DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2007 Páx. 8.180

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de abril de 2007 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para cursar estudos de ensinanzas postobrigatorias non universitarias e de réxime especial, no próximo ano académico 2007-2008.

O Decreto 43/1989, do 2 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 31 de marzo), polo que se tarnsforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e en centros residenciais docentes, faculta, na súa disposición derradeira, parágrafo 1º, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento e execución do disposto nel.

Na súa virtude, e consonte o establecido no artigo 8 do citado decreto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º

1. Convócanse prazas nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, para alumnado que curse os estudos que se indican nos centros que se detallan no anexo I, así como todas aquelas ensinanzas postobrigatorias non universitarias que estes centros teñan autorizadas para o curso 2007-2008 e que proximamente se publicarán no Diario Oficial de Galicia.

2. O número de prazas de residencia serán as correspondentes ás vacantes que se produzan para o curso 2007-2008 e faranse públicas no momento de se producir.

Artigo 2º

1. De conformidade co artigo 8 do Decreto 43/1989, do 2 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 31 de marzo), as prazas dos centros residenciais docentes levan implícita a admisión no instituto de educación secundaria creado ao abeiro do devandito decreto, exceptuando os ciclos formativos, tanto medios como superiores.

2. No caso de que a solicitude sexa feita coa finalidade de cursar especialidades que non se impartan nos institutos de educación secundaria citados no punto anterior, a adxudicación de praza de residencia terá carácter provisional. A adxudicación farase definitiva cando o interesado presente, na secretaría do centro residencial docente respectivo, xustificante acreditativo de que foi admitido no instituto en que se imparta a devandita especialidade, que necesariamente ten que ser da mesma localidade que o centro residencia docente. Para estes efectos enténdese que a localidade do centro residencial docente da Coruña, é, ademais de Culleredo, a cidade da Coruña.

3. A adxudicación, con carácter provisional, da praza de residencia, permitiralle ao solicitante considerar como domicilio o centro residencial docente, para os únicos efectos de valoración por proximidade do domicilio no proceso de admisión de centros sostidos con fondos públicos para o curso académico 2007-2008. A certificación que se lle expida terá a mesma validez que a certificación do concello para os efectos da Orde do 17 de marzo de 2007 (Diario Oficial de Galicia do 19 de marzo), pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos en bacharelato e ciclos formativos de grao medio, en centros sostidos con fondos públicos.

Artigo 3º

1. Poderán concorrer a esta convocatoria todos aqueles que reúnan os requisitos académicos previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), e que desexen proseguir os seus estudos nos centros indicados no artigo anterior como residentes nos respectivos centros residenciais docentes, así como os actuais residentes dos centros residenciais docentes que rematen un nivel educativo ou ciclo, se desexan seguir como tales no seguinte nivel ou ciclo.

2. Para poder optar á praza de residencia, os aspirantes deberán acreditar as circunstancias que impidan a súa escolarización nun centro sostido con fondos públicos. Con carácter xeral, esta circunstancia será a de non poder cursar os estudos solicitados por non haber un centro sostido con fondos públicos que imparta os devanditos estudos, ben na localidade de residencia, ben nunha localidade próxima que permita, polos medios de comunicación da zona, un acceso diario con facilidade. Para tal obxecto, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria emitirán o correspondente informe na solicitude do aspirante. Con carácter particular, e documentalmente acreditado, poderanse ter en conta outras circunstancias, como condicións de orfandade, fillo de emigrantes ou situacións familiares moi graves.

3. Se o limiar de renda familiar non excede do que se fixe na convocatoria de bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral, Orde do 16 de xuño de 2006 (BOE do 1 de xullo), os residentes obterán praza gratuíta.

No caso de que o nivel de renda supere o citado limiar, nas porcentaxes que se indican, os residentes deberán aboar as seguintes contías:

Os que o superen ata un 10%: 493 euros.

Os que superen en máis dun 10% e ata un 20%: 753 euros.

Os que superen en máis dun 20% e ata un 30%: 1.194 euros.

Os que superen en máis dun 30%: 1.795 euros.

O aboamento da participación económica poderase fraccionar ata nun máximo de tres prazos trimestrais anticipados.

Capítulo II

Normas de procedemento

Artigo 4º

1. As solicitudes dos aspirantes formalizaranse de acordo co modelo que figura no anexo II da presente orde e dirixiranse ao director do centro residencial docente para o cal se solicita praza.

2. As solicitudes poderanse presentar directamente nos centros residenciais docentes ou a través das dependencias establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes non se considerarán incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4º da devandita lei.

No caso de optar por presentar a súas solicitudes nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Establécese un período extraordinario na primeira quincena do mes de setembro para a presentación de solicitudes destinadas ás ensinanzas autorizadas pola Administración educativa con posterioridade á publicación desta orde, así como para os ciclos formativos.

3. Unha vez recibidas as solicitudes polos centros residenciais docentes, estes deberán cotexar a veracidade dos datos reflectidos na folla de solicitude, requirirán dos interesados a documentación que para tal efecto consideren necesaria e comprobarán que as follas de solicitude estean cubertas en todas as epígrafes.

4. Posteriormente os centros residencias docentes remitirán as solicitudes ás delegacións provinciais correspondentes, que coa maior brevidade posible emitirán o preceptivo informe e serán devoltas aos centros residenciais docentes.

Artigo 5º

O proceso de selección dos aspirantes axustarase ao disposto nos artigos seguintes.

Capítulo III

Selección de aspirantes

Sección I

Requisitos académicos

Artigo 6º

1. Para poder optar ás prazas reguladas nesta orde será preciso o cumprimento dos requisitos exixidos para o efecto pola lexislación académica vixente para poder acceder ao curso que se solicite, sempre que non teña máis de dúas materias pendentes.

2. Sempre que se cumpran os requisitos académicos previstos no parágrafo anterior e que non variasen as circunstancias que motivaron a concesión, a renovación das prazas para os diferentes cursos dun mesmo nivel ou grao educativo producirase de xeito automático.

Artigo 7º

1. Non se concederá praza de residencia para repetir curso.

Sección II

Criterios de valoración para a concesión de praza

Artigo 8º

A valoración das solicitudes admitidas abranguerá dúas cualificacións: a socioeconómica e a académica.

Artigo 9º

A valoración socioeconómica obterase ao aplicar o baremo establecido de acordo cos seguintes criterios: renda familiar, composición do grupo familiar, condición de orfandade ou calquera outra situación familiar especial e o número de habitantes do lugar de residencia familiar.

Artigo 10º

1. Por renda familiar enténdese a suma dos ingresos obtidos por todos os membros computables, calquera que sexa a súa procedencia, no ano 2005, e entenderase que son ingresos de base da familia.

2. Os titulares de explotacións agropecuarias computarán como ingresos o valor dos produtos daquelas que sexan utilizadas para o seu propio consumo.

3. Os ingresos familiares dos solicitantes cuxos pais sexan españois residentes no estranxeiro poderanse consignar en moeda propia do país en que se obteñan; o cálculo do seu contravalor en euros farase aplicando o tipo oficial que dea un resultado menor e que tivese a moeda respectiva o 2 de xaneiro do ano en que se solicite a axuda e computarase tan só un 75% deste.

4. De conformidade cos artigos 95.1º, epígrafe k) e 95.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria na solicitude de admisión os pais, nais ou titores legais autorizarán expresamente a utilización de información de carácter tributario que se precisa para a acreditación da renda anual da unidade familiar, que será subministrada directamente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco de colaboración entre ambas. A dita información será a que corresponda ao exercicio fiscal anterior en dous anos ao ano natural no cal se presenta a solicitude.

Polo tanto, aquelas persoas interesadas que non presenten a autorización expresa para que a Axencia Estatal de Administración Tributaria subministre a información, a que se refire o punto anterior, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terán cero puntos neste criterio de admisión.

Artigo 11º

1. Consideraranse membros da unidade familiar:

O solicitante, o pai, a nai e os irmáns menores de idade que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada

2. No caso de divorcio ou separación legal dos pais non se considerará membro computable aquel dos pais que non conviva co solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base da familia se inclúa a súa contribución económica.

Non obstante terá a consideración de membro computable, de ser o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, tendo que incluír a renda e o patrimonio.

3. Nos casos en que o solicitante alegue a súa independencia familiar, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento de alugamento da vivenda, se for o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e a situación real do solicitante.

Artigo 12º

1. Ao cociente dos ingresos anuais polo número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 3.982 euros, 10 puntos.

De 3.982,01 a 4.518 euros, 8 puntos.

De 4.518,01 a 5.060 euros, 7 puntos.

De 5.060,01 a 5.594 euros, 6 puntos.

De 5.594,01 a 6.181 euros, 5 puntos.

De 6.181,01 a 6.671 euros, 4 puntos.

De 6.671,01 a 7.213 euros, 3 puntos.

De 7.213,01 a 7.748 euros, 2 puntos.

De 7.748,01 a 8.288 euros, 1 punto.

Máis de 8.288 euros, 0 puntos.

2. Engadiranse 0,50 puntos por cada un dos irmáns residentes no mesmo centro residencial docente a que aspire o solicitante.

3. Engadiranse 0,50 puntos por cada un dos irmáns, incluído o solicitante, que integre o grupo familiar de acordo co establecido no artigo 12 da presente orde.

4. Aos aspirantes en situación de orfandade incrementaráselles a puntuación en 10 puntos; en 15 se se trata de orfandade absoluta.

5. Aos aspirantes con circunstancias familiares especiais engadiráselles ata 5 puntos. Consideraranse neste punto situacións tales como fillos de españois residentes no estranxeiro; familias con membros diminuídos física, psíquica ou sensorialmente, sempre que da incapacidade derive a imposibilidade de obter ingresos de natureza laboral; cando o cabeza de familia sexa inválido ou estea afectado por unha enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a súa única fonte de ingresos sexa a pensión percibida pola dita invalidez ou que estea en situación de paro, sen percepción do subsidio de desemprego e existan dificultades de escolarización que valorará o tribunal cualificador.

6. En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación na cal resida a familia, engadiranse os seguintes puntos, de acordo co previsto no artigo 10.

Entidades de menos de 1.000 habitantes, 5 puntos.

Entidades de 1.001 a 2.000 habitantes, 4 puntos.

Entidades de 2.001 a 5.000 habitantes, 3 puntos.

Entidades de 5.001 a 10.000 habitantes, 2 puntos.

Entidades de 10.001 a 20.000 habitantes, 1 punto.

Entidades de máis de 20.000 habitantes, 0 puntos.

7. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán propoñerlle á consideración do tribunal cualificador casos concretos de solicitantes que presenten unha problemática excepcional ou que residan en zonas con grandes dificultades de escolarización. O tribunal cualificador, considerando estas circunstancias, poderalles outorgar a estes aspirantes unha puntuación adicional, ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 13º

O rendemento académico dos aspirantes valorarase numericamente pola nota media das disciplinas correspondentes ao curso anterior, neste sentido e para os efectos do cómputo da nota media, utilizarase a seguinte táboa de equivalencias:

Moi deficiente ou non presentado, 1 punto.

Insuficiente ou non acto, 3 puntos.

Suficiente, apto ou validado, 5,5 puntos.

Ben, 6,5 puntos.

Notable, 7,5 puntos.

Sobresaliente, 9 puntos.

Capítulo IV

Adxudicación de prazas de residencia

Artigo 14º

Os centros residenciais docentes remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, con anterioridade ao 10 de maio, o número de vacantes co fin de que o tribunal cualificador poida aplicar os criterios para a súa cobertura.

Artigo 15º

O tribunal cualificador valorará as solicitudes. Estará composto como segue:

-Presidente: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en que delegue.

-Vogais: un representante de cada un dos centros residencias docentes.

Un representante do Servizo de Recursos Educativos Complementarios das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Un representante da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario.

Artigo 16º

1. O tribunal cualificador, á vista das solicitudes presentadas e do número de prazas dispoñibles, establecerá unha nota mínima, tanto na fase de valoración socioeconómica como na valoración académica, para cada un dos cursos nos niveis ou graos que os solicitantes vaian realizar. O tribunal cualificador excluirá os aspirantes que non acaden as devanditas notas mínimas, comunicándollelo antes de rematar o mes de xuño.

2. Só os solicitantes que alcancen as notas mínimas na valoración socioeconómica e académica establecidas polo tribunal cualificador terán acceso á fase de selección.

3. A puntuación total obterase da suma das valoracións socioeconómica e académica.

Artigo 17º

1. Antes do 1 de xullo, o tribunal cualificador elevaralle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a proposta de concesión das prazas de residencia, así como a relación de solicitantes declarados suplentes para cubrir as vacantes que se produzan, con indicación de se a gratuidade da praza é total ou parcial, e sinalando, así mesmo, o importe que haberá que aboar establecido no artigo 3.3º desta orde.

De acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a resolución provisional da convocatoria comunicaráselles aos interesados e aos centros e daráselles aos interesados un prazo de reclamación de 15 días, desde a data de notificación desa resolución.

As reclamacións serán resoltas no prazo de quince días naturais pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. Antes do 20 de xullo, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa resolverá con carácter definitivo a concesión das prazas de residencia, que lle será comunicada aos interesados e indicará a decisión adoptada sobre as súas solicitudes. A resolución definitiva farase pública no taboleiro de anuncios dos respectivos centros residenciais docentes e na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no enderezo: http://www.edu.xunta.es. Aos admitidos con praza e aos suplentes sinalaráselles o centro residencial docente en que obteñan praza.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de seis meses, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. Na mesma data remitiráselles aos centros residenciais docentes a relación de residentes que obteñen praza nestes, así como os suplentes que se nomeasen para cubrir as posibles vacantes que se produzan.

Artigo 18º

As prazas de residencia convocadas para cada centro cubriranse tendo en conta a puntuación total obtida polos aspirantes, a localización do seu domicilio en relación coa dos centros residenciais docentes respectivos e as posibilidades de desprazamento aos seus domicilios, co obxecto de facilitar a convivencia familiar durante os días non lectivos e as vacacións.

Capítulo V

Comprobación de requisitos

Artigo 19º

Os centros residenciais docentes poranse en contacto cos residentes titulares e suplentes que lles fosen destinados e reclamaranlles a documentación necesaria para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Capítulo VI

Recursos

Artigo 20º

Contra a resolución de adxudicación definitiva de prazas de residencia, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación. Contra a resolución do recurso de alzada, que esgota a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Capítulo VII

Incorporación dos alumnos seleccionados

Artigo 21º

1. Os centros residenciais docentes, unha vez coñecidos os residentes titulares que se van incorporar por reunir os requisitos exixidos na convocatoria e por aceptar a praza, avisarán os suplentes por orde de lista para cubrir as vacantes que se producisen. Para tal efecto formularán consulta previa coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, para coñecer se hai que reservar praza para algún aspirante unha vez resoltas as posibles reclamacións recibidas.

2. Aos suplentes que non pasen a titulares seralles comunicada esta circunstancia polos respectivos centros residenciais docentes.

3. Queda absolutamente prohibida a incorporación de residentes non beneficiarios mentres non se esgote a relación de residentes que superasen as notas mínimas a que se fai referencia no artigo 17º nos estudos correspondentes.

4. Os residentes incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

5. O estado de saúde do residente, que se acreditará documentalmente no momento da incorporación ao centro, deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial ou docente, de ser o caso.

6. Os residentes que non se incorporen aos centros residenciais docentes nas datas que cada centro sinale para o inicio do curso escolar, non poderán beneficiarse da praza de residencia e perderán os seus dereitos, salvo nos casos de forza maior, apreciados polo xerente, oído o Consello de Residencia.

7. As normas de incorporación serán elaboradas polos respectivos centros residencias docentes, que deberán poñelas en coñecemento dos seus residentes con 10 días de antelación. Cada centro enviará copia das súas normas de incorporación á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no momento do seu envío aos residentes.

8. Cada centro residencial docente será responsable de que todos os residentes que efectúen a súa incorporación reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o establecido no artigo 22º.

Artigo 22º

A falsidade de datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se domostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda total dos dereitos do solicitante, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 23º

1. A perda da condición de alumno do centro onde debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza, determinará a perda desta e, así mesmo, a condición de residente do centro residencial docente.

2. Igualmente, deixarán de desfrutar das prazas como consecuencia de sanción disciplinaria, baixo rendemento académico, ou faltas reiteradas de asistencia a clase sen xustificar, de acordo coa normativa vixente, logo do oportuno expediente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Estudantes non beneficiarios.

Os estudantes que non teñan concedida praza poderán beneficiarse dalgún ou varios dos servizos de residencia, sempre que exista dispoñibilidade para iso, mediante o aboamento do seu importe, de acordo coas cantidades fixadas para os residentes que excedan dos módulos máximos. Nese caso, a utilización dos devanditos servizos suporá o compromiso tácito do estrito cumprimento da normativa de convivencia establecida polos respectivos centros residenciais docentes.

Segunda.-Desprazamento dos residentes aos seus enderezos familiares.

Co obxecto de facilitar a convivencia familiar dos residentes e tendo en conta as posibilidades e duración dos desprazamentos, os centros programarán estes durante as fins de semana e grupos de días festivos coa periodicidade aconsellable. En todo caso, os gastos de desprazamento serán por conta dos propios residentes.

Terceira.-Compatibilidades.

Estas prazas poderán ser compatibles coa axuda compensatoria e a axuda para gastos determinados por razón de material escolar da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo.

Cuarta.-En todo o non regulamentado pola presente orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria