DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 07 de maio de 2007 Páx. 7.153

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de abril de 2007 pola que se regulan o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditación que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas.

Para este fin, establece que a oferta de formación sostida con fondos públicos favorecerá a formación ao longo de toda a vida, acomodándose ás expectativas e ás situacións persoais e profesionais.

No seu artigo 9º, define a formación profesional como o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das profesións, o acceso ao emprego e a participación na vida social, cultural e económica, incluíndo as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores e das traballadoras, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no título I, capítulo V o marco que ha rexer nas ensinanzas de formación profesional inicial que forma parte do sistema educativo, e determina que lles corresponderá ás administracións educativas a programación da oferta das ensinanzas de formación profesional.

O Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No seu artigo 18.3º, establece que entanto que non se produza a implantación dos novos títulos de formación profesional, consonte o disposto na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, seguirán vixentes as titulacións e os currículos derivados da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, establece os aspectos básicos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo, establece a ordenación xeral dos estudos de formación profesional específica en Galicia e as directrices sobre os seus títulos.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adecuará as ensinanzas dos ciclos formativos ás peculiaridades e ás características das persoas adultas.

A Orde do 27 de decembro de 2002 establece as condicións e criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais.

A Orde do 28 de febreiro de 2007 regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A experiencia acumulada e a entrada en vigor do novo marco normativo aconsellan ditar unha nova disposición que recolla todos aqueles aspectos que permitan mellorar o desenvolvemento dos ciclos formativos tanto en réxime ordinario como no réxime para as persoas adultas, así como servir de base para regular as probas para obter o título de técnico e técnico superior de ciclos formativos.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPÓN:

I. Obxecto e ámbito de aplicación.

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular as ensinanzas de ciclos formativos correspondentes á formación profesional inicial establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e será de aplicación nos centros docentes públicos e privados, concertados ou non concertados, do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan estas ensinanzas.

II. Vías para a obtención dos títulos de formación profesional.

Artigo 2º-Vías.

Os títulos de formación profesional poderán obterse a través das ofertas de ensinanzas que se recollen no artigo 3 desta orde ou ben mediante a superación das probas organizadas para a súa obtención directa. Así mesmo, para a obtención dos títulos terase en conta o establecido no artigo 8.3 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

Artigo 3º.-Oferta das ensinanzas de ciclos formativos.

As ensinanzas de ciclos formativos poderán cursarse:

1. Polo réxime ordinario, por curso completo en modalidade presencial.

2. Polo réxime para as persoas adultas, de xeito parcial por módulos, nas modalidades presencial, semipresencial ou a distancia, nas condicións e cos requisitos que se establezan.

III. Matrícula en ciclos formativos.

Artigo 4º.-Aspectos xerais.

1. A matrícula formalizarase en cada curso académico, e con ela o alumnado terá dereito a unha única convocatoria por cada módulo profesional.

2. Cada módulo profesional poderá ser obxecto de avaliación nun máximo de catro convocatorias, con independencia do centro e do réxime ou da modalidade en que se curse. Quedará exceptuado o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT), que o será nun máximo de dúas.

3. O alumnado que esgotase as catro convocatorias previstas no punto anterior por motivos de doenza, discapacidade ou outros que condicionen ou impidan o desenvolvemento ordinario dos estudos poderá solicitar unha convocatoria extraordinaria perante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para rematar os seus estudos.

Artigo 5º.-Matrícula polo réxime ordinario na modalidade presencial

1. Consonte o establecido no artigo 31.2 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, a matrícula realizarase para cada un dos cursos académicos en que se organicen as ensinanzas.

2. Para os efectos de matriculación nun ciclo formativo, o alumnado poderá ter a consideración de:

-Alumnado de primeiro curso.

-Alumnado de segundo curso.

O alumnado poderá formalizar a matrícula no segundo curso cando se cumpra algún dos requisitos de promoción seguintes:

a) Ter superados todos os módulos do primeiro curso.

b) Ter pendente unicamente un módulo asociado a unidade de competencia do primeiro curso, con independencia da duración deste.

c) Tendo algúns módulos non superados, que a suma da duración establecida no anexo desta orde para estes módulos sexa inferior ao 25 % da carga horaria total de módulos de primeiro curso, sempre que non se trate de máis dun módulo asociado a unidade de competencia. Para os efectos de promoción, non se terán en conta as horas de libre disposición.

En todo caso, cando un alumno ou unha alumna non promocione deberá repetir os módulos profesionais non superados, para o que deberá formalizar a matrícula no mesmo curso e se incorporará ao grupo de alumnado correspondente.

3. Con carácter xeral, o alumnado poderá realizar a matrícula de primeiro ou segundo curso no mesmo centro un máximo de dúas veces, sempre que non esgotase o número de convocatorias establecido no artigo 4.2 desta orde.

Excepcionalmente, poderase formalizar unha terceira ou unha cuarta matrícula do mesmo curso académico no mesmo centro, sempre que o ciclo formativo teña a condición de liberado (que existan prazas dispoñibles e non haxa lista de espera).

4. O alumnado que, despois da repetición de primeiro curso, non obtivese avaliación positiva para promocionar ao segundo curso ou que, despois da repetición do segundo curso, non conseguise titularse por ter módulos pendentes de primeiro ou de segundo poderá completar os módulos profesionais non superados e, así, concluír os seus estudos solicitando a admisión noutro centro polo réxime ordinario, polo réxime para as persoas adultas ou por algún dos procedementos previstos no artigo 2 desta orde.

5. A matrícula no primeiro curso do ciclo formativo dará dereito a realizar, por unha vez, as actividades programadas para cada módulo, sempre que non se produza ningún dos supostos recollidos nos artigos 8, 10 e 11 desta orde.

6. A matrícula no segundo curso dará dereito a realizar, por unha vez, as actividades programadas para cada módulo do segundo curso. No caso de non superar algún dos módulos, o alumno ou a alumna deberán realizar as actividades de recuperación que lles propoña o equipo docente, coincidindo co período ordinario de realización de prácticas de FCT previsto no artigo 6.4 da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de FCT. O alumnado de segundo curso con módulos pendentes de primeiro tamén poderá recuperalos neste mesmo período.

7. De forma excepcional, cando o centro ofreza as mesmas ensinanzas no réxime para as persoas adultas en modalidade presencial, e cando as necesidades do centro así o requiran, o alumnado repetidor polo réxime ordinario deberá asistir ás ensinanzas polo réxime para as persoas adultas, aínda que a súa avaliación sexa realizada polo réxime ordinario. Para este fin, o profesor ou a profesora de persoas adultas incorporarase á xunta de avaliación como parte integrante do equipo docente do ciclo formativo.

Artigo 6º.-Matrícula polo réxime para as persoas adultas nas modalidades presencial, semipresencial e a distancia.

1. Poderán acceder a este réxime de ensinanzas as persoas que teñan cumpridos 18 anos ou os cumpran no ano natural en que comeza o curso escolar. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará os criterios de prioridade no acceso, que poderán ser diferentes aos exixidos con carácter xeral.

2. Excepcionalmente, a delegación provincial que corresponda, logo de informe do servizo provincial de inspección educativa, poderalles autorizar o acceso ás ensinanzas de ciclos formativos de grao medio a aquelas persoas que, con menos de 18 anos e a partir de dezaseis anos no momento de realizaren a matrícula, acrediten a súa condición de traballadores ou traballadoras, ou deportistas de alto rendemento, ou aleguen circunstancias excepcionais que lles impidan realizar os estudos de formación profesional específica polo réxime ordinario.

3. Tendo en conta as características e as necesidades das persoas adultas, e para atender ás demandas de cualificación do sistema produtivo, a matrícula neste réxime será realizada por módulos formativos. Co fin de deseñar itinerarios formativos adecuados aos seus intereses, as persoas adultas poderanse matricular de calquera dos módulos do ciclo formativo correspondente, sempre que se garanta a compatibilidade horaria do 90 % no caso de ensinanzas en modalidade presencial. En todo caso, a matrícula parcial de módulos realizarase para un mesmo ciclo formativo e non poderá superar a carga lectiva anual de 960 horas.

4. Ao alumnado procedente do réxime ordinario que acceda ao réxime para as persoas adultas en calquera das súas modalidades, ou viceversa, computaránselle as convocatorias xa consumidas no réxime correspondente.

5. De xeito excepcional, cando un alumno ou unha alumna que estea a cursar estudos presenciais de formación profesional específica por este réxime para persoas adultas, non poida asistir a algún módulo, logo de informe do Servizo de Inspección Educativa, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar a súa asistencia ás ensinanzas no réxime ordinario, aínda que a súa avaliación se realice polo réxime de persoas adultas. Para este fin, o profesor ou a profesora do réxime ordinario incorporarase á xunta de avaliación correspondente de persoas adultas.

Artigo 7º.-Matrícula simultánea en réximes diferentes.

1. A matrícula en ciclos formativos polo réxime ordinario non poderá ser compatible coa matrícula en calquera ensinanza do mesmo réxime.

2. No caso de ensinanzas de réximes diferentes e compatibilidade horaria do 90 % será posible realizar a matrícula simultánea en dous ciclos formativos, en ciclos formativos e bacharelato, ou en ciclos formativos e ESO, coa autorización do servizo provincial de Inspección Educativa.

3. Durante un mesmo curso académico, un alumno ou unha alumna non poderán estar matriculados nun mesmo módulo profesional nas modalidades a distancia, semipresencial ou presencial, así como nas probas para a obtención deste.

IV. Renuncias e baixas de matrícula nas modalidades presenciais.

Artigo 8.º.-Renuncia á matrícula

1. Co fin de non esgotar as catro convocatorias previstas para cada módulo profesional, poderase renunciar, por unha soa vez, á avaliación e á cualificación da totalidade dos módulos profesionais do ciclo formativo en que se formalizase a matrícula, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

-Doenza prolongada de carácter físico ou psíquico, tanto do alumno ou da alumna como de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

-Incorporación a un posto de traballo mediante un contrato de duración superior a dous meses, nun horario incompatible coas ensinanzas do ciclo.

-Obrigas de tipo familiar ou persoal que impidan a normal dedicación ao estudo.

A renuncia á matrícula sempre se deberá xustificar documentalmente.

2. A aceptación da renuncia non implicará reserva de praza para o seguinte curso académico. No caso de que o alumnado procedente de renuncia desexe reincorporarse novamente aos estudos deberá someterse a un novo proceso de admisión.

Artigo 9º.-Procedemento de solicitude de renuncia.

1. A solicitude de renuncia de matrícula, xunto coa documentación acreditativa, deberá presentarse ante a dirección do centro educativo de acordo cos seguintes prazos e requisitos:

a) No caso de que todos os módulos sexan de formación no centro educativo (módulos de primeiro curso en réxime ordinario ou calquera módulo en réxime para as persoas adultas): cunha antelación mínima de dous meses á avaliación final de módulos correspondente.

b) No caso do alumnado de segundo curso en réxime ordinario, en que os módulos de formación de segundo curso se realicen no centro educativo e no centro de traballo: cunha antelación mínima de dous meses á data prevista como período ordinario da FCT.

2. O director ou a directora do centro resolverán no prazo máximo de dez días hábiles.

3. A renuncia ao módulo de FCT regúlase no artigo décimo da Orde do 28 de febreiro de 2007.

Artigo 10º.-Anulación da matrícula

1. Se unha vez iniciadas as actividades lectivas se observase a inasistencia continuada de determinados alumnos ou alumnas a elas, o centro docente requiriralles por escrito a súa inmediata incorporación nun prazo máximo de tres días e comunicaralles que, en caso de non se producir esta, bardante causa debidamente xustificada, se procederá á anulación da súa matrícula. O alumnado tamén poderá solicitar de forma voluntaria a anulación da súa matrícula antes do 31 de outubro.

A praza vacante será cuberta polo alumnado en lista de espera, ata completar a cota asignada ao grupo. Este procedemento deberá estar concluído antes do 31 de outubro.

2. A anulación da matrícula con anterioridade ao 31 de outubro de cada curso académico non computará para efectos de convocatorias consumidas.

Artigo 11º.-Baixa de oficio da matrícula.

1. A partir do 31 de outubro, o centro poderá realizar baixa de oficio da matrícula cando un alumno ou unha alumna non asistan inxustificadamente á clase durante o resto do curso académico de xeito continuado por un período superior a 25 días lectivos ou, de xeito descontinuo, por un período superior a 35 días lectivos. Para tales efectos, deberá quedar constancia na secretaría do centro da comunicación ao alumno ou á alumna desta circunstancia administrativa.

2. A baixa de oficio suporá a perda da condición de alumno ou de alumna do ciclo formativo, e a correspondente convocatoria computarase como xa consumida. A reincorporación ás mesmas ensinanzas requirirá someterse a un novo proceso de admisión.

3. As solicitudes voluntarias de anulación de matrícula por parte do alumnado con posterioridade ao 31 de outubro de cada curso académico terán os mesmos efectos que as baixas de oficio.

V. Alumnado con necesidades educativas especiais.

Artigo 12º.-Ámbito.

Entenderase por alumnado que presenta necesidades educativas especiais aquel que requira, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou de trastornos graves de conduta.

Artigo 13º.-Flexibilización modular de ciclos formativos.

O alumnado con necesidades educativas especiais poderá ser autorizado, cando as necesidades de apoio específico así o xustifiquen, para cursar os ciclos formativos en réxime ordinario de xeito fragmentado por módulos, cunha temporalización distinta á establecida con carácter xeral.

Artigo 14º.-Procedemento de solicitude de flexibilización modular.

1. Unha vez comezado o curso académico e realizada a sesión de avaliación inicial, a dirección do centro presentará a oportuna solicitude no servizo provincial de inspección educativa correspondente para que se emita informe ao respecto. Á solicitude deberáselle xuntar a seguinte documentación:

a) Informe que xustifique a necesidade da medida, elaborado polo departamento de orientación do centro en colaboración co profesor ou a profesora que exerzan a titoría.

b) Conformidade expresa do pai e da nai, ou de quen dispoña da titoría legal do alumno ou da alumna, en caso de ser menor de idade, ou a súa propia, se é maior de idade.

c) Fotocopia compulsada do expediente académico.

d) Proposta da nova distribución horaria para cursar as ensinanzas e, de ser o caso, de medidas de reforzo educativo ou de adaptación do currículo dentro dos límites previstos na normativa vixente.

2. O Servizo Provincial de Inspección Educativa remitiralle toda a documentación, xunto co seu informe, ao delegado ou á delegada provincial, a quen corresponderá a autorización ou a denegación da flexibilización.

Por iniciativa tanto do Servizo Provincial de Inspección educativa como da delegación provincial, poderáselle requirir ao equipo de orientación específico, dependente da delegación provincial correspondente, a elaboración dun informe complementario ao respecto.

Artigo 15º.-Prazos para as solicitudes de flexibilización.

1. O prazo para presentar as solicitudes de flexibilización perante o servizo provincial de inspección educativa será no primeiro trimestre de cada curso académico.

2. A resolución da autorización da flexibilización comunicarase ao centro no prazo dun mes, para a súa comunicación á persoa interesada.

VI. Probas libres de técnico e técnico superior.

Artigo 16º.-Probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará anualmente probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior. Na convocatoria correspondente determinaranse os ciclos formativos e os centros docentes públicos designados para a realización das probas, así como o período de matriculación e as datas de realización.

2. As probas realizaranse de xeito diferenciado por módulos profesionais e tomarán como referencia os criterios de avaliación e os obxectivos dos currículos dos ciclos formativos vixentes.

Artigo 17º.-Requisitos para participar nas probas.

1. Para se presentar ás probas de obtención directa dos títulos, requirirase ter 18 anos, para os títulos de técnico, e 20 anos, para os títulos de técnico superior, ou dezanove anos no caso de posuíren xa o título de técnico.

2. Deberanse cumprir os requisitos académicos de acceso ás correspondentes ensinanzas previstos no artigo 21 e na disposición adicional sétima do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo.

3. As persoas que cursaran polo réxime de persoas adultas a oferta asociada a módulos asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais poderán presentarse a estas probas para a superación dos módulos profesionais pendentes.

VII. Organización das ensinanzas nas modalidades presenciais.

Artigo 18º.-Constitución de grupos.

O número de alumnos e alumnas de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas, e das posibilidades das instalacións e dos recursos de cada ciclo e de cada centro en particular, e non deberá ser superior a 30, incluíndo o alumnado repetidor.

Excepcionalmente, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que corresponda poderá modificar o límite establecido.

Artigo 19º.-Horario do ciclo formativo.

1. A duración e a distribución horaria dos módulos que constitúen o ciclo formativo, tanto os que se desenvolven no centro educativo como os de formación en centros de traballo, será a que se dispón no decreto polo que se establece o currículo do ciclo formativo correspondente e a normativa que o desenvolve.

2. A duración dos períodos lectivos en que se organicen os módulos dos ciclos formativos, tanto polo réxime ordinario como polo de persoas adultas, non será inferior a 50 minutos. En todo caso, o número de sesións deberá axustarse ao número total de horas que se establece para cada módulo no currículo correspondente.

3. O horario de libre disposición, en caso de estar recollido no currículo correspondente, utilizarase para reforzar os módulos asociados a unidades de competencia durante o primeiro curso.

4. Con carácter xeral, o horario lectivo das ensinanzas de ciclos formativos polo réxime de persoas adultas establecerase de luns a venres entre as 18 horas e as 23 horas de acordo co seguinte:

a) Co fin de facilitar a asistencia do alumnado traballador e sempre que as necesidades do centro así o posibiliten, garantirase a homoxeneidade das franxas horarias en que se imparta cada módulo.

b) Dado o carácter modular destas ensinanzas, as actividades lectivas, agás a FCT (e o proxecto, en caso de ciclos de grao superior), desenvolveranse durante os tres trimestres dos que consta cada curso académico.

c) Unha vez superados todos os módulos de formación no centro educativo, a FCT e o módulo de proxecto, de ser o caso, realizaranse ao principio do curso académico seguinte.

d) En caso de que un centro educativo ofreza todos os módulos dun ciclo formativo de xeito modular, garantirase que o alumnado poida rematar as ensinanzas, agás a FCT e o proxecto, de ser o caso, nun período de tres cursos académicos.

Artigo 20º.-Profesorado.

1. O equipo docente do ciclo estará constituído polo conxunto de profesores e profesoras que imparten docencia nos módulos que o integran.

2. Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa e será impartido, con carácter xeral, por un só membro do equipo docente, sen prexuízo do establecido no artigo 9.2 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro.

3. En todo caso, coa finalidade de favorecer a coordinación e a integración dos contidos dos módulos do ciclo formativo, o número de profesores e profesoras que constitúan o equipo docente será o menor posible.

4. Excepcionalmente, consonte o artigo 95.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para determinados módulos poderanse incorporar como profesorado especialista profesionais, non necesariamente titulados, que desenvolvan a súa actividade no ámbito laboral, atendendo á súa cualificación e ás necesidades do sistema educativo.

5. O módulo de proxecto recollido no artigo 12 do Real decreto 1538/2006 organizarase sobre a base da titorización individual e colectiva. A atribución docente correrá a cargo do profesorado con atribución docente no ciclo formativo correspondente, preferentemente entre o profesorado que imparta os módulos de segundo curso.

Artigo 21º.-Titoría.

1. Cada grupo de alumnos e alumnas dun ciclo formativo terá un profesor ou unha profesora que desempeñen a titoría, que pertencerá ao equipo que imparta docencia en cada curso académico.

2. O profesor ou a profesora que exerzan a titoría, ademais das funcións establecidas no artigo 59 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto), polo que se aproba o regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, desenvolverán as seguintes:

a) Proporlle ao coordinador ou á coordinadora da formación en centros de traballo (FCT), de ser o caso, empresas coas que proceda contactar para o desenvolvemento da FCT, e realizar o seu seguimento.

b) Colaborar con quen exerza a xefatura de departamento da familia profesional na elaboración e no desenvolvemento das actividades de recuperación do alumnado do seu grupo con módulos pendentes.

c) Redactar o informe final do ciclo formativo, previsto no artigo 24 desta orde, para a súa valoración e inclusión na memoria anual do departamento.

Artigo 22º.-Orientación profesional.

1. De acordo co Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, nos centros en que se imparta formación profesional incorporarase ao departamento de orientación un profesor ou unha profesora que impartan a área de formación e orientación laboral, por designación do director ou da directora, e por proposta da comisión de coordinación pedagóxica.

2. O profesor ou a profesora de formación e orientación laboral desenvolverán, ademais das funcións que lles competen como membros do departamento de orientación, as seguintes:

a) Informar o alumnado sobre o marco legal de traballo e das relacións laborais.

b) Orientar sobre xeitos e procedementos de inserción profesional.

c) Dar a coñecer os recursos profesionais e laborais existentes.

d) Deseñar actividades ou programas para que o alumnado poida elaborar o seu propio itinerario profesional de procura de emprego, facéndoo consciente da necesidade de formación permanente.

e) Potenciar estratexias encamiñadas á consecución, de ser o caso, dunha reorientación profesional axustada ás demandas do mundo laboral.

f) Colaborar cos titores e coas titoras responsables da formación en centros de traballo na elaboración de programas para a realización de actividades formativo-produtivas en centros de traballo.

g) Aqueloutras funcións que a Administración educativa lles poidan asignar referidas á orientación.

Artigo 23º.-Programacións didácticas de módulos profesionais.

1. Os centros educativos desenvolverán o currículo das ensinanzas profesionais mediante a elaboración das correspondentes programacións didácticas.

2. As programacións didácticas dos departamentos terán que aterse ao establecido nos artigos 95, 96 e 97 do Decreto 324/1996 e incluirán, en todo caso, actuacións, estratexias e instrumentos de avaliación para cada módulo.

3. Os obxectivos, os contidos, a organización, a metodoloxía e os criterios de avaliación terán en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioprodutivo e responderán ás características do alumnado ao que se dirixan.

Artigo 24º.-Informes finais de curso

1. Ao remate de cada curso académico, o profesor ou a profesora que exerzan a titoría, elaborarán un informe que deberá conter os seguintes puntos:

-Distribución dos módulos que integran cada curso do ciclo formativo entre o profesorado que o imparta.

-Datos sobre matrícula, promoción, titulacións e calquera outro de interese.

-Breve resumo das actividades de recuperación dos módulos e valoración do resultado obtido.

-Actividades extraescolares e complementarias desenvolvidas.

-Flexibilizacións modulares levadas a cabo.

-Programa de FCT, con indicación das empresas e as súas seccións onde se desenvolvese, así como a cantidade de alumnado que recibiu cada unha.

-Valoración do desenvolvemento do programa formativo nas empresas.

-Cantos outros aspectos se consideren de interese.

2. A dirección do centro remitirá copia deste informe ao servizo provincial de Inspección Educativa no prazo máximo dun mes desde o remate da FCT.

Disposicións transitorias

Primeira.-Consonte o artigo 2 desta orde e entanto que non se desenvolva o procedemento de recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, ao que se fai referencia no artigo 8.3º da Lei 5/2002, seguirá en vigor a Orde do 11 de febreiro de 2005 pola que se regulan as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional específica.

Segunda.-O alumnado matriculado en ciclos formativos polo réxime ordinario con anterioridade ao curso académico 2007-2008 rematará os seus estudos de acordo coa normativa vixente nese momento, ata esgotar o número de matrículas ás que ten dereito. A partir do curso académico 2010-2011, deberá incorporarse ao sistema descrito nesta orde e as convocatorias xa consumidas computaranse para os efectos descritos no artigo 4º.2 desta orde.

Disposicións derrogatorias

Única.-Queda derrogada a Orde do 31 de maio de 1999, pola que se regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto na presente orde.

Quedan tamén derrogados os artigos 22º, 26º, 28º, 30º e 31º da Orde do 27 decembro de 2002 pola que se establecen as condicións e criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais, nos aspectos relativos á formación profesional.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para desenvolver esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2007

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "08700D002P013.PDF"

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNES PÚBLICAS

E XUSTIZA