DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2007 Páx. 8.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 90/2007, do 26 de abril, polo que se acorda a cesión en propiedade, a título gratuíto, dun inmoble situado na antiga estrada de Ourense a Pontevedra (N-541) á altura do parque municipal do Carballiño.

O Concello do Carballiño solicitou a cesión a título gratuíto da antiga caseta de legoeiros situada na antiga estrada de Ourense a Pontevedra (N-541) á altura do parque municipal do Carballiño.

A titularidade do ben corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3317/1982 (BOE nº 291, do 4 de decembro), modificado polo Real decreto 2708/1983 (BOE nº 255, do 25 de outubro) sobre transferencias de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas.

Foi desafectado o ben do dominio público polo Decreto 22/2007, do 22 de febreiro (DOG nº 46, do 6 de marzo) e foi declarada a alienabilidade do inmoble pola Orde do 7 de marzo de 2007 (DOG nº 59, do 23 de marzo).

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Economía e Facenda, tramitou o expediente de cesión do inmoble de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do patrimonio da comunidade autónoma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de vinte e seis de abril de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello do Carballiño, da propiedade do ben inmoble que se describe a seguir:

Soar de 1.758 m2 de superficie situado no punto quilométrico 29,500 da estrada N-541, hoxe Avda. Parque do Concello do Carballiño (Ourense), que estrema norte, parque público; sur, estrada; leste, Valentín Pérez Pinal; e oeste, parque público. Sobre o devandito predio construíuse un edificio de planta baixa xunto con tres alpendres de 104 m2.

Inscrita no Rexistro da Propiedade do Carballiño no tomo 517, libro 164, folio 129, predio nº 22112, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O inmoble destinarase a centro de interpretación da natureza e do parque municipal do Carballiño.

b) No caso de que o inmoble non sexa dedicado ao uso previsto no acordo de cesión dentro do prazo de 2 anos contados desde o outorgamento da escritura pública, deixe de estalo con posterioridade ou se descoide ou utilice con grave quebrantamento, ou se incumpran as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentar. A Consellería de Economía e Facenda poderá comprobar o cumprimento das obrigas que leva implícitas a cesión. A reversión producirase con todas as súas pertenzas e accesións, sen que proceda a favor do Concello ningunha indemnización.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita pola Secretaria Xeral e do Patrimonio ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario. Os custos de formalización serán por conta do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e seis de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda