DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 16 de maio de 2007 Páx. 8.035

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Preámbulo

Nas últimas décadas o modelo tradicional de asentamento da poboación en Galicia está a ser substituído por outro modo de ocupación indiscriminada do territorio que tende a un constante crecemento urbano renunciando á rexeneración dos tecidos urbanos consolidados.

Este modo de ocupación do territorio non é compatible co desenvolvemento equilibrado e sostible de Galicia e causa graves prexuízos económicos, sociais e ambientais, como son, entre outros, a ineficiencia económica polos elevados custos enerxéticos, de construción e mantemento das infraestruturas e de prestación dos servizos públicos; a segregación social e espacial; a contaminación atmosférica e das augas; a perda de espazos de cultivo e da biodiversidade; a degradación da paisaxe e do patrimonio cultural, e a perda da identidade territorial.

Sen dúbida, o crecemento urbano segue sendo necesario, pero debe responder aos requirimentos do desenvolvemento equilibrado e sostible, minimizando os impactos daquel crecemento e apostando pola rexeneración das cidades e vilas existentes. A Unión Europea insiste claramente nisto, por exemplo na Estratexia territorial europea ou na máis recente Comunicación da Comisión sobre unha Estratexia temática para o medio ambiente urbano, que deben ser os referentes para as políticas públicas sobre o territorio.

A definición do modelo de ocupación do territorio corresponde aos instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico, que deben responder aos criterios de sostibilidade económica, social e ambiental.

A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, creou os instrumentos necesarios para a coordinación da política territorial e a ordenación do espazo da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de favorecer a utilización racional do territorio galego e protexer o medio natural, mellorar a calidade de vida e contribuír ao equilibrio territorial. Porén, xa queda lonxe a data na que se aprobou a Lei 10/1995, sen que se aprobasen as directrices de ordenación do territorio, imprescindibles para integrar as políticas públicas sobre o territorio.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, pretendeu aliñarse coas políticas europeas de desenvolvemento sostible, e, así, na súa exposición de motivos declara que a súa finalidade é mellorar substancialmente a calidade da ordenación urbanística cara a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sostible do territorio, contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación, protexer e potenciar o patrimonio natural e cultural e garantir o dereito constitucional a gozar dunha vivenda digna nun contorno de calidade.

A referida lei dedica unha singular atención á protección das zonas costeiras establecendo novos criterios de clasificación do solo e unha regulación que se fundamenta en criterios de desenvolvemento sostible. Neste sentido, dispón que o solo rústico de especial protección de costas está constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano que se atopen a unha distancia inferior a 200 metros do límite interior da ribeira do mar (artigo 32.2.e), considera que a ordenación urbanística dos terreos situados na franxa de 500 metros desde a ribeira do mar afecta os intereses autonómicos dado o valor do litoral como recurso natural e ambiental non renovable (artigo 85.7.d) e prevé un instrumento específico -o Plan sectorial de ordenación do litoral- no que se recollerán as condicións específicas deste ámbito territorial (disposición transitoria oitava).

Pero a plena efectividade das medidas establecidas na Lei 9/2002 descansa esencialmente no Plan xeral de ordenación municipal, que é o instrumento de ordenación urbanística integral do termo municipal, clasifica o solo para o establecemento do réxime xurídico correspondente, define os elementos fundamentais da estrutura xeral adoptada para a ordenación urbanística do territorio e establece as determinacións orientadas a promover o seu desenvolvemento e a súa execución.

A pesar de estar finalizado xa o prazo para adaptar o planeamento urbanístico ao disposto na dita Lei 9/2002, a gran maioría dos plans de ordenación actualmente en vigor quedaron obsoletos porque nin se acomodaron á normativa urbanística e ambiental actualmente vixente nin resultan compatibles coas mínimas esixencias de sostibilidade económica, social e ambiental.

Esta falta de adaptación do planeamento á lexislación vixente resulta especialmente grave nun ámbito do territorio -a franxa de 500 metros desde a ribeira do mar- que afecta por imperativo legal (artigo 85.7.d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro) os intereses autonómicos, dado o valor do litoral como recurso natural e ambiental non renovable.

Así, na maioría dos planeamentos vixentes dos municipios costeiros poden observarse áreas completamente desligadas da malla urbana que se clasificaron como solo urbano, ou terreos nos que concorren valores merecedores de protección, que segundo o disposto nos artigos 15 e 32 da Lei 9/2002 deben clasificarse como solo rústico de protección de costas ou de espazos naturais, pero que no planeamento vixente se clasificaron para servir de soporte a novos desenvolvementos urbanos.

E tamén se aprecia a existencia de numerosas áreas clasificadas como solo urbano para as que o planeamento establece unha ordenación urbanística substancialmente diferente da realidade física existente, propiciando a proliferación de edificacións residenciais e turísticas sen a previa urbanización adecuada ás necesidades xeradas, con intensidades de uso que exceden dos límites de sostibilidade establecidos no artigo 46 da Lei 9/2002, sen a previsión de suficientes zonas verdes e equipamentos públicos en proporción ás demandas xeradas polo crecemento urbano do litoral e sen acadar os estándares mínimos de calidade de vida e cohesión social establecidos no artigo 47 da Lei 9/2002, con atribución desigual de beneficios e cargas derivadas do planeamento e privando a comunidade de participar nas plusvalías xeradas polo planeamento urbanístico.

O planeamento vixente nos municipios costeiros tampouco tivo en conta os efectos da ordenación urbanística sobre os espazos de maior valor e fraxilidade do litoral, que son os que se incluíron no ámbito de aplicación do Decreto autonómico 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (os lugares de interese comunitario integrados na Rede europea Natura 2000 e as zonas de especial protección das aves, entre outros), e do Decreto 110/2004, do 27 de marzo, polo que se regulan as zonas húmidas protexidas; ámbitos de protección que afectan un total de setenta e tres dos oitenta e sete municipios costeiros.

Estas circunstancias determinan que, transcorrido o prazo legal establecido na disposición transitoria segunda da Lei 9/2002, para a necesaria adaptación dos plans de ordenación urbanística ás súas prescricións, cómpre adoptar con urxencia as medidas necesarias para impedir accións de transformación do solo, ao abeiro de plans obsoletos e desconformes coa lexislación vixente, que resultan contrarias á futura ordenación urbanística dos municipios costeiros adaptada á lexislación urbanística e ambiental e adecuada aos requirimentos de sostibilidade económica, social e ambiental.

Por outro lado, a necesaria protección dos intereses autonómicos ínsitos na franxa do litoral de 500 metros demanda, como xa establecera a disposición transitoria oitava da Lei 9/2002, elaborar un plan de ordenación do litoral no que se recollan as condicións específicas deste ámbito territorial.

Con esta finalidade, esta lei regula a suspensión da tramitación e da aprobación dos plans de ordenación e dos instrumentos de xestión que teñan por obxecto a transformación urbanística de terreos situados a unha distancia inferior a 500 metros desde o límite interior da ribeira do mar. Esta suspensión manterase ata a aprobación do Plan xeral de ordenación municipal adaptado á lexislación urbanística e ambiental actualmente vixente e compatible cos intereses supralocais ínsitos na franxa litoral, ou ata a aprobación pola Comunidade Autónoma do Plan de ordenación do litoral.

Así mesmo, intégrase o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico coa avaliación estratéxica ambiental atendendo os requirimentos da Directiva europea 42/2001/CE e da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente. A dita lei recolle no seu artigo 7.1 a necesidade de que a lexislación sectorial reguladora de plans e programas integre o proceso de avaliación ambiental nos procedementos administrativos aplicables para a súa elaboración e aprobación.

Este conxunto de medidas compleméntase coa creación do Instituto de Estudos do Territorio, que cumpre o mandato legal establecido no artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. O instituto configúrase como un organismo autónomo que ten por finalidade a análise, o estudo e o asesoramento das administracións autonómica e municipal en materia de urbanismo e ordenación do territorio. Coa súa posta en funcionamento preténdese apoiar especialmente a aqueles concellos con menores recursos de cara á elaboración do seu planeamento urbanístico e á xestión e execución do planeamento aprobado.

E, por último, modifícase a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, ao engadirlle un novo artigo 5 bis que ten por obxecto regular a adopción das medidas cautelares necesarias para asegurar a eficacia dos instrumentos de ordenación do territorio que formule a Comunidade Autónoma, e modificar os artigos 22 e 23, en concreto o artigo 22 para que mediante os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal se poidan levar a cabo actuacións de transformación urbanística de solo con destino á construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, coa finalidade de cumprir o mandato constitucional de garantir o acceso dos cidadáns a unha vivenda digna e adecuada.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Capítulo preliminar

Obxecto da lei

Artigo 1.-Obxecto.

É obxecto desta lei a adopción de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, coa finalidade de:

a) Garantir a preservación do litoral en tanto non sexa aprobado o Plan de ordenación do litoral ou o planeamento urbanístico adaptado á lexislación vixente e aos criterios de sostibilidade económica, social e ambiental.

b) Integrar os procedementos de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico co proceso de avaliación ambiental estratéxica.

c) Crear o Instituto de Estudos do Territorio.

d) Fomentar a creación de solo destinado a vivendas protexidas

Capítulo I

Medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral

Artigo 2.-Plan de ordenación do litor.

1. O Plan sectorial de ordenación do litoral ao que fai referencia a disposición transitoria oitava da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, terá a natureza dun plan territorial integrado regulado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, co obxecto de establecer os criterios, os principios e as normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseada en criterios de perdurabilidade e sostibilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras.

2. As determinacións do Plan de ordenación do litoral serán directamente aplicables e prevalecerán de forma inmediata sobre as do planeamento urbanístico, que deberá ser obxecto de adaptación.

3. O procedemento de aprobación do Plan de ordenación do litoral axustarase ao disposto nos artigos 5 bis e 15 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Artigo 3. Suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na zona litoral.

1. Suspéndese a tramitación e aprobación dos plans especiais de reforma interior, plans parciais, plans de sectorización e instrumentos de equidistribución que teñan por obxecto a transformación urbanística de terreos situados a unha distancia inferior a 500 metros, medidos en proxección horizontal terra a dentro, desde o límite interior da ribeira do mar dos municipios que se relacionan no anexo.

2. Esta suspensión será aplicable nas seguintes clases de solo:

a) En todos os municipios costeiros, nos terreos clasificados como solo urbanizable, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico.

b) Nos municipios costeiros con poboación inferior a 50.000 habitantes, nos terreos clasificados como solo urbano que, no momento da entrada en vigor desta lei, non reúnan os requisitos establecidos nos artigos 11 e 12.a) en relación co artigo 16.1 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e, en todo caso, nos incluídos en polígonos, unidades de actuación ou de execución.

Artigo 4.-Alcance da suspensión.

1. As medidas de suspensión ás que se refire o artigo 3 desta lei serán aplicables nos municipios con planeamento xeral non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, durante o prazo de dous anos que se contarán desde a entrada en vigor desta lei, ou ata a aprobación do Plan de ordenación do litoral ou do Plan xeral de ordenación municipal adaptado integramente á Lei 9/2002, do 30 de decembro.

2. A suspensión abrangue todos os plans especiais de reforma interior, plans parciais e plans de sectorización que, no momento da entrada en vigor desta lei, non estean aprobados definitivamente.

Así mesmo, a suspensión abrangue todos os instrumentos de equidistribución do planeamento urbanístico respecto dos que, no momento da entrada en vigor desta lei, transcorrese o prazo establecido no instrumento de planeamento que conteña a ordenación detallada para a súa aprobación definitiva ou xa transcorresen tres anos contados desde a aprobación do antedito plan que se executa.

Capítulo II

Avaliación ambiental estratéxica de instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico

Artigo 5.-Instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico obxecto de avaliación ambiental estratéxica.

De conformidade co disposto nos artigos 3 e 4 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas do medio ambiente, serán obxecto de avaliación ambiental estratéxica os seguintes instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico:

a) Os instrumentos de ordenación do territorio regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, agás os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal que desenvolvan as previsións dun plan sectorial previamente sometido a avaliación ambiental estratéxica segundo a Lei 9/2006, do 28 de abril.

b) Os plans xerais de ordenación municipal.

c) Todos os instrumentos de ordenación do territorio ou de planeamento urbanístico que afecten a espazos naturais incluídos na Rede ecolóxica europea Natura 2000 ou sometidos a algún réxime de protección establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

d) Os plans parciais, os plans de sectorización e os plans especiais cando así o decida o órgano ambiental en cada caso, agás que o planeamento xeral que desenvolvan fose sometido a avaliación ambiental estratéxica segundo a Lei 9/2006, do 28 de abril. A decisión, que deberá ser motivada e pública, axustarase aos criterios establecidos no anexo II da Lei 9/2006, do 28 de abril.

e) As modificacións de calquera dos instrumentos relacionados nas letras anteriores cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

A decisión, que deberá ser motivada e pública, axustarase aos criterios establecidos no anexo II da Lei 9/2006, do 28 de abril.

Artigo 6.-Administracións competentes.

1. Para os efectos establecidos na Lei 9/2006, do 28 de abril, exercerá as funcións correspondentes ao órgano ambiental a consellaría competente en materia de medio ambiente.

2. As funcións correspondentes ao órgano promotor serán exercidas:

a) Respecto dos instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico supramunicipal, polo departamento autonómico responsable da súa tramitación.

b) Respecto dos demais instrumentos de planeamento urbanístico, polo concello responsable da súa tramitación.

Artigo 7.-Integración de procedementos.

1. O proceso de avaliación ambiental estratéxica dos instrumentos de ordenación do territorio ou de planeamento urbanístico tramitarase simultaneamente co procedemento legalmente establecido para a súa aprobación.

2. O promotor comunicaralle ao órgano ambiental a iniciación da tramitación do instrumento de ordenación do territorio ou do planeamento urbanístico, e acompañará un documento de inicio que incluirá os aspectos recollidos no artigo 18 da Lei 9/2006, do 28 de abril.

3. O órgano ambiental, no prazo de tres meses desde a recepción da documentación necesaria, trasladaralle ao órgano promotor o documento de referencia de conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 9/2006, do 28 de abril.

4. O órgano promotor elaborará o informe de sostibilidade ambiental de acordo co disposto no artigo 8 da Lei 9/2006, do 28 de abril, e segundo os criterios contidos no documento de referencia redactado polo órgano ambiental.

5. O plan aprobado inicialmente con todos os documentos que o integran, incluído o informe de sostibilidade ambiental, someterase simultaneamente ás consultas previstas no documento de referencia e a información pública durante o prazo mínimo de dous meses, mediante anuncios que se publicarán na forma que determine a lexislación reguladora do procedemento de aprobación do plan.

6. Finalizado o período de consultas e información pública, e con carácter previo á aprobación provisional ou á definitiva cando aquela non sexa preceptiva, o órgano promotor enviaralle ao órgano ambiental a documentación completa do plan que tome en consideración o informe de sostibilidade, as alegacións e os informes presentados no período de consultas, así como unha proposta de memoria ambiental de conformidade co disposto no artigo 12 da Lei 9/2006, do 28 de abril. Deberá tamén enviar os informes sectoriais e un informe sobre o proceso de participación pública.

7. O órgano ambiental, no prazo de tres meses desde a recepción da documentación, elaborará a memoria ambiental cuxas determinacións terán carácter vinculante e deberán quedar reflectidas no documento do plan que se aprobe provisional e definitivamente.

Se transcorre o prazo para elaborar a memoria ambiental sen que lle fose comunicado ao órgano promotor, entenderase aceptada a proposta de memoria ambiental enviada ao órgano ambiental e poderase continuar a tramitación do plan.

8. O cumprimento dos trámites aos que se refiren os anteriores números 6 e 7 interromperá o cómputo dos prazos que para a aprobación dos plans se establece na lexislación urbanística ou de ordenación do territorio.

Artigo 8.-Seguimento.

O órgano promotor deberá realizar o seguimento dos efectos no medio ambiente da aplicación ou execución do plan, para identificar con prontitude os efectos adversos non previstos e permitir levar a cabo as medidas adecuadas para evitalos, conforme o disposto no artigo 15 da Lei 9/2006, do 28 de abril.

O órgano ambiental poderá participar no seguimento dos ditos plans e poderá solicitar a información e realizar as comprobacións que considere necesarias para verificar a información que figure no informe de sostibilidade ambiental.

Capítulo III

O Instituto de Estudos do Territorio

Sección 1.ª

Disposicións xerais

Artigo 9.-Natureza e obxecto.

1. De conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, créase o Instituto de Estudos do Territorio como organismo autónomo de carácter administrativo que ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

2. Para o cumprimento dos seus fins o Instituto de Estudos do Territorio dispón de patrimonio propio e goza de personalidade xurídica propia, autonomía funcional e plena capacidade de obrar.

Artigo 10.-Funcións.

1. As funcións do Instituto de Estudos do Territorio serán as seguintes:

a) Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.

b) Prestarlles asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento.

c) Prestarlle apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

2. As funcións atribuídas ao Instituto de Estudos do Territorio entenderanse sen prexuízo das que lles correspondan aos órganos urbanísticos da Comunidade Autónoma.

Artigo 11.-Réxime xurídico.

1. O Instituto de Estudos do Territorio réxese polo disposto nesta lei e polas normas aplicables aos organismos autónomos dependentes da Administración autonómica.

2. Os actos do Consello Reitor do Instituto de Estudos do Territorio, ditados en exercicio das súas competencias, poñen fin á vía administrativa.

3. O Instituto de Estudos do Territorio estará adscrito organicamente á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Sección 2.ª

Órganos de goberno

Artigo 12.-Órganos.

Os órganos de goberno e administración do Instituto de Estudos do Territorio son o consello reitor e a dirección.

Artigo 13.-O consello reitor.

1. O consello reitor está formado por:

a) A presidencia, que será exercida pola persoa titular da consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

b) A vicepresidencia, que lle corresponde á persoa titular da dirección xeral de urbanismo.

c) Un mínimo de catro e un máximo de oito vogais, nos que terán representación os concellos, designados na forma que se determine regulamentariamente.

d) O director ou a directora do instituto.

e) A secretaría, que será exercida por quen designe o consello reitor entre o persoal adscrito ao Instituto de Estudos do Territorio, que poderá intervir nas deliberacións con voz pero sen voto.

2. O consello reitor é o órgano superior de dirección do Instituto de Estudos do Territorio, ao que lle corresponden as seguintes funcións:

a) Aprobar as directrices de actuación do instituto.

b) Aprobar o anteproxecto de orzamento anual de ingresos e gastos.

c) Propoñer a estrutura orgánica e o cadro de persoal do instituto.

d) Supervisar a actividade do instituto e a xestión do seu director ou directora.

e) Aprobar o regulamento de réxime interior do instituto.

f) Aqueloutras que regulamentariamente se determinen.

3. O funcionamento do consello rexerase polo disposto no regulamento de réxime interior e, no non previsto, polo disposto nos artigos 22 a 26 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14.-A dirección.

1. A directora ou o director do Instituto de Estudos do Territorio será nomeado por decreto da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro ou conselleira competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

2. Correspóndelle á directora ou ao director do Instituto de Estudos do Territorio:

a) A representación ordinaria do instituto.

b) A dirección e o impulso da actividade do instituto.

c) A execución dos acordos do consello reitor.

d) A xestión económica do instituto.

e) A dirección dos servizos administrativos e a xefatura do persoal do instituto.

f) O exercicio das competencias que, correspondéndolle ao Instituto de Estudos do Territorio, non se atopen atribuídas legal ou regulamentariamente a outro órgano deste.

Sección 3.ª

Do réxime financeiro e do persoal

Artigo 15.-Réxime financeiro.

1. O Instituto de Estudos do Territorio dispón, para o cumprimento dos seus fins, dos seguintes recursos:

a) As cantidades que se lle asignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para garantir o funcionamento do instituto.

b) As subvencións e outras achegas públicas ou privadas.

c) As contraprestacións derivadas dos convenios nos que sexa parte.

d) Os rendementos do seu patrimonio.

e) Os rendementos percibidos como contraprestación pola prestación de servizos de publicacións e de calquera outro servizo retributivo do instituto.

f) Os demais ingresos que poida percibir de acordo coa lexislación vixente.

2. Terán o carácter de patrimonio adscrito os bens que lle adscriba a Comunidade Autónoma.

Artigo 16. Réxime do persoal.

1. Os postos de traballo do Instituto de Estudos do Territorio serán cubertos por persoal funcionario da Comunidade Autónoma de Galicia ou doutras administracións públicas de acordo co disposto na Lei da función pública de Galicia.

2. O Instituto de Estudos do Territorio poderá encargar traballos de investigación, estudo e documentación para o mellor cumprimento dos seus fins, con suxeición á Lei de contratos das administracións públicas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Licenzas en solo urbano non consolidado.

1. Para o outorgamento de licenzas urbanísticas en terreos nos que, estando clasificados como solo urbano, non reúnan os requisitos do solo urbano consolidado que establece o artigo 12 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, será necesario que previamente estea aprobado o planeamento que conteña a ordenación detallada, o proxecto de urbanización e o instrumento de equidistribución, de conformidade co disposto nos artigos 109.2, 110, 115 e seguintes da dita Lei 9/2002.

2. Serán nulas de pleno dereito as licenzas para novas edificacións que se outorgasen en contra do disposto no número 1 desta disposición.

Segunda.-Modificación da Lei de ordenación do territorio de Galicia.

Modificase a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, do seguinte modo:

1.-Engádese un segundo parágrafo ao artigo 4 co seguinte texto:

“As disposicións normativas dos instrumentos de ordenación do territorio publicaranse no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor”.

2.-Engádese un novo artigo 5 bis co seguinte texto:

“Artigo 5 bis.-Suspensión motivada pola formulación dun instrumento de ordenación do territorio

1. Acordada polo Consello da Xunta a iniciación do procedemento de elaboración de calquera instrumento de ordenación do territorio, a persoa titular da consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, de forma motivada, poderá suspender cautelarmente os procedementos de aprobación do planeamento urbanístico, dos instrumentos de xestión ou execución do planeamento e de outorgamento de licenzas para ámbitos ou para usos determinados, coa finalidade de elaborar o instrumento de que se trate.

Esta suspensión haberá de publicarse no Diario Oficial de Galicia.

2. A suspensión á que se refire o número 1 anterior extinguirase coa aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio que motivou a adopción da medida cautelar de suspensión e, en todo caso, polo transcurso do prazo de dous anos contados desde a data do acordo de suspensión, prorrogable por un ano máis. Extinguidos os efectos da suspensión por aplicación deste artigo, non poderán acordarse novas suspensións no mesmo ámbito e por idéntica finalidade no prazo de catro anos.”

3.-Modificase o texto do número 1 do artigo 22, que quedará redactado como segue:

«1. Os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal teñen por obxecto regular a implantación territorial de solo destinado a vivendas protexidas, infraestruturas, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda do termo municipal no que se localicen, pola súa magnitude, importancia, demanda social ou especiais características, ou que se asenten sobre varios termos.»

4.-No texto do número 2 do artigo 22 engádese un novo parágrafo co seguinte texto:

«E considérase solo destinado a vivendas protexidas os ámbitos ou sectores que sexan obxecto de actuacións de transformación urbanística promovidas e desenvolvidas pola consellaría competente en materia de vivenda a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo e as sociedades públicas del dependentes con destino maioritario á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, pola necesidade demostrada de forte demanda social.»

5.-Engádese un novo número 7 no artigo 23, co seguinte texto:

«Os proxectos sectoriais que impliquen a transformación e parcelación urbanística do solo deberán conter, ademais das determinacións esixidas neste artigo, as que se indican no artigo 66 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Os ditos proxectos non poderán afectar terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección.»

Terceira.-Modificación da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Modifícase a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, do seguinte modo:

1.-Engádese unha nova letra m) ao número 2 do artigo 33, co seguinte texto:

«m) Infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos ou de produción de enerxía.»

2.-Engádese ao final do artigo 65 o seguinte texto:

“Se o plan parcial foi sometido á avaliación ambiental estratéxica non será necesario o estudo de sostibilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico”.

3.-Engádese ao final do artigo 67 o seguinte texto:

«Se o plan de sectorización foi sometido á avaliación ambiental estratéxica non será necesario o estudo de sostibilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico.»

4.-Engádese unha nova letra g) ao número 4 do artigo 226, co seguinte texto:

«g) Asumirá, de conformidade cos seus estatutos, o exercicio da potestade sancionadora e de reposición da legalidade no ámbito de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o establecido na lexislación aplicable en materia de costas».

Disposición derrogatoria

Única.

1. Quedan derrogados os seguintes preceptos da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro: a letra c) do número 1 do artigo 61; o número 4 do artigo 61; o parágrafo segundo do número 3 do artigo 85, e o parágrafo segundo da letra b) do número 1 do artigo 86.

2. Quedan derrogadas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Facúltanse o Consello da Xunta de Galicia e a persoa titular da consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

ANEXO

Relación de municipios costeiros nos que resultan aplicables as medidas de suspensión establecidas no capítulo I desta lei.

a) Na provincia de Lugo: Trabada, Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo.

b) Na provincia da Coruña: Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Coirós, Betanzos, Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Cee, Fisterra, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón.

c) Na provincia de Pontevedra: Pontecesures, Valga, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, Oia, O Rosal, A Guarda, Tomiño, Tui e Salvaterra de Miño.