DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2007 Páx. 8.230

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2007 pola cal se convoca un seminario práctico sobre a situación actual da contratación administrativa. As directivas comunitarias e a reforma da lexislación básica, en colaboración coa Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2007, e de acordo coas funcións que ten atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un seminario práctico sobre A situación actual da contratación administrativa. As directivas comunitarias e a reforma da lexislación básica en colaboración coa Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia conforme ás seguintes bases:

1. Destinatarios: funcionariado dos grupos A e B da Administración autonómica con responsabilidade directa en materia de contratación.

2. Obxectivos: afondar nos coñecementos e lograr o desenvolvemento das aptitudes e habilidades respecto do manexo das institucións fundamentais do dereito da contratación pública, a través dun sistema que fomente o traballo en equipo, a realización de actividades, casos prácticos e a análise de situacións.

3. Contido: o contido do seminario abrangue as principais materias que son obxecto do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas (Real decreto lexislativo 2/2000), así como o estudo das directivas comunitarias e o exame do proxecto de reforma da citada lei.

4. Duración: a duración do curso será de 30 horas.

A sesión inaugural, que estará aberta ao público en xeral, celebrarase o 29 de maio das 16.30 ás 19.00 horas, e consistirá en dúas leccións maxistrais que serán impartidas por profesionais do dereito de recoñecido prestixio na materia obxecto do seminario.

O resto das clases desenvolveranse os días 31 de maio e 5, 7, 12, 14, 18, 21, 26 e 28 de xuño, en horario das 17.00 ás 20.00 horas.

5. Prazas: 30.

6. Programa:

1) Sesión inaugural. O Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño e o dereito comunitario da contratación pública. Ámbito de aplicación da lei. A contratación dos entes instrumentais: sociedades mercantís e demais entidades do sector público.

2) Contratos administrativos e contratos privados. Requisitos dos contratos, capacidade e solvencia das empresas. As garantías nos contratos administrativos.

3) Actuacións relativas á contratación: pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas. Perfección e formalización dos contratos. Prerrogativas da Administración.

4) Actuacións preparatorias. Tramitación do expediente de contratación. A mesa de contratación.

5) Adxudicación dos contratos. Execución e modificación dos contratos.

6) O contrato de obras.

7) A concesión de obras públicas.

8) O contrato de xestión de servizos públicos.

9) O contrato de subministracións.

10) Os contratos de consultoría e asistencia e os contratos de servizos.

7. Solicitudes: as solicitudes de admisión para o seminario, segundo o modelo oficial que figura ao final desta convocatoria, presentaranse no rexistro Xeral da Escola Galega de Administración Pública, sito na rúa de Madrid, 2-4, de Santiago de Compostela. Tamén se poderán enviar por correo certificado á EGAP. Neste caso, deberá enviarse unha copia da solicitude por fax ao 981 54 63 37 antes da data de remate do prazo de inscrición.

8. Prazo: o prazo de presentación de solicitudes rematará o 23 de maio de 2007.

9. Selección: os criterios de selección para participar neste seminario son os seguintes:

1) A existencia dunha relación directa entre as tarefas que realiza o solicitante no desempeño do seu traballo e as materias obxecto do seminario, que deberá ser certificada polo responsable do centro directivo de que dependa o solicitante conforme o modelo que figura na convocatoria.

2) O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos da Administración pública durante os últimos cinco anos.

3) A antigüidade, pola cal se entenderá o tempo transcorrido desde a data de ingreso na Administración pública.

A selección dos participantes será realizada pola Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia, á cal corresponde a dirección e responsabilidade académica do seminario.

A EGAP publicará no seu portal web a listaxe de persoas admitidas no dito seminario.

10. Desenvolvemento: o seminario convocado desenvolverase o día 29 (sesión inaugural) no salón de actos, e o resto dos días na aula 14 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), situada na rúa de Madrid, 2 -4, en Santiago de Compostela.

11. Modificacións: a EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

12. Asistencia ao seminario:

a) O persoal seleccionado non poderá renunciar ao seminario, salvo por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidades do servizo ou causas xustificadas manifestadas documentalmente pola persoa responsable do departamento administrativo en que desenvolva o seu labor. A renuncia debe serlle comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de 7 días hábiles e, sempre que for posible, ao comezo do curso, co fin de cubrir a vacante. Deberá presentarse xunto coa acreditación documental da súa causa.

A renuncia ou abandono non xustificado debidamente suporá a exclusión da persoa seleccionada das convocatorias do ano en curso e do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 30 de xaneiro de 2007, pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

b) Durante a celebración das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencias as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe no seminario terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

13. Certificados:

a) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento do seminario. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

b) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións do seminario. Calquera ausencia non xustificada ou xustificada insuficientemente implicará a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso, nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice. En ningún caso poderá superar o 15% das horas lectivas.

c) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes nos cursos terán que facilitarlle unha copia das certificacións recibidas ao servizo de persoal do centro directivo a que estean adscritos.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública