DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2007 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras do Programa de Apoio á Innovación das Pequenas e Medianas Empresas (Programa Innoempresa) en Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2007.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 22 de febreiro de 2007, acordou por unanimidade dos membros asistentes a aprobación das bases reguladoras do Programa de Apoio á Innovación das Pequenas e Medianas Empresas (Programa Innoempresa) en Galicia.

Estas bases prevén que as convocatorias de axudas, que conterán en todo caso o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados a elas, serán aprobadas mediante resolución do director xera do Igape e publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar as bases reguladoras do Programa de Apoio á Innovación das Pequenas e Medianas Empresas (Programa Innoempresa) en Galicia, as cales se anexan a esta resolución.

Segundo.-Aprobar a convocatoria para o 2007 do programa de axudas indicado no número anterior. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes desde o día seguinte á publicación desta resolución ata o 16 de xullo de 2007, ambas as datas inclusive.

Terceiro.-Os créditos dispoñibles para concesións no exercicio 2007 ascenden a 4.555.598,52 euros, que se aboarán con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Partida orzamentaria e importe:

-E4/10/02-656700: 2.277.799,26 €.

-E4/10/02-656800: 2.277.799,26 €.

Cuarto.-Á vista do volume das solicitudes presentadas para cada liña e mediante resolución, o director xeral do Igape poderá redistribuír entre elas os créditos aprobados, os cales tamén poderán ser ampliados e as partidas orzamentarias modificadas mediante resolución publicada para o efecto.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2007.

José Antonio Delgado Arce

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas (programa Innoempresa) en Galicia.

O Real decreto 1579/2006, do 22 de decembro (BOE nº 29, do 2 de febreiro de 2007) establece o réxime de axudas e o sistema de xestión do Programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas 2007-2013 (Programa Innoempresa), correspondéndolle ás comunidades autónomas a xestión dos proxectos de carácter rexional acollidos a ese programa de axudas. En Galicia esta xestión encoméndaselle ao Igape no cumprimento dos seus obxectivos fundacionais de promoción e fomento do desenvolvemento rexional, contribución á dinamización da economía de Galicia, e impulso da capacidade de innovación e a competitividade da economía en cooperación, neste caso, coa Administración xeral do Estado.

O Programa Innoempresa recolle medidas dirixidas a incrementar a capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas -especialmente aquelas que teñan vocación de crecemento e capacidade de xerar innovación-como medio para aumentar a súa competitividade, contribuír ao crecemento sustentable e, na súa consecuencia, favorecer o emprego e a xeración de riqueza, a través de tres liñas básicas de actuación: innovación organizativa e xestión avanzada, innovación tecnolóxica e calidade, e proxectos de innovación en colaboración, baseadas na utilización de instrumentos e procedementos de xestión para a promoción das Pemes xa contrastados.

Para a elaboración deste programa tívose en conta a experiencia adquirida na execución do Plan de Consolidación e Competitividade da PEME durante o período 2000-2006, no que se manifestou como positiva a colaboración de organismos intermedios no desenvolvemento de proxectos para un conxunto de Pemes, tratando de que as axudas as Pemes do Programa Innoempresa tamén se canalicen a través de organismos que poidan promover proxectos nas áreas de innovación tecnolóxica, da prestación de servizos empresariais innovadores e nos distintos eidos que configuran a cadea de valor empresarial.

O financiamento das axudas do Programa Innoempresa que se concedan en Galicia contan con recursos económicos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Artigo 1º.-Obxectivo.

O obxectivo destas axudas é o apoio á innovación e a competitividade das pequenas e medianas empresas (Pemes) mediante a realización de proxectos, tanto individuais coma colectivos, nos ámbitos tecnolóxico, organizativo e de xestión empresarial.

Estas axudas convócanse en virtude do disposto no Real decreto 1579/2006, do 22 de decembro, polo que se establece o réxime de axudas e o sistema de xestión do programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas (Innoempresa) 2007-2013 que, pola súa vez, establécese de conformidade co Regulamento (CE) 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas, modificado polo Regulamento (CE) 364/2004 da Comisión, do 25 de febreiro de 2004 e polo Regulamento 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

En consecuencia co anterior, estas bases poden estar suxeitas a cambios derivados da modificación ou substitución da regulamentación e disposicións anteriores.

As axudas reguladas nestas bases, segundo o indicado en cada epígrafe, outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e seralles de aplicación a normativa sobre subvencións públicas, en particular a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o seu Regulamento aprobado por Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Os proxectos que teñan cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2007) e Regulamento 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007).

As convocatorias, que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, incluirán os orzamentos asignados, os prazos de presentación de solicitudes e calquera outra disposición que se considere necesaria

Nas convocatorias en concorrencia competitiva, a preparación de solicitudes será necesariamente telemática, como exemplo da implantación de sistemas e tecnoloxías innovadoras, en beneficio de ambas as partes. A súa presentación e a comunicación entre o solicitante e o Igape poderá ser, así mesmo, totalmente telemática ou ben mediante a presentación física da instancia de solicitude, segundo o previsto no artigo 9º destas bases.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. As pequenas e medianas empresas (Pemes) galegas ou que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto, que desenvolvan actividades subvencionables e conten con, polo menos, un empregado con contrato laboral. Considerarase PEME aquela empresa que cumpra coa definición establecida pola Unión Europea en cada momento. En canto non se modifique a definición vixente, os requisitos que debe cumprir están recollidos na Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005).

2. Os organismos intermedios, entendendo como tales:

a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á innovación e á modernización nas súas diversas formas ás Pemes e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á innovación e á competitividade das Pemes e promovan proxectos nos que non persigan a obtención de beneficios.

Para poder acollerse a este réxime de axudas, os proxectos que presenten os organismos intermedios deberán recoller a prestación de servizos de carácter innovador a un conxunto de Pemes definidas en canto ao seu número, condición de pequena ou mediana empresa, sector de actividade e ámbito xeográfico que, necesariamente, terán que participar na súa execución e financiamento. Os proxectos en que estean identificadas desde o inicio o 50% ou máis das empresas participantes, terán unha consideración prioritaria; agás disposición en contrario establecida nos artigos correspondentes para unha tipoloxía concreta de proxecto, exixirase un mínimo de 5 Pemes participantes por proxecto.

Os xustificantes dos gastos en que incorran as Pemes participantes e os eventuais patrocinadores admitiranse como xustificantes da realización dos gastos do proxecto.

3. As Pemes e os organismos intermedios poderán presentar proxectos a todas as liñas de axuda, agás a recollida no artigo 4, número 2.2. Realización de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado que non poderá ser solicitada por organismos intermedios. Non se concederá máis dunha axuda por cada liña a unha mesma peme ou a un mesmo organismo intermedio dentro da mesma convocatoria.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. Estas axudas poderanse conceder a Pemes dos sectores de industria (incluída a agroalimentaria), construción, turismo, comercio e servizos, e a organismos intermedios que desenvolvan proxectos para Pemes destes sectores.

2. Non serán de aplicación aos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura.

b) Construción naval.

c) Carbón.

d) Aceiro.

e) Fibras sintéticas.

3. Non se aplicarán ás actividades ligadas á produción primaria (cultivo) de produtos enumerados no anexo I do Tratado CE. Aplicarase á transformación e comercialización de produtos agrícolas con excepción da fabricación e comercialización de produtos de imitación ou substitución do leite e os produtos lácteos.

4. Non se aplicarán ás actividades relacionadas coa exportación, é dicir, ás axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, á posta en marcha e funcionamento dunha rede de distribución ou doutros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.

5. Estas axudas non condicionarán a utilización de produtos nacionais en lugar de produtos importados.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas cuxa actividade de subministradoras de bens ou prestadoras de servizos se desenvolva nos mesmos ámbitos para os que solicitan a axuda.

Artigo 4º.-Tipoloxía de proxectos.

1. Innovación organizativa e xestión avanzada.

1.1. Proxectos que impliquen a adopción de novos modelos empresariais innovadores que incidan na mellora das diferentes áreas da empresa como:

-Organización da produción.

-Relacións con provedores ou clientes.

-Innovacións nos modelos de márketing e de comercialización.

-Xestión ambiental.

-Innovación en eficiencia enerxética.

-Innovación en loxística e distribución.

-Innovación na área de recursos humanos.

-Integración dos sistemas de xestión empresarial.

Estes proxectos consistirán na implantación de ferramentas de xestión avanzada existentes e contrastadas nos mercados, cuxa necesidade e elección estea convenientemente xustificada. No caso de que sexa necesaria a adquisición de hardware para a implantación da ferramenta, a base subvencionable para ese concepto non superará o 20% do orzamento total do proxecto.

1.2. Realización de diagnósticos integrais de situación e elaboración e implantación de plans estratéxicos.

-Esta liña de axuda é incompatible, nunha mesma convocatoria, coa liña de plans de mellora tecnolóxica previstos no punto 2.1 deste artigo.

-Esta axuda só se poderá desfrutar unha vez con carácter xeral, e non poderá volver a solicitarse agás que transcorresen tres anos desde a anterior concedida, se acredite a execución do plan estratéxico ou se xustifiquen razoablemente as causas polas que non se puido poñer en práctica. Estas condicións terán que cumprirse de igual xeito para o caso de obtención previa dunha axuda para plans de mellora tecnolóxica previstos no punto 2.1 deste artigo.

-Na solicitude de axuda terán que expoñerse con claridade os obxectivos perseguidos coa elaboración do plan estratéxico.

-Os plans estratéxicos deberán dar cumprida resposta, polo menos, aos seguintes puntos:

-Marco de referencia (valores, misión, obxectivos e políticas corporativas, mercado de actuación, etc.).

-Análise interna e externa (atractivo de mercado e análise competitiva).

-Diagnóstico: análise DAFO, identificación de requirimentos competitivos,...

-Estratexias competitivas avaliadas e priorizadas.

-Cronograma de execución do plan.

-Calendario de revisión.

Nesta liña de axudas non se subvencionarán investimentos.

1.3. Proxectos de deseño de novo produto, podendo incluír elementos de identidade gráfica, envase, embalaxe e comunicación sempre que estean asociados ao novo produto no mesmo proxecto.

Enténdese por deseño de novo produto a concepción e desenvolvemento de produtos que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño de produtos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.

Quedan excluídos o deseño de produtos de ciclo curto, o deseño de servizos e o deseño de software e outros bens intanxibles.

Os proxectos que se presenten nesta liña deberán formular o deseño ou redeseño dun só produto ou dunha soa gama concreta de produtos.

Esta liña é incompatible, na mesma convocatoria e para o mesmo produto ou gama de produtos, coa liña 2.2 de realización de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado.

2. Innovación tecnolóxica e calidade.

2.1. Realización de diagnósticos tecnolóxicos e plans de mellora tecnolóxica mediante o asesoramento a empresas a través da utilización de centros tecnolóxicos, doutros centros de investigación e de consultoras especializadas para a implantación de solucións específicas.

-Esta liña de axuda é incompatible, nunha mesma convocatoria, coa liña de diagnósticos integrais de situación e elaboración e implantación de plans estratéxicos previstos no punto 1.2 deste artigo.

-Esta axuda só se poderá desfrutar unha vez con carácter xeral, e non poderá volver a solicitarse agás que transcorreran tres anos desde a anterior concedida, se acredite a execución do plan de mellora ou se xustifiquen razoablemente as causas polas que non se puido poñer en práctica. Estas condicións terán que cumprirse de igual xeito para o caso de obtención previa dunha axuda para plans estratéxicos previstos no punto 1.2 deste artigo.

-Os plans de mellora tecnolóxica deberán analizar en profundidade todos ou algún dos seguintes puntos:

-Carteira de produtos.

-Procesos produtivos.

-Organización e xestión

En todo caso, deberán conter un plan de acción priorizado e planificado e a proposta de recursos financeiros necesarios para abordar o proceso.

Nesta liña de axudas non se subvencionarán investimentos.

2.2. Realización de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado.

Proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado desenvolvidos por Pemes que impliquen a creación ou mellora substancial dun produto, proceso produtivo ou servizo de maior nivel tecnolóxico para adecuar a súa oferta ás exixencias dos mercados.

As Pemes de menos de 10 traballadores fixos ou que non dispoñan de persoal técnico propio deberán contratar con centros ou institucións tecnolóxicas o desenvolvemento do proxecto.

Os investimentos que poden ser financiados nesta liña terán que ser investimentos non produtivos (equipos e instrumental de laboratorio e experimentación e adquisición de tecnoloxía documentada)

Esta liña é incompatible, na mesma convocatoria e para o mesmo produto ou gama de produtos, coa liña 1.3 de deseño de novo produto.

2.3. Implantación e certificación de acordo coas normas UNE 166.001 (proxectos de I+D+i) e UNE 166.002 (sistemas de xestión da I+D+i).

Para considerar executada a fase de implantación, requirirase que se acredite o inicio do proceso de certificación.

No caso da norma 166.001, só se subvencionará a certificación de contido e primeira execución. A entidade certificadora deberá estar acreditada por ENAC.

Nesta liña de axudas non se subvencionarán investimentos.

2.4. Implantación e certificación de sistemas de xestión ambiental (ISO 14001), sistemas integrados de calidade e ambiente (ISO 14001+ISO 9001), excelencia empresarial EFQM e sistemas de xestión da seguridade da información (ISO 27001 ou eventuais desenvolvementos posteriores)

Para considerar executada a fase de implantación, requirirase que se acredite o inicio do proceso de certificación.

No caso das normas ISO 14001 e ISO 9001, a entidade certificadora deberá estar acreditada por ENAC.

A subvención máxima para os custos de implantación e certificación na norma ISO 14001 será de 5.000 €.

A subvención máxima para os custos de implantación e certificación dos sistemas integrados segundo as normas ISO 14001 e ISO 9001 será de 8.000 €.

As empresas que presenten proxectos de implantación do modelo de excelencia EFQM deberán acreditar estar previamente certificadas na norma ISO 9001, e ao finalizar o proxecto deberán acadar unha puntuación igual ou superior a 300 puntos EFQM.

Nesta liña de axudas non se subvencionarán investimentos.

3. Proxectos de innovación en colaboración

3.1. Proxectos presentados por grupos de empresas cuxa actividade forme parte da cadea de valor global dun produto, a través de proxectos integrados de xestión loxística, ambiental ou enerxética e outros proxectos innovadores de implantación conxunta, como enxeñaría concorrente ou deseño distribuído, destinados a mellorar procesos e produtos de empresas relacionadas pola cadea de valor.

-Consideraranse aqueles proxectos de innovación desenvolvidos colaborativamente entre, polo menos, tres Pemes independentes entre si vinculadas pola cadea de valor dun ou varios produtos que traten de resolver de forma integrada a xestión loxística, ambiental ou enerxética das Pemes participantes, preferentemente, con solucións de mercado.

3.2. Identificación de necesidades tecnolóxicas, desenvolvemento de solucións técnicas e organizativas comúns e utilización de servizos avanzados compartidos por grupos de Pemes.

-Consideraranse aqueles proxectos desenvolvidos por, polo menos, tres Pemes independentes, relacionadas por necesidades tecnolóxicas comúns que traballen colaborativamente para a súa solución mediante a realización de proxectos de estudos de identificación de necesidades tecnolóxicas, desenvolvemento de solucións técnicas e organizativas comúns ou utilización conxunta de servizos avanzados.

As Pemes participantes en proxectos colaborativos deberán ter documentadas as súas relacións mediante un contrato, convenio ou acordo, que terá que achegarse xunto coa solicitude de axuda, no que se establezan os dereitos e obrigas dos distintos suxeitos participantes.

Os proxectos que os organismos intermedios presenten a esta liña deberán contar cun mínimo de 5 Pemes participantes.

Artigo 5º.-Gastos subvencionables, intensidade e compatibilidade das axudas.

1. Cando os beneficiarios directos das axudas sexan organismos intermedios, poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

a) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, excluídos a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina (agás elementos informáticos). A adquisición e adaptación de software considerarase investimento. A subvención máxima por este concepto será de 55.000 € para organismos intermedios e 18.000 € para Pemes.

b) Gastos de persoal técnico directamente relacionado coa execución do proxecto. Nesta epígrafe haberá que aterse aos máximos aplicables por categoría laboral especificados no anexo III.

c) Colaboracións externas: asistencia técnica, gastos externos de consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto.

d) Viaxes interurbanas e aloxamento do persoal propio necesarios para a realización do proxecto. A este respecto haberá que aterse aos límites máximos especificados no anexo III.

e) IVE ou equivalente soportado polo beneficiario cando lle supoña un custo real, o que se acreditará mediante acordo de exención do IVE emitido pola Axencia Tributaria que deberá achegarse xunto coa aceptación da axuda concedida. No caso dos beneficiarios suxeitos a pro rata, a base subvencionable para este concepto calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio finalizado antes da concesión da subvención, será responsabilidade do beneficiario incluír o resultado final na liquidación das súas obrigas fiscais.

f) Gastos xerais, que non poderán superar o 10% do orzamento subvencionable.

1.1. Os proxectos promovidos por organismos intermedios poderán destinar un máximo do 30% do gasto subvencionable total a actividades de preparación e difusión, agás en casos excepcionais xustificados pola natureza do proxecto, que poderán acadar ata o 50%.

2. Cando os beneficiarios directos das axudas sexan Pemes, poderanse subvencionar os gastos descritos nas letras a) e c) anteriores; e os da letra b) no caso dos proxectos da liña 2.2. Realización de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico aplicado.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Cando o importe do gasto subvencionable para a prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica supere os 12.000 €, deberán solicitarse, polo menos, tres ofertas de diferentes provedores que deberán achegarse na xustificación, e xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Unha empresa participante nun proxecto promovido por un organismo intermedio non poderá ser, simultaneamente, colaborador externo dese proxecto.

4. Non serán subvencionables os servizos prestados ás Pemes que constitúan unha actividade permanente ou periódica e que estean relacionados cos gastos de funcionamento normais da empresa.

5. Só serán subvencionables aqueles gastos necesarios directa e especificamente para o desenvolvemento do proxecto.

6. A subvención poderá chegar ata o 45% dos investimentos subvencionables, sen superar as limitacións especificadas, e ata o 50% para os restantes gastos. Os límites máximos de subvención aos investimentos só serán aplicables se a axuda se concede coa condición de que a contribución do beneficiario ao seu financiamento sexa do 25%, como mínimo.

7. No caso de proxectos de investimento os beneficiarios terán que mantelo durante un período mínimo de 5 anos. Esta norma non impedirá a substitución de instalacións ou equipos que quedasen obsoletos neste prazo debido ás transformacións tecnolóxicas, sempre e cando a actividade económica do beneficiario se manteña en Galicia.

8. As axudas deste Programa Innoempresa son incompatibles con calquera outra axuda a fondo perdido do Igape para o mesmo proxecto. Serán compatibles con instrumentos financeiros e con outras axudas de Estado sempre que as axudas acumuladas non superen as porcentaxes establecidas no punto anterior. En ningún caso o financiamento do proxecto poderá superar o 100% dos gastos totais do proxecto.

Artigo 6º.-Prazos de execución dos proxectos.

Con carácter xeral, agás excepcións fundamentadas na natureza do proxecto, o prazo máximo para a execución dos proxectos aprobados en calquera das liñas será de 12 meses desde a data da resolución de concesión da axuda, podendo concederse unha única ampliación de prazo por un máximo de 6 meses por petición do beneficiario que xustifique adecuadamente a necesidade da ampliación por causas que non lle sexan imputables.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación e selección de proxectos.

1. Condicións necesarias para a avaliación dos proxectos:

a) Que sexan técnica, económica e financeiramente factibles.

b) Que sexan completos, é dicir, que aínda que sexan ampliables e mellorables no futuro, sexan totalmente suficientes para a súa aplicación.

c) Que o número de Pemes participantes sexa como mínimo de 5 no caso de proxectos promovidos por organismos intermedios, e de 3 no caso de proxectos promovidos por Pemes nas liñas 3.1 e 3.2 (Innovación en colaboración).

2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

-Carácter innovador: 0 a 10 puntos.

-Grao de elaboración e concreción: 0 a 15 puntos.

-Capacidade e experiencia do director do proxecto e do equipo interno que participa no seu desenvolvemento, así como das principais colaboracións externas se as houber: 0 a 15 puntos.

-Eficacia e idoneidade prevista do proxecto (en función das características das solucións a implantar ou metodoloxía de execución, segundo os casos) para a peme ou conxunto de Pemes destinatarias: 0 a 10 puntos.

-Inserción nun plan ou actuación especial do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e/ou da Comunidade Autónoma de Galicia: 0 a 15. Neste punto, aos proxectos que se desenvolven nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e nos municipios da Costa da Morte relacionados no anexo II, concederánselles 15 puntos.

-Ademais, valorarase de 0 a 10 puntos o grao de identificación das Pemes participantes nos proxectos promovidos por organismos intermedios, e o impacto previsible do proxecto na competitividade da empresa nos proxectos promovidos por Pemes.

3. A puntuación total obtida por cada proxecto por aplicación do baremo do punto anterior multiplicarase por un coeficiente de ponderación segundo cada liña de apoio:

-Liña 1.1.: multiplicarase por 1,1.

-Liña 1.2.: multiplicarase por 1,1.

-Liña 1.3.: multiplicarase por 1,3.

-Liña 2.1.: multiplicarase por 1,1.

-Liña 2.2.: multiplicarase por 1,3.

-Liña 2.3.: multiplicarase por 1,0.

-Liña 2.4.: multiplicarase por 1,0.

-Liña 3.1.: multiplicarase por 1,4.

-Liña 3.2.: multiplicarase por 1,2 para proxectos de organismos intermedios e por 1,4 para proxectos de Pemes.

Artigo 8º.-Condicións de carácter xeral.

8.1. Os beneficiarios terán que estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non estar incursos en prohibición legal para percibir subvencións segundo o estipulado no artigo 13 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

8.2. Os investimentos non poderán estar realizados antes da data de presentación da solicitude nin despois da data de finalización do prazo concedido para a execución do proxecto. Este período denomínase prazo de vixencia para os efectos de cumprir todas as condicións que estableza a resolución de concesión da axuda. Para os outros tipos de gasto, poderán ser subvencionables os incorridos desde o 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude da axuda, sempre que o proxecto non estea finalizado nesa data, e ata a data límite de execución do proxecto. No caso de falla doutros medios de acreditación válidos, entenderase como data de realización da actuación a de emisión da factura correspondente

Artigo 9º.-Tramitación das solicitudes.

9.1. As convocatorias de axudas que conterán en todo caso o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados a ela serán aprobadas mediante resolución do director xeral do Igape e publicadas no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Para presentar unha solicitude de axuda os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario, que serán obxecto de acreditación documental no momento da aceptación da subvención, se é o caso, concedida e en calquera caso previamente a calquera aboamento de subvención.

9.3. Co fin de prestar asistencia na formulación do cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu Servizo de Asistencia Técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

9.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, nas que será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación.

9.5. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderán serlles requiridos ao interesado.

9.6. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9.7. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos a efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación, consonte o citado Decreto 200/2003.

e) Os interesados que cumpran os requisitos da letra b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape na epigrafe Tramitación Telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos no Real decreto 209/2003, do 21 de febreiro.

9.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

Artigo 10º.-Instrución do procedemento.

10.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos ao proxecto declarados no cuestionario descritivo do proxecto anexo a esta.

10.2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e emitido informe dos expedientes polos servizos técnicos, serán obxecto de avaliación conxunta pola Comisión Mixta de Seguimento do Programa Innoempresa na Comunidade Autónoma de Galicia prevista no artigo 13.2 do R.D. 1579/2006, do 22 de decembro, polo que se establece o réxime de axudas e o sistema de xestión do programa Innoempresa; a cal emitirá as propostas correspondentes que se elevarán ao director xeral do Igape para a súa resolución.

10.3. A concesión de subvencións por importe superior a 3.000.000 de euros requirirá a autorización do Consello da Xunta de Galicia. Nestes casos, a competencia para a resolución manterase no Consello de Dirección, delegándose no presidente a sinatura da resolución.

Artigo 11º.-Resolución.

11.1. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do gasto subvencionable a xustificar, a contía e porcentaxe da subvención concedida, as condicións e prazos de execución previstos no proxecto subvencionado, o prazo establecido para o cumprimento de todas as condicións da subvención, así como a obriga por parte do perceptor da subvención de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que esta actuación foi financiada polo Igape e, no caso de ter cofinanciamento dos Fondos da Unión Europea, pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Así mesmo, poderán establecer condicións técnicas e económicas de obrigada observancia para a realización do proxecto.

11.2. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación. Cando o motivo da denegación resulte de non acadar os puntos de avaliación necesarios no proceso de selección, explicitarase a puntuación acadada así como o posto de reserva que lle corresponde na lista de espera elaborada co fin de que, de producirse desistencias ou renuncias entre os proxectos aprobados, poidan ser propostos para concesión por estrita orde de puntuación acadada.

11.3. As resolucións serán notificadas ao solicitante naquela parte que o afecta. Se a resolución é de concesión o beneficiario terá un prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación cubrindo a dilixencia que se anexe, así como a presentación da documentación (en orixinal ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte, salvo que xa conste achegada no expediente:

a) DNI do beneficiario, asinante da solicitude e da dilixencia de aceptación. No caso de aceptación por poder: poder de representación suficiente, no seu caso inscrito no Rexistro Mercantil.

b) No caso de persoas xurídicas: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e estatutos debidamente inscritos no Rexistro competente e modificacións posteriores destes.

c) No caso de persoas xurídicas, poder de representación inscrito, se é o caso, no Rexistro competente do asinante da solicitude e da dilixencia de aceptación.

d) No caso de que non fosen xa obtidos directamente polo órgano xestor, certificados de estar ao día de pagamentos nas súas obrigas tributarias, coa Facenda Autonómica e coa Seguridade Social.

e) Calquera outra documentación necesaria para os efectos da liquidación que voluntariamente decida anticipar.

11.4. Persoas xurídicas en constitución. Cando a concesión recaia sobre unha persoa xurídica en constitución, na resolución individual outorgarase un prazo máximo de 3 meses desde a aceptación da resolución de concesión, para que o beneficiario presente a documentación acreditativa da súa constitución e as circunstancias rexistrais, no caso de que non fose presentada anteriormente. O dito prazo poderá ser prorrogado de oficio ou por instancia do beneficiario por un período que non superará a metade do inicialmente acordado, sempre que existan causas xustificadas. Transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior ou, se é o caso, as prórrogas concedidas a este, sen ter presentado a documentación, terase o interesado por decaído nos seus dereitos, ditándose resolución de arquivo.

11.5. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

11.6. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación.

11.7. Transcorrido o prazo de aceptación sen a recepción da dilixencia de aceptación ou da documentación requirida, o Igape terá o beneficiario por renunciado da axuda aprobada, procedendo ao arquivo do expediente, logo de resolución declarativa desta circunstancia ditada polo director de área competente na tramitación do expediente.

11.8. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución do expediente será de tres meses contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen ter recaído resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude.

Artigo 12º.-Recursos.

12.1. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto na Lei da xurisdición contencioso-administrativa, poderase interpoñer contra elas recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, na forma e prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da súa notificación.

12.2. Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, recurso de reposición, que resolverá o mesmo órgano que ditou o acto administrativo impugnado, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outras persoas ou entidades posibles interesadas.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

13.1. Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nestas bases ou demais normativa de aplicación. Excepcionalmente, en casos xustificados, os prazos poderán ser prorrogados de oficio ou por instancia do interesado.

b) Acreditar ante o Igape a realización do custo subvencionado, achegando toda a documentación xustificativa da realización do proxecto nos termos establecidos na resolución de concesión e o cumprimento das condicións no seu caso impostas. Salvo que as bases reguladoras de cada liña de subvención establezan o contrario para casos particulares, os custos incorridos polo beneficiario deberán ser xustificados mediante a presentación de facturas orixinais e xustificantes do seu pagamento efectivo emitidos por entidades financeiras, non admitíndose pagamentos en efectivo, salvo para importes ata 3.000 € por provedor.

c) Acreditar ante o Igape que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

d) Cumprir as demais condicións establecidas na resolución de concesión e nestas bases.

e) Adoptar as medidas de difusión da concesión da axuda ou subvención que sexan establecidas na resolución. No caso de cofinanciamento europeo, dar a adecuada publicidade deste, nos termos que resulten da resolución de concesión e da normativa da Unión Europea, especialmente o establecido no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión do 8 de decembro de 2006 polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello e demais normativa concordante .

f) Someterse ás actuacións de comprobación a efectuar polo órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Estas actividades de comprobación poderán ser, entre outras:

-Visitas ás instalacións en que se realizou o proxecto.

-Acceso a toda a documentación relacionada co proxecto.

-Acceso aos rexistros internos da empresa, nos que se basean as xustificacións técnicas e administrativas.

g) Comunicar ao Igape a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso coa solicitude de aboamento da subvención. O importe da subvención non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto subvencionado ou as porcentaxes máximas de subvención establecidas nas bases reguladoras da axuda, ou as permitidas na normativa autonómica, estatal ou comunitaria.

h) Dispoñer, se é o caso, dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos na resolución de concesión.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control; isto é, por non ter prescrito o prazo de 5 anos desde o cumprimento de condicións, sen prexuízo dos prazos específicos que se establezan en virtude da normativa da UE no control da aplicación de Fondos Comunitarios.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos de resolución de incumprimento.

13.2. O incumprimento das citadas obrigas poderá dar lugar á revogación da concesión e, se é caso, ao reintegro do indebidamente percibido e aos seus xuros de demora.

Artigo 14º.-Incidencias e modificacións do proxecto.

14.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

14.2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas as ditas axudas. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para o mesmo proxecto no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

14.3. En caso de modificación do proxecto aprobado, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación solicitada afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación. As solicitudes de modificación do prazo de execución do proxecto (prazo de vixencia) non precisarán da formalización dun novo cuestionario.

14.4. O órgano con competencia para resolver o expediente poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

14.5. Non se aceptarán modificacións do proxecto instadas polo beneficiario que supoñan un incremento do importe da subvención inicialmente concedida e aceptada.

14.6. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no que se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 15º.-Xustificación.

15.1. A xustificación ante o Igape da execución do proxecto e do cumprimento de todas as condicións establecidas na resolución de concesión será realizada polo beneficiario como máximo dentro dos dous meses seguintes ao vencemento do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión para a súa execución.

15.2. Dado que a resolución de concesión de axuda é ditada con base nas declaracións relativas ao proxecto contidas na solicitude, en trámite de xustificación deberá acreditarse documentalmente o cumprimento dos extremos declarados, mediante a presentación da solicitude de cobramento normalizada, anexo IV, e a documentación en orixinal ou copia cotexada que, para tal efecto, se especifique na resolución de concesión. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá comportar a modificación ou revogación da concesión e o reintegro das cantidades previamente aboadas.

15.3. Cando na resolución de concesión se fixesen prazos parciais para que o beneficiario acredite a execución, como mínimo, dunha determinada porcentaxe do gasto subvencionado ou o cumprimento doutras condicións, o seu incumprimento significará o inicio dun expediente que poderá finalizar coa revogación da axuda.

15.4. No caso de que existan razóns xustificadas para o atraso no cumprimento de condicións, os prazos de execución que se establezan na resolución poderán ser ampliados de oficio ou por instancia do beneficiario mediante resolución expresa e motivada.

15.5. Excepcionalmente, cando a xustificación documental resulte insuficiente para acreditar o importe e a realización de determinados gastos, o Igape poderá solicitar que se achegue informe de auditoría independente.

15.6. Para os efectos de que o Igape expida informe positivo da correcta execución do proxecto será necesario, se é o caso, a acreditación polo beneficiario de ter obtido as autorizacións administrativas que correspondan ao seu proxecto.

15.7. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos da base subvencionable aprobada, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total da base subvencionable aprobada nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

15.8. Así mesmo, sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación, poderase axustar o aboamento da subvención ao gasto efectivamente xustificado nos casos nos que cumpríndose todas as condicións establecidas, unicamente se tivese xustificado un gasto inferior ao aprobado, sempre que conste a conformidade expresa do beneficiario e o proxecto efectivamente xustificado non desvirtúe a concesión inicial.

Artigo 16º.-Aboamento das subvencións.

16.1. Con carácter xeral, o aboamento das subvencións realizarase unha vez o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións. Dentro do prazo máximo de dous meses seguintes á finalización do prazo de vixencia establecido na concesión, deberá acreditarse a execución da totalidade do proxecto e o cumprimento das condicións, se é o caso, establecidas na resolución.

O cobramento solicitarase como liquidación única da subvención, salvo que na resolución de concesión foran establecidas anualidades. Neste ultimo caso os gastos correspondentes a cada anualidade deberán ser imputados ao orzamento concedido para cada ano, procedendo, noutro caso, iniciar expediente de incumprimento.

16.2. Así mesmo, poderase efectuar o pagamento da subvención, dentro do prazo de vixencia, aínda cando quede pendente de acreditar algunha condición, unha vez xustificada a execución da totalidade do gasto do proxecto subvencionado e o cumprimento daquelas condicións cuxo prazo vencese con anterioridade á presentación da solicitude de cobramento. Neste caso, o cobramento da subvención estará condicionado á previa presentación de garantías. Deberase presentar garantía constituída mediante aval solidario de entidade financeira ou outra garantía suficiente, depositada na Caixa Xeral de Depósitos, que cubra o importe do pagamento e dos seus xuros calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da súa concesión e polo prazo que medie entre a data de solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran seis meses da fin do prazo final de vixencia previsto na resolución de concesión. Cando o beneficiario acredite que foron cumpridas todas as condicións da resolución individual,

autorizarase o levantamento do aval.

16.3. Se o beneficiario tivese acreditado en prazo a execución do proxecto e o cumprimento das condicións da subvención e solicitado as autorizacións administrativas para exercer a actividade subvencionada que no seu caso legalmente correspondesen, poderá solicitar ao Igape o aboamento da subvención e o outorgamento dun prazo para acreditar a obtención das citadas autorizacións pendentes. O Igape poderá aprobar o dito pagamento, logo de informe das administracións competentes para expedir as citadas autorizacións, contra a constitución polo beneficiario de garantía mediante aval solidario de entidade financeira ou outra garantía suficiente, depositada na Caixa Xeral de Depósitos, que cubra o importe do pagamento e dos seus xuros calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da aprobación do pagamento e polo prazo que medie entre a data de constitución do aval e a finalización do prazo concedido que non poderá exceder de dous anos, salvo prórroga expresa concedida en

atención ás circunstancias do expediente.

16.4. En caso de que non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclamar o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17º.-Incumprimento.

17.1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá a revogación da axuda e, se é o caso, o reintegro total ou parcial da contía percibida e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

17.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou as porcentaxes máximas de axuda establecidas nestas bases.

17.3. O procedemento de incumprimento iniciarase de oficio polo órgano do Igape que ditou a resolución de concesión, ben por iniciativa propia, logo de informe dos servizos do Igape competentes na xestión ou liquidación dos expedientes, ou como consecuencia das actuacións de control da intervención xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia, mediante a comunicación ao beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as súas posibles consecuencias. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

17.4. Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro do indebidamente percibido e os seus xuros de demora de acordo cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Excepcionalmente o Consello de Dirección do Igape poderá autorizar un incumprimento parcial distinto cando as súas causas quedasen suficientemente xustificadas e non se desvirtuase a finalidade da subvención.

c) En caso de que o incumprimento se refira á obtención da subvención por unha contía que o seu importe, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas supere os topes máximos legalmente permitidos, procederá o reintegro do exceso obtido sobre os ditos topes máximos.

d) Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos previstos nos puntos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

e) A concorrencia de distintas causas de incumprimento ou incidencias dará lugar á aplicación a cada unha delas das regras previstas neste punto.

f) Procederá declarar a revogación total da axuda cando o incumprimento se refira aos requisitos establecidos en cada caso para obter a condición de beneficiario.

17.5. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

17.6. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o presidente do Igape ditará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

17.7. O prazo máximo para resolver e notificar os procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado o dito prazo non se tivese notificada a resolución entenderase caducado o procedemento, sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a dita circunstancia de caducidade e ordenando o arquivo de actuacións, cos efectos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose a incoar novo expediente en tanto non prescriba o dereito a iso.

17.8. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puidesen ser constitutivos de infracción administrativa segundo o establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000 que a desenvolve en materia de axudas e subvencións.

17.9. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorrer as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común levará consigo a obriga de devolver as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

17.10. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 18º.-Publicación de concesións e sancións.

18.1. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro das presentes bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación nos citados medios.

18.2. De conformidade cos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Economía e Facenda publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas e entidades beneficiarias e a referida publicidade, e a súa cesión por parte do Igape aos órganos competentes da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 19º. Rexistros públicos de axudas, subvencións, convenios e sancións.

De acordo co disposto no artigo 6 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a presentación da solicitude de axuda comportará de xeito obrigado o consentimento expreso do interesado ao Igape para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no citado decreto, os datos relevantes segundo a enumeración establecida no artigo 4 do citado decreto, referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Poderanse exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido deses rexistros do xeito establecido no artigo 10 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo.

Artigo 20º.-Control e comprobación das axudas.

20.1. Sen prexuízo da comprobación material previa ao pagamento, da realidade dos gastos subvencionados que proceda, anualmente elaborarase en coordinación coa intervención xeral da comunidade autónoma un plan de comprobación de axudas e subvencións, cos criterios que a tal efecto se establezan.

20.2. Así mesmo, os beneficiarios sométense ás actuacións de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento das axudas con fondos europeos. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

Artigo 21º.-Interpretación.

Corresponde ao director xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das normas de tramitación previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Artigo 22º.-Silencio administrativo.

As solicitudes que non fosen resoltas nos prazos que se establecen nas presentes bases poderán considerarse desestimadas.