DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 09 de maio de 2007 Páx. 7.396

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de abril de 2007 pola que se regula a avaliación, a acreditación académica e a mobilidade do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño e as de conservación e restauración de bens culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 25 de outubro de 2001 (BOE do 1 de novembro) establece os elementos básicos do proceso de avaliación, acreditación académica e mobilidade dos alumnos que cursen as ensinanzas superiores de artes plásticas e de deseño.

O proceso de implantación dos estudos superiores de artes plásticas e de deseño na nosa Comunidade autónoma aconsella ditar a disposición que recolla aqueles aspectos que permitan precisar o procedemento de avaliación, acreditación académica e mobilidade do alumnado que cursa estas ensinanzas.

Na súa virtude, e atendendo ao disposto nas respectivas normas que regulan os currículos de artes plásticas e deseño e os de conservación e restauración de bens culturais e as probas de acceso correspondentes, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das competencias que lle confire o Decreto 585/2005, do 29 de decembro (DOG do 9 de xaneiro), que establece a estrutura orgánica desta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto regular o proceso de avaliación, acreditación académica e a mobilidade do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño.

2. Será de aplicación nos centros públicos e privados dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia que estean autorizados para impartir esta ensinanzas.

Artigo 2º.-Características e criterios de avaliación.

1. A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua, diferenciada por materias, considerando os obxectivos e os criterios de avaliación establecidos no currículo para cada unha delas. A avaliación destas ensinanzas será continua e require a asistencia regular do alumnado ás clases.

2. A avaliación será realizada polo profesorado do respectivo grupo de alumnos e alumnas, coordinada polo titor ou a titora disto.

3. Os resultados das materias expresaranse en termos de cualificacións utilizando para iso a escala numérica de 1 a 10, sen decimais. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a 5 e negativas as restantes. Nas materias nas que o alumno non se presente ás probas, consignarase 1, agás no caso de que solicitase a correspondente anulación de convocatoria no prazo establecido; neste caso consignarase CA.

4. A cualificación do proxecto final de carreira, cando así proceda, expresarase en termos de cualificacións, utilizando para elo a escala numérica de 1 a 10, con dous decimais. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a 5 e negativas as restantes.

Artigo 3º.-Permanencia no centro.

1. A permanencia no centro para cursar os estudos correspondentes a unha especialidade non poderá exceder de cinco anos académicos. Para estes efectos non se contabilizará o período empregado para a realización, cando así proceda, do proxecto final de carreira.

2. O alumnado poderá solicitar a anulación da matrícula cando concorran circunstancias que o xustifiquen, como a enfermidade ou outras causas que merezan igual consideración.

3. As solicitudes de anulación de matrícula presentaranse perante o director do centro antes do derradeiro día lectivo do mes de xaneiro. As solicitudes serán resoltas pola dirección nun prazo máximo de dez días e emitirase informe destas á inspección educativa.

Artigo 4º.-Convocatorias.

1. Para a cualificación final de cada materia o alumnado disporá dun máximo de catro convocatorias.

2. Para a cualificación do proxecto final o alumnado disporá dun máximo de dúas convocatorias.

3. O alumnado disporá en cada curso académico de dúas convocatorias, unha ordinaria e outra extraordinaria.

4. O alumnado poderá solicitar a anulación de convocatoria cando concorran circunstancias que o xustifiquen, como a enfermidade ou outras causas que merezan igual consideración.

5. As solicitudes de anulación de convocatoria presentaranse perante o director do centro un mes antes da correspondente convocatoria. Non obstante, e con carácter excepcional, por causas de forza maior, o director poderá aceptar a solicitude de anulación nun prazo inferior ao indicado. As solicitudes serán resoltas pola dirección nun prazo máximo de dez días e emitirase informe destas á inspección educativa. As anulacións de convocatoria quedarán rexistradas no expediente académico, actas de avaliación e nos certificados do alumno consignando as letras CA.

6. O alumnado que teña esgotadas as convocatorias establecidas nesta orde poderá solicitar, no período que vai entre a publicación da cualificación da última convocatoria e o remate do seguinte prazo de matrícula, perante a dirección do centro, unha convocatoria extraordinaria por motivos de enfermidade que lle impedise o normal desenvolvemento dos estudos ou outras causas que merezan igual consideración.

7. Os centros remitirán á delegación provincial, no prazo de cinco días, as solicitudes de convocatoria extraordinaria presentadas polo alumnado acompañadas dun informe da xefatura de estudos, co visto e prace do director. As delegacións provinciais, logo do informe da Inspección, remitirán no prazo de cinco días os expedientes á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que resolverá sobre cada solicitude individualmente.

Artigo 5º.-Desenvolvemento do proceso de avaliación.

1. O desenvolvemento da avaliación ordinaria de materias implicará os seguintes tipos de actuación:

a) Sesión de avaliación parcial de materias, cando proceda, que se realizará cunha frecuencia cuadrimestral, e na que se valorará o progreso académico do alumnado, que se lle comunicará a través dun informe individualizado, no que se consignarán os datos máis relevantes desta.

O resultado de cada sesión de avaliación parcial reflectirase nos modelos de acta que figuran no anexo I.

b) Sesión de avaliación final ordinaria de materias. Nesta sesión, que se realizará nos últimos días do mes de xuño, valorarase, cualificarase e informarase do logro das capacidades establecidas para cada materia específica aos alumnos.

O resultado de cada sesión de avaliación final reflectirase no modelo de acta que figura no anexo II.

c) Sesión de avaliación ordinaria do proxecto final de carreira, cando proceda. Nesta sesión, que se realizará unha vez superadas todas as materias, valorarase globalmente o proxecto final de carreira, tomando como referencia os contidos establecidos no Decreto 233/2005, do 14 de xullo (DOG do 12 de agosto) polo que se establece o currículo dos estudos superiores de deseño e se regula o acceso ás ditas ensinanzas.

O resultado de cada sesión de avaliación do proxecto fin de carreira reflectirase no modelo de acta que figura no anexo III.

2. O desenvolvemento da avaliación extraordinaria implicará os seguintes tipos de actuación:

a) Sesión de avaliación final extraordinaria de materias. Nesta sesión, que se realizará nos primeiros días do mes de setembro, valorarase, cualificarase e informarase aos alumnos do logro das capacidades establecidas, para cada materia non superada no desenvolvemento da convocatoria ordinaria.

O resultado de cada sesión de avaliación extraordinaria reflectirase no modelo de acta que figura no anexo II.

b) Sesión de avaliación extraordinaria do proxecto final de carreira, cando proceda. Nesta sesión, que se realizará unha vez superadas todas as materias específicas, para o alumnado que non superou o proxecto final de carreira na convocatoria ordinaria, valorarase globalmente o proxecto final de carreira, tomando como referencia os contidos establecidos no Decreto 233/2005, do 14 de xullo (DOG do 12 de agosto), polo que se establece o currículo dos estudos superiores de deseño e se regula o acceso ás ditas ensinanzas.

O resultado de cada sesión de avaliación extraordinaria do proxecto final reflectirase no modelo de acta que figura no anexo III.

Artigo 6º.-Materias chave.

1. Para os efectos de avaliación e cualificación establécese a prelación das materias específicas nos estudos superiores de Artes Plásticas e Deseño e nos estudos superiores de Conservación e Restauración, entendendo, en todos os casos, que ten que superarse a materia do curso anterior para ter dereito á avaliación do curso ou cursos posteriores.

2. As materias específicas das que as súas cualificacións positivas nun curso estean condicionadas á superación das materias específicas de cursos anteriores reflíctense no anexo VI desta orde e afectan a materias específicas con igual denominación, pero con distinto nivel, e a materias específicas das que os seus contidos sexan total ou parcialmente progresivos.

3. No caso de alumnado matriculado en materias de cursos distintos nas que se precise a superación da anterior para a avaliación da seguinte, de non se superar as do curso precedente, as correspondentes ao curso posterior quedarán pendentes de cualificación, debendo consignarse na acta as letras PA.

Artigo 7º.-Reclamación ás cualificacións.

1. O alumnado poderán reclamar perante a dirección do centro contra as decisións e cualificacións que se adopten como resultado dos procesos das avaliacións finais. As reclamacións deberán basearse nos seguintes aspectos:

a) A avaliación que se levou a cabo do proceso de aprendizaxe do alumno ou alumna non foi adecuada aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación recollidos na correspondente programación didáctica.

b) Os procedementos e instrumentos de avaliación aplicados foron inadecuados conforme o sinalado na correspondente programación didáctica.

c) A aplicación dos criterios de cualificación e avaliación establecidos na programación didáctica para a superación das materias non foi correcta.

2. O procedemento e os prazos para a presentación e tramitación das reclamacións será o seguinte:

a) A reclamación presentarase por escrito perante a dirección do centro, nun prazo de dous días lectivos a partir daquel en que se produza a comunicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) O director do centro trasladará a reclamación ao titor ou titora de curso que reunirá ao equipo docente da especialidade correspondente que se poderá ratificar na cualificación adoptada ou estimar a procedencia de rectificar a cualificación reclamada. Neste caso, o director do centro ordenará formalmente a dita rectificación. Este proceso estará rematado nun prazo máximo de cinco días lectivos, incluída a comunicación ao alumno.

c) Contra a resolución do departamento poderase interpor recurso de alzada ante o delegado provincial de Educación no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8ª.-Validacións.

Correspóndelle ao Ministerio de Educación e Ciencia a competencia para validar ou declarar equivalentes estudos parciais ou totais de ensinanzas non universitarias. As validacións serán obxecto de resolución individualizada e para tal fin o interesado deberá remitir no primeiro trimestre do curso, instancia de solicitude de validación dirixida ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa do Ministerio de Educación e Ciencia, achegando a seguinte documentación: fotocopia do DNI, certificación académica oficial dos estudos cursados superadas as materias obxecto de validación, e xustificante de encontrarse matriculado nas materias para as que solicita a validación no centro público ou privado debidamente autorizado.

O Ministerio de Educación e Ciencia poderá recadar do interesado aqueles documentos acreditativos que considere oportunos para a resolución destas.

As materias validadas quedarán rexistradas no expediente académico, actas de avaliación e nos certificados do alumno consignando as letras VA. Para tal efecto o interesado deberá presentar no centro onde está matriculado a correspondente resolución ministerial

Artigo 9º.-Promoción.

1. Nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais poderase promocionar de curso cun máximo de dúas materias con cualificación negativa do curso ou cursos precedentes.

2. Nos estudos superiores de Deseño poderase promocionar de curso sempre que o número de créditos correspondentes a materias non superadas dos cursos precedentes non exceda do vinte e cinco por cento do número total de créditos asignados ao curso de que se trate.

3. O alumnado que promocione cursará todas as materias que constitúen o curso seguinte e, de ser o caso, as materias específicas do curso anterior non superadas.

4. O alumnado que debera permanecer un ano máis nun curso, por non ter cumpridos os requisitos de promoción, cursará obrigatoriamente as materias non superadas sempre que non esgotase o número de convocatorias. As materias con cualificación positiva non volverán ser cursadas.

5. A presentación, se é o caso, do proxecto final de carreira requirirá a superación previa da totalidade das materias específicas que integran o currículo da correspondente especialidade.

Artigo 10º.-Titulación.

Para a obtención da titulación correspondente das distintas ensinanzas é preciso que o alumnado obteña cualificación positiva na totalidade das materias que constitúen o currículo da correspondente especialidade, así como, se é o caso, no proxecto final de carreira.

Artigo 11º.-Documentos de avaliación.

1. Segundo o establecido na disposición segunda da Orde do 25 de outubro de 2001, considéranse documentos do proceso de avaliación das ensinanzas superiores de Artes Plásticas e Deseño o expediente académico persoal, as actas de avaliación, a certificación académica oficial e o informe de avaliación individualizado.

2. A certificación académica oficial e o informe de avaliación individualizado teñen a consideración de documentos básicos que garanten a mobilidade do alumnado entre os centros que imparten estas ensinanzas.

Artigo 12º.-Expediente académico persoal.

O expediente académico persoal recollerá, segundo o modelo de acta que figura no anexo IV, toda a información relativa ao proceso de avaliación, xunto cos datos de identificación do centro e os datos persoais do alumno, os datos referidos ao acceso, o número e data de matrícula e os resultados das avaliacións.

Artigo 13º.-Actas de avaliación.

1. Ao termo de cada sesión de avaliación, o equipo educativo reflectirá os resultados da avaliación na correspondente acta.

2. Nos centros privados que impartan ensinanzas superiores de Artes Plásticas e Deseño cubriranse dous exemplares de cada acta, un para o propio centro e outro para o centro público ao que estea adscrito.

3. As actas de avaliación das ensinanzas superiores de Artes Plásticas e Deseño axustaranse ao modelo recollido nos anexos I, e II desta orde.

4. As actas de avaliación dos proxectos finais axustaranse ao modelo establecido no anexo III desta orde.

Artigo 14º.-Certificación académica oficial.

1. A certificación académica oficial farase segundo o modelo que figura no anexo V desta orde.

2. Os centros establecerán un rexistro de certificacións expedidas e asignarán a cada unha delas un número que deberá consignarse en cada unha das páxinas que a compoñan.

3. Os centros deberán expedir certificacións académicas cando un alumno ou alumna se traslade a outro centro docente e para os efectos análogos.

Artigo 15º.-Informe de avaliación individualizado.

1. Cando o alumnado se traslade de centro docente sen concluír o curso académico, á certificación académica acompañarase un informe da avaliación individualizado, que será elaborado polo titor a partir dos datos facilitados polo profesorado das materias específicas nas que o alumno estea matriculado.

2. O dito informe incluirá toda a información que se considere necesaria para a continuidade do proceso de aprendizaxe e incluirá, cando menos, os seguintes elementos:

a) Apreciación sobre o grao de consecución dos obxectivos das ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño que cursen.

b) Apreciación sobre o grao de asimilación dos contidos de cada materia específica, indicando o grao de asistencia ás clases e actividades programadas.

c) Cualificacións parciais ou valoracións do aprendizaxe e, se é o caso, as cualificacións finais das materias que teñan sido impartidas e avaliadas.

Artigo 16º.-Traslado de centro.

1. Cando un alumno desexe trasladarse a outro centro co curso académico rematado para continuar os seus estudos, solicitaralle ao centro de orixe unha certificación académica oficial cos resultados obtidos. Este certificado serviralle para solicitar praza no novo centro. Se este centro o acepta, solicitaralle ao de procedencia a remisión do expediente académico do alumno. No caso de centros autorizados, a certificación académica oficial será elaborada polo centro público ao que estea adscrito.

2. Cando un alumno desexe trasladarse a outro centro co curso académico sen rematar para continuar os seus estudos, solicitará ao centro de orixe unha certificación académica oficial cos resultados obtidos. Este certificado serviralle para solicitar praza no novo centro. Se este centro o acepta, solicitaralle ao de procedencia a remisión do expediente académico do alumno co informe de avaliación individualizado correspondente. No caso de centros autorizados, o expediente académico e o informe da avaliación individualizado serán elaborados polo centro público ao que estea adscrito. O centro receptor porá o informe individualizado á disposición do profesorado responsable das ensinanzas correspondentes.

3. Nas certificacións académicas oficiais e nos informes de avaliación individualizados que deban producir efectos en centros desta comunidade autónoma, o texto deberá figurar sempre en galego. No caso de que deban producir efectos noutras comunidades do Estado, o texto deberá figurar sempre en castelán.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para desenvolver esta orde, así como para adaptala ás peculiaridades destas ensinanzas.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria