DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 23 de abril de 2007 pola que se regula a tarxeta de identificación do persoal da inspección do transporte terrestre.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, encoméndalles aos servizos de inspección do transporte terrestre a fundamental misión de garantir o cumprimento da legalidade no sector, configurándose, a actividade de inspección como unha función instrumental ao servizo do correcto funcionamento do sistema.

De conformidade co disposto no artigo 33 da referida lei, a actuación inspectora abrangue o exame de documentos, libros de contabilidade, facturas, títulos de transporte, datos estatísticos, vehículos e instalacións, establecéndose, ademais, que, no exercicio das súas funcións, o persoal dos servizos de inspección do transporte terrestre terá a consideración de autoridade.

Pola súa parte, o Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o regulamento da citada lei, prescribe no seu artigo 14.3º que a estrutura orgánica dos servizos de inspección do transporte terrestre será determinada polas administracións públicas competentes.

Esta última norma regulamentaria establece no seu artigo 21 que o persoal adscrito á inspección estará provisto do documento acreditativo da súa condición, que lle poderá ser requirido cando exerza as súas funcións, debendo, neste caso, exhibilo.

Neste contexto normativo a Dirección Xeral de Transportes coida necesario crear unha nova tarxeta de identificación do persoal da inspección de transportes, de conformidade coas características que se indican no anexo desta norma.

En consecuencia, en virtude das atribucións conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza da tarxeta de identificación e funcións.

1. A tarxeta de identificación é un documento público, persoal e intransferible, que acreditará os inspectores de transporte no exercicio das funcións que legalmente teñen encomendadas.

2. O exercicio da función inspectora corresponderalles aos axentes auxiliares de inspección e ao persoal funcionario dos corpos xerais que a directora xeral de Transportes, por proposta da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, habilite de entre o diverso persoal ao seu servizo. Todos eles quedan facultados para denunciar as infraccións cometidas contra a normativa reguladora dos transportes terrestres.

3. O ámbito xeográfico de actuación do persoal inspector virá determinado en función do órgano administrativo ao que se encontre adscrito.

Artigo 2º.-Órgano competente para a xestión e expedición das tarxetas de identificación.

1. A competencia para a regulación e expedición da tarxeta de identificación do persoal inspector correspóndelle á Dirección Xeral de Transportes, que a exercerá a través da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, con suxeición ás características e modelo que se recolle no anexo á presente orde

2. A confección ou utilización da devandita tarxeta por persoa non autorizada dará lugar á exixencia da correspondente responsabilidade legalmente establecida.

3. O persoal habilitado para realizar as funcións de inspector de transporte quedará identificado mediante un número de credencial que será persoal e intransferible e que constará como dato identificador en todas as actuacións que desenvolva no exercicio das súas atribucións.

Artigo 3º.-Rexistro.

O Servizo de Inspección levará un libro de rexistro de tarxetas de identificación do persoal da inspección do transporte terrestre, no cal figurarán os datos identificadores deste e a data de expedición e retirada das tarxetas.

Artigo 4º.-Validez das tarxetas.

1. O prazo de validez das tarxetas de identificación será de 10 anos no caso dos axentes auxiliares de inspección e de 2 anos no caso do persoal habilitado para o desempeño da función de inspección.

2. O titular da tarxeta procederá á súa inmediata devolución no momento do seu cesamento no posto de traballo, así como no suposto de caducidade de acordo co establecido no punto 1 deste artigo.

3. A directora xeral de Transportes poderá requirir a devolución da tarxeta en calquera momento aínda que non concorra ningún dos supostos indicados no punto anterior.

4. A expedición das novas tarxetas de identificación levará consigo a retirada das actualmente en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Transportes para adoptar as resolucións e medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes

ANEXO

A tarxeta de identificación do persoal da inspección do transporte terrestre é de cor branca e ten unhas medidas de 85x54 mm.

Anverso:

-Identidade corporativa.

-Fotografía en cor de 21x28 mm.

-Textos:

Xunta de Galicia, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Dirección Xeral de Transportes.

Inspección do Transporte.

Nº de identificación.

Cargo.

Caducidade.

-Lugar e data de expedición.

-Sinatura da directora xeral de Transportes.

Reverso:

-Textos dos artigos 33.1º, 33.3º e 140.6º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres.