DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.317

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de maio de 2007 pola que se conceden axudas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, que participen en estadías e intercambios con centros educativos doutros países para favorecer a aprendizaxe activa de linguas.

Pola orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 12 de xaneiro de 2007, convocáronse axudas para alumnos e profesores de centros públicos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos que participen en estadías e intercambios con centros educativos doutros países para favorecer a aprendizaxe activa de linguas.

Vista a proposta da comisión de selección prevista no artigo oitavo da citada orde,

RESOLVO:

Primeiro.-Conceder con cargo ao concepto orzamentario 09.03.422N.480.0 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, as axudas que se relacionan no anexo I por un importe total de 500.000 euros.

Segundo.-Recoller no anexo II as axudas denegadas.

Terceiro.-De acordo co artigo décimo da orde de convocatoria, as axudas serán aboadas da seguinte forma:

1. Para as axudas que non superen o importe de 6.000 euros, poderá aboarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo da aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade, despois da súa completa xustificación nos termos que figuran no artigo décimo primeiro da convocatoria.

2. Para as axudas que superen esta cantidade o pagamento realizarase integramente unha vez finalizada e xustificada a actividade.

Cuarto.-De acordo coa normativa vixente, os beneficiarios quedarán obrigados a:

1. Aceptar a axuda concedida. Neste senso, se no prazo de quince días contados a partir do da recepción da comunicación pola que se notifica a concesión da axuda, o centro beneficiario non a acepta, entenderase que renuncia a súa percepción.

2. Facilitar a información requirida e someterse ás accións de comprobación ou control financeiro que poda efectuar a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os organismos competentes que se indican no punto décimo cuarto da convocatoria.

3. Xustificar o correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da documentación exixida no punto décimo primeiro da convocatoria.

Quinto.-Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar tantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento correcto desta orde.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria