DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2007 Páx. 6.292

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2007, da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior, e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2007.

As políticas de cooperación ao desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento do milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A letra b) do artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que, como entidades con especial dedicación a actividades de solidariedade

da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, se constitúen en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Tendo en consideración esta especial posición das ONGD, aprobaranse as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións para o ano 2007 para a execución de proxectos no exterior especificamente destinadas a estes axentes da cooperación galega.

Non obstante, a lei identifica outros actores da cooperación, polo que, sen esquecer o papel relevante das ONGD, cómpre establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións aos outros axentes de cooperación, é dicir, ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior.

Pola súa vez, procede aprobar a convocatoria da concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 de acordo coas bases reguladoras que se aproban e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e para procurar a normalización e simplificación dos procedementos, e conforme a competencia atribuída pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

RESOLVO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta resolución para a concesión de subvencións a proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos polas universidades, as empresas e organizacións empresariais, os sindicatos e as comunidades galegas no exterior.

2. Convocar a concesión das subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma de 2007 e 2008 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta resolución e que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.41.331A.490.0 (pola contía máxima total de 975.000 euros, 585.000 euros no 2007 e de 390.000 euros no 2008) e 04.41.331A.790.0 (pola contía total máxima de 625.000 euros, 375.000 euros no 2007 e de 250.000 euros no 2008).

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril do 2007.

Santiago Gómez-Reino Lecoq

Secretario xeral de Relacións Exteriores

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos no exterior ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior.

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións, a través dun procedemento de concorrencia competitiva, ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior para a execución de proxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2º.-Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ao secretario xeral de Relacións Exteriores (rúa dos Feáns, 5 baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir as entidades beneficiarias e os proxectos.

3.1. As entidades solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Sindicatos:

1. Estar inscritos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, creado polo

Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o citado rexistro.

2. Ter depositados os seus estatutos, por medio dos seus promotores ou dirixentes, na oficina pública correspondente, de acordo co previsto no número 1º do artigo 4 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

3. Dispoñer de sede central ou de delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades.

b) Organizacións empresariais:

1. Ter depositados os seus estatutos na oficina pública correspondente.

2. Dispoñer de sede central na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Universidades:

1. Formar parte do sistema universitario de Galicia segundo a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia.

2. Poderán optar a estas subvencións, a través das universidades galegas, os seus departamentos e institutos que realicen actividades que poidan ser obxecto destas axudas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Empresas:

1. Ter o seu domicilio social en Galicia.

2. Se for persoa xurídica, estar inscrita no Rexistro Mercantil.

3. Se for persoa natural, estar inscrita, se é o caso, no correspondente rexistro oficial.

e) Comunidades galegas no exterior:

Ter recoñecida a súa galeguidade ou a súa condición de centro colaborador.

3.2. Outros requisitos que deben reunir os solicitantes:

a) Ter xustificado, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas con cargo á convocatoria 2005 para a anualidade 2006, por parte da Xunta de Galicia, a outros proxectos en materia de cooperación ao desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre os beneficiarios de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

b) Non estar inhabilitados, administrativa o xudicialmente, para obter axudas.

c) Estar ao día das súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estar incurso en ningún procedemento

de reintegro ou sanción coa Xunta de Galicia sobre axudas, así como non manter ningunha débeda por calquera concepto coa Facenda autonómica, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido nas letras c) e j) do artigo 41 da Lei 14/ 2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por unha entidade beneficiaria desta convocatoria, agrupada con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1º, alíneas b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, de 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que, cumprindo os requisitos anteriores, se presenten agrupadas. Neste caso, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente.

Tanto na solicitude como na resolución de concesión, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executará unha delas.

As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán un responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á entidade solicitante. Así mesmo, designarán un domicilio único para efectos de notificacións administrativas dos expedientes.

A entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos, que poderán ser tres no suposto de presentar este último en agrupación con outras entidades.

3.3. Requisitos dos proxectos.

a) Non estar iniciada a execución do proxecto na data de presentación da solicitude. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán de executarse antes do 30 de novembro do ano en que se conceda a subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán de executarse antes do 30 de setembro do ano seguinte ao de concesión da subvención, debendo executarse polo menos o 60% da contía total do proxecto no ano 2007.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

c) Que as accións non teñan como obxectivo único o financiamento de servizos públicos de saúde, a educación regulada, a investigación oficial e os seminarios e viaxes de estados, agás razóns excepcionais.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias: que conten coa participación dos beneficiarios/as no desenvolvemento do proxecto; non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe; que fomente a igualdade entre

homes e mulleres, e que sexa respectuoso coa protección do ambiente.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas da poboación das zonas máis desfavorecidas do país en que se execute e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción, e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

Artigo 4º.-Documentación.

4.1. Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org.

4.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a seguir e do proxecto, que se presentará no modelo oficial de documento de formulación de presentación de proxecto. A documentación e o documento de formulación do proxecto serán presentados por duplicado (orixinal e fotocopia). O documento de presentación do proxecto tamén se entregará en formato CD:

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.

a) Certificación asinada polo secretario/a da entidade, relativa á:

* Representación da persoa responsable legal da entidade (para aquelas entidades con domicilio social en Galicia) ou do poder bastante de representación para que actúe en nome e representación da entidade o seu responsable ou delegado en Galicia, e copia compulsada do seu DNI.

* Depósito dos seus estatutos na oficina pública correspondente

* Documentación acreditativa de dispor de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, agás as universidades e as comunidades galegas e os seu centros colaboradores.

* Certificación do secretario/a da entidade relativa á composición do órgano de goberno da dirección da entidade (as renovacións ou modificacións da súa composición deben ser notificadas, especialmente no que atinxe aos postos de representante legal e secretario/a).

* CIF da entidade.

No caso de que calquera documento do recollidos anteriormente carecera de vixencia no citado rexistro, farase indicación expresa sobre isto e achegarase debidamente compulsado o dito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao Rexistro Galego de Axentes de Cooperación.

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha das que figuran no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación ao Desenvolvemento, deberase de achegar xunto coa certificación anterior, copia compulsada do seu DNI e certificación do secretario/a da entidade, acreditativa da vinculación que o une coa entidade solicitante.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade facendo constar que a entidade solicitante non está incursa en ningún procedemento de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia por incumprimento das obrigas derivadas da recepción de subvencións e non foi inhabilitada para obtelas, segundo o modelo que figura como anexo II.

c) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Economía e Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Facenda autonómica, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido nas letras c) e j) do artigo 41 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

d) Declaración responsable do representante legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

e) Certificación da Secretaría da entidade en Galicia con referencia ao balance de contas da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

f) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de desenvolvemento levados a cabo na mesma zona do proxecto a presentar e dos seus beneficiarios/as, ou daquelas realizados noutras zonas pero no mesmo sector de actuación, así como os proxectos de cooperación ao desenvolvemento levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

No caso de que a entidade presentase esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Secretaría Xeral de Relacións Exteriores no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que se atopa incorporada, anexando a documentación que falte.

g) Plan/estratexia de cooperación da entidade para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se encadra o proxecto presentado.

h) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, deberán xuntar á solicitude

o contrato ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para que se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán un representante legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para efectos de notificacións. Así mesmo, deberá detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, de ser o caso.

i) Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23 b), da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. Este documento estará asinado polo representante legal da entidade. O devandito compromiso implicará a obriga de encargar, pola súa conta, unha auditoría contable. Esta auditoría deberá ser efectuada por un profesional independente a criterio da Administración, e nela detallaranse os custos directos da intervención e a súa plena correspondencia co obxecto da axuda outorgada. En ningún caso poderán imputárselle á operación custos indirectos ou de xestión. A liquidación final da axuda ficará así condicionada á recepción do informe de auditoría.

j) As universidades incluirán certificación, expedida polo representante legal, autorizando a presentación do proxecto á convocatoria, e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

Carpeta 2: información relativa á contraparte local.

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento do representante legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Declaración do representante legal da entidade en que se especifique, se procede, a personalidade xurídica do socio ou contraparte local; o seu domicilio social; o número de identificación fiscal da entidade; balance de ingresos e gastos da última liquidación orzamentaria; cuantificación do número de socios/as da entidade e descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao servizo dela. Así mesmo, achegarase copia dos estatutos da entidade, o documento acreditativo do nomeamento do representante legal dela, copia da cédula de identidade do representante, ademais da copia do número de identificación fiscal da entidade.

c) Memoria de actividades e traballos da entidade, onde se inclúan outros proxectos de cooperación ao desenvolvemento en que participase así como experiencia acadada na zona e no sector de actuación do proxecto (como mínimo dos dous últimos anos).

Carpeta 3: información relativa ao proxecto de desenvolvemento.

A información sobre o proxecto presentarase no documento de formulación normalizado para o efecto, que poderá descargarse da páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá dirixirse directamente á DXCE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior*xunta.es.

4.3. A falta de documentación administrativa relativa ás carpetas 1 e 2, e de información nalgunha das carpetas ou da xustificación das ditas faltas, impedirán a avaliación do proxecto se non se procedese á súa corrección dentro dos prazos establecidos. Así mesmo, a manipulación do documento de formulación normalizado ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria do ano 2007 conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución, prazo de resolución, condicións de financiamento, gastos subvencionables, criterios prioritarios e valoración.

6.1. A instrución do procedemento corresponderá ao servizo de fomento da cooperación para o desenvolvemento da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse os interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

6.2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

6.3. Condicións de financiamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto, non superando en ningún caso a subvención concedida os 130.000 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades, a subvención concedida non excederá o límite de 200.000 euros.

Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

6.4. Subvencionaranse os gastos seguintes:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos do proxecto, agás no suposto

de que as entidades solicitantes sexan empresas; en tal caso, subvencionaranse exclusivamente os custos directos.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos. Para os efectos de concesión da axuda teranse en conta os seguintes:

a) Aqueles derivados da identificación da intervención no terreo, ata un máximo de 10.000 euros por proxecto, sempre que se realizasen no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude á convocatoria correspondente.

b) Terreos e inmobles (inclúe compra ou aluguer)

c) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas (inclúe man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e o transporte dos citados materiais). No caso de ser achegada a man de obra ligada a estas tarefas pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración se estiver acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local.

d) Equipos, materiais e subministración. Considerarase equipamento a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, a maquinaria, o mobiliario, os equipamentos informáticos e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío dos equipamentos.

e) Persoal. Para os efectos desta norma entenderase:

1. Persoal expatriado, aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela. O salario para este tipo de persoal non excederá 30.000 euros brutos por persoa e ano.

2. Persoal local, aquel persoal da contraparte local ou contratado ao servizo do proxecto sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención; deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto.

3. Persoal en sede, aquel da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en España, con independencia de que, por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais. Para o envío de expatriados achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío do dito persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 30% do orzamento total do proxecto, excepto nos que o seu contido sexa de carácter predominantemente inmaterial, nos cales poderá ascender ata o 50% da contía do orzamento do proxecto. Cando a entidade solicitante sexa unha universidade os límites situaranse no 35% e 60%, respectivamente.

f) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades previstas na formulación da intervención.

g) Funcionamento no terreo (electricidade, auga, comunicacións, mantemento e seguranza) ata un máximo do 1% do orzamento do proxecto.

h) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade do persoal e beneficiarios/as necesaria para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros e mantemento de vehículos que se atopen especificamente identificados na formulación da intervención e vinculados a esta). A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará o 7% do orzamento total do proxecto, non sendo nunca superior a 15.000 euros.

i) Avaliación externa obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos proxectos que recibisen unha subvención superior a 120.000 euros (as universidades quedan eximidas desta obriga), así como outras non obrigatorias que se prevexan no documento de formulación do proxecto que acompaña a solicitude de subvención. A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará o 5% do orzamento total do proxecto, non sendo nunca superior a 10.000 euros.

Se a entidade solicitante é un axente de cooperación que pola súa natureza xurídica posúe ánimo de lucro, en tal caso, e de acordo co artigo 23 b), da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, non se lle subvencionará a auditoría externa referida.

3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte que resultan da formulación e execución do proxecto, así como da difusión da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será de ata o 10% do importe total do orzamento do proxecto.

Estes gastos serán imputados pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales entes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Este gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a DXCE dunha soa vez pola entidade solicitante mediante unha declaración responsable do representante legal.

Se a entidade solicitante é unha empresa, en tal caso non se subvencionarán os custos indirectos.

4. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables estes deberán de quedar formalmente vinculados durante dez anos aos bens inscritibles nun rexistro público, e cinco anos para o resto de bens, para os fins das actuacións realizadas. Unha vez que rematen estas, deberán ser transferidos a unha administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá documentarse a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse contar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período por que se afectan os bens, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro publico correspondente; a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores autorizará previamente tal cesión.

5. En ningún caso serán gastos subvencionables:

* Os elementos de transporte.

* Os xuros debedores das contas bancarias.

* Xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

* Gastos de procedementos xudiciais.

* As amortizacións de bens inventariables.

6.5. Os criterios de valoración ordenaranse de acordo coas seguintes prioridades:

1. Prioridades xeográficas:

Países prioritarios: América Central (Honduras, O Salvador, Nicaragua e Guatemala); Caribe (República Dominicana, Haití e Cuba); América do Sur (Perú, Ecuador e Bolivia); África (Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal) e os campamentos saharauís.

Países preferentes: Arxentina, Uruguai e Venezuela.

2. Prioridades sectoriais:

Universidades:

a) Actividades de cooperación interuniversitaria, como fortalecemento institucional das universidades dos países en desenvolvemento, asistencia para o deseño de títulos e currículos académicos, apoio á mobilidade de investigadores e docentes e realización de investigacións conxuntas, organización de

pasantías de alumnos en prácticas, formación de redes para o traballo en común e outras.

b) Actividades de apoio e asistencia ao resto dos actores da axuda tanto administracións públicas como entidades privadas (ONGD) e de desenvolvemento científico e transferencia de tecnoloxía.

Empresas:

a) Dotación de bens e servizos -materiais, obras e asistencia técnica-que os procesos de desenvolvemento demandan, así como achega libre de recursos -humanos, materiais, técnicos ou financeiros-a proxectos ou institucións de desenvolvemento.

b) Actividades de fortalecemento do sector privado dos países en desenvolvemento, apoiando a súa participación no diálogo social a través da transferencia da súa experiencia e recursos a institucións homólogas do mundo en desenvolvemento, como tarefas de formación do empresariado e de asistencia técnica en áreas profesionais definidas e no apoio á consolidación das organizacións empresariais.

c) Promoción dos contactos previos e os estudos de prefactibilidade que alenten a creación de oportunidades para a posta en marcha de iniciativas empresariais conxuntas, que permitan xerar renda e emprego no país en desenvolvemento, fortalecendo o tecido produtivo do país.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de responsabilidade social corporativa.

Sindicatos:

a) Actividades de apoio a través dos seus recursos e capacidades humanas e técnicas ás intervencións directas.

b) Actividades de apoio á organización sindical no mundo en desenvolvemento, potenciando a capacidade técnica e organizativa destas institucións e apoiando a súa participación no diálogo social nos seus respectivos países co obxectivo de contribuír a unha maior articulación e fortaleza da sociedade civil.

c) Actividades de promoción da organización da produción a través da transferencia da experiencia dos sindicatos agrarios e das confrarías de pescadores.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de responsabilidade social corporativa e de defensa de dereitos laborais.

Comunidades galegas no exterior:

a) Desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as comunidades galegas crearon.

b) A promoción da igualdade de oportunidades e defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia na infancia, terceira idade, refuxiados, desprazados, inmigrantes, retornados, minorías étnicas e comunidades indíxenas.

Outros sectores prioritarios para todas as entidades:

-Actuacións coincidentes co proposto nos plans de actuación en países prioritarios e preferentes-PAP galegos que estean aprobados para os distintos países, e que estarán dispoñibles na data de publicación desta convocatoria na páxina web, oficial da cooperación galega.

-Accións positivas tendentes á mellora da posición das mulleres na sociedade.

-A protección e mellora da calidade do ambiente, respectando a biodiversidade, a conservación e a utilización renovable e sustentable dos recursos naturais.

-Serán especialmente valorados nos países africanos os proxectos de política de xestión administrativa de recursos mariños e a pesca; investigación mariña e dos recursos pesqueiros, desenvolvemento pesqueiro; formación e capacitación; acuicultura e servizos pesqueiros (Programa Nauta); programas de saúde materno-infantil, loita contra as enfermidades tropicais e infecciosas e xestión sanitaria (Programa Vita) e nos países de Iberoamérica, os proxectos para a conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentable (Programa Araucaria).

3. Prioridades relativas aos beneficiarios/as do proxecto.

Serán prioritarios aqueles proxectos con maior número de beneficiarios/as, así como aqueles que atendan á infancia e á muller, ás comunidades indíxenas, refuxiados e desprazados.

4. Outras prioridades:

-Que sexan presentados por unha agrupación de entidades. Para os efectos desta convocatoria enténdese por agrupación de entidades aqueles asinados entre dúas ou máis entidades, recoñecidas como axente galego de cooperación exterior (artigo 23 b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. Será requisito indispensable para o seu recoñecemento que a entidade que asuma o liderado da agrupación sexa a entidade solicitante.

-Que se desenvolva nun país considerado como menos adiantado (PMA).

-Que complementen programas institucionais de desenvolvemento.

-Que os proxectos se encadran nos programas Nauta (pesca en África), Vita (saúde en África) e Araucaria (ambiente en Iberoamérica) ou se realiza nas zonas de desenvolvemento destes.

-Que teñan un maior grao de implicación dos beneficiarios/as e da contraparte local no proxecto, tanto na súa formulación como na súa execución.

-Que a súa sustentabilidade estea garantida unha vez finalizada a acción exterior.

-Que se inclúa no proxecto estratexia de difusión do proxecto en Galicia.

-Que teñan unha elevada porcentaxe doutro financiamento distinto ao da Xunta de Galicia, procedente de fondos propios ou doutras entidades.

-Que prevexan a realización dunha avaliación externa que se presentará co informe final, na que conste o grao de cumprimento dos obxectivos acadados e a xustificación económica do gasto.

6.6. Valoración dos proxectos.

6.6.1. Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos.

1. Experiencia relevante en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 8 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 6 puntos.

3. Estratexia de cooperación da entidade (carpeta 1) para os vindeiros anos (dous como mínimo). Máximo: 3 puntos.

4. Achega financeira da entidade ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5% para ser puntuada. Máximo: 3 puntos.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 10 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación do proxecto descrita suficientemente na carpeta 2 e 3 para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 3 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 4 puntos.

3. Achega financeira do socio local ao proxecto. Esta deberá de ser dun mínimo do 5% para ser puntuada. Máximo: 2 puntos.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 1 punto.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 58 puntos.

1. País prioritario para a cooperación galega (Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Bolivia, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Haití, Honduras, Mauritania, Mozambique, Namibia, Nicaragua, Senegal, Perú e República Dominicana). Campamentos saharauís. Máximo: 5 puntos.

País preferente (Arxentina, Uruguai e Venezuela). Máximo: 3 puntos.

2. País onde se desenvolva o proxecto que estea considerado como país menos adiantado (PMA). Máximo: 3 puntos.

3. Sector prioritario da cooperación galega e/ou coincidencias cos PAPs galegos. Máximo: 3 puntos.

Sectores prioritarios: descritos no artigo 6º punto 2.

4. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural dos beneficiarios/as, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación deste. Máximo: 6 puntos.

5. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada. Máximo: 5 puntos.

6. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 4 puntos.

7. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

8. Recursos humanos e técnicos suficientes para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 4 puntos.

9. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos destinatarios/as, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 4 puntos.

10. Viabilidade técnica e sustentabilidade do proxecto. Máximo: 6 puntos.

11. Impacto de xénero. Máximo: 3 puntos.

12. Impacto ambiental. Máximo: 2 puntos.

13. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 4 puntos.

14. Difusión do proxecto en Galicia. Máximo: 1 punto.

15. Integración do proxecto en estratexias integrais públicas de desenvolvemento de carácter público ou con ONGD no terreo e garantía de transferencia a unha administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local dos inmobles financiados con cargo ao proxecto. Sinergías con programas prioritarios: Programa Nauta (pesca en África), Programa Vita (saúde en África) e Programa Araucaria (medio ambiente en Iberoamérica). Máximo: 3 puntos.

IV. Presentación do proxecto en agrupación con outras entidades ou institucións. Máximo: 12 puntos.

6.6.2. Para a valoración dos proxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A comisión compoñerase dos seguintes membros:

Presidenta: a directora xeral de Cooperación Exterior.

Secretario/a: un funcionario/a da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Estes informes en ningún caso serán vinculantes.

6.6.3. Será necesario acadar unha puntuación do 50% en cada unha das tres primeiras epígrafes sinaladas para superar a fase de valoración (no caso dos proxectos presentados por agrupacións de entidades, esta porcentaxe afectará as catro epígrafes).

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente por cada un dos proxectos presentados. No caso das agrupacións de entidades sumarase á puntuación acadada na epígrafe de proxecto, a puntuación da epígrafe de agrupacións de entidades. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

6.6.4. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009.

Artigo 7º.-Resolución.

Á vista da proposta de resolución, debidamente motivada, o secretario xeral de Relacións Exteriores resolverá, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 9º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación de beneficiario, contía, país de execución do proxecto e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da cooperación galega, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2º do Decreto 132/2006, de 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, publicarase a relación das concedidas con indicación de entidade beneficiaria, contía, país de execución do proxecto e finalidade no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromiso de financiamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de 15 días naturais, declaración por escrito da aceptación da axuda en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente for posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha reformulación económica del, que será obxecto dunha nova valoración. A non presentación no dito prazo de comunicación ningunha, entenderase como que a entidade beneficiaria renuncia á subvención aprobada, procedéndose ao seu arquivo.

No caso de reformulación do proxecto o secretario xeral de Relacións Exteriores ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes. De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 11º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base no artigo 29.5ª da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, o pagamento das subvencións concedidas farase da seguinte maneira:

1.1 Proxectos en que o período de execución sexa o exercicio corrente (ano 2007):

-Anticipo do 80% da subvención concedida.

-O 20% restante librarase unha vez presentada a xustificación da realización total do proxecto. O prazo para a súa xustificación finaliza o 15 de decembro de 2007.

1.2 Proxectos en que o período de execución comprenda dous exercicios económicos (anos 2007 e 2008):

Anualidade 2007:

-Anticipo do 50% do importe concedido para esa anualidade.

-O 50% restante librarase unha vez xustificado o gasto total da anualidade de 2007. O prazo para a súa xustificación finaliza o 15 de decembro de 2007.

Anualidade 2008:

-Anticipo do 50% do importe da subvención correspondente a esta anualidade.

-O resto da subvención aboarase unha vez presentada a xustificación total do proxecto. O prazo para a súa xustificación finaliza o 15 de decembro de 2008.

2. Para o aboamento da subvención as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

2.1 Proxectos en que o período de execución sexa o exercicio corrente (ano 2007):

Para o pagamento do anticipo:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles que resulten da execución do proxecto subvencionado aos beneficiarios/as ou socio local, se é o caso.

d) Certificación bancaria das contas da entidade e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao financiamento da consellaría competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán ao dispor do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Para o pagamento do resto da subvención:

O resto do importe da subvención concedida librarase coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 12º destas bases reguladoras

2.2 Proxectos en que o período de execución comprenda dous exercicios económicos (anos 2007 e 2008):

Anualidade 2007:

Para o pagamento do anticipo:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles que resulten da execución do proxecto subvencionado aos beneficiarios/as ou socio local, se é o caso.

d) Certificación bancaria das contas da entidade e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao financiamento da consellaría competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán ao dispor do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Para o pagamento do resto da anualidade:

O prazo para a xustificación da subvención relativa á anualidade 2007 finaliza o 15 de decembro e librarase unha vez presentada a seguinte documentación:

a) Certificación do representante en Galicia da entidade solicitante acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Informe de avance sobre o estado de execución do proxecto e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Relación de todos los gastos efectuados, con indicación da data, número e emisor da factura o do documento xustificativo e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros.

d) Acreditación de que se atopan ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa facenda autonómica. Non obstante e conforme o establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006, a asociación autoriza o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

Anualidade 2008:

Para o pagamento do anticipo:

Solicitude de libramento do anticipo.

Para o pagamento do resto da subvención:

O resto do importe da subvención concedida librarase con súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 12º destas bases reguladoras

3. Non obstante as entidades beneficiarias deberán acreditar, con cada solicitude de pagamento, que se atopan ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Facenda autonómica. Non obstante, e conforme o establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006, a asociación autoriza o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

4. De conformidade coas previsións do artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, para o pagamento de anticipos que superen o importe de 30.050,61 euros ou os pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda a citada contía, nos supostos de que se traten de subvencións de capital (capítulo VII do estado de gastos dos orzamentos xerais da comunidade autónoma), as entidades beneficiarias deberán constituír garantía a favor da Xunta de Galicia mediante aval bancario ou seguro de caución prestado por entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, e esta deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao fin do prazo de xustificación previsto nesta convocatoria.

Artigo 12º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no seguinte punto antes do día 15 do mes de peche do exercicio.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente e antes do día 15 de decembro de cada exercicio, presentando a documentación que se sinala no seguinte punto.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención mediante a presentación dun informe final integrado dos seguintes documentos:

a) Certificación do representante en Galicia da entidade solicitante acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Memoria de execucións sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados coa execución do proxecto e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Memoria financeira final desagregada por conceptos de gastos aprobados, debendo constar:

-Certificación dos gastos co importe total do proxecto por partidas orzamentarias e no cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado polo representante en Galicia da entidade beneficiaria.

-Relación de facturas que se inclúen co seu contravalor en euros.

-Facturas que soporten a relación anterior, expedidas conforme a lexislación do país en que se adquirisen os bens ou prestasen os servizos. En todo caso, incluirán nome e apelidos, de tratarse dunha persoa física ou a denominación social, domicilio e número de identificación fiscal ou tributaria, no caso de persoas xurídicas do expendedor e destinatario; descrición da operación e contraprestación total; lugar e data de emisión e importe na moeda en que se emite.

Presentaranse orixinais de todas as facturas que se aboen con cargo ao orzamento total do proxecto, que, unha vez comprobadas, serán devoltas aos interesados de oficio. No suposto de que a contraparte local non se poida desprender dalgún documento xustificativo de gasto, presentará informe motivando a dita imposibilidade. Neste caso, será necesario que se achegue unha fotocopia compulsada por funcionario público.

-Relación de persoal contratado e voluntario da entidade solicitante e local que participaron na execución do proxecto, achegándose no primeiro caso as súas correspondentes nóminas.

-Certificación asinada polo representante en Galicia da entidade beneficiaria co detalle por concepto dos custos indirectos imputados ao proxecto.

-Xustificante das transferencias ás contas afectas á execución do proxecto das contrapartes locais e da súa recepción.

d) Informe de auditoría externa ao final da intervención, cuxa realización fose financiada de forma efectiva.

Artigo 13º.-Obriga da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos.

1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación de terse efectuado.

2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato ao centro directivo con competencia en materia de cooperación para o desenvolvemento sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) o logotipo oficial da cooperación galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguranza. Ambos os dous logotipos se poderán descargar da páxina web da cooperación galega: www.cooperaciongalega.org.

5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos aos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a mitoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.

No canto do seguimento do proxecto, a verificación do marco lóxico, o calendario de execución e os calendarios de actividades e recursos son a base para a comprobación do seu progreso, especialmente nos eidos de eficacia, eficiencia e impacto. Nos informes anuais de avance e no informe final do proxecto recolleranse, como mínimo, os seguintes elementos:

contorno do proxecto, avance do proxecto (entendendo como tal o grao de cumprimento das accións e resultados esperados establecidos na formulación inicial, e xa que logo, dos obxectivos xeral e específicos), grao de cumprimento das hipóteses e riscos, análise da garantía de sustentabilidade do proxecto e, ao cabo, conclusións e recomendacións e o plan de traballo proposto para todo o período seguinte da execución.

A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

Esta avaliación final do proxecto analizará, de xeito sistemático e obxectivo, a pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade do proxecto financiado, adaptándose á especificidade del nos termos de referencia (TdR).

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizado pola Cooperación Española e a Unión Europea, recollendo como mínimo:

-Resumo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrándose nos puntos analíticos máis importantes e indicando as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.

-Texto principal: comezando por unha descrición do proxecto avaliado e os obxectivos da avaliación, deberá seguir os cinco criterios de avaliación describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.

-Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberían ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.

-Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes dos avaliadores e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recolla de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 14º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado.

As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao secretario xeral de Relacións Exteriores, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 15º.-Reintegro por incumprimento.

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, a boa fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade delas en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 16º.-Información aos órganos fiscalizadores.

As entidades beneficarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 17º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 18º.-Remisión normativa.

Para o non previsto nestas bases serán de aplicación os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada pola Lei 24/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.