DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.372

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2007, do Servizo Provincial de Estradas da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación -trámite de urxencia- para a expropiación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de mellora da seguranza viaria na AC-415 A Coruña-Sabón (AC-552), treito: travesía de Meicende e A Pastoriza, p.k. 1+600 ao 5+100, clave AC/06/016.06, termos municipais da Coruña e Arteixo.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

As obras sinaladas no encabezamento desta resolución atópanse incluídas no programa de obras que se van realizar con cargo ao programa 512-B construción, conservación e explotación de estradas.

Con data do 24 de novembro de 2006, o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, aprobou o proxecto de construción de mellora da seguranza viaria na AC-415 A Coruña-Sabón (AC-552), treito: travesía de Meicende e A Pastoriza, p.k. 1+600 ao 5+100, clave: AC/06/016.06, termos municipais da Coruña e Arteixo.

Con data do 8 de marzo de 2007 a Xunta de Galicia procedeu a declarar a utilidade pública e urxente a ocupación dos bens e dereitos necesarios para efectos de expropiación para a mencionada obra por Decreto 53/2007, publicado no DOG nº 64, con data do 30 de marzo.

Na súa virtude e, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e os artigos 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados para que comparezan nos lugares, datas e horas que se citan para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas que se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados, e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladar ao lugar dos predios se o consideran necesario.

* Concello da Coruña:

Local: casa do concello.

Data: 26 de xuño de 2007, das 10.00 ás 12.00 horas.

De Compañía Logística de Hidrocarburos, S.A. a Repsol Petroleo, S.A.

* Concello de Arteixo:

Local: casa do concello.

Data: 27 de xuño de 2007, das 10.00 ás 13.00 horas.

De Campos Ferreiro, Avelina a Sande Pan, Manuel.

Data: 28 de xuño de 2007, das 10.00 ás 13.00 horas.

De Sande Vázquez, Mª Saladina a Zas Varela, Mª Isabel.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes estarán expostos nos concellos da Coruña e Arteixo, e no Servizo Provincial de Estradas da Coruña, praza Luis Seoane, s/n, 3º andar, 15071 A Coruña.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegando os documentos acreditativos da súa titularidade, DNI e último recibo da contribución, podendo ser acompañados, pola súa conta, se o consideran dos seus peritos e un notario.

Así mesmo, e en cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado ou ata o momento do levantamento das actas previas á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo Provincial de Estradas da Coruña, as alegacións que estimen pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

Guillermo Grandío Chao

Xefe accidental do Servizo Provincial de Estradas da Coruña