DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.326

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de maio de 2007 pola que se modifica a do 26 de decembro de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da intensificación da actividade investigadora no sistema universitario de Galicia, e pola que se convocan para o curso académico 2006-2007 as axudas do devandito programa.

Tal como se establece na Orde do 26 de decembro de 2005 (DOG nº 250, do 30 de decembro) pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da intensificación da actividade investigadora no sistema universitario de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá anualmente, mediante convocatoria pública, o número e contía das axudas que se vaian conceder, así como os requisitos específicos dos candidatos atendendo a criterios de experiencia e calidade científica e tecnolóxica e aos obxectivos estratéxicos asociados á actividade de investigación que debe ser intensificada.

Este programa ten a finalidade de estimular as actividades de investigación de calidade dos profesores-investigadores do sistema universitario de Galicia e dos grupos de investigación a que están asociados, así como de atender o compromiso establecido no convenio co Ministerio de Educación y Ciencia segundo o establecido na Orde ECI/1520/2005, do 26 de maio, pola que o ministerio regula o Programa I3.

O Programa de promoción da intensificación da actividade investigadora no sistema universitario de Galicia ten os seguintes obxectivos:

-Establecer unha vía de apoio directo aos profesores-investigadores que por razón da súa actividade científica e tecnolóxica requiran incrementar a súa dedicación intensiva á función de investigación. Por iso, promóvense vías para redistribuír a carga docente nos departamentos con maior actividade investigadora.

-Facilitarlles ás universidades a axuda necesaria para que os profesores-investigadores con actividade científica e tecnolóxica relevante e estratéxica poidan intensificar a súa dedicación a actividades de investigación, co seu equipo de investigación e dentro da mesma universidade.

-Promover nas universidades os mecanismos que favorezan a distribución da carga docente tomando en consideración os requirimentos da actividade investigadora.

Todo isto no obxectivo de incentivar as universidades e os profesores universitarios na procura da excelencia nas súas funcións investigadoras, nun marco organizativo idóneo para o desenvolvemento equilibrado e sustentable das funcións de docencia, investigación e transferencia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Finalidade da convocatoria.

Esta convocatoria establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas do Programa de intensificación da actividade investigadora no sistema universitario de Galicia correspondentes ao curso académico 2006-2007, e determina o número de axudas para este curso, así como a contía e criterios de concesión destas axudas, que estarán orientadas a cubrir diversos custos asociados á intensificación da actividade investigadora dos profesores-investigadores do SUG.

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poden optar ao programa, na presente convocatoria, os profesores-investigadores con dedicación a tempo completo e, polo menos, dous sexenios recoñecidos, que desenvolvan a súa actividade de investigación nas universidades do sistema universitario de Galicia, e que cumpran os seguintes requisitos:

En canto á produción científica, deben cumprir as condicións seguintes:

a) Ter recoñecido o total dos sexenios valorables, obtidos de forma continuada, desde que ao candidato lle fose concedido o seu primeiro tramo de investigación ata a data de publicación desta convocatoria.

b) Ter xerado unha produtividade mínima no período 2004-2006 de catro publicacións científicas de prestixio internacional que supoñan unha contribución real e non simple rutina. Enténdese por publicacións científicas os libros, capítulos de libro, revistas, publicacións electrónicas con avaliación e os artigos en revistas científicas de calquera ámbito xeográfico, así como, e para os efectos de cómputo nesta convocatoria, as patentes rexistradas.

No ámbito da arquitectura poderán contabilizarse para efectos do cómputo: a) os proxectos arquitectónicos e urbanísticos de constatable carácter innovador, avalados polos premios recibidos, polo seu impacto na literatura especializada nacional ou internacional ou por ter sido mostrados en exposicións con catálogo, así como b) a participación relevante en exposicións de prestixio, de carácter monográfico dedicadas a un só autor.

En canto á actividade investigadora correspondente ao período 2004-2006, deben cumprir unha das dúas condicións seguintes:

a) Dirección de dous ou máis proxectos financiados en convocatorias competitivas de ámbito estatal ou internacional, mantendo polo menos un proxecto activo durante o período de aplicación da intensificación investigadora.

b) Dirección, polo menos, dun proxecto de investigación financiado en convocatorias competitivas, estatais ou internacionais, así como convenios ou contratos de proxectos de investigación e transferencia de coñecemento con entidades públicas ou empresas privadas cun valor conxunto, como mínimo, de 120.000 euros.

En todo caso, non poderán optar a esta axuda aqueles profesores-investigadores que recibisen axuda á intensificación na convocatoria correspondente ao período 2005-2006.

Artigo 3º.-Número de axudas, dotación e duración dos períodos de intensificación.

Convócanse 20 axudas á intensificación, que terán unha duración máxima de tres cursos académicos.

A axuda máxima concedida para cada intensificación por curso académico e profesor-investigador será de 34.000 euros. Deste importe destinarase ata un máximo de 3.400 euros a gastos indirectos da universidade.

As axudas irán destinadas a:

a) Retribución ou compensación económica aplicable á substitución ou redución da actividade docente do profesor-investigador que intensifique a súa actividade investigadora.

b) Se procede, a contratación de persoal de apoio que fose necesario para o desenvolvemento, xestión ou promoción da súa actividade investigadora.

c) Outros custos que sexan necesarios para contribuír directamente á intensificación da investigación formulada.

As axudas, por importe de 680.000 € por cada ano, serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.05.422C.444.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os anos 2007, 2008 e 2009. Estes fondos proceden das transferencias do Ministerio de Educación e Ciencia para tal efecto e dos orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A achega da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria será pola contía de cofinanciamento establecida no convenio co Ministerio de Educación e Ciencia máis unha contía adicional para ampliar a duración das axudas.

O período de intensificación corresponde a cursos académicos completos, entendendo por tal o período que transcorre desde o 1 de outubro ata o 30 de setembro do ano seguinte.

Artigo 4º.-Formalización de solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes serán presentadas polo profesor-investigador que vaia intensificar o seu labor investigador, que deberá pertencer a unha das universidades do sistema universitario de Galicia, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 2º.

O modelo oficial completo de solicitude, cuxa portada se achega como anexo á presente orde, estará ao dispor dos interesados na internet no enderezo: http://www.edu.xunta.es. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992. As solicitudes desta convocatoria poderán presentarse tamén nos rexistros das universidades do sistema universitario de Galicia. Estes rexistros deberán remitir as solicitudes á Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG no prazo de 10 días naturais contados desde o seguinte ao do peche desta convocatoria.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou do documento equivalente no caso de ser nacional doutro país membro da Unión Europea ou da tarxeta de residente, no caso de nacionais doutros países.

b) Documentos que, se é o caso, acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2º da presente convocatoria.

c) Memoria da actividade científica ou tecnolóxica que se vai desenvolver durante o período de intensificación.

d) Documentos que, se é o caso, acrediten a necesidade da intensificación da actividade investigadora.

e) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, consonte o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

f) Currículo normalizado, en soporte CD. De non ser presentado, tomarase en consideración o correspondente dispoñible no Rexistro de Investigadores de Galicia (RIGA).

g) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O prazo de presentación de solicitudes será de 31 días naturais que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no DOG.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web, así como do consentimento ao que se refire a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro.

De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

Artigo 5º.-Tramitación.

Os servizos da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/

Esta lista estará exposta durante dez días hábiles, do 13 ao 24 de xullo de 2007, e os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos ante a Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Con este texto queda modificado o artigo 6º da bases recollidas na Orde do 26 de decembro de 2005.

Artigo 6º.-Avaliación e selección dos candidatos.

Este artigo modifica o artigo 7º da Orde do 26 de decembro de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do programa.

A selección dos beneficiarios das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores e pola comisión de selección.

O panel de avaliadores estará formado por 10 expertos de fóra do sistema universitario de Galicia designados polo director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, e cubrirán os diferentes ámbitos temáticos da convocatoria. A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e calidade científica dos grupos e candidatos, así como á súa actividade investigadora e á idoneidade da programación proposta de acordo cos obxectivos de cada unha das modalidades da convocatoria. O panel poderá asiGnar ata un máximo de 80 puntos a cada solicitude.

A comisión de avaliación valorará aqueles méritos dos candidatos que superen os mínimos exixidos no artigo 2º desta orde. Tamén acordará cal será o proceso interno de valoración das candidaturas, que debe culminar cunha valoración global e final da excelencia do historial académico do candidato feita por todos os seus membros, así como a valoración do proxecto de intensificación proposto. En calquera caso, a comisión de avaliación atenderá aos criterios de excelencia científica e tecnolóxica, aos obxectivos do Plan nacional de I+D+I e da política de investigación da Xunta de Galicia, así como á diversidade entre os ámbitos de coñecemento. A axuda técnica e administrativa á comisión de avaliación correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os criterios de avaliación establécense atendendo a:

a) Experiencia e calidade científica curricular (45 % da puntuación):

-Nº de sexenios valorables.

-Produción científica (publicacións científicas de prestixio internacional que supoñan unha contribución real e non simple rutina).

-Capacidade de formación de investigadores (contratados predoutorais e posdoutorais, teses dirixidas e posgraos o doutoramentos impulsados).

-Existencia e utilidade dos resultados de investigación medidos a partir da solicitude de patentes e outros resultados obtidos polo candidato.

b) Actividade investigadora (35% da puntuación):

-Dirección de proxectos financiados en convocatorias competitivas.

-Dirección de convenios ou contratos de proxectos de investigación e transferencia de coñecemento con entidades públicas ou empresas privadas. Non se terán en conta os informes, consultorías nin os servizos rutineiros cuxa prestación non sexa consecuencia dunha actividade de investigación previa.

c) Memoria de intensificación (20% da puntuación): calidade e proxección da actividade de investigación, produción científica ou tecnolóxica que, polo seu valor estratéxico institucional ou o seu carácter internacional, interdisciplinar o cooperativo, xustifica a intensificación.

A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución de acordo coas bases da convocatoria, as avaliacións correspondentes, a dispoñibilidade de recursos e os obxectivos de ordenación, consolidación e articulación que suscita esta actuación.

A comisión de selección estará constituída por catro membros:

-O director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue, que actuará como presidente da comisión.

-O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria, ou persoa en que delegue.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG (que actuará como secretario)

-O presidente do panel de expertos de avaliación.

Esta comisión poderá conceder ata 20 puntos a cada solicitude, para o que se terán en conta os seguintes criterios:

-Interese, relevancia e oportunidade dos obxectivos da solicitude para a estruturación e fortalecemento do Sistema Universitario de Galicia.

-Potencial dos obxectivos da solicitude para atender ás áreas científico-tecnolóxica prioritarias para o Sistema Público de I+D.

Artigo 7º.-Resolución e notificación.

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da consellería. A comisión de selección elevará a proposta de resolución, na cal constarán as axudas concedidas así como as solicitudes en lista de espera, a través da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da correspondente convocatoria será de seis meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Os asinantes das solicitudes denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada no prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo aquela documentación que non for recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

Artigo 8º.-Obrigas dos profesores-investigadores beneficiarios e seguimento.

O profesor-investigador beneficiario da intensificación debe elaborar unha memoria da actividade de investigación que efectuase ou dirixise durante o período de intensificación, e debe poñela á disposición do reitor da súa universidade e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Igualmente, a concesión da axuda de intensificación comporta a obriga do beneficiario de facer constar, en calquera publicación referida á actividade de investigación realizada, a expresión «co apoio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia». Os contratos financiados con cargo a esta convocatoria serán incompatibles coa vixencia de calquera outro contrato laboral por parte do investigador contratado.

Artigo 9º.-Libramento da subvención

A consellería fará as achegas ás universidades, que actúan como entidades colaboradoras, anualmente. Para levar a cabo o recollido nos artigos 4º e 6º da Orde do 26 de decembro de 2005, pola que se establecen as bases do Programa de promoción da intensificación da actividade investigadora no sistema universitario de Galicia, utilizarase o convenio de colaboración asinado o 3 de marzo de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a designación das ditas universidades como entidades colaboradoras nas convocatorias de bolsas e axudas ao profesorado e alumnado universitario.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente expida, na data límite do 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto, que se referirá ao curso académico, isto é, ao período comprendido entre o 1 de outubro e o 30 de setembro.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes o sociedades.

De acordo co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 16, poderanse acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, ata a porcentaxe que estableza a norma reguladora ou convocatoria, que nunca será superior ao 80% da subvención concedida.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Aplicarase o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no que non se opoña. Tamén se somete ao Decreto 132/2006, do 27de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Segunda.-A convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria