DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 24 de abril de 2007 de subvencións aos concellos en materia de erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 e modificación parcial das bases da convocatoria recollidas na Orde do 21 de xuño de 2006.

A conselleira de Vivenda e Solo aprobou, por Orde do 21 de xuño de 2006, publicada no DOG nº. 129, do 5 de xullo, as bases reguladoras das subvencións en materia de chabolismo, en desenvolvemento do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, de desenvolvemento da Lei 5/1989, do 24 de abril, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta disposición abre o prazo de presentación das solicitudes, indica o importe máximo das subvencións, actualiza o procedemento para publicar os convenios e subvencións de acordo coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega, e identifica as partidas orzamentarias en que figuran os créditos que amparan esta orde.

A conselleira de Vivenda e Solo actúa no exercicio das competencias que ten atribuídas en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

Logo dos informes preceptivos, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto abrir a convocatoria de subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva, aos concellos en materia de erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, establecer o prazo de presentación de solicitudes, modificar o prazo de resolución, actualizar o procedemento relativo á publicidade dos convenios e subvencións, indicar o importe máximo das subvencións e identificar as partidas orzamentarias en que figuran os créditos que amparan a convocatoria de subvencións, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 21 de xuño de 2006, publicadas no DOG nº 129, do 5 de xullo.

Artigo 2º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta disposición e rematará o 29 de xuño de 2007.

Artigo 3º.-Consignación orzamentaria e importe máximo.

O importe máximo das subvencións para alugueres será de 200.000 euros, con cargo ao exercicio orzamentario do 2007.

O importe máximo para as subvencións de fomento da promoción e adquisición da propia vivenda e promoción de vivenda por outros promotores públicos será de 500.000 euros con cargo ao exercicio orzamentario de 2007, 500.000 euros no exercicio orzamentario 2008, 400.000 euros no exercicio 2009 e 400.000 euros no exercicio 2010.

Estas subvencións instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado, no vixente orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo, para esta finalidade na aplicación 17.02.451B.460.0 para subvención de alugueres e na aplicación 17.02.451B.760.0 para as subvencións de fomento da promoción e adquisición da propia vivenda e promoción de vivenda por outros promotores públicos.

Artigo 4º.-Prazos de resolución.

Modificase o artigo 13 da Orde do 21 de xuño de 2006, que quedará redactado da seguinte maneira:

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, o prazo máximo establecido para resolver e propoñer a sinatura do correspondente convenio será de seis meses, contados desde a presentación da solicitude.

Artigo 5º.-Publicidade.

Modifícase o artigo 15 da Orde do 21 de xuño de 2006, que quedará redactado da seguinte maneira:

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o concello solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos concellos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2007.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo