DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.319

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de maio de 2007 pola que se convoca e regula o programa de gratuidade de libros de texto e materiais curriculares en centros sostidos con fondos públicos para os niveis obrigatorios e gratuítos para o curso escolar 2007/2008.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo) establece, no seu artigo primeiro, que todos os españois teñen dereito a unha educación que lles permita o desenvolvemento da súa propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio) establece no seu artigo cuarto, que a ensinanza básica é obrigatoria e gratuíta para todas as persoas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adquiriu o compromiso ante a sociedade de iniciar, no ano 2003, un proceso que camiñe cara á gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio nos centros sostidos con fondos públicos.

Con esta finalidade publicáronse diversas ordes desde o ano 2003 ata o 2006, polas que se foi implantando o programa de gratuidade de libros de texto de xeito progresivo.

De acordo co Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da Lei orgánica de educación, no ano académico 2007/2008 implantaranse, con carácter xeral, as ensinanzas correspondentes aos cursos 1º e 2º de educación primaria e 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria.

Coincidindo coa implantación da Lei orgánica de educación, no curso escolar 2007/2008 amplíase o programa a 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria, completándose así a gratuidade en todo o ensino obrigatorio e reponse na súa totalidade 1º e 2º de educación primaria, así como 6º curso deste mesmo nivel educativo, por teren transcorrido catro anos desde a súa implantación.

Ademais inclúese no programa o alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros específicos ou ordinarios.

Os obxectivos que se perseguen co programa son os seguintes:

a) Enmarcarse dentro do principio de gratuidade nas etapas obrigatorias e favorecer a igualdade de oportunidades, de xeito que o alumnado da nosa comunidade autónoma poida ter acceso a esta ferramenta pedagóxica.

b) Inculcar no alumnado valores de solidariedade, de conservación do material para a súa reutilización por outros e de coidado do ben colectivo como propio.

Segundo o indicado con anterioridade, esta consellería dispón a implantación do programa de gratuidade de libros de texto, a través do réxime de préstamo, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, e con criterios educativos e de organización que permitan un axeitado funcionamento deste servizo educativo.

En exercicio das competencias atribuídas no Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 9 de xaneiro de 2006), esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por finalidade regular o programa de gratuidade de libros de texto e materiais curriculares que se desenvolverá no curso escolar 2007/2008.

2. O programa de gratuidade será de aplicación a todos os centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para que lle faciliten ao alumnado de ensino obrigatorio e de educación especial, mediante o sistema de préstamo, os libros de texto das áreas que curse cada alumno ou alumna e de acordo coa relación de libros de texto incluídos no programa de gratuidade que se deberá publicar no taboleiro de anuncios do centro.

3. Non se inclúen no programa de gratuidade aqueles libros que, por diversas circunstancias, non poidan ser reutilizados polo alumnado durante catro cursos escolares, nin outros materiais de uso persoal tales como cadernos de idiomas, cadernos de exercicios ou libros en que se escriba, pinte ou recorte.

Tampouco poderán adquirirse con cargo ao programa dicionarios, atlas, libros de titoría e outros materiais similares.

Os libros de texto de 1º e 2º curso de educación primaria e de educación especial esixen un tratamento diferenciado, por non poder ser reutilizados en cursos posteriores.

4. Os centros educativos poderán substituír a adquisición dos libros de texto para unha ou varias áreas por materiais curriculares elaborados polo correspondente departamento do centro, tendo en conta os límites establecidos no punto sexto desta orde, logo da autorización do órgano competente do centro para a aprobación dos libros de texto.

5. Estes materiais deberán ser reutilizables polo alumnado durante catro anos ao igual que os libros de texto, coa excepción dos de 1º e 2º curso de educación primaria e os de educación especial, incluíndose neste caso todos os materiais curriculares aínda que non poidan ser reutilizados en cursos posteriores.

6. O importe destinado á elaboración e posta á disposición do alumnado destes materiais deberá acreditarse mediante factura que deberá ser arquivada no centro.

Segundo.-Beneficiarios.

Será beneficiario do programa todo o alumnado que curse o ensino obrigatorio ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto no punto terceiro desta orde.

A participación do alumnado no programa ten carácter voluntario.

Terceiro.-Implantación e reposición do programa no curso escolar 2007/2008.

A implantación e reposición do programa farase do seguinte xeito:

1. Implantarase o programa en 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria.

2. Implantarase o programa en educación especial.

3. Procederase á reposición total dos libros de 1º, 2º e 6º de educación primaria.

4. Procederase á reposición por incremento do alumnado ou por deterioración dos libros de texto de 3º, 4º e 5º de educación primaria e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria naqueles centros acollidos ao programa nas convocatorias de anos anteriores.

5. Procederase á reposición dos libros da área de matemáticas de 3º, 4º e 5º de educación primaria e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria unicamente naqueles centros que tivesen o libro de texto en castelán no curso 2006/2007, de xeito que se poderán adquirir en lingua galega.

Cuarto.-Adhesión ao programa.

Nos cursos implantados en anos anteriores están adheridos ao programa todos os centros, agás os que presentaron a súa renuncia a 2º de ESO no curso escolar 2004/2005.

Así mesmo, todos os centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan 1º e/ou 3º de ESO ou educación especial no curso escolar 2007/2008 enténdense adheridos ao programa.

Quinto.-Permanencia dos libros de texto.

A elección dos libros de texto que se utilizan no programa de gratuidade manterase durante un período de catro cursos e a súa aprobación efectuarase de acordo coa normativa vixente.

Sexto.-Importe da subvención.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria subvencionará os libros de texto nos seguintes importes máximos por alumno/a acollido ao programa e curso:

A limitación de reposición por deterioración será conxunta para todos os cursos, é dicir, poderá repoñerse un maior importe que o previsto en calquera dos cursos sempre e cando se repoña menos noutros e a suma da reposición por deterioración de todos os cursos non supere a suma das contías establecidas no cadro anterior.

Os importes máximos por alumno ou alumna para implantación e/ou para reposición por incremento do alumnado en cada curso poderanse superar sempre e cando se compense con gastos inferiores ao máximo para outros alumnos ou alumnas do mesmo curso.

Sétimo.-Procedemento para a adquisición dos libros de texto de 1º, 2º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria e educación especial.

Para a adquisición destes libros de texto seguirase o seguinte procedemento:

a) Entrega da autorización para a adquisición dos libros de texto.

Durante os períodos de matrícula os centros facilitaranlle ao alumnado ou aos pais os impresos orixinais para a adquisición dos libros de texto, por triplicado, segundo o modelo establecido como anexo I a esta orde. Nestes anexos faranse constar unicamente os libros de texto que necesite cada alumno ou alumna de acordo coas áreas do currículo en que vaian estar matriculados no curso escolar 2007/2008.

Ao alumnado de educación secundaria obrigatoria que non supere o curso en xuño entregaráselle o anexo ao comezo do mes de setembro.

b) Adquisición dos libros de texto nas librarías.

Os pais, nais ou titores, así como as persoas ou institucións que teñan a garda e protección dos menores deberán presentar, na libraría da comunidade autónoma que libremente decidan, antes do 31 de xullo, os exemplares orixinais do anexo I debidamente asinados, dous quedarán no establecemento e o terceiro será datado, asinado e selado pola libraría e devolto aos pais.

O prazo para o alumnado que non supere o curso en xuño rematará o 15 de setembro.

c) Entrega dos libros de texto nos centros.

As librarías que se comprometeran a levar os libros aos centros, deberán entregalos entre o 1 e o 5 de setembro no centro, xunto cun exemplar do anexo I de cada alumno ou alumna.

No caso de que a libraría non leve os libros ao centro, no momento en que os pais, nais ou titores pasen a recoller o lote de libros facilitaranlle un dos exemplares do anexo I para entregar no centro, co lugar, data, sinatura e o selo da libraría, xunto cos libros de texto.

Neste caso, deberán entregalos eles, xunto co exemplar do anexo I que lles devolveu a libraría asinado, no mesmo prazo que as librarías, é dicir, entre o 1 e o 5 de setembro.

Os libros solicitados na primeira quincena de setembro serán entregados polas librarías ou os pais no centro entre o 16 e o 30 deste mes, acompañados do correspondente anexo I.

Unha vez recibidos os libros de texto o centro procederá ao seu inventario e identificación.

d) Entrega das facturas por parte das librarías nos centros.

O prazo para que as librarías entreguen as facturas nos centros remata o 30 de setembro.

As facturas recollerán o prezo efectivo que hai que aboar polos libros de texto, incluíndo, de ser o caso, os descontos que, de acordo co establecido pola normativa vixente, puidesen realizarse sobre o prezo destes.

Quedarán baixo a custodia da secretaría dos centros, a disposición dos órganos de fiscalización e control competentes, os anexos I, as facturas orixinais e os xustificantes de pagamento, así como calquera outra documentación que se derive da aplicación do establecido nesta orde.

Oitavo.-Procedemento para a reposición de 3º, 4º e 5º de educación primaria e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria.

1. Os centros adheridos ao programa en cursos anteriores, poderán repoñer por deterioración e/ou incremento os exemplares de libros de texto de 3º, 4º e 5º de educación primaria e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria que sexan necesarios para o curso escolar 2007/2008, como consecuencia de:

a) O incremento de alumnado acollido ao programa neste nivel educativo con respecto aos acollidos no curso ou cursos anteriores.

b) Os exemplares que, debido ao seu grao de deterioración, non poidan ser utilizados polo alumnado no curso escolar 2007/2008, sempre que esta deterioración non sexa imputable ao alumno ou alumna, coas limitacións establecidas no artigo sexto desta orde.

c) Os libros da área de matemáticas de 3º, 4º e 5º de educación primaria e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria naqueles centros que tivesen o libro de texto en castelán no curso 2006/2007, co obxecto de substituílo por outro en galego, coas limitacións establecidas no artigo sexto desta orde.

d) Os exemplares para o alumnado con materias pendentes, que se incluirán na epígrafe de reposición por incremento de alumnado, imputando ao programa unicamente o importe das facturas, sempre que o centro non dispoña dos libros e a contía asignada por deterioración non sexa suficiente para cubrir estes gastos.

2. Os exemplares de reposición serán adquiridos pola dirección do centro, debendo utilizar o anexo II por duplicado, cubrindo os datos do centro e os dos libros de texto, facendo constar, así mesmo, o número de exemplares de cada área. Un dos exemplares do anexo II deberá ser devolto ao centro asinado e selado pola libraría e o outro quedará en posesión desta.

3. Os libros de reposición por deterioración ou incremento que soliciten os centros nas librarías, deberán ser adquiridos, preferentemente, en varios establecementos do concello ou da comarca.

4. O prazo para que as librarías presenten as facturas correspondentes á reposición nos centros remata o 30 de setembro.

As facturas dos libros de reposición recollerán o prezo efectivo que hai que aboar polos libros de texto, incluíndo, de ser o caso, os descontos que, de acordo co establecido pola normativa vixente, puidesen realizarse sobre o prezo destes.

5. As facturas dos exemplares de reposición, os anexos II e calquera outra documentación que se derive do disposto nesta orde, deberán quedar arquivados na secretaría do centro.

Noveno.-Procedemento para o aboamento do importe do programa de gratuidade de libros de texto.

Os centros acollidos ao programa recibirán, antes do mes de setembro, o 80% do importe para o programa de gratuidade de libros de texto, que será estimado de acordo co número do alumnado matriculado no ano escolar 2006/2007 nos cursos inmediatamente anteriores a aqueles que se implanten por primeira vez ou se repoñan, excepto en 1º de educación primaria e 1º de educación secundaria obrigatoria onde se tomarán os datos deste mesmo curso no ano escolar anterior.

Para o cálculo do anticipo para o alumnado de educación especial tomaranse os datos do alumnado do curso 2006/2007.

Os centros educativos, unha vez que reciban o anticipo enviado pola consellería para este programa e recibidas as facturas, procederán, no prazo máximo de 10 días hábiles, ao aboamento destas, na porcentaxe que lle permita o ingreso efectuado.

Décimo.-Presentación da xustificación.

1. Os centros deberán dirixir a xustificación, segundo anexo III, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano, bloque II, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

2. Os centros concertados poderán presentar a citada documentación en calquera dos rexistros a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro). Se a solicitude fose remitida por correo certificado, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos.

3. Para os efectos de cómputo de prazos os rexistros dos centros docentes non son válidos, de conformidade co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán (DOG do 24 de xuño).

4. Os centros dispoñen de prazo ata o 31 de outubro para presentar a citada xustificación de acordo coas limitacións establecidas por esta orde.

No caso de ter novas incorporacións con posterioridade á xustificación, poderán presentar unha nova xustificación ata o 31 de marzo de 2008, mediante o anexo IV.

5. Se o importe xustificado polos centros supera o enviado, e sempre coas limitacións dos importes máximos previstos no artigo sexto desta orde, a consellería asignaralle un pagamento complementario pola diferenza entre o ingresado e o importe da adquisición dos libros de texto.

6. No caso de que o importe recibido da consellería fose superior ao xustificado os centros deberán reintegrar o importe sobrante na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia nº 2091-0300-47-3110063172, facendo constar no concepto «Devolución programa de gratuidade libros de texto 2007/2008», e acompañar copia compulsada do xustificante da operación co anexo III (xustificación).

Décimo primeiro.-Incorporación de novo alumnado ao longo do curso.

A adquisición dos libros de texto para a incorporación ao centro de novo alumnado que se acolla ao programa, en calquera dos cursos obxecto de gratuidade, poderá ser tramitada pola dirección do centro empregando o anexo II, segundo o procedemento establecido no punto oitavo.2 desta orde, ou ben, polos pais, empregando o anexo I, e segundo o establecido no punto sétimo desta orde.

O prazo para a incorporación de novo alumnado ao programa remata o 31 de marzo de 2008.

Os centros xustificarán os gastos dos libros das novas incorporacións, segundo o anexo IV desta orde.

Décimo segundo.-Alumnado con necesidades educativas específicas.

Co obxecto de incluír no programa de gratuidade ao alumnado que, estando matriculado no curso obxecto de gratuidade, presenta necesidades educativas específicas, poderán adquirirse con cargo a este programa os libros de texto que utilice este alumnado, aínda que non se correspondan cos aprobados polo órgano competente do centro para o citado nivel educativo, logo de informe motivado ao respecto do departamento de orientación ou órgano equivalente dos centros privados concertados, que quedará arquivado na secretaría do centro xunto co resto da documentación do programa. Deberanse ter en conta os límites por alumno ou alumna e curso establecidos no artigo sexto desta orde.

O alumnado de centros específicos de educación especial, así como o que, estando escolarizado en centros ordinarios non está matriculado en ningún curso de primaria ou ESO, deberá acollerse á epígrafe de educación especial, coas limitacións establecidas no punto sexto desta orde.

Décimo terceiro.-Da propiedade e conservación dos libros.

1. O centro ao recibir os libros de texto do alumnado procederá ao seu inventario, debendo ser convenientemente identificados e conservados, podendo dispoñer deles o alumnado en réxime de préstamo.

2. Concluído o período lectivos os libros de texto serán reintegrados e depositados polo alumnado nos centros, coa finalidade de seren revisados e determinar o seu grao de conservación e a súa posible reutilización durante o curso seguinte, segundo o procedemento establecido polo centro. Non obstante, o alumnado de educación secundaria obrigatoria que estea pendente da realización dos exames de setembro ten de prazo ata o 8 dese mes para devolver os libros.

3. Se ao longo do curso escolar un alumno ou alumna se traslada de centro deberá devolver ao centro de orixe os libros de texto. Unha vez que se incorpore ao novo centro, a dirección do centro de destino, despois de comprobar que o alumno ou alumna devolveu os libros de texto no centro de orixe, tramitará a correspondente reposición de libros por incremento de alumnado, segundo o previsto no artigo décimo primeiro desta orde, unicamente se o centro non dispón de libros para facilitarlle ao alumno.

4. O alumnado beneficiario das presentes axudas quedará obrigado a conservar en bo estado os libros de texto entregados e a devolvelos ao centro ao finalizar o período lectivo. Se os libros están estragados e a deterioración é imputable directamente ao alumno ou alumna, o centro requirirá os pais, nais ou titores para que aboen o seu importe ou ben os repoñan.

5. O incumprimento destas obrigas quedará suxeito ao establecido no Real decreto 732/1995, do 5 de maio, polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros (BOE do 2 de xuño) e poderá dar lugar á non concesión da correspondente axuda para o curso seguinte.

Décimo cuarto.-Información sobre o programa.

1. Esta orde, así como toda a información relativa ao programa poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no enderezo http://www.edu.xunta.es, no enlace de gratuidade de libros de texto. Tamén se poderán descargar os anexos I e II en formato PDF.

2. Os anexos III e IV, así como as súas posibles correccións, deberán ser cubertos nesta páxina, accedendo á aplicación informática Xadelibros deseñada pola consellería para estes efectos, que estará dispoñible a partir do 1 de setembro, co nome de usuario e contrasinal do correo electrónico de edu.xunta.es do director ou do secretario. Esta aplicación permitirá introducir os datos necesarios e a impresión dos anexos que deberán ser asinados polo director e selados para seren enviados por correo postal á consellería.

Décimo quinto.-Financiamento do programa.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará o programa con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.423A.780.0 por importe de 22.290.600,45 euros para o ano 2007 e na contía de 1.114.530,02 euros para 2008.

2. O importe do ano 2007 poderá incrementarse cos importes remanentes do programa de gratuidade de libros de texto do curso 2006/2007, unha vez que se conclúa a súa execución e se peche este, e así se publique no Diario Oficial de Galicia.

3. O importe do programa tamén poderá incrementarse se, antes da resolución de concesión, se recibise transferencia do Ministerio de Educación y Ciencia para esta mesma finalidade, e así se publique no Diario Oficial de Galicia.

4. Non obstante, dado o carácter universal da axuda, se os importes anteriores non fosen suficientes, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as medidas necesarias para garantir a gratuidade dos libros para todo o alumnado acollido ao programa, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

5. Os centros privados concertados recibirán os importes correspondentes en calidade de entidades colaboradoras e para estes efectos asinan os anexos III e IV.

Décimo sexto.-Recursos.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposicións adicionais

Primeira.-Incompatibilidades.

As axudas concedidas a través do programa de gratuidade de libros de texto establecidas nesta orde serán incompatibles con calquera outra axuda que se conceda para o mesmo fin, comprometéndose os beneficiarios ao reintegro á Administración de calquera outro importe recibido para a mesma finalidade.

Segunda.-Centros privados concertados cun mesmo número de identificación fiscal como centro educativo e como libraría.

Aqueles centros privados concertados que estean dados de alta cun mesmo número de identificación fiscal para a actividade docente e como libraría poderán acreditar a adquisición dos libros de texto mediante as facturas emitidas polas editoriais subministradoras dos libros. Neste caso, a dirección do centro engadirá ás correspondentes facturas das editoriais certificación en que se faga constar que os importes destas se corresponden co importe dos libros de texto para o programa de gratuidade. Esta documentación quedará arquivada na secretaría do centro.

Terceira.-Constitución da comisión de seguimento.

Cada centro educativo incorporará ao seu regulamento de réxime interior os criterios básicos para o funcionamento deste programa. Así mesmo, no seo do Consello escolar de cada centro constituirase unha comisión de seguimento, integrada por representantes de distintos sectores da comunidade educativa, coa finalidade de coordinar todas as actuacións necesarias para o desenvolvemento do programa.

Cuarta.-Lexislación aplicable.

Para o non previsto nesta orde observarase o disposto nos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro), na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro) e no Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios (DOG do 4 de abril).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Atribúenselles ao director do centro docente e ao seu equipo directivo, no ámbito das súas competencias, as funcións e responsabilidades propias da prestación do programa de gratuidade de libros de texto para que se estenda ao alumnado.

Segunda.-Autorízase o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación do establecido nesta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria