DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2007 Páx. 8.191

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de maio de 2007 pola que se ditan normas relativas ao recoñecemento de trienios ao persoal funcionario interino docente e ao profesorado de relixión ao servizo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, recoñece o dereito do persoal funcionario interino a percibir trienios, establecendo no seu artigo 25.2º que se recoñecerán os trienios correspondentes aos servizos prestados con anterioridade á entrada en vigor deste estatuto que terán efectos retributivos unicamente a partir da súa entrada en vigor.

Segundo a disposición derradeira cuarta do dito estatuto, este entrará en vigor no prazo dun mes a partir da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, é dicir, o día 13 de maio de 2007.

A disposición adicional terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, prescribe que o profesorado de relixión percibirá as retribucións que corresponda no respectivo nivel educativo ao profesorado interino, polo que, ao percibir trienios o profesorado interino, tamén deberá percibilos o profesorado de relixión.

Para conseguir unha eficaz xestión dos expedientes de recoñecemento de trienios ao persoal funcionario interino docente e ao profesorado de relixión dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, evitando demoras innecesarias na percepción dos trienios que lles correspondan por parte do persoal que completa os servizos necesarios, faise preciso ditar as instrucións contidas na presente orde regulando un procedemento excepcional que permita o recoñecemento de oficio e a axilización da tramitación dos expedientes e o seu aboamento en nómina.

Por iso, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en virtude das competencias atribuídas pola Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e demais normativa vixente,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Persoal ao que se lle recoñecerán os trienios.

1. En aplicación do disposto no artigo 25.2º da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e tendo en conta a disposición adicional terceira da Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación, ao persoal funcionario interino docente e ao profesorado de relixión dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que estean prestando servizos nesta consellería no momento da entrada en vigor do estatuto, recoñeceránselles os trienios que correspondan a razón dun trienio por cada tres anos de servizos prestados.

Cando a persoa interesada prestase servizos en corpos de distinto grupo de clasificación, o trienio será recoñecido como do grupo no cal estivese prestando servizos no momento de completar o tempo necesario para o perfeccionamento do trienio.

2. Así mesmo, o persoal funcionario interino docente e o profesorado de relixión que pase a prestar servizos en centros docentes dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade á entrada en vigor do Estatuto do empregado público, tamén terán dereito ao recoñecemento dos trienios.

Artigo 2º.-Recoñecemento de oficio dos trienios.

1. Ao persoal ao que se fai referencia nos puntos e 2 do artigo anterior seranlle recoñecidos de oficio os trienios que correspondan polos servizos prestados con anterioridade ao 13 de maio de 2007 como persoal interino docente ou profesor de relixión, pola Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sen que sexa necesario presentar unha petición expresa por parte dos interesados ou interesadas.

2. Os trienios que se perfeccionen con posterioridade ao 13 de maio de 2007 serán recoñecidos polos titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, conforme dispón a Orde do 26 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias en órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. O órgano competente recoñecerá os trienios que proceda, de conformidade cos servizos prestados pola persoa, que se acumularán por orde cronolóxica. Ningún período de tempo poderá computarse máis dunha vez.

Artigo 3º.-Documentos acreditativos do recoñecemento dos trienios.

1.- A Subdirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedirá certificación dos servizos prestados como persoal funcionario interino ou interina docente e/ou como profesor ou profesora de relixión, pechada ao 13 de maio de 2007, conforme o modelo que se publica como anexo I á presente orde.

2. A Subdirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedirá o documento modelo anexo IV, que se publica como anexo II desta orde, pechado ao 13 de maio de 2007, no cal constarán o número de trienios e o grupo ou grupos en que foron perfeccionados.

Artigo 4º.-Servizos interinos non docentes.

O persoal interino docente ou profesorado de relixión que estea prestando servizos no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público e prestase servizos como persoal interino non docente deberá solicitar o seu recoñecemento á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, presentando certificación orixinal conforme o modelo anexo I dos servizos prestados como non docente, asinada polo órgano competente da unidade administrativa de persoal da consellería ou organismo onde prestaron servizos.

Artigo 5º.-Servizos non computados.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terán en conta os períodos de tempo non computados para o recoñecemento de trienios para a súa acumulación aos seguintes períodos.

Artigo 6º.-Efectividade económica dos trienios recoñecidos.

1. Os trienios recoñecidos ao persoal funcionario interino docente e ao profesorado de relixión en virtude do anexo IV a que se fai referencia no artigo 3º da presente orde, terán efectividade económica do 13 de maio de 2007. No suposto de non ter nomeamento en vigor na data indicada, a efectividade económica será do día en que se produza unha nova toma de posesión.

2. Os trienios que o persoal funcionario interino docente e o profesorado de relixión perfeccione con posterioridade ao 13 de maio de 2007 terán efectividade económica do día 1 do mes inmediatamente seguinte ao que se produce o perfeccionamento.

Artigo 7º.-Expedición dos documentos.

Os documentos acreditativos do recoñecemento dos trienios, anexos I e IV, para o persoal funcionario interino docente e profesorado de relixión expediranse a partir do 1 de xuño de 2007.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria