DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.379

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2007, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T. e R.B.T. Calvos, concello de Calvos de Randín. (Expediente IN407A 06/187-3 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para os efectos de notificacións na Batundeira, 2-Velle; 32960 Ourense, sobre autorización, aprobación do proxecto e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia; resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-A petición someteuse a información pública por Acordo do 31 de outubro de 2006, desta delegación provincial, publicada no DOG do 7 de febreiro de 2007, no BOP de Ourense do 2 de decembro de 2006, no xornal La Región do 14 de novembro de 2006, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Calvos de Randín, e desta delegación provincial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-Dentro do prazo establecido para iso non se presentou ningunha alegación en contra desta instalación eléctrica.

Terceiro.-O proxecto recolle a execución das instalacións que se detallan a continuación:

-Datos técnicos: liña eléctrica aérea, a 20 kV, de 579 m de lonxitude, con condutor LA-56 e apoios de formigón, con orixe na L.M.T. Vilar de Unión Fenosa Distribución, S.A. e remate no C.T. Grupo Escolar Calvos. Rede de baixa tensión aérea de 85 m, condutor R.Z., derivada do C.T. Grupo Escolar Calvos. Rede de baixa tensión aérea de 616 m con condutor R.Z., derivada do C.T. Calvos (expediente 3415-A.T.) de Unión Fenosa Distribución, S.A.

-Orzamento: 37.779,25 euros.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

Segundo.-No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro.-O proxecto de execución, que recibiu informe favorable dos servizos técnicos desta delegación provincial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa ejecución, efectuándose a comprobación sobre o terreo da traza da liña eléctrica proxectada na que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o artigo 161 do citado Real decreto 1955/2000.

Esta delegación provincial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º. Conceder a autorización administrativa, a favor de Unión Fenosa Distribución, S.A., para o proxecto L.M.T. e R.B.T. Calvos, asinado o 9-1-2006 por Rubén Menéndez Fernández, enxeñeiro industrial colexiado número 1.380.

2º. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas autorizadas, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servizo público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servizos deles e zonas de servidume pública.

3º. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 15 de marzo de 2007.

Xosé Antón Jardón Dacal

Delegado provincial de Ourense