54,6 mm2.

2. Centro de transformación intemperie de Pedralba, de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20 kV/380-220 V.

3. Rede de baixa tensión aérea en Pedralba de 1,6 km de lonxitude, con orixe no centro de transformación Pedralba, sobre apoios de formigón, en condutor RZ.

2. Aprobar o proxecto de execución e os seus anexos da instalación eléctrica denominado reelectrificación en Pedralba e Vilaboa asinados polo enxeñeiro técnico industrial Nicanor Piñeiro Sampedro.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración e dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 26 de agosto de 2006, Diario Oficial de Galicia do 29 de setembro e no BOP de Lugo do 10 de outubro e expostas no taboleiro de anuncios desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Cospeito. Así mesmo, se fai constar que ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formular as alegacións que se consideren oportunas para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens

afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante desta delegación provincial (sita no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, código postal 27071, Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto e os seus anexos, presentados pola empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas S.A.

Segunda.-O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira.-En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento técnico de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación e Industria.

Quinta.-O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Sexta.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación desta resolución nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 9 de maio de 2007.

Ramón Jesús Cortés Máñez

Delegado provincial de Lugo