DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2007 Páx. 8.217

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 11 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, e se convocan para o ano 2007.

O elevado grao de mecanización de xeito individual das explotacións agropecuarias galegas leva consigo un volume de investimentos e gastos que no contexto actual de desenvolvemento do sector agrario é necesario reducir para que poidan ser competitivas nuns ámbitos socioeconómicos cada vez máis axustados e exixentes.

Tendo en conta a estrutura e a dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición da maquinaria, os altos custos de amortización que xera a utilización de maquinaria individualmente, entre outros atrancos, fai necesario o impulso de modelos de utilización de maquinaria e equipamentos de forma colectiva orientados a abordar conxuntamente os traballos no eido agrícola, gandeiro e forestal, dado que o medio rural galego conforma un complexo que engloba frecuentemente estes tres sectores dentro da mesma unidade produtiva ou explotación.

Estes modelos melloran a eficiencia dos procesos produtivos nas explotacións agrarias, así como as condicións de traballo, desde a dobre vertente, cuantitativa e cualitativa, e contribúen así a creación de unidades productivas máis eficientes e sostibles dende a perspectiva económico-social, o que redunda nunha mellora da calidade de vida da poboación adicada ás actividades agrarias e por conseguinte tamén a unha maior fixación da poboación no medio rural.

Estas actuacións enmárcanse dentro do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito regulamento, así como na Orde APA/1127/2006, do 7 de abril, pola que se modifica a Orde do 19 de febreiro de 1993, sobre medidas de estímulo e apoio para a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipamentos agrarios.

Así mesmo, aféctalle tamén o Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro, polo que se establecen disposicions de aplicación do Regulamento CE nº 1698/2005, do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

As axudas reguladas nesta orde van dirixidas á realización de investimentos para a mellora dos sistemas produtivos das explotacións agrarias no marco normativo anteriormente referido e en concordancia coas liñas estratéxicas comunitarias e estatais reflectidas tamén na redacción do Programa de desenvolvemento rural para o período 2007-2013.

Por todo o exposto, e de acordo co establecido no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer as bases das axudas para fomentar o asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola e convocar as correspondentes ao ano 2007, en réxime de concorrencia competitiva.

Sección primeira

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller, respectivamente, ás axudas reguladas nesta orde:

1. As cooperativas que teñen como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), sociedades agrarias de transformación (SAT) que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

2. O resto de cooperativas agrarias que adquiran maquinaria de carácter agropecuario ou forestal para prestar servizos aos seus socios.

3. As cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT, procedentes da fusión de polo menos tres explotacións nos catro anos posteriores á súa constitución. O investimento por explotación fusionada non poderá superar os 25.000 €, e poderase incrementar nun 10 por cento cando a metade dos socios sexan mulleres, ou mozos segundo a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións.

Artigo 4º.-Finalidade.

1. Promover a utilización de maquinaria agroforestal en réxime asociativo e a construción ou adquisición de almacéns e os seus equipamentos para os parques de maquinaria.

2. Incentivar a compra de maquinaria en común para as explotacións de produción ecolóxica.

3. Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria.

4. Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural

Artigo 5º.-Requisitos e obrigas comúns dos beneficiarios.

1. Todas as cooperativas agrarias, deberán acreditar unha facturación mínima anual de 500.000 € de importe neto da cifra de negocio, agás que por razóns dun especial interese socioeconómico xustifique non ter en conta este requisito (subsectores especialmente sensibles neste eido tales coma viñedo, produción de castaña, etc. ou comarcas con baixo desenvolvemento asociativo).

2. Xustificación da necesidade e viabilidade dos investimentos segundo a documentación requirida nos puntos 7 e 8 do artigo 11º.

3. Toda a maquinaria propiedade das entidades beneficiarias é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións. Para favorecer unha maior eficiencia na súa utilización, poderase compartir a maquinaria entre varias entidades que subscriban entre si acordos de cooperación, e/ou servizos a terceiros, sempre que non superen o 40% do total das actividades realizadas.

4. As entidades beneficiarias non poden vender, doar nin ceder en uso a maquinaria subvencionada da súa propiedade e demais bens relacionados con ela - almacéns e os seus equipamentos-antes de cinco anos ou de que remate o seu prazo de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. As entidades asociativas agrarias beneficiarias recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 3º están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para ela, que lles permita analizar e establecer os seus custos.

6. A maquinaria e os equipamento que se adquiran deberán estar inscritos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, e matriculados cando a tipoloxía da máquina o requira.

7. O número mínimo de socios será de seis, agás por razóns do seu interese social, do subsector agrario especialmente sensible, da súa dimensión ou da súa particular localización e dispersión, de xeito especial as zonas de montaña definidas no regulamento CEE 1257/1999. En todo caso, o número mínimo será sempre igual ou superior a catro socios, agás as entidades recollidas no punto 3 do artigo 3º.

8. En ningún caso se subvencionará a reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables. Tampouco se apoiarán investimentos en maquinaria ou equipamento relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios nin máquinas de pequena significación, para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

9. As subvencións á maquinaria e equipamentos no eido forestal quedan restrinxidas á maquinaria necesaria para plantación, limpeza, roza, transporte, equipamentos de implementación da seguridade no conxunto da maquinaria utilizada, así como as máquinas e equipamentos necesarios para as prácticas culturais e silvícolas propias deste sector.

10. A tipoloxía de maquinaria de produción ecolóxica favorecerá a adquisición de compostadoras-volteadoras para o aproveitamento de residuos orgánicos e de biomasa así como a de escarificadores e binadoras para sustituír labores de monda química.

11. No caso dos almacéns, presentar no momento da solicitude licenza de obra ou, no seu defecto, solicitude dela e cualificación urbanística da parcela onde se pretenda construír; no caso de adquisición do inmoble, certificado de taxador independente, debidamente acreditado, do valor do inmoble, entendendo que só se subvencionarán aqueles que se destinen exclusivamente para a maquinaria agroforestal.

12. Non será subvencionable ningunha iniciativa nova de mecanización en común naquelas áreas onde o alto grao de implantación desta actividade poda ter xa cubertas as necesidades nesta materia.

Artigo 6º.-Requisitos específicos para as CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal

1. Nas entidades de nova constitución a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais, agás en subsectores agropecuarios especialmente sensibles ou con especificidades especiais, segundo o sinalado no artigo 5º.1, nos que non se terá en conta esta limitación.

2. Os socios deberán permanecer na entidade un mínimo de cinco anos, excepción feita dos supostos de baixa xustificada previstos nos seus estatutos.

O socio que cause baixa está obrigado a cumprir os compromisos acordados pola entidade, quen pola súa vez deberá cubrir as baixas no prazo mínimo posible.

3. As entidades deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria para conseguir acadar modelos asociativos xustos e as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir a súa continuidade, normas que deberán facer constar ineludiblemente nos seus estatutos no caso de nova constitución e no Regulamento de réxime interna (RRI) no resto dos casos, así como os compromisos económicos de cada socio coa entidade como elemento de salvagarda, sobre todo cando a baixa de socios poida significar un quebranto patrimonial que poña en perigo a súa viabilidade e permanencia.

4. Os socios da entidade están obrigados a utilizar plenamente nas súas explotacións as máquinas, equipamentos, apeiros e servizos técnicos obxecto da solicitude e, en todo caso, na medida establecida e asinada no RRI.

Artigo 7º.-Requisitos específicos para as cooperativas agrarias.

1. As cooperativas agrarias con sección de maquinaria ou cun parque de maquinaria consolidado procurarán que os servizos ofertados cheguen á meirande parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, sempre e cando sexan agricultores profesionais.

2. Estas entidades asociativas deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e salvagardar a súa viabilidade económica e funcional e que terán que ser necesariamente coñecidas polo conxunto dos socios.

Artigo 8º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Adquisición de maquinaria agrícola.

1.1. No caso das CUMA e cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria, con carácter xeral a axuda non poderá superar o 40% do investimento auxiliable, sempre que ningunha das máquinas supere o 65% do importe total investido no conxunto do parque de maquinaria que ten a entidade. Se non se cumpre esta condición, a axuda só poderá chegar ata o 35% do investimento auxiliable, agás as recollidas nos puntos 7 e 10 do artigo 5º desta orde, que poderán acadar o 50%.

1.2. Para as demais entidades asociativas beneficiarias, a axuda poderá chegar ata o 35% do investimento auxiliable.

1.3. Cando a maquinaria adquirida veña dotada de melloras tecnolóxicas que repercutan favorablemente no aforro enerxético, a supresión de mecanismos de alto risco, a diminución da contaminación atmosférica, o emprego de máquinas polivalentes e de produción agroforestal, a axuda poderá ser incrementada nun 5% sen superar o límite máximo do 50%.

1.4. Terá preferencia a adquisición de maquinaria, equipamentos e apeiros, sobre todo cando corresponda ás tipoloxías sinaladas a continuación:

a) Maquinaria de preparación, fertilización, sementeira, colleita, almacenamento, distribución de forraxes e de aplicación de fitosanitarios.

b) Adquisición de cisternas e batedores de xurro, separadores de esterco sólido/líquido, e outras tecnoloxías aplicadas á utilización agronómica de xurros e estercos.

c) Maquinaria que implique melloras tecnolóxicas que repercutan favorablemente no aforro enerxético, a supresión de mecanismos de alto risco, a diminución da contaminación atmosférica, o emprego de máquinas polivalentes ou as orientadas á produción ecolóxica e as destinadas á produción agroforestal.

1.5. A subvención poderá chegar ata un máximo de 50.000 euros por entidade beneficiaria. Excepcionalmente, por razóns da súa importancia social, económica e de estratexia para o ámbito no que se desenvolve o proxecto, poderase incrementar este límite ata os 300.000 euros.

2. Subvencionarase a construción ou adquisición de almacéns para maquinaria e investimentos relacionados con estes, así como o equipamento básico de taller para labores de mantemento e reparación, ás entidades recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 3º.

2.1. A subvención poderá chegar ata un máximo de 70.000 € por entidade beneficiaria.

2.2. A axuda máxima será do 45% do investimento realizado.

2.3. O investimento auxiliable máximo por metro cadrado construído, incluídas todas as instalacións básicas, non superará a contía de 100 €/m2. Os investimentos relacionados con este, tales coma oficina, sala de xuntas, pavimentacións exteriores, pechamentos perimetrais, etc serán considerados segundo as facturas ou os orzamentos pro forma presentados.

3. Gastos vinculados aos puntos anteriores: estudos técnico-económicos de viabilidade, honorarios de proxecto, dirección e certificación final de obra, e programas informáticos específicos de maquinaria, preferentemente o Agromaq XM.

3.1 A subvención poderá chegar ata o 50% cos seguintes límites máximos:

a) Estudos técnico-económicos: 3.000 € de investimento.

b) Honorarios de proxecto: 3% do orzamento do proxecto.

c) Dirección e certificación final de obra: 2% do orzamento do proxecto.

d) Programas informáticos: 1.500 € de investimento

Cando a dimensión do proxecto e a complexidade da análise sexan elevadas, o investimento da alínea a) poderase incrementar nun 20 por cento.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións que se aprobarán, así como para establecer as porcentaxes de axuda, teranse en conta os seguintes criterios:

B) Atendendo á tipoloxía da entidade solicitante:

1. Por ser cooperativa de utilización de maquinaria agrícola (CUMA) ou cooperativa con sección específica de maquinaria e SAT que teñan por obxecto social prioritario a utilización de maquinaria en réxime asociativo....ata 6 puntos.

2. Cooperativas agrarias con sección específica forestal ... ata 5 puntos.

3. Cooperativas de servizos que incorporen maquinaria... ata 4 puntos.

4. Cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT procedentes da fusión de polo menos tres explotacións .... ata 3 puntos.

A) Atendendo á súa localización e actividade:

1. Subsector agrario especialmente sensible segundo o artigo 5º.1 ou produción ecolóxica... ata 5 puntos.

2. Zona de montaña... ata 3 puntos.

3. Zonas desfavorecidas... ata 1 punto.

C) Atendendo á porcentaxe que representen as innovacións tecnolóxicas sobre o investimento total:

1. < 25% ... ata 1 punto

2. Do 25% ao 50% ...ata 3 puntos

3. > 50% ...ata 5 puntos

Artigo 10º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo que se xunta, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I : Instancia de solicitude.

-Anexo II : Relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III : Relación da documentación que se presenta.

-Anexo IV: Certificación do acordo de solicitude de subvención

-Anexo V: Certificación dos compromisos e obrigas exixidos na orde

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. É imprescindible cubrir os anexos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes presentarse a documentación que se detalla no artigo 11º desta orde.

3. No caso das CUMA e demais entidades que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada polo menos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario.

4. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro de Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do xeito previsto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

5. Non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda.

6. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

7. Porén, quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas as que se refire o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, as especificadas no artigo 41 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

8. De acordo co previsto no artigo 5.3º do Estatuto de autonomia de Galicia, nos conceptos subvencionados nesta orde pola Consellería do Medio Rural, empregarase preferentemente a lingua galega en todo o conxunto de documentación que, teña que presentar coa solicitude para a súa tramitación.

Artigo 11º.-Documentación.

1. Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, así como do DNI do seu presidente ou representante legal.

2. No caso de novas entidades que presenten por primeira vez solicitudes de axudas, copia da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Se se encontra en fase de constitución, composición da comisión promotora. Neste caso, a concesión da axuda quedará condicionada á constitución efectiva da entidade.

3. As entidades solicitantes presentarán copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector, segundo o modelo do anexo IV, na cal se:

-Aproba realizar os investimentos para os que se vai pedir a subvención.

-Acorda solicitar a subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

4. Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo do anexo V, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que se establecen nos artigos 5º, 6ºe 7º

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

5. Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas.

6. Copia compulsada do acordo asembleario no cal se acorda o regulamento de réxime interno así como a súa copia literal do mesmo.

7. Memoria xustificativa asinada polo presidente da entidade, que inclúa como mínimo os seguintes puntos:

-Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, análise das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e gando, etc.

-Relación nominal dos socios ou dos agricultores aos cales se lles vai prestar o servizo, NIF, enderezo e os seus efectivos produtivos e capital social, se é o caso.

8. Estudo técnico-económico de viabilidade elaborado por técnico competente en concordancia coa memoria que inclúa:

-Análise técnica de investimentos que se van realizar, de acordo coa xustificación da súa necesidade, descrición técnica, carga de traballo prevista, rendementos previstos, orzamento desagregado, custos horarios, financiamento previsto, , e análise económica da súa viabilidade.

9. Certificación bancaria asinada e orixinal do número de conta en que se solicita o ingreso da subvención.

10. As CUMA e demais entidades asociativas que xa solicitasen axudas para maquinaria agrícola en exercicios anteriores, deberán presentar copia compulsada do libro de rexistro da maquinaria, así como do programa de control e xestión da maquinaria, en soporte magnético, correspondente ao ano anterior á solicitude.

11. No caso de construcións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Así mesmo, deberase presentar licenza de obra ou, no seu defecto, solicitude de licenza de obra e cualificación urbanística da parcela. No caso de adquisición de inmobles presentarase taxación oficial que irá acompañada de esbozo do establecemento e a súa situación.

12. Compromiso da entidade asociativa conforme a maquinaria subvencionada só se utilizará nas explotacións que cumpran as normas mínimas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar animal.

13. En caso de entidades de nova creación xustificación acreditativa de que máis do 50% dos socios son agricultores profesionais (fotocopia da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria ou outras acreditadas, coa presentación do informe de vida laboral), ou certificación de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

14. As CUMA e restantes entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración na utilización de maquinaria agrícola, deberán acreditar a constitución formal da entidade asociativa de orde superior en que se integren, e no caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo no cal se establece o marco de cooperación, para poderen solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.

15. Cando o importe do investimento subvencionable supere a contía de 30.000 euros no caso de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 12º.-Tramitación

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo terase por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O órgano competente para levar a cabo a tramitación da presente orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A avaliación das solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado composto polo subdirector xeral competente en produción agraria sustentable e fomento asociativo, o xefe de servizo competente en fomento asociativo agrario, un xefe de área ou sección e un xefe de negociado que actuará como secretario. O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e formulará proposta de concesión ao director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, que pola súa vez a elevará ao conselleiro de Medio Rural.

Artigo 13º.-Resolución.

O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e do seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses, poderá entenderse desestimada a axuda solicitada.

Artigo 14º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda das administracións públicas para os mesmos conceptos, salvo coas subvencións ao tipo de xuro dos préstamos para financiar o investimento, sempre que non procedan de fondos da Unión Europea. En todo caso, a subvención bruta equivalente total non poderá superar o 50% do investimento auxiliable.

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde, deberase realizar antes do 31 de outubro do ano en curso, agás os investimentos en construcións que poderán ser xustificados ata o 31 de outubro do ano seguinte.

O incumprimento deste prazo poderá implicar a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha á entidade beneficiaria.

A non xustificación de polo menos o 80% do gasto correspondente aos investimentos subvencionables comportará a perda da totalidade da subvención.

2. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

b) Certificación da entidade, na cal se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

d) Certificación do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo artigo 15.4 do Decreto 287/2000 sobre normas de control de acumulación das axudas.

e) Copia compulsada da inscrición de todas as máquinas, apeiros e equipamento no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, así como da súa documentación técnica e matriculación cando corresponda.

f) No caso de construcións, licenza definitiva de obras.

g) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

3. A documentación xustificativa dos investimentos presentarase preferentemente no Servizo de Fomento Asociativo Agrario da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, (Consellería do Medio Rural, edificios administrativos de Salgueiriños, rúa Irmandiños s/n, Santiago de Compostela ).

Artigo 16º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á correspondente modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

3. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria realizará os controis sobre o terreo así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas, en especial a contabilidade e/ou a xestión técnico-económica da maquinaria. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

4. Seralles de aplicación ás axudas establecidas nesta orde, o referido a controis sobre o terreo, así coma o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE) 1975/2006 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento CE nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

5. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos demais supostos previstos no artigo 78º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999).

6. Igualmente estarán suxeitos ao réxime de infraccións e sancións da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, (Decreto lexislativo 1/1999).

Artigo 17º.-Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, o beneficiario estará obrigado a dar a axeitada publicidade desta circunstancia, para o que adoptará as medidas que, en cumprimento da normativa comunitaria, se especificarán na resolución de concesión.

3. Na resolución de concesión da axuda relacionaranse, de ser o caso, as obrigas de difusión e publicidade que asume o beneficiario ao ser receptor da subvención e, en particular.

a) A procedencia do financiamento dos fondos.

b) A advertencia de que os seus datos persoais serán obxecto das publicacións legalmente establecidas.

c) Os medios publicitarios que cabe adoptar, de ser o caso, para facer visible ante o público a orixe do financiamento da axuda.

Artigo 18º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación da presente orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro del Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. En todo o non previsto nesta orde aplicarase o sinalado nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Sección segunda

Convocatoria

Artigo 19º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas nesta orde, as axudas para o ano 2007.

Artigo 20º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21º.-Financiamento.

A concesión das axudas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 11.03.712-C.770.1, por un importe de 2.100.000 € para o presente exercicio e 100.00 € para o vindeiro exercicio económico, así como con outros remanentes que puidesen existir nas mesmas aplicacións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia

As devanditas aplicacións orzamentarias poderán ser incrementadas con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta comunidade autónoma.

Disposicións adicionais.

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galiza e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Terceira.-A concesión e pagamento das axudas quedará condicionada en todo caso á aprobación pola Unión Europea do Marco Nacional de Desenvolvemento Rural e do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, e ás posibles observacións e modificacións derivadas diso.

Disposición derrogatoria.

Derrógase a orde da Consellería do Medio Rural, do 12 de maio de 2006, pola que se establecían as bases reguladoras das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 96 , do 22 de maio de 2006.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellaría Medio Rural para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural